08/06/15

¿MÁS SE PERDIÓ EN CUBA?

A literatura sempre foi unha fonte moi aproveitábel para os historiadores. Novelas e relatos achégannos a épocas pretéritas e ofrécennos a posibilidade de apreciar como eran e como pensaban as sociedades pasadas, acadando unha empatía da que moitas veces non somos quen os historiadores. Neste senso, as obras de tres escritores cubanos son de particular importancia para coñecer o paso da vida colonial á vida independente. Como mudou (ou non) a sociedade cubana no paso do século XIX ao século XX. Miguel de Carrión (1875-1929) foi un dos principais representantes da novela naturalista en Cuba, movemento literario que ten na illa caribeña unha maior prolongación no tempo que en Europa. En Las honradas (1918) e Las impuras (1919) Carrión retratou a sociedade habaneira a cabalo entre dous séculos. De non menor importancia foi Jesús Castellanos (1879-1912), que obtivo o primeiro premio dos Xogos Florais do Ateneo da Habana coa súa novela La conjura (1909).

Non obstante, en quen queremos deternos é en Carlos Loveira (1882-1928) e na súa novela Generales y doctores (1920). Loveira –de pai galego como ben delata o seu apelido− presentounos neste romance á xeración que transformou Cuba nun país independente, cos seus vicios e as súas virtudes. Pero esta narración non é só de particular valor para a historiografía cubana, senón que Loveira tamén debuxou aos españois –galegos moitos deles− que loitaron para que Cuba seguira sendo parte de España, e tamén dos que alí foron enviados como carne de canón para defender uns privilexios que só beneficiaban a uns poucos. Así, reproducimos a continuación un fragmento desta novela particularmente elocuente:

«¡Pobres, pobres quintos! Atolondrados por un cruel mazazo del destino, venían a la caza del negro Maceo, el coco terrible, no sabían ellos a ciencia cierta por qué ni para qué. Lo mandaba la reina y lo exigían deberes patrióticos que ellos no entendían muy bien, y de los cuales se les hablaba en las arengas y en los papeles. ¡Pobres, pobres galleguitos que venían a caer, ignominiosamente, en la tumba anónima de los combates, a quedar rezagados en los caminos, agonizando del vómito, bajo un sol de fuego, rabiando de sed y de desesperación, para luego servir de pasto a las tiñosas, o ser enterrados por compañías en la fosa común, en la tierra ingrata de los cementerios desolados, a mil leguas de los suyos! Y todo para mantener el monopolio de una burocracia ladrona, de unos mercaderes sórdidos y desalmados, de la infame política de los Cánovas y comparsa, de un régimen colonial en el que, desde el último carabinero de aduana hasta el capitán general, los funcionarios todos tenían un precio»

E con estes vimbios coloniais fíxose o cesto dunha Cuba independente. Deixa ver Loveira na súa novela a decepción con esa República de xenerais e doutores, que mantivo os vicios da antiga colonia, agora ademais coa vixilancia permanente dos Estados Unidos. Construíuse así unha pseudo-república, segundo a terminoloxía que empregou a historiografía cubana a partir da Revolución de 1959. En calquera caso, as páxinas desta novela lévannos aos momentos difíciles da guerra pola independencia de Cuba; cando, ademais das dificultades do conflito, das enfermidades e do clima, os soldados tiñan que ouvir os cánticos que chegaban desde a manigua sublevada:

¿Quién dice que a la castaña,
se le puede llamar fruta?
tan solo un hijo de puta
que haya nacido en España.

Guerra psicolóxica do século XIX.

01/06/15

LEMBRANZA DE XAN DE MASMA

Xan de Masma (Mondoñedo, 1850 - A Habana, 1900)
De entre os variados autores que dan brillo ás letras mindonienses queremos lembrar hoxe a figura de Xan de Masma. Se cadra non é un dos escritores máis coñecidos, mais non por iso deixa de ser digno de recoñecemento e, facemos fincapé na suxestión, necesitado de recuperación.

