A historia está ateigada de paradoxos. Como
poderiamos interpretar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl Marx
polo primeiro presidente republicano dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx,
como atento observador da realidade do seu tempo, seguiu de preto os pasos de
Abraham Lincoln e da súa causa: a revogación da escravitude. Así se nos
presenta o principal paradoxo que atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, que a editora CapitánSwing Libros publicou no ano 2013. Nel xúntanse os principais textos de ambos
persoeiros arredor dos conflitos provocados pola escravitude nos Estados Unidos
e a guerra civil deste país. Recensionamos este libro no segundo
número da revista Contenciosa. Revista sobre violencia política, represiones y resistencias en la historia iberoamericana.
20/11/14
08/09/14
DEMASIADO ESCEPTICISMO
Certamente,
nada hai máis recorrente que o pasado. Expresouno de forma brillante, por boca
dos seus personaxes, o dramaturgo estadounidense Eugene O’Neill, na súa peza de
1941 Long Day’s Journy Into Night:
Tyrone.-
Mary! For God’s sake, forget the past!
Mary.-
Why? How can I? The past is the present, isn’t it? It’s the future, too. We all
try to lie out that but life won’t let us.
Resulta
evidente que o pasado está continuamente condicionando o presente e
determinando o futuro, de tal xeito que a viaxe
ao pasado adoita ser frecuente nas sociedades actuais, para procurar nel
explicacións que nos axuden a entender por que as cousas son como son. Xa que
logo, recórrese á historia na procura das probas en que basear as angueiras do
presente. Máis, pode a historia explicar axeitadamente o presente? Podemos
fiarnos da historia –e dos historiadores− para un axeitado coñecemento do
pasado? Estas preguntas son respondidas dun xeito negativo por Miguel-Anxo
Murado no seu libro La invención del
pasado, onde amosa o seu escepticismo tanto no papel que poida desenvolver
a historia na explicación do presente como cara ao traballo dos historiadores.
Seguindo o
ronsel do seu libro Outra idea de Galicia,
orixinalmente publicado en castelán (2008) e que vén de editarse agora en
galego (Destino, 2013), no volume que recensionamos Murado dedícase
fundamentalmente a rachar con ideas preconcebidas e a desfacer vellos mitos. Desconfía
o autor das fontes empregadas polos historiadores, identificadas maiormente con
lendas e construcións literarias repetidas unha e outra vez. Ora ben, quizais
sen querelo, Murado está traballando como un historiador, comentando as fontes
e sinalando as súas imprecisións. Seguindo ao filósofo italiano Benedetto
Croce, afirmase neste libro que toda historia é historia contemporánea, pois
escríbese no presente e coas imaxes e prexuízos do presente. Deixando de lado o
esforzo de empatía que teñen que facer todos os historiadores, é certo que a
historia é un relato construído desde o presente. Pero coidado! Unha cousa é
que a historia sexa unha construción e outra moi diferente é que sexa unha
invención. Se cadra poderiamos definir a historia como unha obra literaria
construída en base a un traballo científico, comezando por unha eficaz crítica
de fontes e desbotando os mitos herdados. En definitiva, cremos que o autor
parte dun axioma que non é tal. Identifica escritor con relato de ficción. É
certo que os historiadores son escritores, pero non por iso ás súas obras
pertencen ao mundo da fantasía.
Contrariamente
ao que pensa Murado, a historia si é unha mestra de vida. Outra cousa é o
inevitábel tropezar varias veces coa mesma pedra, que parece ser condición
inherente aos seres humanos. En palabras de José Verea y Aguiar na súa Historia de Galicia (1838): “Es casi un
axioma de la antigua literatura: Que la Historia es el testimonio de los tiempos,
la luz de la verdad y la maestra del vivir…”. A historia ensina, pero non nos
ata nin nos determina. Ademais, quen lle deu aos historiadores o seu papel
redentor? Quen os converteu en notarios e xuíces? Foron os propios
historiadores ou foi unha sociedade preocupada polo seu presente e o seu
futuro. Afirma o autor: “No es extraño que la historia sirva para hacer los
debates políticos más irracionales de lo que ya son. Nació para eso” (p. 195).
E a pesar do parecer dos propios historiadores, permítasenos engadir.
