29/05/12

COMPROMISO CÍVICO E MILITANTE


A figura do mestre comunista Luís Soto Fernández (1902-1981) atópase entre as esquecidas na historia do século XX en Galiza. Como adoita acontecer con outros persoeiros, ben pola triste tendencia ao esquecemento do noso pasado máis recente, ben pola sombra que exercen outros persoeiros, a presenza de Luís Soto na historiografía galega viuse moi esluída. Xa que logo, debemos de saudar a aparición do libro Luís Soto. A xeira pola unidade galega, obra  Xurxo Martínez González. É debemos de saudalo aínda con máis ledicia pois podemos dicir que a obra se insire dentro dos modernos presupostos da biografía histórica. A saber, a persoa biografada non é un fin en si mesma, senón que é empregada como fío condutor para o coñecemento dunha época. E, de certo, o exemplo de Soto é ben acaído para achegármonos á historia galega do século XX: a emigración, as arelas da República, a represión, a oposición ao franquismo, o labor cultural do exilio… aparecen reflectidas nesta obra.

Dúas son, coidamos, as teses máis destacadas deste libro. Por unha parte, a subliñada no subtítulo do volume, isto é, a angueira de Luís Soto por procurar, ao longo dos seus anos de militancia política, amplos movementos de unidade, fomentando a integración de todas as opcións políticas opostas á ditadura franquista. En palabras do autor: “Esa sempre foi a liña de Luís Soto, a da Frente Popular, a da unidade antifeixista” (93). Estratexia que, por outro lado, víase favorecida polos presupostes teóricos da Internacional Comunista e pola táctica da Unión Nacional promovida polo PCE nos comezos dos anos corenta. A segunda das teses é a da nidia visión galeguista de Luís Soto. En efecto, xa sexa no sindicalismo do ensino, na UXT, no PCE ou en toda canta organización integrou, o noso protagonista sempre tentou, e acadou, crear unha sección galega. A fundación da Federación Galega de Traballadores do Ensino (1936), a Comisión Galega do PCE en México (1940) ou o Grupo Galego dentro da UGT tamén en México (1942) dan boa proba do compromiso galeguista de Luís Soto.

Se un dos elementos que definen o galeguismo a partir dos anos sesenta do século XX é a unión de esquerda e nacionalismo, ben podemos dicir que Luís Soto foi un destacado precedente primeiro e protagonista despois. Non obstante, non sería un caso único. Tamén Ramón Suárez Picallo comezou a súa xeira política na esquerda revolucionaria arxentina, para pasar despois ao galeguismo. Ambos dirixentes coincidirían en tarefas sindicais durante a breve etapa na que Soto emigrou á Arxentina.

As preocupación pedagóxicas de Luís Soto son tamén subliñadas nesta obra. Neste senso debemos dicir que, ademais dunha decidida participación no sindicalismo do ensino, o noso mestre sempre loitou por levar adiante unha importante renovación nas escolas nas que impartiu aulas. Volve ser un bo exemplo dos avances experimentados durante a II República, tanto na modernización pedagóxica como na extensión cultural. Así, Soto é paradigma  dunha República que tivo aos mestres e ás mestras como as súas mellores abandeiradas. Infelizmente sería tamén este colectivo un dos máis afectados pola represión dos sublevados. Así foi tamén no caso de Luís Soto que tivo que fuxir para salvarse das gadoupas dos asasinos.

Unha vez que acadou a zona republicana, Soto axiña comezou a traballar como un activo valedor da legalidade. As súas accións multiplícanse, sempre desde unha perspectiva unitaria e galega. Mais, sen dúbida, foi no seu papel de propagandista republicano polo que é máis coñecido. Así foi, acompañando a Castelao, Luís Soto percorreu os Estado Unidos e Cuba na procura de apoios morais e materiais para a República. Foron centos os mitins e as conferencias pronunciadas, sempre na compaña do guieiro, que deixaría nel unha pegada indelébel. Non obstante, e recuperando o argumento co que encetabamos estas liñas, a inmensa sombra de Castelao restoulle ao dirixente comunista un protagonismo que sen dúbida tivo. A Historia, ás veces, é así de inxusta.

Luís Soto xa non volvería á España republicana. A derrota dos demócratas condenouno ao exilio, asentándose en México. O seu labor no exilio volve ser un magnífico exemplo do traballo dos desterrados a prol da liberdade e da cultura. En México continuou coa súa militancia frenética, ao tempo que desenvolvía intensas tarefas culturais. Esta actividade materializouse a través de institucións como o Padroado da Cultura Galega, que tivo iniciativas tan sobranceiras como a revista Vieiros, sen dúbida un dos cumios do labor cultural do exilio galego. Soto, na compaña doutros residentes galegos, foi protagonista destes traballos, tanto máis importante se pensamos no ermo cultural ao que Galiza ficou condenada tras a chegada do franquismo. Ora ben, non hai que perder nunca a perspectiva, o activismo cultural tiña un nidio obxectivo: a loita antifeixista.

Galiza e os seus dereitos nacionais sempre estiveron presentes na praxe de Luís Soto, polo que participou activamente no rexurdir do nacionalismo nos anos sesenta, converténdose nun activo dirixente da Unión do Pobo Galego (UPG). Militante e activista até os seus derradeiros días, Luís Soto Fernández foi exemplo da Galiza que non se resignou –nin se resigna− a un destino as máis das veces imposto.

Reseña publicada na revista Grial, número 192, outubro-decembro de 2011.