Xan de Masma, alcume literario de Patricio Delgado Luaces, naceu en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850. Decidido valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses sobranceiros, á cabeza dos cales podemos situar o bispo López Borricón. A súa militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en 1872 no castelo de Santo Antón na Coruña. Posteriormente sería desterrado a Cuba, onde desenvolveu un intenso labor literario.

Na Habana participou en varias empresas xornalísticas, destacando polo seu vencello á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma publicaría por entregas a súa novela ¡A Besta!, entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a prensa galega da Habana.

A novela está dividida en dúas partes. Na primeira coñecemos a Pepiña, filla de labregos de Viloalle. A moza está sometida á presión de don Policarpo, cacique que xa abusara doutras mulleres. A insistencia do vello patrón obriga a Pepiña a abandonar a súa casa e marchar ao Cadramón, nas terras do Valadouro, onde prospera como criada do crego desta parroquia. Na segunda parte do romance o autor presenta a don Pedro, heroe carlista natural do Cadramón que, tras numerosas peripecias na fronte de loita no País Vasco e no exilio de París, regresa á súa parroquia natal. Como non podía ser doutro xeito, a novela remata coa voda de Pepiña e de don Pedro.

A maioría dos críticos sitúan esta obra dentro dos parámetros da novela naturalista, hexemónica no derradeiro terzo do século XIX. Aínda así, a denuncia que fai o autor das inxustizas e das opresións sufridas polas camadas máis desfavorecidas, fai que o texto de Xan de Masma poida tamén ser considerado como un ensaio de novela socio-política. Cómpre sinalar, porén, que a redención proposta polo autor era de claro talante conservador, tal e como correspondía á súa ideoloxía tradicionalista.

Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de abril de 1900. A el debémoslle a autoría dunha das primeiras novelas longas en lingua galega, paradoxalmente publicada ben lonxe das nosas fronteiras. Outro exemplo máis do moito que Galiza debe aos seus emigrantes, que tanto fixeron polo cultura deste país. ¡A Besta! foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1993, polo que se atopa dispoñíbel para todos os lectores que queiran gozar dunhas fermosas páxinas do mindoniense Xan de Masma.

Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 26 de abril de 2015, páxina 8

21/05/15

A EDICIÓN DE LIBROS NA EMIGRACIÓN GALEGA EN AMÉRICA

A emigración foi un fenómeno determinante no devir da Galiza contemporánea. Adoito enxergada desde unha perspectiva económica ou laboral, a influencia dos galegos emigrados estendeuse a todos os eidos, tamén o cultural. Neste senso, os emigrantes galegos en América xogaron un papel moi destacado na edición de libros de temática galega, ben apoiando a edición en Galiza, ben editándoos nos países de acollida. Neste tema, como noutros aspectos, os emigrantes contribuíron decisivamente a paliar as eivas do país, fomentando o desenvolvemento da cultura e da educación.

A edición de libros na emigración galega en América concéntrase nos dous países que recibiron a meirande parte dos galegos: Cuba e Arxentina. Foi en Cuba onde primeiro comezaron as empresas literarias dos galegos. Deste xeito, en 1864 o emigrante Alejandro Chao Fernández creou a imprenta e editorial «La Propaganda Literaria», que sería responsábel de varios proxectos literarios e xornalísticos. Se cadra a súa intervención máis sobranceira foi a edición do libro Follas Novas, da poeta Rosalía de Castro. Este libro, obra capital do Rexurdimento literario en Galiza, aínda que imprentado en Madrid, foi financiado desde a capital de Cuba. «La Propaganda Literaria» continuou no futuro apoiando a edición de libros de autores galegos e en galego, neste sendo debemos sinalar a publicación en 1885 do volume Caldo de grelos, obra do prolífico poeta Ramón Armada Teixeiro (1858-1920). Nesta mesma editora Waldo Álvarez Insua publicou en 1889 Galicia contemporánea: páginas de viaje.

