
Son varias preguntas as que nos
suscita este libro. En primeiro lugar, por que escribe Marx sobre España
precisamente en 1854? Sen dúbida, o momento era
propicio para a reflexión sobre o devir político de España. Nese ano, en 1854, un
novo pronunciamento militar levou ao sector máis exaltado do liberalismo ao
poder, derrocando deste xeito aos moderados, que monopolizaran o goberno desde
1844. A apertura dun novo proceso revolucionario, o que máis tarde se coñecería
como Bienio Progresista (1854-1856), era, xa que logo, un momento acaído para
analizar os movementos que supuxeron a creba do Antigo Réxime en España.
Velaquí a principal angueira de Marx nestes textos: estudar a revolución
liberal española. Non obstante, os obxectivos de Marx ficaron algo incompletos,
pois os nove artigos que forman a serie “A España revolucionaria” céntranse no
periodo que vai de 1808 a 1822, deixando incompletos tanto o Trienio Liberal
(1820-1823), como o proceso revolucionario que se enceta tras a morte de
Fernando VII en 1833.
Unha segunda pregunta que
poderiamos facernos sería: por que tiña interese o New York Daily Tribune en coñecer a situación política de España?
Para alén de satifacer a curiosidade dos seus lectores, hai que saber que este
xornal, fundado en 1841, era un medio moi influínte na cada vez máis poderosa
burguesía industrial norteamericana. Unha burguesía en expansión que xa tiña
postos os seus ollos en Cuba, daquela aínda unha colonía española. Así, non
sería esaxerado afirmar que os intereses norteamericanos sobre Cuba estarían
detrás do encargo que o New York Daily
Tribune fixo a Marx de escribir sobre a política española. Neste senso,
cómpre lembrar que por aquel entón nos Estados Unidos xa estaba plenamente
asentada a doutrina inspirada por James Monroe durante a súa presidencia
(1817-1825). Esta tese, frecuentemente sintetizada na máxima “América para os
americanos”, dáballe aos Estados Unidos un predomio sobre todo o que ocorrera
no continente americano, estando na base do futuro imperialismo norteamericano.
Nos seus comentarios Marx
destacou a orixinalidade da revolución liberal española, fronte a outros
autores que vían influencias doutros países, nomeadamente de Francia. Así, para
Marx, a Constitución de 1812 estaba baseada nunha tradición propia, que tiña
como bases as reformas borbónicas do século XVIII e o tradicional papel que en
España tiveran as Cortes e os concellos. Xa que logo, Marx asómbrase polo feito
de que as institucións revolucionarias estiveran baseadas no vello ordenamento
administrativo español, que se presendía recuperar liberándoo das cargas
feudais. Este gusto polas institucións tradicionais tamén podería estar detrás
da inxenua confianza que os liberais tiveron con Fernando VII, que traizou
reiteradamente a súa palabra de ser leal coa Constitución de 1812. Marx,
impresionado pola inocencia dos revolucionarios españois, dedicou duros
adxetivos a Fernando VII: “xamais un mortal soportou os sufrimentos alleos con
máis estoica apatía” (p. 125), ou “ Fernando VII era unha sorte de virtuoso na
arte da audacia pasiva e a cobardía activa” (p. 126).
A debilidade dos liberais
españois estaba tamén detrás do protagonismo do exército, única forza quen de
asentar as institucións liberais, velaquí a explicación do fenómeno dos
pronunciamentos que sementaron o século XIX en España. Nesta
mesma liña, na súa análise do Trienio soubo ver a fractura do partido liberal,
entre um sector moderado, partidario da reforma da Constitución de Cádiz, e un
sector exaltado, decidido a profundizar nas reformas revolucionarias. Non
obtante, Max foi máis alá e apuntou a incapacidade do sistema liberal español
para a alternacia politica: “En España todos os partidos, con igual
obstinación, arrincan de vez todas as páxinas do libro da súa historia nacional
que non escribiran eles mesmos” (p. 122).
Atopámonos, pois, diante dun libro que pon a
disposición dos lectores uns textos pouco coñecidos de Karl Marx sobre o
complexo século XIX español. Malia seren un artigos que relatan feitos acabados
de acontecer, Marx soubo ver no momento as claves máis significativas da
revolución liberal en España, características que serían refrendadas moitos
anos máis tarde polos historiadores. Xa que logo, nestes textos, moito máis que
a inmediatez do relato xornalístico, podemos apreciar a capacidade de análise e
diagnose de Marx, o que lles confire un especial interese e importancia.
Karl Marx
La España revolucionaria
Madrid: Alianza Editorial, 2009
185 páxinas
Reseña publicada na revista Murguía, Revista galega de Historia, nº 17-18, setembro 2008-abril 2009.
Ningún comentario:
Publicar un comentario