
O estudo da
reconcentración en Cuba centrouse tradicionalmente na época da súa principal
aplicación, a saber, a guerra de independencia que vai de 1895 a 1898. Ora ben,
o autor deste libro va máis alá, e procura posíbeis antecedentes nos anteriores
conflitos secesionistas cubanos, basicamente a coñecida como “Guerra dos Dez Anos”
(1868-1878). Efectivamente, Stucki chega á conclusión de que os militares españois
pensaron a reconcentración da poboación civil, como estratexia militar
contraguerrilleira, con anterioridade ao seu principal desenvolvemento partir
de 1896. Non obstante, este historiador matiza o feito de que a reconcentración non se pensou soamente para un contexto colonial (é dicir, excepcional).
Así, non faltaron os militares que propuxeron a concentración da poboación civil
durante a Terceira Guerra Carlista (1872-1876) nas provincias vascas e Navarra.
Tal situación non debemos contemplala como algo abraiante, pois tanto o
conflito cubano como o carlista eran simultáneos no tempo. Por outra parte, foron
numerosos os oficiais españois que participaron en ambas guerras ˗o xeneral Arsenio Martínez Campos,
como exemplo relevante˗.
Finalmente, non debemos esquecer que para os militares e para a maior parte da
opinión pública española o conflito cubano era interpretado como unha guerra
civil, máis que como unha contenda colonial e periférica.
A postura dos militares
españois diante da reconcentración da poboación foi mudando ao longo da guerra
e, con ela, a estratexia militar. Así, o goberno español enviou nun primeiro
momento a Cuba ao xeneral Arsenio Martínez Campos, xa que este militar rematara
con éxito en 1878 o primeiro gran conflito secesionista cubano. Cunha táctica
eminentemente pactista e tendente a buscar o acordo, Martínez Campos, malia que
barallou a idea, non desenvolveu a estratexia de reconcentración. Este xeneral
no só non acadou rematar a guerra, senón que non foi quen de frear a invasión
das provincias occidentais por parte do Exército Libertador Cubano (ELC), téñase
en conta que era precisamente na zona occidental da illa onde se concentraban a
maior parte dos enxeños azucreiros e as plantacións de tabaco, isto é, onde se situaba
a principal riqueza económica de Cuba. Nas guerras anteriores, a loita circunscribírase
á parte oriental de Cuba, moito máis rural e agraria.
Perante esta situación, na
procura de dar un xiro radical á guerra, o goberno español enviou a Cuba ao xeneral
Valeriano Weyler Nicolau, que sen ningún tipo de escrúpulos desenvolveu en toda
a súa intensidade a estratexia de reconcentración. Tradicionalmente a
investigación situaba o comezo da política de internamento da poboación rural o
21 de outubro de 1896, data do bando que impuña a reconcentración na rica
provincia de Pinar del Río. Non obstante, no traballo de Stucki sinálase un
importante precedente: o bando do 16 de febreiro de 1896 que estabelecía a política
de reconcentración na xurisdición de Sancti Spíritus e as provincias de Puerto
Príncipe e Santiago de Cuba. En calquera caso, esta táctica de guerra acabou
por se estender a toda Cuba, causando en moi pouco tempo un auténtico drama
humano, diante da imposibilidade de atender as necesidades da poboación
desprazada. Weyler pasou á historia como o monstro
que ordenou á concentración e, polo tanto, o principal responsábel das mortes
causadas pola fame e a enfermidade. Stucki, sen negar a responsabilidade do xeneral
español, non o sinala como único culpábel, pois moitas das acción do ELC tamén
contribuíron a empeorar a situación dos internados.
Aspectos como a corrupción das autoridades coloniais ou a indiferenza dos mandos militares cara ás súas tropas eran xa coñecidos. Non obstante, as cifras que atopamos neste libro seguen abraiándonos. En efecto, aproximadamente o 22 % dos soldados españois destinados en Cuba faleceron sen combater, fundamentalmente a causa dos rigores do clima, as enfermidades ou a deficiente alimentación. Ora ben, Stucki vai máis alá. A corrupción, amplamente xeneralizada no bando español, pódese atopar tamén do lado independentista. Así, o autor verifica que moitos cargamentos de armas ˗procedentes dos Estados Unidos˗ eran desviados cara ao mercado negro.