Cómpre tamén subliñar o papel das grandes sociedades galegas en América na promoción do libro galego. Como exemplo destacado podemos apuntar que durante o mandato do presidente Fidel Villasuso Espiñeira, o Centro Gallego da Habana financiou o terceiro tomo da Historia de Galicia de Manuel Murguía, o proxecto historiográfico de Murguía pretendía dar sustento ao rexurdir rexionalista de Galiza, obra na que os galegos da emigración estaban moi implicados. Por outra parte, o Centro Gallego da Habana achegaría ademais novos recursos para Murguía, en forma de pensións, para que puidese continuar coa súa obra.

Sobranceiros escritores galegos publicaron en Cuba as súas primeiras obras. Foi o caso de Manuel Lugrís Freire (1863-1940), que en 1894 deu ao prelo Soidades. Versos en gallego, con prólogo de Manuel Curros Enríquez, poeta que tamén desenvolveu en Cuba un destacado labor como xornalista. Xa no século XX, Ramón Cabanillas (1876-1959) publicou na Habana o seu primeiro poemario: No desterro (1913), libro prologado polo activista agrario Basilio Álvarez, que tamén en 1913 editou na capital de Cuba a súa obra Abriendo el surco, compendio das súas loitas agraristas. Cabanillas aínda publicaría en Cuba unha segunda colección de poemas: Vento mareiro (1915). Aínda que dedicada sobre todo á edición xornalística, debemos destacar o labor editorial da «Empresa de Publicidad Galiciana», firma propiedade do emigrante ourensán Manuel Fernández Doallo, que editaría na Habana xornais tan importantes como Eco de Galicia (apareceu en 1917) e Heraldo de Galicia.
 
Do mesmo xeito que en Cuba, a edición do libro galego na Arxentina correu a cargo de persoeiros vinculados ao xornalismo. Neste senso, non podemos deixar pasar a figura do lucense Manuel Castro López (1860-1926), que foi o responsable da publicación anual do Almanaque Gallego, obra que viu a luz ao longo de vinte e nove anos ininterrompidos (1898-1927). A aparición dos volumes do Almanaque Gallego contribuíron a achegar aos galegos de dous continentes, os que permanecían na Terra e os que emigraran a Bos Aires. Nas súas páxinas, ademais das achegas do propio Castro López, colaboraron as principais plumas galegas do momento, dun e doutro lado do océano.

Non hai vida máis unida ao xornalismo que a de Fortunato Cruces Angueira (1870-1961), que dedicou os anos da súa emigración en Bos Aires á escrita en diversos medios de comunicación. De todos eses xornais destacou Nova Galicia (cabeceira que aparece en 1901), da cal foi fundador e director ao longo de toda a súa andaina. Podemos considerar a este autor como un dos principais representantes do xornalismo literario galego. Do mesmo xeito, Cruces ten un rol destacado na edición do libro galego na capital arxentina, dando ao prelo obras como: Primeiras follas: contos e copras (1898), Almanaque de Galicia (1909), Castañolas (1913) ou Cousas gallegas (1923).

Malia que a etapa de José Costa Figueiras (1880-1955) na emigración foi curta, as súas vivencias na Arxentina impregnaron totalmente a súa obra literaria. Deste xeito, os textos deste escritor e xornalista son un importante testemuño da emigración galega. En Bos Aires publicou en 1913 a novela La risa de los dioses. Porén, o mundo da emigración aparecería sobre todo na serie “España en Ultramar” (1919), composta de dúas novelas: La sugestión de América: novela de emigrantes e Las fraguas de la fortuna: aguafuertes de la emigración.

As grandes institucións mutualistas dos emigrados desenvolveron un importante papel na difusión das letras galegas. O Centro Gallego de Bos Aires foi un destacado promotor de veladas literarias. Como exemplo debemos mencionar a celebración duns Xogos Florais  en Bos Aires no ano 1881.

A edición do libro galego na Arxentina tivo un importante pulo coa chegada dos exiliados tras o remate da Guerra Civil en 1939. Neste senso, cómpre destacar o papel de Luís Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Valera como promotores de varias empresas literarias en Bos Aires. Xa antes de marchar ao exilio Seoane estivera vinculado á Editorial Nós, que rexentaba en Compostela o galeguista Ánxel Casal. Pouco despois de chegar á Arxentina, en 1940, Seoane e Cuadrado crean no seo da casa editorial Emecé dúas coleccións de libros galegos: «Dorna», dedicada á poesía e «Hórreo», orientada á narrativa e ao ensaio. O papel de Seoane nesta empresa, e nas que lle seguirían, sería fundamental, destacando o seu contributo como deseñador de cubertas. En 1942 Seoane e Cuadrado fundan a súa primeira empresa literaria: a Editorial Nova. Composta por unha serie de coleccións: «Pomba», «Camiño de Santiago», «Mar Dulce», «Biblioteca Histórica»… a editorial foi crucial para a extensión da cultura galega na Arxentina. En 1947 estes dous emigrantes porían en marcha un novo proxecto literario: a editorial Botella al Mar, destinada a publicar obras de autores novos, sobre todo arxentinos. Esta empresa, que sería o proxecto literario máis prolongado de Seoane e Cuadrado, editando máis de cento cincuenta títulos, non se estruturaba arredor de coleccións como ocorría coa anterior. Finalmente, en 1957 de novo Seoane e Cuadrado crean a Editorial Citania destinada a promover a autores galegos. Sen dúbida, o exemplo máis significativa podemos atopalo na publicación en 1959 d’A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, unha das novelas chaves da literatura galega despois da Guerra Civil.

A carón destes proxectos empresariais podemos atopar outros destinados a difusión do libro galego na Arxentina. É aquí onde colocamos o papel da libraría e distribuidora «Follas Novas» do tamén escritor Xosé Neira Vilas e da súa dona Anisia Miranda, que realizou varias exposicións de libros galegos en Bos Aires. Paralelamente, na Arxentina tamén temos que anotar o protagonismo das grandes entidades galegas da emigración. O caso máis claro neste senso estivo no Centro Gallego, quen fundou en 1950 a súa propia empresa editora: «Ediciones Galicia». Neste mesmo senso debemos sinalar o papel da Editorial Alborada, da «Federación de Sociedades Gallegas». Ora ben, o Centro Gallego tamén favoreceu a creación literaria en Galicia grazas á convocatoria dunha serie de premios literarios, os cales serviron de plataforma aos novos autores galegos. Cabe destacar, neste senso, a concesión a Xohana Torres do «Premio Galicia» en 1971 pola súa novela Adiós, María, que tamén sería editada en Bos Aires.

Xa fóra dos dous principais países receptores da emigración galega, debemos sinalar o papel do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1964), que tamén tivo un rol sobranceiro na edición do libro galego na emigración. Non obstante, esta entidade tamén publicou obras de autores residentes en Galiza, caso do poeta Manuel María, a quen lle editaron o libro de poemas Versos pra cantar en feiras e romaxes (1969), con portada deseñada por Luís Seoane.

12/05/15

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: VOTA FILGUEIRA VALVERDE!

Día das Letras Galegas, un ano máis. Desta volta con figura homenaxeada non exenta de polémica, polo aberto rexeitamento que determinados sectores, da cultura e da política, realizaron de Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) en razón dos seus vencellos coa ditadura franquista. A maiores, coincide a data das nosas Letras coa campaña electoral dos comicios locais. Filgueira e eleccións son dous trazos que ben poden ir da man, dado que o venerado polígrafo tamén realizou notábeis achegas políticas. Así, xa que estamos en campaña, imos pegar un cartaz para ver se a xente se anima a votar por Filgueira Valverde. Ben é verdade que é unha imaxe que corresponde ás eleccións a Cortes do franquismo de 1967, pero dado que en Galiza a Transición foi como foi (por non dicir que non foi) ben poderiamos ver o cartaz que acompaña estas liñas como calquera outra propagada política da moita que asolaga por estes días as rúas do país.

É merecedor Filgueira Valverde da homenaxe do Día das Letras Galegas? Pois si, tan merecedor como podería selo, poño por caso, Carvalho Calero, e seguimos agardando. Non hai dúbida de que foi autor dunha ampla, variada e erudita obra que o converteu niso que se dá en chamar «polígrafo».

Foi Filgueira Valverde un franquista? Outra vez temos que responder si. Non nos enganemos. O réxime franquista non nomearía alcalde dunha capital provincial (Pontevedra) a quen non fose dunha lealdade probada ao réxime. Tampouco permitiría que ningún heterodoxo formase parte das Cortes españolas, institución fundamental da «democracia orgánica», eufemismo franquista para tentar diluír un réxime abertamente ditatorial e totalitario.

Non obstante, eu coido que a elección de Xosé Filgueira Valverde como figura homenaxeada do Día das Letras Galegas de 2015 hai que contemplala nunha perspectiva máis ampla. Para isto formulamos a seguinte pregunta: para que queremos o Día das Letras Galegas? Para seguir ateigando o museo das Letras cun novo prócer ou para facer valer a nosa lingua e a nosa cultura? Tendo en conta que o sesenta ou setenta por certo da festa do Día das Letras xestiónase no mundo do ensino: quen vai atraer máis vontades para a causa do galego? Quen vai chamar máis polos rapaces e polas rapazas? Filguera Valverde ou Xela Airas (ou Manuel María)? Logo de máis de cincuenta anos de celebración o Día das Letras foise convertendo nun ritual, nunha festividade máis no calendario, baleirándose do contido que quixeron darlle os seus creadores. Xa é hora de repensar a data do 17 de maio, para facela outra volta reivindicativa e xeradora de ilusións cara ao galego e cara ás nosas letras. Nesta liña, eu creo que a elección de Filgueira é errónea, pero non polo seu pasado franquista, senón polo seu presente escasamente estimulador.

Post scriptum: mentres decidides se votar ou non por Filgueira Valverde fixádevos que o seu compañeiro de candidatura é Rafael Portanet, alcalde de Vigo, antiga reencarnación de Abel Caballero. Ás veces mesmo parece que o tempo se detivo en Galiza.

09/04/15

DON CELESTINO CABARCOS SUÁREZ: UN POETA DO VALADOURO

Vista da igrexa parroquial de Lagoa, Alfoz
En 1955 don Celestino Cabarcos Suárez publicou o seu único libro de poemas baixo o título de Cóxegas, impreso nas Artes Gráficas A. Santiago de Viveiro. Cúmprense, xa que logo, sesenta anos da aparición desta obra, motivo máis que suficiente para lembrarmos a este crego e poeta valadourense.

Don Celestino Cabarcos Suárez naceu na parroquia da Laxe (O Valadouro) o 14 de maio de 1883. Tras realizar os seus estudos no seminario de Mondoñedo, foi ordenado sacerdote en 1914. Desenvolveu a súa actividade pastoral en varias parroquias da diocese mindoniense, destacando a súa presenza en San Xoán de Romariz (Abadín), a paisaxe e os costumes da zona habían de deixar fonda pegada na súa obra. Aínda así, a parroquia na que máis tempo pasou foi a de Lagoa, no concello de Alfoz, a onde chegou en 1931 e onde permanecería até o seu pasamento.

