![]() |
Xan de Masma (Mondoñedo, 1850 - A Habana, 1900) |
De entre os variados autores que dan
brillo ás letras mindonienses queremos lembrar hoxe a figura de Xan de Masma.
Se cadra non é un dos escritores máis coñecidos, mais non por iso deixa de ser
digno de recoñecemento e, facemos fincapé na suxestión, necesitado de
recuperación.
Xan de Masma, alcume literario de
Patricio Delgado Luaces, naceu en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850. Decidido
valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses
sobranceiros, á cabeza dos cales podemos situar o bispo López Borricón. A súa
militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en
1872 no castelo de Santo Antón na Coruña. Posteriormente sería desterrado a
Cuba, onde desenvolveu un intenso labor literario.
Na Habana participou en varias empresas
xornalísticas, destacando polo seu vencello á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes
galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma
publicaría por entregas a súa novela ¡A
Besta!, entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais
produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a
prensa galega da Habana.
A novela está dividida en dúas partes.
Na primeira coñecemos a Pepiña, filla de labregos de Viloalle. A moza está
sometida á presión de don Policarpo, cacique que xa abusara doutras mulleres. A
insistencia do vello patrón obriga a Pepiña a abandonar a súa casa e marchar ao
Cadramón, nas terras do Valadouro, onde prospera como criada do crego desta
parroquia. Na segunda parte do romance o autor presenta a don Pedro, heroe
carlista natural do Cadramón que, tras numerosas peripecias na fronte de loita
no País Vasco e no exilio de París, regresa á súa parroquia natal. Como non
podía ser doutro xeito, a novela remata coa voda de Pepiña e de don Pedro.
A maioría dos críticos sitúan esta obra
dentro dos parámetros da novela naturalista, hexemónica no derradeiro terzo do
século XIX. Aínda así, a denuncia que fai o autor das inxustizas e das
opresións sufridas polas camadas máis desfavorecidas, fai que o texto de Xan de
Masma poida tamén ser considerado como un ensaio de novela socio-política.
Cómpre sinalar, porén, que a redención proposta polo autor era de claro talante
conservador, tal e como correspondía á súa ideoloxía tradicionalista.
Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de
abril de 1900. A el debémoslle a autoría dunha das primeiras novelas longas en
lingua galega, paradoxalmente publicada ben lonxe das nosas fronteiras. Outro
exemplo máis do moito que Galiza debe aos seus emigrantes, que tanto fixeron
polo cultura deste país. ¡A Besta!
foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1993, polo que se atopa dispoñíbel para
todos os lectores que queiran gozar dunhas fermosas páxinas do mindoniense Xan
de Masma.
Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 26 de abril de 2015, páxina 8
Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 26 de abril de 2015, páxina 8
Foi confirmado en brazos dos seus pais con Ramona Fernández de Noriega e irmáns... Cornejo dirixiu a Partida e cuidou a Noriega e ao seu irmán. Unha Tradicción sen contar...! Aí andamos e Cidre ten muitas cartas que aportan muita historia dos Carlistóns...
ResponderEliminar