
O libro ábrese
cunha panorámica xeral do nacionalismo nos tempos da II República, sen dúbida á
época do seu máis vizoso desenvolvemento, cun Partido Galeguista que non deixou
de medrar naqueles anos de democracia e liberdade. Con todo, a virulencia do
golpe militar de xullo de 1936 acadou desartellar axiña a organización
galeguista, aínda que o autor fai fincapé en que non faltaron os galeguistas
que opuxeron resistencia aos militares rebeldes. Así foi, o profesor Diéguez
Cequiel certifica no seu libro como cadros galeguistas opuxeron unha
resistencia armada ao golpe militar, pasando a integrar as filas da guerrilla.
Velaquí unha das novidades que nos ofrece esta investigación: «Con todo, non
significa isto que na resistencia armada non estiveran presentes outros
idearios, sensibilidades e militancias, nomeadamente anarquistas, socialistas e
galeguistas. A respecto destes últimos, unha cifra indeterminada de activos
participaría na resistencia e loita armada fronte os facciosos» (p. 84). O
nacionalismo galego tamén demostrou un alto grao de organización no territorio
leal á República, coa formación de batallóns e milicias para loitar contra os
sublevados. A figura de Castelao impón o seu liderado, tal e como podemos
comprobar a través de publicacións como Nueva
Galicia (Madrid) e Nova Galiza (Barcelona).
O ano 1939
marcou o comezo dun longo exilio para todos os valedores da causa republicana.
Ao igual que outros sectores políticos, o nacionalismo galego axiña comezou a
artellar a súa reorganización, aínda que agora con dous vieiros diferentes: os
galeguistas que ficaron no interior e os que marcharon ao exilio, nomeadamente
en América. Polo que toca ao exilio, a figura de Castelao e a cidade de Bos
Aires eríxense en protagonistas. En efecto, foi na capital arxentina onde
naceu, en 1941, a Irmandade Galega, organización que pretendía a reconstitución
do galeguismo ampliándoo. Esta entidade agrupaba non só aos vellos galeguistas,
senón tamén aos antigos adversarios arredistas da Sociedade Nazonalista Pondal.
Estes últimos, como moi ben descobre o autor deste libro, botarían a andar en
1941 unha nova xeira da súa publicación A
Fouce: «A Sociedade Nazonalista
Pondal tería vida activa como grupo até 1938, mantendo A Fouce como medio de expresión e transmisión ideolóxica até aquela
altura nunha súa primeira etapa. A publicación reaparecería a partir do 1941
até o 1944 (...) nunha súa nova xeira aínda non estudada até o momento en
nengunha monografía» (p. 152). Mais sen dúbida a principal achega política do
exilio nacionalista foi a creación do Consello de Galiza en 1944, entidade que
pretendía pór a Galiza no mesmo nivel institucional que tiñan vascos e
cataláns. A organización do nacionalismo no exilio americano é amplamente
estudada por Diéguez Cequiel, quen non se centra só no caso arxentino, senón
que realiza unha panorámica xeral polos países onde había unha presenza
destacada de galegos.
Non obstante,
o labor de Castelao e a lexitimidade do Consello de Galiza non serían aceptados
de forma unánime. Non só polo resto de formacións políticas, que artellaron outras
entidades de confluencia, caso por exemplo do Bloque Republicán Nazonal Galego
en París, arredor da figura de Manuel Portela Valladares. Mais tamén polos
galeguistas do interior, que tras uns intentos de reconstrución por volta dos
anos 1944-1945, irían paseniñamente arredándose do nacionalismo exiliado e
deseñando unha nova estratexia que pasaba por unha acción netamente
culturalista, a cal sería capitaneada de forma decidida por Ramón Piñeiro. En
palabras do autor «... a distancia fíxose tan grande, e tan insalvábel, que a
ruptura entre as dúas concepcións do ‘galeguismo’, situadas en ambas bandas do
Atlántico, estaba a se consumar» (p. 286).
Porén, a
estratexia marcada por Piñeiro axiña ía ser tamén cuestionada. A comezos da
década dos sesenta unha nova xeración de mozos reclamou unha acción política
máis decidida. É nesa liña onde podemos situar a fundación do Consello da
Mocedade e o nacemento de novos partidos políticos: o Partido Socialista Galego
(PSG) e, sobre todo, a Unión do Pobo Galego (UPG), esta última en relación
directa cos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo. Neste senso o
máis interesante da investigación de Diéguez Cequiel é constatar como o exilio
galeguista seguía de preto todos estes movementos, tentando influír
decisivamente no seu desenvolvemento. Así nolo conta: «O grupo iría tendo tal
activismo que o vello ‘goberno galego no exilio’ chegaría a establecer un
estreito contacto naquela segunda metade dos anos sesenta coa UPG. Ambas
organizacións chegaríanse a recoñecer como parte dun todo, traballando
coordinadamente (...) Unha realidade pouco coñecida e de grande relevo, fronte
á idea de seren exilio e interior, diante daquela recomposición, realidades sen
ligazón algunha» (p. 319).
En resumo, atopámonos diante dunha completa monografía dedicada ao estudo dunha das épocas do galeguismo menos coñecida. O volume complétase cun amplo anexo gráfico e documental no cal o lector poderá consultar de primeira man moitas das fontes empregadas para a elaboración desta obra. Saudamos, pois, a aparición deste libro e agardamos que actúe como revulsivo para novas investigacións sobre a historia dos anos máis recentes do nacionalismo galego.
En resumo, atopámonos diante dunha completa monografía dedicada ao estudo dunha das épocas do galeguismo menos coñecida. O volume complétase cun amplo anexo gráfico e documental no cal o lector poderá consultar de primeira man moitas das fontes empregadas para a elaboración desta obra. Saudamos, pois, a aparición deste libro e agardamos que actúe como revulsivo para novas investigacións sobre a historia dos anos máis recentes do nacionalismo galego.
Uxío-Breogán
Diéguez Cequiel
Edicións
Laiovento, 2015, 450 páxinas
Recensión publicada na revista Grial, nº 208, outubro-decembro de 2015, p. 96-97 (ver)
Recensión publicada na revista Grial, nº 208, outubro-decembro de 2015, p. 96-97 (ver)
Ningún comentario:
Publicar un comentario