Cabarcos foi un prolífico colaborador na prensa do seu tempo, inserindo os seus poemas en xornais como El Ideal Gallego, Las Riberas del Eo ou mesmo en publicacións da emigración galega en América, como Heraldo Gallego de Bos Aires. Os poemas que xuntou en Cóxegas proceden de dous xornais cos que colaborou asiduamente. Por un lado Vallibria, editado en Mondoñedo por Xosé Trapero Pardo desde 1930. Cabarcos publicaba os seus versos na sección «Cóxegas» deste semanario, que anos despois daría título ao seu libro, asinando os seus poemas co alcume de Bruxo dos Ermos. Por outro lado Juventud de Alaje, folla parroquial editada no Valadouro por Ramón Canoura Fernández desde 1945. Nestoutro xornal Cabarcos insería os seus poemas na sección «Andrómenas» e asinaba co alcume de Severo.

E como eran as «Cóxegas» de don Celestino? Poderiamos definir a súa poesía como unha lírica do cotián. Anécdotas do seu labor como párroco, a súa relación cos paisanos, a vida do seminario, a estrea da casa do concello do Valadouro, a inauguración do parque de Ferreira… todo era susceptíbel de ser versificado polo crego de Lagoa. Os seus poemas son inequivocamente humorísticos, pensados para ofrecer no seu remate unha sentenza exemplarizante.

Mantivo amizade con destacados escritores da súa época. Son de destacar as figuras de Antonio Noriega Varela e de Daniel Pernas Nieto, este último crego coma o noso protagonista quen daría ao prelo en 1936 (xa comezada a Guerra Civil) o seu libro Fala das musas. Das destacadas relacións de Cabarcos dá idea o feito de que Cóxegas foi prologado por José María Castroviejo.

Don Celestino Cabarcos Suárez faleceu o 10 de xaneiro de 1961. No seu haber a publicación dun libro de poemas en galego nuns tempos pouco propicios para a nosa lingua. Choran os portugueses a morte do seu poeta Herberto Helber (1930-2015), Lembramos nós, con xustiza poética, ao Bruxo dos Ermos e as súas Cóxegas.

Artigo publicado no xornal A Mariña-El Progreso, 2 de abril de 2015, páxina 4

20/11/14

GUERRA E EMANCIPACIÓN. LINCOLN & MARX

A historia está ateigada de paradoxos. Como poderiamos interpretar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl Marx polo primeiro presidente republicano dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx, como atento observador da realidade do seu tempo, seguiu de preto os pasos de Abraham Lincoln e da súa causa: a revogación da escravitude. Así se nos presenta o principal paradoxo que atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, que a editora CapitánSwing Libros publicou no ano 2013. Nel xúntanse os principais textos de ambos persoeiros arredor dos conflitos provocados pola escravitude nos Estados Unidos e a guerra civil deste país. Recensionamos este libro no segundo número da revista Contenciosa. Revista sobre violencia política, represiones y resistencias en la historia iberoamericana.

08/09/14

DEMASIADO ESCEPTICISMO

Certamente, nada hai máis recorrente que o pasado. Expresouno de forma brillante, por boca dos seus personaxes, o dramaturgo estadounidense Eugene O’Neill, na súa peza de 1941 Long Day’s Journy Into Night:

Tyrone.- Mary! For God’s sake, forget the past!
Mary.- Why? How can I? The past is the present, isn’t it? It’s the future, too. We all try to lie out that but life won’t let us.

Resulta evidente que o pasado está continuamente condicionando o presente e determinando o futuro, de tal xeito que a viaxe ao pasado adoita ser frecuente nas sociedades actuais, para procurar nel explicacións que nos axuden a entender por que as cousas son como son. Xa que logo, recórrese á historia na procura das probas en que basear as angueiras do presente. Máis, pode a historia explicar axeitadamente o presente? Podemos fiarnos da historia –e dos historiadores− para un axeitado coñecemento do pasado? Estas preguntas son respondidas dun xeito negativo por Miguel-Anxo Murado no seu libro La invención del pasado, onde amosa o seu escepticismo tanto no papel que poida desenvolver a historia na explicación do presente como cara ao traballo dos historiadores.

