Francisco
X. Fernández Naval publicou en 2006 un libro sobre a influencia dos galegos
exiliados na Arxentina na obra de Julio Cortázar. O volume non só achega datos
sobre a participación deste escritor nas empresas culturais dos exiliados,
senón tamén sobre o inmenso labor desenvolvido polos desterrados galegos nas
terras do Plata. Fernández Naval é un gran coñecedor da conexión galega de
Julio Cortárzar. Á obra que recuperamos hoxe engadiríase en 2014 o volume O soño galego de
Julio Cortázar, tamén na editora ourensá
Linteo.
* * *

O inicial período creativo de Julio Cortázar
coincidiu coa chegada a Bos Aires dos exiliados galegos, que viñan fuxindo da
guerra e da represión en España. Entre eses exiliados había un bo número de
intelectuais, que non tardaron en ocupar un lugar principal na vida cultural
arxentina. Entre estes desterrados galegos e Julio Cortázar xurdiu de inmediato
unha ósmose que daría importantes froitos culturais. A relación de Cortázar cos
exiliados galegos amósanos o gran labor cultural levado a cabo por estes no
país de acollida. En efecto, nas páxinas do libro de Fernández Naval podemos
comprobar a relación de Cortázar con Arturo Cuadrado ou con Lorenzo Varela, que
non dubidaron en convidar ao autor arxentino a colaborar nas revistas
literarias que crearon en Bos Aires. Podemos destacar, neste senso, o labor de
crítica literaria que desenvolveu Cortázar na revista Cabalgata, grazas ao convite realizado por Lorenzo Varela. Porén, a
brillante creación literaria de Julio Cortázar tamén tería unha importante
presenza nestas revistas literarias. Así, como exemplo, podemos sinalar a
publicación do relato “Bruja”, que saíu no número dezanove da revista Correo Literario, que tiña como
directores a tres homes chave do exilio galego: Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela
e Luís Seoane. Deste xeito podemos comprobar como o labor cultural do exilio
galego contribuíu á difusión da obra literaria de Julio Cortázar. Varios son os
retratos que Luis Seoane realizou do autor de Rayuela, un dos cales, por certo, ilustra a portada do libro que
comentamos.
No entanto, Cortázar non só participou nestas
empresas culturais, senón que se integrou de xeito activo no ambiente cultural,
no fervedoiro de ideas e proxectos, xerado tras a chegada dos exiliados galegos
á capital arxentina. Se cadra, o mellor exemplo desa adopción de Cortázar polos exiliados é a súa participación na mítica
tertulia do café Tortoni, a onde chega, segundo información de Fernández Naval,
grazas ao escultor Lorenzo Domínguez. Nesta tertulia coñecería Cortázar a
Rafael Dieste co cal non só mantería relación en Bos Aires, senón tamén na súa
etapa en París. Por outra parte, o autor deste libro teima en atopar unha
similitude na teoría do conto entre Dieste e Cortázar, polo que as mutuas
influencias irían alén do persoal para chegar á creación literaria.
Porén, non son os comentados os únicos
galegos que tiveron unha estreita relación con Julio Cortázar. En efecto,
comprobamos como Cortázar mantivo unha numerosa relación epistolar co editor
Francisco Porrúa, da Editorial Sudamericana. O libreiro Francisco Gil foi
amigo, non só de Cortázar, senón da maioría dos escritores arxentinos que
pasaron pola súa libraría. A nómina aínda é máis grande: Antonio Pérez Prado,
José Ángel Valente, Ramón Chao ou Leopoldo Nóvoa completarían as relacións
galegas de Cortázar. Cómpre non esquecer, polo que toca ao ámbito das relacións
persoais, que o noso escritor casou con Aurora Bernárdez, arxentina filla de
galegos, así como irmá do poeta Francisco Luis Bernárdez.
A posición, tan destacada, dos emigrantes e
exiliados galegos na vida de Julio Cortázar non podía deixar de manifestarse na
súa obra. En efecto, neste libro analízase a presenza da emigración galega na
obra de Cortázar, ao tempo que se pasa revista aos principais personaxes
galegos da obra deste escritor. Atopámonos, xa que logo, con don Galo Porriño,
un dos protagonistas das novela Los
Premios; segundo Fernández Naval: “O personaxe de Galo Porriño demostra un
coñecemento profundo dos arquetipos da sociedade galega, ou de sociedades como
a galega, por parte de Julio Cortázar” (p. 177). Xunto ao anterior, nas páxinas
desta obra aparécenos tamén Curro, o galego propietario do local onde se atopan
os personaxes de 62 Modelo para armar.
![]() |
Julio Cortázar na Ponte da Ramallosa (Val Miñor) 1957 |
Pero, aínda máis, o profundo coñecemento que
Cortázar tiña dos galegos emigrados a Bos Aires chegaba mesmo á lingua que lles
era propia. Así, o galego non era unha lingua estraña para el, tal e como
indica o autor do libro, que insiste en que o galego era o idioma polo que respiraban
os galegos da infancia e da adolescencia de Cortázar: “Respirar polo idioma.
Idioma necesario coma o aire (…) Galegos
que cantan entre os fumes que non son néboa, só traballo que lles permite
alimentar o soño do regreso e, mentres chega o día, o idioma como aire” (p.
160-161). Non é esta unha percepción da saudade, a palabra máis veces repetida
nas tertulias dos seus amigos galegos? Un sentimento tan propio de Galiza que
non se lle escapou ao gran autor arxentino.
En definitiva, neste libro Julio Cortázar
convértese nun privilexiado medio para coñecer o labor cultural dos exiliados
galegos. Da importancia destas actividades non pode haber mellor exemplo que a
relevancia dunha figura como a de Julio Cortázar, a quen os desterrados galegos
abriron as páxinas das súas revistas. Isto suxírenos, para rematar, unha
reflexión: Galiza perdeu en 1936, entre outras cousas, a calidade humana e
profesional duns intelectuais que foron dar o mellor de si a outras terras, e,
aínda que a bagaxe do exilio tamén nos pertence, non deixa de ser triste que
todo ese labor non puidera desenvolverse no propio país. O que pasou unha vez,
que non volva repetirse.
Respirar polo idioma (os
galegos e Julio Cortázar)
Fernández Naval, Francisco X.
Ourense: Linteo, 2006, 211
páxinas
Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións, vol. I, nº 2, 2008, pp. 231-233.
Ningún comentario:
Publicar un comentario