A declaración
de 2006 como Ano da Memoria
contribuíu de xeito decisivo a incentivar a produción historiográfica sobre a
Guerra Civil e a posguerra en Galiza. Sen dúbida, no comentado tamén tivo moito
que ver o equipo de investigación “Nomes e voces” da Universidade de Santiago
de Compostela, cuxos froitos seguen saíndo á luz. Tal podemos considerar o
libro que imos comentar nas seguintes liñas: Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra
Civil (1936-1939), obra colectiva baixo a coordinación do profesor Emilio
Grandío. O volume analiza como se foron desenvolvendo os mecanismos de
vixilancia e investigación para reprimir os elementos republicanos e manter un
estrito control da sociedade. Neste senso, a posición de Galiza como retagarda
permitiu experimentar con métodos que máis tarde se espallaron a toda a España
franquista.
O primeiro dos
traballos recollidos neste libro, obra de Javier Rodríguez González, estuda os
mecanismos da represión franquista, a base legal que amparou os procesos de
depuración. Neste senso, cómpre lembrar que a represión exercida polo
franquismo foi un proceso conscientemente organizado, en palabras deste autor:
“Mentres na zona sublevada é un terror organizado, que se converterá pouco a
pouco nunha forma de acción política, na republicana as deficiencias de control
dos centros operativos explican en parte o carácter incontrolado…” (p. 16). O
estudo repasa cales eran os principais apoios ideolóxicos e materiais das novas
autoridades, sendo a Igrexa Católica e a Falange os que deron unha maior
cobertura á sublevación militar, e, xa que logo, aos procesos de investigación
e vixilancia sobre os partidarios da República.
Avanzando un
pouco máis, o artigo de Emilio Grandío analiza o desenvolvemento duns servizos
de intelixencia encamiñados á represión. Cómpre insistir no feito de que para
os dirixentes da nova orde o coñecemento e investigación de cales foran os valedores
da República era fundamental, xa que era condición sine qua non para o estrito control da sociedade que procuraban. No
estudo de Grandío podemos ver como se avanza cara un progresivo proceso de
centralización dos servizos de información, desde a conformación de órganos
separados de información dos corpos de seguranza ou da Falange até a procura
dunha unificación que os faga máis efectivos. Da lectura deste texto intúese unha
obsesión por saber e coñecer, unha arela que vai alén da actividade pública
para chegar ao íntimo e persoal. Desta obsesión é tamén mostra o feito de que
nin as institucións adictas ao novo réxime –Igrexa ou Falange− escaparon da
investigación: a sospeita era permanente e xeneralizada.
No terceiro
traballo Manuel Pérez Lorenzo estuda o desenvolvemento na praxe dos mecanismos
de vixilancia, centrándose nas organizacións encargadas de fornecer a
información. Así, este investigador pasa revista á actuación de Garda Civil,
Policía, Falange, Igrexa Católica e Administración como colaboradores
esenciais, sen esquecer o papel de individuos a título particular. Cómpre
subliñar neste traballo o papel das delegacións de Orden Público, órganos chave da represión franquista e, xa que
logo, funcionarios especialmente interesados na coordinación da vixilancia e
investigación. A importancia da Delegación
de Orden Público para o control da retagarda e a consolidación novo réxime
foi crucial, polo que o seu papel é subliñado na meirande parte dos traballos
recollidos neste libro.
Os dous
seguintes traballos incluídos no volume son dous estudos de caso. Rosalía
Regueiro fai unha pormenorizada análise dunha listaxe de persoas vixiadas por
parte da Delegación de Orden Público
da Coruña. Cunha completa información estatística a autora constata a
importancia que as novas autoridades daban ás achegas de informadores
particulares e, unha vez máis, ao feito de que ninguén escapaba da sospeita:
“Calquera cidadá ou cidadán é susceptible de ser sospeitoso, por moito que
pertenza a círculos teoricamente ben relacionados co réxime, posto que había
que ter un control exhaustivo da retagarda” (p. 189). No outro estudo Pilar
Mera Costas analiza a represión sobre a masonaría galega desatada polas novas
autoridades franquistas. As conclusións deste artigo son, sen dúbida,
sorprendentes. Malia ser a masonaría obxecto principal da xenreira do
franquismo –con teima persoal do propio Franco− parece que a represión sobre os
masóns galegos foi menos virulenta que noutros lugares. Despois de pasar
revista á persecución da masonaría en cada provincia, a autora conclúe que
varias son as causas da permisividade cara a masonaría galega: desde os apoios
con que contaban entre as novas autoridades até o feito de seren os masóns
persoas cun poder local notábel, susceptíbel de ser empregado a favor do
franquismo unha vez esquecidas as veleidades pasadas.
E finalmente a
memoria: como lembran hoxe en día as vítimas e os seus familiares as medidas de
vixilancia a que eran sometidos? Esta é a pregunta á que tenta responder Xurxo
Pantaleón no derradeiro artigo deste libro. Dúas son as conclusións que tiramos
deste texto. En primeiro lugar, nos testemuños das vítimas sobre o control
social durante a Guerra Civil hai que subliñar tanto o que se conta como que se
cala, xa que como indica o autor: “…porque eses baleiros na memoria son a
última manifestación do éxito dalgunhas das prácticas postas en marcha dende os
primeiros intres da sublevación militar” (p. 245). Aínda así, en segundo lugar, a memoria das
vítimas é un contributo decisivo para poder reconstruír a rede de vixilancia e
información posta en marcha polos sublevados.
En resumo, estamos
perante unha obra que pon un chanzo máis na recuperación do noso pasado máis
inmediato. Labor tanto máis importante canto, como indica Emilio Grandío na
introdución, o progresivo afastamento dos feitos ás veces contribúe a dar unha
imaxe de normalidade e de paz social que non era tal.
Reseña publicada na revista Grial, nº 194, abril-xuño de 2012, p. 83-84
Vixiados. represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra
Civil (1936-1939)
Emilio
Grandio Seoane (ed.)
Edicións
Laiovento, 2011, 271 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario