
Dúas son,
coidamos, as teses máis destacadas deste libro. Por unha parte, a subliñada no
subtítulo do volume, isto é, a angueira de Luís Soto por procurar, ao longo dos
seus anos de militancia política, amplos movementos de unidade, fomentando a
integración de todas as opcións políticas opostas á ditadura franquista. En
palabras do autor: “Esa sempre foi a liña de Luís Soto, a da Frente Popular, a
da unidade antifeixista” (93). Estratexia que, por outro lado, víase favorecida
polos presupostes teóricos da Internacional Comunista e pola táctica da Unión
Nacional promovida polo PCE nos comezos dos anos corenta. A segunda das teses é
a da nidia visión galeguista de Luís Soto. En efecto, xa sexa no sindicalismo
do ensino, na UXT, no PCE ou en toda canta organización integrou, o noso
protagonista sempre tentou, e acadou, crear unha sección galega. A fundación da
Federación Galega de Traballadores do Ensino (1936), a Comisión Galega do PCE
en México (1940) ou o Grupo Galego dentro da UGT tamén en México (1942) dan boa
proba do compromiso galeguista de Luís Soto.
Se un dos
elementos que definen o galeguismo a partir dos anos sesenta do século XX é a
unión de esquerda e nacionalismo, ben podemos dicir que Luís Soto foi un
destacado precedente primeiro e protagonista despois. Non obstante, non sería
un caso único. Tamén Ramón Suárez Picallo comezou a súa xeira política na
esquerda revolucionaria arxentina, para pasar despois ao galeguismo. Ambos
dirixentes coincidirían en tarefas sindicais durante a breve etapa na que Soto
emigrou á Arxentina.
As
preocupación pedagóxicas de Luís Soto son tamén subliñadas nesta obra. Neste
senso debemos dicir que, ademais dunha decidida participación no sindicalismo
do ensino, o noso mestre sempre loitou por levar adiante unha importante
renovación nas escolas nas que impartiu aulas. Volve ser un bo exemplo dos
avances experimentados durante a II República, tanto na modernización
pedagóxica como na extensión cultural. Así, Soto é paradigma dunha República que tivo aos mestres e ás
mestras como as súas mellores abandeiradas. Infelizmente sería tamén este
colectivo un dos máis afectados pola represión dos sublevados. Así foi tamén no
caso de Luís Soto que tivo que fuxir para salvarse das gadoupas dos asasinos.
Unha vez que
acadou a zona republicana, Soto axiña comezou a traballar como un activo
valedor da legalidade. As súas accións multiplícanse, sempre desde unha
perspectiva unitaria e galega. Mais, sen dúbida, foi no seu papel de
propagandista republicano polo que é máis coñecido. Así foi, acompañando a
Castelao, Luís Soto percorreu os Estado Unidos e Cuba na procura de apoios
morais e materiais para a República. Foron centos os mitins e as conferencias
pronunciadas, sempre na compaña do guieiro, que deixaría nel unha pegada
indelébel. Non obstante, e recuperando o argumento co que encetabamos estas
liñas, a inmensa sombra de Castelao restoulle ao dirixente comunista un
protagonismo que sen dúbida tivo. A Historia, ás veces, é así de inxusta.
Luís Soto xa
non volvería á España republicana. A derrota dos demócratas condenouno ao
exilio, asentándose en México. O seu labor no exilio volve ser un magnífico
exemplo do traballo dos desterrados a prol da liberdade e da cultura. En México
continuou coa súa militancia frenética, ao tempo que desenvolvía intensas
tarefas culturais. Esta actividade materializouse a través de institucións como
o Padroado da Cultura Galega, que tivo iniciativas tan sobranceiras como a
revista Vieiros, sen dúbida un dos
cumios do labor cultural do exilio galego. Soto, na compaña doutros residentes
galegos, foi protagonista destes traballos, tanto máis importante se pensamos
no ermo cultural ao que Galiza ficou condenada tras a chegada do franquismo.
Ora ben, non hai que perder nunca a perspectiva, o activismo cultural tiña un
nidio obxectivo: a loita antifeixista.
Galiza e os
seus dereitos nacionais sempre estiveron presentes na praxe de Luís Soto, polo
que participou activamente no rexurdir do nacionalismo nos anos sesenta,
converténdose nun activo dirixente da Unión do Pobo Galego (UPG). Militante e
activista até os seus derradeiros días, Luís Soto Fernández foi exemplo da
Galiza que non se resignou –nin se resigna− a un destino as máis das veces
imposto.
Reseña publicada na revista Grial, número 192, outubro-decembro de
2011.