Non obstante,
si acerta Miguel-Anxo Murado nalgunhas das súas apreciacións sobre como nos
relacionamos coa historia na actualidade. Falamos fundamentalmente dos museos
como centros onde se cousifica a
historia, convertendo os seus obxectos en reliquias que parecen explicar por si
o pasado. Por outra parte, acerta de pleno o autor ao afirmar: “Los centenarios
y los aniversarios (…) son quizá la más visible de todas estas prótesis de la
memoria, y sin duda la preferida hoy en día” (p. 175). Neste senso, si creo que
deberiamos comezar a repensar se achegarnos ao pasado a golpe de conmemoración
é o máis acaído para a historiografía actual.
As palabras
non son inocentes nin inocuas. Deste xeito, tendo en conta que a palabra é a
principal ferramenta para a transmisión do coñecemento –tamén do coñecemento
histórico− debemos tomarnos un tempo na súa análise. Así, non é casual que a
lingua inglesa diferencie entre History,
para o traballo dos historiadores, de Story,
para os contos e as lendas. Algo que, por certo, tamén sucede na irmá lingua
portuguesa: História por un lado e Estória por outro. Coido que moitas das
apreciacións deste libro están baseadas na confusión entre estes dous termos. A
Historia é unha ciencia social en constante construción e crítica. Os
historiadores somos os primeiros escépticos.
La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España
Miguel-Anxo
Murado
Debate, 2013, 230
páxinas
Recensión publicada na revista Grial, nº 202, abril-xuño de 2014, p. 123-124.
07/06/14
O MONTE É NOSO (E DELAS!)
Os estereotipos e as ideas preconcibidas
adoitan ofrecer visións irreais das sociedades. Se ben é certo que as
sociedades patriarcais contemporáneas relegaron a muller a unha posición de
segunda orde, debemos de ser coidadosos á hora de apreciar o matiz. Debemos
desconfiar, polo tanto, das narrativas que equiparan muller con vítima. A
lexislación franquista consideraba as mulleres menores de idade mais a práctica
cotiá descóbrenos mulleres líderes e protagonistas das súas comunidades. Boa
proba do que acabamos de afirmar é o libro de Araceli Freire Cedeira, que baixo
o título de O monte é noso. As mulleres e
a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo (II
Premio Xohana Torres de Ensaio, 2011), estuda o papel sobranceiro desempeñado
polas mulleres no seo da sociedade rural galega tardofranquista.
A intención do Estado franquista de
apropiarse dos montes comunais galegos xerou un clima de conflitividade que se
prolongou ao longo da ditadura. Deste xeito, o modelo de crecemento económico
escollido polo franquismo para o rural, que tiña na repoboación forestal un dos
seus alicerces, causou en Galiza moitos problemas, pois axiña chocou cun modelo
de propiedade comunal que tiña unha longa tradición. A poboación rural galega
–e dentro dela moi especialmente as mulleres− viuse agredida por esta política,
polo que reaccionou contra un estado de cousas que prexudicaba o seu modelo de
vida. En efecto, a política forestal patrocinada polas autoridades non só
supuña o espolio das propiedades comunais campesiñas, senón que alteraba
totalmente o seu xeito de vida. Debemos comprender que o monte en man común era
vital para a economía do campesiñado, pois del saían importantes excedentes
agrarios que axudaban a manter as casas labregas. As mulleres, piares da
economía campesiña, sabían ben da súa importancia, de aí o seu rol protagonista
na defensa dos comunais e na oposición á política forestal do Estado. Así o
afirma a autora deste libro: ‘As campesiñas eran conscientes desta situación
porque consideraban que as estaban privando das súas propiedades e do único
recurso que lles permitía a supervivencia, pois a economía campesiña dependía,
en grande medida, do aproveitamento integral dos montes veciñais de uso común’
(32). Non se nos escapa, polo tanto, que estaban en loita dous modelos
económicos enfrontados. Por unha banda, o do campesiñado, dedicado a manter
formas de produción tradicionais –basicamente encamiñadas ao autoabastecemento−,
e, por outra banda, o do Estado, que teimaba en introducir as relacións de
produción capitalistas no agro, consonte os novos modelos proporcionados pola
Revolución Verde, que desde a década de 1940 incrementara a produción agrícola
grazas ao emprego de novas variedades de cultivos e ao uso masivo de
fertilizantes.
Cales son as principais razóns que
levaron ás mulleres a ser a punta de lanza do movemento oposto a apropiación
dos comunais por parte do Estado? Freire Cedeira sinala varias. En primeiro
lugar, a lembranza doutros conflitos sucedidos no campo con anterioridade. Para
a autora as mulleres eran as encargadas de gardar a memoria familiar. Así ‘a
comunidade, a cal foi capaz de manter e canalizar as disidencias con éxito
durante un prolongado período temporal, grazas ao papel cohesionador das
mulleres, porque eran elas as que conservaban a memoria do lugar e consolidaban
relacións entre si no seo dunha sociedade na que a división sexual do traballo
estaba presente’ (95). A cita anterior ofrécenos unha pista sobre unha segunda
razón do papel protagonista das mulleres nestes conflitos. Nas comunidades
rurais galegas dos anos cincuenta e sesenta do século XX as tarefas agrícolas
esixían unha importante presenza do traballo colectivo, que fortalecía o papel
da comunidade fronte ao do individuo. Nesta dinámica as mulleres ocupaban un
posto sobranceiro, pois tarefas como lavar e apacentar o gando estábanlles
atribuídas. Xa que logo, é lóxico que o campesiñado respondese conxuntamente
fronte a unha agresión exterior, e tamén o é que fosen as mulleres –eixos dese
traballo colectivo− as que se puxesen á cabeza do movemento opositor.
Unha terceira causa que explicaría o rol
sobranceiro das mulleres nos conflitos polos montes comunais é a súa
tradicional participación na economía marxinal, sobre todo no contrabando e no
estraperlo. As mulleres, como columnas vertebrais das economías campesiñas,
tiveron unha importante participación no movemento de produtos no mercado
negro, participación que rematou por xerar unha serie de solidariedades que se
prolongarían de cara a outros conflitos, caso do ocorrido cos montes comunais.
Por outra parte, a participación das mulleres no contrabando acostumounas a
tratar coas forzas de seguridade do Estado –a Garda Civil, nomeadamente−,
cuestión que tamén se notaría cando chegaron os enfrontamentos con motivo da
repoboación forestal. Finalmente, podemos supor que as vellas solidariedades
tecidas polas mulleres ao longo de anos de participación nesta economía
paralela xeraron unha rede de información, de parroquia a parroquia, que sería de
grande utilidade para se enfrontar aos axentes forestais que pretendían usurpar
os seus montes comunais. Unha cuarta razón do peso das mulleres nestes
conflitos estaría na tradicional emigración masculina, que as obrigaría a
asumir o papel de líderes e valedoras das súas comunidades.
Segundo nos describe Freire Cedeira, os
conflitos polos montes comunais galegos tiveron dous momentos principais. Nun
primeiro momento, o descontento manifestouse mediante cartas ás autoridades nas
que se protestaba polo que se consideraba un abuso. Obviamente, estas misivas
foron ignoradas polas autoridades franquistas, o que deu paso a formas máis
contundentes de oposición, nas que as mulleres sempre estiveron en vangarda: a
destrución de plantacións, o roubo ou manipulación de maquinaria e o enfrontamento
directo coas forzas da orde, entre outras estratexias violentas. Malia todas
estas iniciativas, as mulleres non acadaron paralizar de xeito inmediato os
traballos de repoboación forestal nos montes comunais. Non só iso, moitas delas
víronse na obriga de converterse en asalariadas nestas mesmas tarefas de
repoboación onde, a pesar de desempeñar traballos igual de duros cós homes,
recibían uns emolumentos menores. Ora ben, seguindo á autora do libro, queremos
afirmar que, no longo prazo, os seus traballos e esforzos víronse
recompensados. A Lei de Montes de 1957 e a Lei de Montes en Man Común de 1968
recoñeceron o dereito das comunidades campesiñas a participar nos beneficios, o
que non deixaba de ser unha vitoria daquelas mulleres que se puxeron á fronte
das súas parroquias para defender as súas pertenzas e o seu modo de vida.
Situado pola propia autora dentro dos
parámetros da historia contributiva, este libro amosa ás claras unha sociedade
rural galega –xa pasada− na que as mulleres eran donas de si mesmas e loitaban
polo que sabían seu. Era unha sociedade rural na que o valor da comunidade
estaba por riba do individuo, xa que a propia dinámica do traballo así o
esixía. Nese día a día, conflito a conflito, as mulleres convertéronse en
valedoras dun xeito de vida que pouco a pouco foi ficando arrombado. Moito foi
o que se perdeu, se cadra algo tamén o que se gañou. Pero, máis alá das
valoracións que cada quen poida facer, velaí están todas esas mulleres que
foron exemplo de dignidade. Anos despois, en 1978, o cineasta Llorenç Soler
filmou o documental O monte é noso,
que viña pór imaxes a varias décadas de conflitos nos montes veciñais galegos
en man común. Aquel documental, como agora este libro, son contributos
necesarios para manter viva unha memoria imprescindíbel.
ARACELI FREIRE
CEDEIRA: O monte é noso. As mulleres e a conflitividade
social no medio rural galego durante o franquismo. Concello de
Santiago de Compostela & Universidade de Santiago de Compostela. 2012. 109
pp. ISBN 978-84-9887-842-4
Reseña publicada na revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies (Issue E), 2013, p. 121-123.
21/05/14
UN PAÍS NORMAL
Transcorridos
cinco anos da súa publicación en castelán, aparece agora en galego o recoñecido
libro de Miguel-Anxo Murado Outra idea de
Galicia. Ao reseñar este libro, nas páxinas do Grial 179, atrevinme a solicitar unha versión galega desta obra.
Non me refería tanto ao aspecto lingüístico, canto á necesidade de espallar un
libro que obrigou aos galegos a pensar sobre si mesmos. Penso que ese foi un
dos acertos do libro, que vén xustificar agora a súa publicación en galego. Non
obstante, tampouco podemos desmerecer o feito de que unha empresa editorial
como Random House Mondadori dea ao prelo o seu primeiro libro en galego, por
aquilo de ir gañando espazos. A versión galega que agora recensionamos segue basicamente
a edición castelá de 2008, corrixindo agora algúns erros menores que se tiñan
introdución na primeira publicación do volume.
Un libro
pensado para explicar Galiza aos non galegos rematou por ter éxito en Galiza,
pois puxo de relevo que os galegos asumimos como propios moitos dos prexuízos e
estereotipos que os de fóra crearon. Sinálao o autor ao explicar a versión
galega: «Os clixés, os malentendidos e os prexuízos dos foráneos serviron así
como unha metáfora dos prexuízos dos propios galegos respecto de si mesmos» (p.
11). E é que se algo pretende esta obra é desfacer os estereotipos que o tempo
e, sobre todo, o descoñecemento foi sementando sobre Galiza e os galegos. Por
iso Miguel-Anxo Murado vai facendo un repaso aos lugares comúns cos que Galiza
e os galegos somos habitualmente descritos, póndoos en cuestión e achegando
unha forma ben diferente de ver as cousas. Si hai que dicir, e por iso
subliñamos a importancia da versión galega deste libro, que moitas desas
visións foron asumidas como propias polos galegos, contribuíndo –consciente ou
inconscientemente− a reforzalas.
A carta
xeométrica de Galiza elaborada por Domingo Fontán convértese nun elemento
recorrente en todo o libro, actuando ademais como elemento aglutinador da obra.
En efecto, os dezasete anos que Fontán pasou percorrendo Galiza para elaborar a
súa carta fan del o mellor compañeiro de viaxe para unha excursión ao xeito de
ser dos galegos. E xa que falamos de percorrer o país, a forma particular de
entender a súa paisaxe é quizais un dos máis relevantes estereotipos existentes
sobre Galiza. Así, fala Murado da feminización da paisaxe galega, visión esta
que acabaría por estenderse tamén ao carácter e á resolución dos seus
habitantes: «Algúns autores teñen sinalado o proceso de “feminización” da imaxe
de Galicia neste anos, e é certo que se representa en toda a cartelería da
época sempre como unha muller, desde os anuncios de xabón ata os reclamos das
navieiras (…) En artigos de prensa, libros de viaxes e conferencias da época,
Galicia aparece adornada sempre cos mesmos trazos de dozura, pasividade,
docilidade e pureza» (p. 45-46). E indo un pouco máis alá, ben poderiamos
considerar esta achega á paisaxe galega como interesada, ou aínda mellor como
política, pois esta apreciación de Galiza xustificaba a dominación centralista.
Nesta mesma liña de análise teñen aparecido recentemente outra obras, a sinalar
o libro da profesora Helena Miguélez, Galicia,A Sentimental Nation, que profundiza nesa visión interesada da feminización
de Galiza.
Coido que
outra idea que cómpre salientar deste libro é a posición de Galiza como país
atlántico. É importante pois con ela podemos rachar outro dos grandes tópicos
existentes: a idea de periferia e o isolacionismo. Galiza tivo desde momentos
temperáns relacións comerciais e culturais con outros pobos atlánticos, que
contribuíron non só a conformar a súa idiosincrasia, senón tamén a levar a
influencia galega a outros lares. Isto, xunto co notábel papel da emigración na
época contemporánea (tamén resaltada neste libro), vén botar por terra a imaxe
do galego apegado á terra e incapaz de asumir nada do que procede do exterior.
