A percepción
dos inmigrantes nas sociedades de acollida é unha cuestión que, até fai ben
pouco, tiña unha escasa presenza nos estudos migratorios. A inserción laboral
dos emigrantes ou a construción dun tecido societario ocuparon un claro
protagonismo fronte ao impacto que tivo a emigración nos países receptores. Xa
que logo, debemos saudar a aparición de Los
“gallegos” en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa, libro
colectivo publicado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza dentro da súa
colección “Galicia Exterior”, serie que patrocina tamén o Consello da Cultura
Galega. O principal obxectivo deste volume é analizar o estereotipo do
“gallego” na literatura arxentina, xa sexa en novelas, libros de memorias,
obras teatrais ou revistas. A literatura, no seu papel de testemuña social, non
podía deixar de reflectir a chegada á Arxentina –e máis en concreto á cidade de
Bos Aires− de milleiros de galegos que axiña deixaron unha pegada moi
particular na sociedade arxentina, na cal acabarían por integrarse. O libro
conta cunha presentación do profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, autor dunha das
primeiras achegas aos estudos sobre os estereotipos dos galegos na Arxentina: O inmigrante imaxinario (USC, 2002).
O primeiro
estudo deste volume, obra colectiva dos autores que o asinan, é unha necesaria
contextualización da emigración galega á Arxentina. A etapa de emigración
masiva dos galegos á Arxentina comezou a mediados do século XIX, acadando os
seus máximos entre 1880 e 1920. Ao mesmo tempo efectúase unha presentación
xeral do gran obxectivo do libro: analizar os estereotipos sobre os emigrantes
galegos na literatura galega, o que é tanto como dicir o imaxinario que a
sociedade arxentina creou arredor dos galegos acabados de emigrar.
A directora do
traballo, María Rosa Lojo, achéganos ao tema dos “gallegos” na literatura
arxentina, desde os tempos da colonia até a actualidade, facendo fincapé na
imaxe do galego na época da emigración masiva. Lojo é unha grande coñecedora do
tema, ao que se achegou tamén desde o mundo da ficción. Así, esta investigadora
é autora de varias novelas que teñen a emigración galega como fondo, algunha
delas traducida ao galego: A fin da terra
(Galaxia, 2006).
O estereotipo
máis común no corpus de obras analizadas por María Rosa Lojo é a do “gallego”
honrado, humilde e traballador, case sempre dedicado ás profesións máis duras e
difíciles. A carón destas características atopamos tamén a falta de educación e
a simplicidade, que colocan aos “gallegos” como seres inxenuos fáciles de
enganar. O “mucamo” ou criado é o prototipo das peculiaridades que acabamos de
sinalar. Non obstante, a inocencia do galego desaparece cando se mete en
política ou accede a certo nivel de instrución; aparece así o “gallego
politiquero”, lareta e revoltoso. Non deixa de analizar Lojo a personaxes que
van alén do estereotipo común. Destaca neste último caso a figura de Carolina
Otero, presente en obras literarias arxentinas. Outras imaxes dos galegos
aparecen tamén nos libros de viaxes a Galiza de Ricardo Rojas e Roberto Arlt.
Nas obras máis actuais o estereotipo mudou. Así, por unha parte, asistimos á
recuperación dos antepasados galegos e, por outra, e tendo en conta as crises
económicas vividas pola Arxentina, o perfil do “gallego” pasou a asociarse coas
empresas foráneas propietarias de sectores da economía arxentina.
Pero, sen
dúbida, foi na escena teatral onde os estereotipos sobre os galegos máis
contribuíron a labrar o imaxinario arxentino; deste asunto ocúpase a achega de
María Guidotti, que fai un repaso polos xeneros teatrais arxentinos e os
principais actores e dramaturgos. O personaxe do “gallego” tivo un rol
protagonista tanto nos tangos como nos sainetes crioulos. Guidotti fai un
repaso polos principais autores, tales como Alberto Vacarezza, Antonio Botta,
Alberto Weisbach ou Arnaldo Malfatti, aludindo tamén á compañía teatral dos
irmáns Podestá ou á do galego Enrique Muíño.
Os sainetes
tiveron unha gran importancia na conformación do estereotipo do “gallego”. Así,
Guidotti define estas pezas como “…pinturas de la vida cotidiana en la gran
ciudad y en el área rural…” (184). Deste xeito, os sainetes recrearon os
principais espazos de sociabilidade do Bos Aires das primeiras décadas do
século XX, onde os emigrantes ocupaban un rol moi destacado. Un deses espazos
eran os conventillos, residencias onde se amoreaban os inmigrantes coas súas
familias. A autora analiza a presenza de personaxes galegos neste ambiente,
acudindo a sainetes como El Conventillo
de las 14 provincias. Non obstante, o conventillo non foi o único espazo no
que se inseriron personaxes galegos, así tamén podemos atopalos nas carreiras
de cabalos, na vida familiar ou no complexo mundo do traballo. A imaxe dos
galegos ofrecida polos sainetes non estaba lonxe da xa comentada para a
narrativa: personaxes traballadores, inxenuos e simples. Xa que logo, os
sainetes eran un fiel cadro da vida dos emigrantes, nos que podemos atopar a
preocupación polo traballo, as romarías, as sociedades e as obras sociais
realizadas en Galiza. A todo isto poden acceder os lectores deste volume, pois
algúns destes sainetes son reproducidos integramente no anexo documental.
Finalmente, ao
investigador Ruy Farías correspóndelle analizar a imaxe dos emigrantes galegos
a través dunha das principais publicacións ilustradas arxentinas: a revista Caras y Caretas, labor que realiza desde
a súa fundación en 1898 até 1923. As páxinas desta revista son un testemuño do
vivir dos emigrantes galegos ao longo dos anos. Desde a súa inserción
profesional até as sociedades nas que se agrupaban e as romarías que
organizaban, os galegos contaron cun lugar preferente en Caras y Caretas. Deste xeito, esta revista axudou a consolidar un
modelo icónico do inmigrante galego. O carácter ilustrado da revista aínda
axudou máis a difundir unha determinada imaxe do “gallego”, algúns exemplos
poden verse no apéndice documental do volume. Emporiso, Caras y Caretas tamén ofreceu unha visión diferente de Galiza e dos
galegos ao público arxentino, en gran medida grazas a importantes colaboradores
galegos, tales como Emilia Pardo Bazán ou Ramón María del Valle-Inclán.
Este libro vén
demostrar o feito de que a literatura, nos seus diversos xéneros, é unha fonte
acaída para procurar o imaxinario construído pola sociedade arxentina co gallo
da chegada de milleiros de emigrantes galegos, uns emigrantes que non tardaron
en integrarse na sociedade de acollida e reproducir, á súa vez, ese imaxinario.
Como indica Marina Guidotti na súa achega: “La literatura actúa como testigo de
sucesos, hechos de vida, alegrías y problemáticas que viven tanto nativos como
inmigrantes” (196).
Los “gallegos” en el imaginario argentino. Literatura, sainete,
prensa
María
Rosa Lojo (Dir.) / Marina Guidotti de Sánchez / Ruy Farías
Fundación
Pedro Barrié de la Maza, 2008, 455 páxinas.
Reseña publicada na revista Grial, nº 181, xaneiro-marzo de 2009
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
ResponderEliminarEste comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminar