 |
Fdez. Mato en Cuba |
A vida de Ramón Fernández Mato estivo dedicada por
completo á escrita. Como escritor e xornalista, en Galicia, na emigración ou no
exilio, a súa obra é moi ampla e abrangue variados aspectos. O noso
protagonista naceu na parroquia de Cespón (Concello de Boiro) o 13 de maio de
1889. Realizou estudos de Medicina nas Universidades de Santiago de Compostela
e Madrid e desde mozo comezou a colaborar na prensa. Non obstante, a vida
literaria sería a súa principal ocupación, xa que case non exerceu a Medicina. Vinculado
ao agrarismo nucleado arredor de Acción Gallega e de Basilio Álvarez, en agosto
de 1912 apareceu entre os asinantes do “Manifesto de Ourense”, que deu comezo a
unha serie de mitins de propaganda agrarista.
Emigrou á Arxentina en 1914, país no que permaneceu
durante catorce meses. Foi colaborador do xornal La Nación e das revistas Crítica
e Caras y caretas. No xornal Correo de Galicia responsabilizouse da
sección "Retablo español". En colaboración co xornalista José R.
Lence escribiu a zarzuela La Galleguita,
con música do mestre Padilla foi estreada en abril de 1914. En colaboración con
Lence tamén escribiu a obra La conquista de América, obra que se
estreou o 7 de novembro de 1914. Xunto con Luis Sánchez Abal escribiu a comedia
La Retirada. En solitario foi autor
da comedia El Altar. O 13 de xuño
ditou unha conferencia sobre Rosalía de Castro no marco do festival organizado
pola «Federación de Residentes de Teo en Sud América», nesta conferencia
Fernández Mato aproveitou para pedir a axuda dos emigrantes á construción dunha
estatua a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Tras esta etapa de
residencia na Arxentina retorna a Galiza para se dedicar ao xornalismo.
Xa de volta en Galicia vinculouse ás Irmandades da
Fala. En efecto, acode como representante de Ferreira do Valadouro á primeira
asemblea nacionalista, que tivo lugar en Lugo en novembro de 1918. A relación
de Fernández Mato con esta localidade debeuse ao seu matrimonio con Josefa López,
do mesmo xeito mantivo ao longo da súa vida un importante contacto co
Valadouro. Como non podía ser doutro xeito, tamén podemos atopar algunha
colaboración de Fernández Mato no xornal das Irmandades da Fala: A Nosa Terra. Velaí uns exemplos
Eses
siñores que procraman un “regionalismo bien entendido”, divírtenme, porque me
lembran os vellos libidinosos que van aos burdeles e, xa dentro, non acougan,
dicindo: “¡Nada d’escándalo! ¡Moitísimo orde! ¡Eu son unha persoa seria!”.
*
* *
Eu
creio firmemente que as Deputacións provinciaes son as amígdalas do país.
Decátase un da sua esistenza pol-as molestias que producen; e si as estirparan
ficaríamos tan tranquíos...
A Nosa Terra, nº 154, Nadal 1921.
Coa chegada da II República foi Gobernador Civil de
varias provincias: Ciudad Real, Málaga, Jaén e Cáceres. Foi tamén Director
Xeral de Seguridade. Nas eleccións de febreiro de 1936 saíu elixido deputado
pola provincia de Lugo en representación do Partido do Centro, formación
política que encabezaba o tamén galego Manuel Portela Valladares. A relación
con este último viña de vello, pois Fernández Mato tamén foi un activo
colaborador do xornal El Pueblo Gallego,
xornal fundado por Portela Valladares en 1924.
 |
Fdez. Mato co presidente Azaña no Goberno Civil de Málaga |
Co inicio da guerra civil vese na obriga de seguir o
camiño do exilio. Así, en novembro de 1936 chega á Habana. Na capital de Cuba
foi colaborador do Diario de la Marina,
onde se ocupou da sección «España. Con los ojos del recuerdo»; as colaboracións
nesta sección serían agrupadas en 1941 nun volume. No exilio cubano comezou
unha estreita relación coa sociedade de instrución El Valle de Oro, de tal xeito que en xaneiro de 1937 foi nomeado
socio de honra da entidade. As razóns que levaron aos emigrantes do Valadouro a
premiar a Fernández Mato apareceron reflectidas nun artigo publicado en 1937 na
revista habaneira Cultura Gallega, do
cal reproducimos un fragmento:
«Los
méritos contraídos por el señor Fernández Mato con los hijos del Valle de Oro
son muchos y de gran trascendencia, pues que los servicios prestados a aquella
histórica y progresista comarca durante su actuación política y periodística
fueron de los que ningún pueblo sensible al sentimiento de gratitud puede
olvidar. Sin tener en cuenta diferencias políticas ni cuestiones personales,
sino sólo el interés del Valle de Oro, consiguió múltiples mejoras para aquél…»
Non tardou moito Fernández Mato en devolver o
agradecemento aos directivos de El Valle
de Oro. Así, nun artigo publicado en febreiro de 1937 –tamén na revista Cultura Gallega− gababa a súa terra de
adopción. Certamente, neste escrito, baixo o título de «El Valle de Oro, solar
de hidalguía» Fernández Mato facía un repaso polo heroico pasado do
Valadouro, centrándose especialmente na
figura de Pardo de Cela. En 1943 saíu con destino a Venezuela, comezando entón
un periplo por varios países latinoamericanos. Tras volver a Cuba, en 1948
fundou e dirixiu a revista Raíz. España
en América. Durante a década dos anos 50 foi un frecuente colaborador do
periódico Prensa Libre. Foi asiduo
colaborador de medios como Cultura
Gallega, Carteles, Vida Gallega, Eco de Galicia, etc. Recibiu a Medalla de Ouro da Cruz Vermella
Cubana. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega.

No futuro seguiu vinculado á sociedade El Valle de Oro. Así, o 15 de marzo de
1954 foi elixido como secretario dunha comisión encargada de recadar fondos
para rematar a torre e o reloxo da igrexa de Ferreira do Valadouro. Do mesmo
xeito, participou na conmemoración do cincuentenario desta sociedade –lendo un discurso
no banquete de celebración− acontecido en 1957. En 1958 foi homenaxeado por
toda a colonia galega da Habana ao cumprírense as súas vodas de ouro
literarias, nun acto organizada polo sociedade Agrupación Artística Gallega.
En 1963 regresou a España. Faleceu o 19 de novembro de
1980, sendo soterrado no cemiterio de Ferreira do Valadouro.