Rescatamos
unha lectura de 2008. Co gallo do retorno a Galiza dos restos de Ramón Suárez
Picallo (1894-1964) apareceron varios libros sobre a vida e a obra deste
sobranceiro galeguista. Entre os máis interesantes estivo unha escolma de
artigos publicados na emigración arxentina. Dúas son as posicións deste
primeiro Suárez Picallo: o combatente esquerdista e o valedor do galeguismo. En
calquera caso, sempre combativo, sempre militante, este galeguista de Sada
adquiriu nos anos da súa emigración unha formación que sería crucial para a súa
vida política futura.
* * *
O 14 de outubro de 2008, coincidindo co corenta e
catro cabodano do seu pasamento, regresaban a Sada os restos de Ramón Suárez
Picallo, cumprindo así o seu desexo. A vida deste dirixente galeguista tivo, a
grandes trazos, tres grandes etapas: primeiro, desde a súa emigración á
Arxentina en 1912 até o seu regreso a Galiza en 1931; segundo, a súa actividade
durante a II República española; e, terceiro, o exilio que o devolve, desta vez
de xeito forzado, a terras americanas. Exilio definitivo, pois Suárez Picallo
faleceu en Bos Aires en 1964.
Das tres etapas sinaladas, a primeira delas era a
que permanecía máis na escuridade, pola falta de investigacións que botaran luz
sobre os anos de Suárez Picallo na emigración arxentina. A paliar tal eiva
contribúe o libro que comentamos. Trátase dunha antoloxía de textos escritos
por Suárez Picallo entre 1916 e 1931 en revistas do movemento obreiro arxentino
e xornais da colectividade galega emigrada. A edición do libro correspóndelle á
Federación de Sociedades Gallegas (FSG), institución na cal o ilustre sadense
tivo un notábel protagonismo. O estudo introdutorio e a selección dos textos
estiveron ao coidado de Hernán M. Díaz.
Na introdución analízase o percorrido de Suárez
Picallo na emigración. Esta primeira etapa da súa vida pode, pola súa vez,
subdividirse en dúas: por unha parte, un período esquerdista, tanto no político
como no sindical; por outra parte, o seu achegamento ao galeguismo. Emporiso,
ambas as dúas partes non son independentes, a bagaxe intelectual adquirida ao
longo da súa militancia obreira foi fundamental para atopar un lugar no eido
galeguista. Curiosamente, o responsábel do volume exemplifica estas dúas fases
con nomes diferentes do de Sada: Ramón Suárez, como asinaba as súas
colaboracións, para a época de militante obreiro; e Suárez Picallo, nome que
comezou a usar cando se vencella ao nacionalismo galego en Bos Aires.
Ramón Suárez comezou a súa militancia política na á
máis radical do socialismo arxentino, a cal, en 1918 daría orixe ao Partido
Socialista Internacional; esta organización transformaríase en 1920 no Partido
Comunista, forza en que permanecería Suárez até 1922. Xa desde os seus comezos
na acción política destacou o emigrante sadense como un notábel orador, razón
que lle favoreceu para ser designado como candidato en varios procesos
electorais. Ora ben, desilusionado polas loitas fraticidas e polas escisións
internas, vai abandonar a política activa para ser centrar no traballo
sindical. Contrasta esta inicial militancia leninista de Ramón Suárez coa
posterior carraxe que desenvolverá cara aos comunistas, sobre todo despois de
actuar como avogado de militantes anarquistas durante a Guerra Civil.
Entre 1917 e 1924 Ramón Suárez militou no ámbito sindical
da mariña mercante, onde ocupou relevantes cargos. Así, en 1923 era membro do
consello federal da Federación Obrera Marítima; por outra parte, en 1922
integrou o comité central da Unión Sindical Argentina. Intervén decisivamente
en varios conflitos obreiros, destacando a súa actividade contra a lei de
xubilación que pretendía impor o goberno do presidente Marcelo T. de Alvear. Ora
ben, en 1924 o fracaso da folga marítima vai ir arredando progresivamente a
Ramón Suárez da militancia sindical. Aínda así, en 1926, viaxou a Xenebra para
asistir a unha reunión da Organización Internacional do Traballo.
