
O modelo frontista amosouse como un instrumento acaído para conseguir a unidade do nacionalismo nunha soa organización. Emporiso, o que no seu momento foi un modelo de organización axeitado, hoxe amósase como un impedimento para o avanzo do nacionalismo e, xa que logo, do proceso de construción nacional e emancipación social que o BNG representa.
Que ocorreu? Os distintos partidos e colectivos que integran o BNG teñen unha influencia que non se corresponde co seu peso real dentro da fronte. O sucesivo crecemento da organización levou a que os militantes que só somos afiliados ao BNG sexamos a inmensa maioría. Urxe recoñecer esta realidade. Os partidos e colectivos do BNG son hoxe en día grupos de presión, pequenos cenáculos onde se cociña a política do BNG sen que a inmensa maioría dos militantes poidamos influír na toma real de decisións. Esta situación vai en detrimento da participación da militancia na vida orgánica do Bloque, nas asembleas comarcais, moi especialmente. A información non flúe cara ás bases, que só acoden ás asembleas a ratificar o que foi decidido previamente. A deturpación do frontismo levou a que os sectores que patrimonializan o BNG manteñan un vergoñento control sobre a organización, levando a unha desmobilización e desmoralización da militancia. Como poderemos mudar esta situación sen repensarmos o frontismo? O movemento dos Non Adscritos foi unha grande esperanza precisamente porque aspiraban a representar a esa moitedume de militantes que non tiñan voz. O seu “éxito” debeuse, baixo a miña opinión, a que supuña un ataque directo a esa pequena política dos partidos e colectivos. Penso que calquera política renovadora para o Bloque ten que pasar por un discurso elaborado para os militantes que só teñan como fidelidade ao BNG.

Post scriptum: non hai moito tempo que o portavoz nacional falou da necesidade de construír o Partido Galeguista do século XXI. Non, non se trata de pasar do frontismo a un modelo partidario clásico, porque o mesmo modelo dos partidos entrou, na miña opinión, en crise. Emporiso, estamos en condicións de deseñar, de pensar, un novo modelo organizativo que reflicta, a un tempo, o carácter unitario do nacionalismo coa súa inherente pluralidade. E non, a min o discurso da pluralidade como desculpa do frontismo non me serve. O BNG é plural porque plural é Galiza. Tamén debo recoñecer que, malia o escrito até este momento, vexo no Bloque un maior nivel de cohesión que no PP e no PSOE. Entre outra cousas por isto é polo que penso que o exemplo de Unidade Galega no 2005 debería espallarse.