En palabras de
Murado outra característica importante a sinalar sería «…o silencio e a
resignación son algo consubstancial aos galegos e á súa historia. Ese silencio
é moitas veces silencio sobre si mesmos, e non poucas veces voluntario» (p.
27). O que se podería resumir nun posibilismo innato que afecta a todos os
galegos. En efecto, pero non é un abstencionismo pasivo, senón todo o
contrario: un afastamento consciente da política directa. Velaí a necesidade de
procurar formas válidas de intermediación, o que estaría na orixe do
caciquismo, outra das características coas que é adornada Galiza.
En resumo,
neste libro debúllanse tanto os principais procesos históricos que conformaron
Galiza, como os estereotipos que se lle foron poñendo á calor deses mesmos
procesos. E logo de analizados e postos á luz do día, comprobamos como Galiza
non é un país tan diferente doutros, coas súas propias dinámicas e
circunstancias, pero que no están lonxe das desenvolvidas noutras nacións. Por que, no fin de contas, o feito diferencial de Galiza non está en ser un país normal?
Outra idea de Galicia
Miguel-Anxo
Murado
Debate, 2013, 199
páxinas
Recensión publicada na revista Grial, nº 201, xaneiro-marzo de 2014, p. 78-79.
09/01/14
A SOCIEDADE EL VALLE DE ORO DA HABANA
Houben de agardar aínda uns anos para
comprender, na súa xusta medida, o que significaban aquelas palabras. Si,
explicáronme decontado que foran os emigrantes do Valadouro os que
contribuíran, co seu traballo e o seu esforzo, a financiar a escola da parroquia
onde nacín. Mais, hai que achegarse en detalle ao traballo dos nosos emigrantes
para comprender o seu verdadeiro calibre. Galiza non sería a que é –nin O
Valadouro e Alfoz tampouco− sen o traballo e as achegas dos nosos emigrantes.
Esquecemos a miúdo o feito de que os
emigrantes non marchaban para A Habana para gañar cartos cos que construír
escolas ou arranxar igrexas. Non, marcharon para Cuba coa esperanza de
abrírense un camiño que a súa Terra lles negaba. E foi alí, unha vez asentados,
que atoparon tempo para xuntárense e, comprometendo o seu capital, poder
traballar en conxunto pola súa terra natal.
Para os emigrantes a distancia non era
causa de esquecemento da súa terra natal. Pero, será para nós a distancia
(neste caso temporal) motivo para esquecérmonos do seu labor? Non debería, mais
adoitamos esquecer o noso pasado –mesmo o máis inmediato− con moita facilidade.
Hai xa algúns anos publiquei un artigo na revista Búsola, da Casa da Cultura do Valadouro, no que lembraba o gran
labor dos nosos emigrantes. Nel afirmaba que acostumamos lembrar a golpe de
aniversario e conmemoración. Aínda así, a celebración, en 2007, do centenario
da sociedade El Valle de Oro, que
xuntaba na Habana os emigrantes do Valadouro e de Alfoz, pasou nos concellos do
Val con bastante máis pena que gloria. E disto somos culpábeis todos, mais se
cadra aínda o somos máis aos que a estes temas nos dedicamos.
Houbo algún artigo máis publicado na prensa local, como o que apareceu en setembro de 2006 no xornal A voz do Masma. A maiores, o autor destas liñas participou, en agosto de 2007, nunhas xornadas de historia local organizadas pola asociación "A Pomba do Arco" de Foz, cun relatorio sobre a historia da sociedade El Valle de Oro. A intervención nestas xornadas quedou reflectida en novas aparecidas en El Progreso e La Voz de Galicia. En todas estas actividades sempre insistín na necesidade de traer á actualidade o inmenso traballo realizado polos emigrandes do Valadouro en Cuba, facendo fincapé no acaído dun xusto recoñecemento e homenaxe.
Houbo algún artigo máis publicado na prensa local, como o que apareceu en setembro de 2006 no xornal A voz do Masma. A maiores, o autor destas liñas participou, en agosto de 2007, nunhas xornadas de historia local organizadas pola asociación "A Pomba do Arco" de Foz, cun relatorio sobre a historia da sociedade El Valle de Oro. A intervención nestas xornadas quedou reflectida en novas aparecidas en El Progreso e La Voz de Galicia. En todas estas actividades sempre insistín na necesidade de traer á actualidade o inmenso traballo realizado polos emigrandes do Valadouro en Cuba, facendo fincapé no acaído dun xusto recoñecemento e homenaxe.