Suárez Picallo chegou ao galeguismo da man doutro
destacado emigrante: Eduardo Blanco Amor. O seu ámbito fundamental de actuación
galeguista foi a Federación de Sociedades Gallegas (FSG), a onde chegou en
decembro de 1925. No seo da FSG había unha dura pugna entre un sector
galeguista e outro sector socialista, que en 1929 deu lugar á fundación de dúas
Federacións diferentes. Suárez Picallo tomou partido polo bando galeguista, do
cal sería un dos seus principais líderes.
Tanto na etapa esquerdista como na etapa galeguista,
Suárez Picallo expresou a súa opinión por medio de artigos en xornais e
revistas, comezou nesta época unha relación coa prensa que había durar toda a
súa vida e que, en determinados momentos, foi fundamental para o seu sustento. Da
etapa obreira debemos sinalar o seu traballos nos xornais La Internacional, La
Argentina ou La República. Polo que
toca ao galeguismo, Suárez Picallo foi codirector da revista Céltiga, publicación fundamental para o
espallamento do galeguismo na Arxentina, e colaborou tamén no foceiro da FSG: El Despertar
Gallego. Por esta época tamén deu ao prelo obras de entidade, tales como o
folleto Cartas a un obrero (1922) e a
peza teatral Marola, estrada no
teatro Mayo de Bos Aires en 1925.

No segundo bloque de artigos atopamos, case na súa
totalidade, textos extraídos do periódico El
Despertar Gallego. Nestes textos podemos observar a evolución de Suárez
Picallo cara aos problemas de Galiza. Se ben é certo que segue preocupado polas
cuestións sociais, esas inquedanzas vanse trasladar desde o internacionalismo
ao caso galego. Este interese por Galiza vaino levar a mudar o seu referente
revolucionario, que do proletariado vai pasar ao campesiñado e ao movemento
agrarista. A preocupación por Galiza vai levar a Suárez Picallo ao nacionalismo
galego, do cal demostra ser un gran coñecedor, así como dos seus líderes. Encadrouse
nunha visión progresista do galeguismo, que xuntaba universalismo e defensa do
propio. Porén, a súa visión do nacionalismo galego, en opinión de Hernán M.
Díaz, tampouco estivo exenta dunha esencia marxista. Así, o noso home teimou en
demostrar a vitalidade nacional de Galiza, para fuxir do cualificativo de «pobos
sen historia», como alcumou Engels a aquelas nacións que non eran capaces de
facer valer a súa identidade nacional. Para Suárez Picallo non había
contradición entre nacionalismo galego e internacionalismo: «Por eso no
hallamos incompatibilidad en defender los derechos nacionales de Galicia, como
gallegos, y defender los derechos que tienen todos los pueblos de ser libres,
como ciudadanos del orbe» (p. 133).
Ramón Suárez Picallo adquiriu nos anos da súa
emigración unha importante bagaxe cultural; son estes anos de formación, de
loitas políticas e sindicais na Arxentina, os que explican que puidese
impresionar os líderes republicanos galegos, que o propuxeron como candidato ás
Cortes constituíntes da II República. De novo, unha mostra máis da importancia
da emigración no devir da Galiza contemporánea.
Años de formación política. Selección de
textos (1916-1931)
Ramón
Suárez Picallo
Hernán M.
Díaz (introdución, selección e notas)
Bos
Aires: Editorial Alborada, 2008, 156 páxinas
Versión da recensión publicada na revista Estudos Migratorios, vol. II, nº 1,
2009, pp. 225-228.
Ningún comentario:
Publicar un comentario