Seguindo o ronsel do seu libro Outra idea de Galicia, orixinalmente publicado en castelán (2008) e que vén de editarse agora en galego (Destino, 2013), no volume que recensionamos Murado dedícase fundamentalmente a rachar con ideas preconcebidas e a desfacer vellos mitos. Desconfía o autor das fontes empregadas polos historiadores, identificadas maiormente con lendas e construcións literarias repetidas unha e outra vez. Ora ben, quizais sen querelo, Murado está traballando como un historiador, comentando as fontes e sinalando as súas imprecisións. Seguindo ao filósofo italiano Benedetto Croce, afirmase neste libro que toda historia é historia contemporánea, pois escríbese no presente e coas imaxes e prexuízos do presente. Deixando de lado o esforzo de empatía que teñen que facer todos os historiadores, é certo que a historia é un relato construído desde o presente. Pero coidado! Unha cousa é que a historia sexa unha construción e outra moi diferente é que sexa unha invención. Se cadra poderiamos definir a historia como unha obra literaria construída en base a un traballo científico, comezando por unha eficaz crítica de fontes e desbotando os mitos herdados. En definitiva, cremos que o autor parte dun axioma que non é tal. Identifica escritor con relato de ficción. É certo que os historiadores son escritores, pero non por iso ás súas obras pertencen ao mundo da fantasía.

Contrariamente ao que pensa Murado, a historia si é unha mestra de vida. Outra cousa é o inevitábel tropezar varias veces coa mesma pedra, que parece ser condición inherente aos seres humanos. En palabras de José Verea y Aguiar na súa Historia de Galicia (1838): “Es casi un axioma de la antigua literatura: Que la Historia es el testimonio de los tiempos, la luz de la verdad y la maestra del vivir…”. A historia ensina, pero non nos ata nin nos determina. Ademais, quen lle deu aos historiadores o seu papel redentor? Quen os converteu en notarios e xuíces? Foron os propios historiadores ou foi unha sociedade preocupada polo seu presente e o seu futuro. Afirma o autor: “No es extraño que la historia sirva para hacer los debates políticos más irracionales de lo que ya son. Nació para eso” (p. 195). E a pesar do parecer dos propios historiadores, permítasenos engadir.

Non obstante, si acerta Miguel-Anxo Murado nalgunhas das súas apreciacións sobre como nos relacionamos coa historia na actualidade. Falamos fundamentalmente dos museos como centros onde se cousifica a historia, convertendo os seus obxectos en reliquias que parecen explicar por si o pasado. Por outra parte, acerta de pleno o autor ao afirmar: “Los centenarios y los aniversarios (…) son quizá la más visible de todas estas prótesis de la memoria, y sin duda la preferida hoy en día” (p. 175). Neste senso, si creo que deberiamos comezar a repensar se achegarnos ao pasado a golpe de conmemoración é o máis acaído para a historiografía actual.

As palabras non son inocentes nin inocuas. Deste xeito, tendo en conta que a palabra é a principal ferramenta para a transmisión do coñecemento –tamén do coñecemento histórico− debemos tomarnos un tempo na súa análise. Así, non é casual que a lingua inglesa diferencie entre History, para o traballo dos historiadores, de Story, para os contos e as lendas. Algo que, por certo, tamén sucede na irmá lingua portuguesa: História por un lado e Estória por outro. Coido que moitas das apreciacións deste libro están baseadas na confusión entre estes dous termos. A Historia é unha ciencia social en constante construción e crítica. Os historiadores somos os primeiros escépticos.

La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España
Miguel-Anxo Murado
Debate, 2013, 230 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 202, abril-xuño de 2014, p. 123-124.