17/07/12

UNHA SOCIEDADE BAIXO SOSPEITA


A declaración de 2006 como Ano da Memoria contribuíu de xeito decisivo a incentivar a produción historiográfica sobre a Guerra Civil e a posguerra en Galiza. Sen dúbida, no comentado tamén tivo moito que ver o equipo de investigación “Nomes e voces” da Universidade de Santiago de Compostela, cuxos froitos seguen saíndo á luz. Tal podemos considerar o libro que imos comentar nas seguintes liñas: Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939), obra colectiva baixo a coordinación do profesor Emilio Grandío. O volume analiza como se foron desenvolvendo os mecanismos de vixilancia e investigación para reprimir os elementos republicanos e manter un estrito control da sociedade. Neste senso, a posición de Galiza como retagarda permitiu experimentar con métodos que máis tarde se espallaron a toda a España franquista.

O primeiro dos traballos recollidos neste libro, obra de Javier Rodríguez González, estuda os mecanismos da represión franquista, a base legal que amparou os procesos de depuración. Neste senso, cómpre lembrar que a represión exercida polo franquismo foi un proceso conscientemente organizado, en palabras deste autor: “Mentres na zona sublevada é un terror organizado, que se converterá pouco a pouco nunha forma de acción política, na republicana as deficiencias de control dos centros operativos explican en parte o carácter incontrolado…” (p. 16). O estudo repasa cales eran os principais apoios ideolóxicos e materiais das novas autoridades, sendo a Igrexa Católica e a Falange os que deron unha maior cobertura á sublevación militar, e, xa que logo, aos procesos de investigación e vixilancia sobre os partidarios da República.

Avanzando un pouco máis, o artigo de Emilio Grandío analiza o desenvolvemento duns servizos de intelixencia encamiñados á represión. Cómpre insistir no feito de que para os dirixentes da nova orde o coñecemento e investigación de cales foran os valedores da República era fundamental, xa que era condición sine qua non para o estrito control da sociedade que procuraban. No estudo de Grandío podemos ver como se avanza cara un progresivo proceso de centralización dos servizos de información, desde a conformación de órganos separados de información dos corpos de seguranza ou da Falange até a procura dunha unificación que os faga máis efectivos. Da lectura deste texto intúese unha obsesión por saber e coñecer, unha arela que vai alén da actividade pública para chegar ao íntimo e persoal. Desta obsesión é tamén mostra o feito de que nin as institucións adictas ao novo réxime –Igrexa ou Falange− escaparon da investigación: a sospeita era permanente e xeneralizada.

No terceiro traballo Manuel Pérez Lorenzo estuda o desenvolvemento na praxe dos mecanismos de vixilancia, centrándose nas organizacións encargadas de fornecer a información. Así, este investigador pasa revista á actuación de Garda Civil, Policía, Falange, Igrexa Católica e Administración como colaboradores esenciais, sen esquecer o papel de individuos a título particular. Cómpre subliñar neste traballo o papel das delegacións de Orden Público, órganos chave da represión franquista e, xa que logo, funcionarios especialmente interesados na coordinación da vixilancia e investigación. A importancia da Delegación de Orden Público para o control da retagarda e a consolidación novo réxime foi crucial, polo que o seu papel é subliñado na meirande parte dos traballos recollidos neste libro.

Os dous seguintes traballos incluídos no volume son dous estudos de caso. Rosalía Regueiro fai unha pormenorizada análise dunha listaxe de persoas vixiadas por parte da Delegación de Orden Público da Coruña. Cunha completa información estatística a autora constata a importancia que as novas autoridades daban ás achegas de informadores particulares e, unha vez máis, ao feito de que ninguén escapaba da sospeita: “Calquera cidadá ou cidadán é susceptible de ser sospeitoso, por moito que pertenza a círculos teoricamente ben relacionados co réxime, posto que había que ter un control exhaustivo da retagarda” (p. 189). No outro estudo Pilar Mera Costas analiza a represión sobre a masonaría galega desatada polas novas autoridades franquistas. As conclusións deste artigo son, sen dúbida, sorprendentes. Malia ser a masonaría obxecto principal da xenreira do franquismo –con teima persoal do propio Franco− parece que a represión sobre os masóns galegos foi menos virulenta que noutros lugares. Despois de pasar revista á persecución da masonaría en cada provincia, a autora conclúe que varias son as causas da permisividade cara a masonaría galega: desde os apoios con que contaban entre as novas autoridades até o feito de seren os masóns persoas cun poder local notábel, susceptíbel de ser empregado a favor do franquismo unha vez esquecidas as veleidades pasadas.

E finalmente a memoria: como lembran hoxe en día as vítimas e os seus familiares as medidas de vixilancia a que eran sometidos? Esta é a pregunta á que tenta responder Xurxo Pantaleón no derradeiro artigo deste libro. Dúas son as conclusións que tiramos deste texto. En primeiro lugar, nos testemuños das vítimas sobre o control social durante a Guerra Civil hai que subliñar tanto o que se conta como que se cala, xa que como indica o autor: “…porque eses baleiros na memoria son a última manifestación do éxito dalgunhas das prácticas postas en marcha dende os primeiros intres da sublevación militar” (p. 245).  Aínda así, en segundo lugar, a memoria das vítimas é un contributo decisivo para poder reconstruír a rede de vixilancia e información posta en marcha polos sublevados.

En resumo, estamos perante unha obra que pon un chanzo máis na recuperación do noso pasado máis inmediato. Labor tanto máis importante canto, como indica Emilio Grandío na introdución, o progresivo afastamento dos feitos ás veces contribúe a dar unha imaxe de normalidade e de paz social que non era tal.

Reseña publicada na revista Grial, nº 194, abril-xuño de 2012, p. 83-84

Vixiados. represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939)
Emilio Grandio Seoane (ed.)
Edicións Laiovento, 2011, 271 páxinas

Ningún comentario: