![]() |
Vista da igrexa parroquial de Lagoa, Alfoz |
Don Celestino Cabarcos Suárez naceu na
parroquia da Laxe (O Valadouro) o 14 de maio de 1883. Tras realizar os seus
estudos no seminario de Mondoñedo, foi ordenado sacerdote en 1914. Desenvolveu
a súa actividade pastoral en varias parroquias da diocese mindoniense,
destacando a súa presenza en San Xoán de Romariz (Abadín), a paisaxe e os
costumes da zona habían de deixar fonda pegada na súa obra. Aínda así, a
parroquia na que máis tempo pasou foi a de Lagoa, no concello de Alfoz, a onde
chegou en 1931 e onde permanecería até o seu pasamento.
Cabarcos foi un prolífico colaborador na
prensa do seu tempo, inserindo os seus poemas en xornais como El Ideal Gallego, Las Riberas del Eo ou mesmo en publicacións da emigración galega en
América, como Heraldo Gallego de Bos
Aires. Os poemas que xuntou en Cóxegas
proceden de dous xornais cos que colaborou asiduamente. Por un lado Vallibria, editado en Mondoñedo por Xosé
Trapero Pardo desde 1930. Cabarcos publicaba os seus versos na sección
«Cóxegas» deste semanario, que anos despois daría título ao seu libro, asinando
os seus poemas co alcume de Bruxo dos
Ermos. Por outro lado Juventud de Alaje,
folla parroquial editada no Valadouro por Ramón Canoura Fernández desde 1945.
Nestoutro xornal Cabarcos insería os seus poemas na sección «Andrómenas» e
asinaba co alcume de Severo.
E como eran as «Cóxegas» de don
Celestino? Poderiamos definir a súa poesía como unha lírica do cotián.
Anécdotas do seu labor como párroco, a súa relación cos paisanos, a vida do
seminario, a estrea da casa do concello do Valadouro, a inauguración do parque
de Ferreira… todo era susceptíbel de ser versificado polo crego de Lagoa. Os
seus poemas son inequivocamente humorísticos, pensados para ofrecer no seu
remate unha sentenza exemplarizante.
Mantivo amizade con destacados
escritores da súa época. Son de destacar as figuras de Antonio Noriega Varela e
de Daniel Pernas Nieto, este último crego coma o noso protagonista quen daría
ao prelo en 1936 (xa comezada a Guerra Civil) o seu libro Fala das musas. Das destacadas relacións de Cabarcos dá idea o
feito de que Cóxegas foi prologado
por José María Castroviejo.
Don Celestino Cabarcos Suárez faleceu o 10
de xaneiro de 1961. No seu haber a publicación dun libro de poemas en galego
nuns tempos pouco propicios para a nosa lingua. Choran os portugueses a morte
do seu poeta Herberto Helber (1930-2015), Lembramos nós, con xustiza poética,
ao Bruxo dos Ermos e as súas Cóxegas.
Artigo publicado no xornal A Mariña-El Progreso, 2 de abril de 2015, páxina 4
Artigo publicado no xornal A Mariña-El Progreso, 2 de abril de 2015, páxina 4
Ningún comentario:
Publicar un comentario