Aspectos como a corrupción das autoridades coloniais ou a indiferenza dos mandos militares cara ás súas tropas eran xa coñecidos. Non obstante, as cifras que atopamos neste libro seguen abraiándonos. En efecto, aproximadamente o 22 % dos soldados españois destinados en Cuba faleceron sen combater, fundamentalmente a causa dos rigores do clima, as enfermidades ou a deficiente alimentación. Ora ben, Stucki vai máis alá. A corrupción, amplamente xeneralizada no bando español, pódese atopar tamén do lado independentista. Así, o autor verifica que moitos cargamentos de armas ˗procedentes dos Estados Unidos˗ eran desviados cara ao mercado negro.
Se ben é certo que desde o
punto de vista militar a estratexia de Weyler favorecía ás armas españolas, tamén
o é que as consecuencias propagandísticas motivaron o seu fracaso final. Isto é
así porque o conflito cubano pode considerarse como unha das primeiras «guerras
mediáticas» contemporáneas. En efecto, os rebeldes cubanos xogaron con acerto a
baza da propaganda, expondo ao mundo os dramáticos resultados da política de
reconcentración, estratexia na que a prensa norteamericana tamén tivo un papel
decisivo. A sensibilizada opinión pública estadounidense presionou ao seu
goberno, quen non tardou en queixarse diante do goberno de Madrid, que en pouco
tempo tivo que facer fronte a una multitude de queixas internacionais sobre a
súa política en Cuba.
A presión internacional contribuíu
á queda do goberno conservador de Antonio Cánovas del Castillo, que foi
sucedido polo liberal Práxedes Mateo Sagasta. Este cambio de goberno anticipaba tamén a substitución do xeneral Weyler. Así, o xeneral Ramón Blanco Erenas foi
enviado a Cuba para tratar de calmar á opinión pública internacional. O novo
mando militar non só flexibilizou a reconcentración, tamén promoveu un crédito
de cen mil pesos para aliviar o drama humano causado pola reconcentración, que xa
naquela altura causara entre 155.000 e 170.000 vítimas mortais. No capítulo sétimo
deste libro realízase unha pormenorizada análise dos efectos da reconcentración
en cada unha das provincias cubanas. Unha nova táctica militar máis moderada,
xunto coa concesión dun réxime de autonomía a Cuba a partir do 1 de xaneiro de
1898, contribuíu a mellorar a imaxe de España. Non obstante, a explosión do acoirazado
norteamericano «Maine» na baía da Habana, o 15 de febreiro de 1898, agoiraba a
intervención dos Estados Unidos na guerra de Cuba e, a fin de contas, a perda das
derradeiras colonias del imperio español.
Finalmente, un bando do 30
de marzo de 1898 puxo fin oficialmente á reconcentración na illa. Ora ben, a
situación non se normalizou de inmediato, a fame e os andazos continuaron
causando vítimas; aínda máis, o bloqueo norteamericano levou a un endurecemento da
situación, co que se engadiu un novo actor ás consecuencias dramáticas dos
internamentos. Andreas Stucki, deste xeito, conclúe que se ben existe una
explicación estrutural no uso dos campos de concentración entre os séculos XIX
y XX, esta débese máis a que diferentes problemas
levaron a unha mesma solución, que a que haxa efectivamente conexión e fíos de
unión entre a reconcentración española en Cuba e os campos de concentración do nazismo e outros similares.
Las guerras de Cuba. Violencia y campos de concentración (1868-1898)
Andreas Stucki
Madrid, La Esfera de los Libros, 2017, 413 páxinas
Versión galega da recensión publicada en castelán na revista Pasado y Memoria. Revista de Historia Contemporánea, nº 16 (2017), p. 250-254. (ver)
Versión galega da recensión publicada en castelán na revista Pasado y Memoria. Revista de Historia Contemporánea, nº 16 (2017), p. 250-254. (ver)