A Constitución promulgada o 19 de marzo
de 1812 supuxo unha profunda transformación no xeito de entender a política e a
administración. Esta Constitución foi a obra máis importante das Cortes inauguradas
en 1810. No contexto da crise institucional producida tras a invasión das
tropas francesas, os deputados reunidos en Cádiz construíron un novo edificio
político baseado na soberanía nacional. Atrás quedaban séculos de poder
absoluto dos reis, o feudalismo ou institucións tan deostadas como a
Inquisición. Non tardarían en chegar os cambios tamén a Lugo, na cidade
promulgouse e xurouse a Constitución os días 6 e 7 de agosto de 1812.
A Constitución promulgada en Cádiz
aparece, as máis das veces, case en exclusiva relacionada cos anos da guerra
contra os franceses (1808-1814). Sen deixar de ser certo, debemos de lembrar
que a Constitución de 1812 estivo tamén vixente noutras dúas ocasións. Durante
o coñecido como Trienio Liberal (1820-1823), época na que, como veremos, máis
afectou á organización do territorio. E, finalmente, a norma gaditana tamén
estivo en vigor a partir de agosto de 1836, cando un pronunciamento a volveu
rescatar, aínda que sería de xeito moi breve, pois case que decontado daría
paso a unha nova Constitución: a de 1837. Deste xeito, o 28 de agosto de 1836,
tiña lugar en Lugo unha nova cerimonia de acatamento da Constitución de 1812.
A arquitectura institucional deseñada pola
Constitución de Cádiz tamén supuña unha nova organización do territorio. Como
afectou esta nova orde a Galiza? E a Lugo? Quizais para entender mellor os
cambios que levou á periferia a Constitución de 1812 hai que partir de cal era
a situación precedente. Nos comezos do século XIX o territorio do que no futuro
ía ser a provincia de Lugo atopábase parcelado en dúas provincias: Lugo e
Mondoñedo. Debemos explicar, non obstante, que as antigas sete provincias
galegas non eran equivalentes ás actuais provincias. Non tiñan unha entidade
administrativa de seu, non contaban con organismos propios. Sería,
precisamente, a Constitución de 1812 a que lle daría unha entidade
administrativa á provincia.
E quen tiña o poder en Galiza antes da
Constitución de 1812? Pois a máxima autoridade política era o Gobernador,
nomeado directamente pola Coroa e con sede na Coruña. O Gobernador era tamén o
Capitán Xeneral e o presidente da Audiencia do Reino, importante institución
cuxas competencias ían máis alá do ámbito xudicial, sendo un organismo de
control social e político. O poder local estaba constituído por unha complexa
rede de xurisdicións, onde cada señor exercía, a un tempo, funcións políticas,
xudiciais ou de facenda. Lugo e Mondoñedo tiñan nos seus respectivos bispos os
principais señores xurisdicionais.
A promulgación da Constitución en 1812
revolucionou completamente a organización do territorio. Así, os lexisladores
gaditanos crearon dúas institucións para o goberno das provincias. A primeira
delas sería o denominado Xefe Político, nomeado directamente polo Goberno e que
podemos considerar un antecedente inmediato do Gobernador Civil. A outra institución
creada pola Constitución de 1812 foi a Deputación Provincial, que a diferenza
do Xefe Político, sería electa por sufraxio nas mesmas provincias, aínda que a
presidencia da mesma correspondería ao Xefe Político.
Agora ben, o nacemento destas
institucións non quere dicir que Lugo contara desde o mesma promulgación da
Constitución cun Xefe Político e cunha Deputación. Por que? Pois porque aínda
quedaba por realizar unha nova división provincial, que racionalizara a
complexa división da monarquía española. A mesma Constitución prevía, no seu
artigo once, a necesidade unha nova estrutura provincial. Mestres esta división
non se produciu, Galiza foi considerada como unha única provincia, contando cun
Xefe Político e cunha Deputación Provincial única. Habería que agardar até a
época do Trienio Liberal, concretamente ao ano 1822 para ver nacer a nova
provincia de Lugo, contando naquel momento xa coa súa propia Corporación
provincial.
![]() |
Javier de Burgos (1778-1848) |
A división provincial é atribuída en
exclusiva ao granadino Javier de Burgos en 1833. Se ben é certo que foi este
persoeiro, como ministro de Fomento, quen asinou o Real Decreto que estabelecía
o mapa provincial que chegou aos nosos días, os traballos necesarios para
proceder á división provincial realizáronse fundamentalmente durante a época do
Trienio Liberal, e foi tamén nesta época cando se fixou unha división en catro
provincias de Galiza, partición que non puido callar ao reinstaurarse o
absolutismo en 1823. Foi, xa que logo, en outubro de 1833 cando se consolida
definitivamente a provincia de Lugo e, dous anos despois, en 1835 cando se
instala outra vez a Deputación Provincial que chega á actualidade. Tamén nese mesmo ano se faría unha primeira división da provincia en concellos, estrutura municipal que se mantería até o ano 1840.
A diferenza do que ocorreu con
Mondoñedo, Lugo consolidou a súa posición como capital provincial, contando
ademais agora cunhas institucións de seu. Así, de facermos caso ao inglés
George Borrow, que visitou Lugo en 1837, a cidade tiña arredor de seis
milleiros de habitantes. Vexamos, para rematar, a descrición (a verdade, pouco
amábel) que Borrow facía do Lugo daquel momento:
“Está situado en lugar eminente defendido por
antigas murallas. Non ten ningún edificio moi notábel e a mesma igrexa catedral
é unha construción pouco significativa. No centro da cidade está a praza maior,
un lugar alegre, sen cercar por esas opresivas e molestas construcións coas que
os españois, tanto en tempos pretéritos como modernos, rodeaban as súas prazas.
É singular dabondo que Lugo, actualmente un sitio de moi pouca importancia,
tivera sido nunha época a capital de España; non obstante, tal ocorreu no tempo
dos romanos, quen como foron xente non moi levada de caprichos sen dúbida que
tiveron moi excelentes razóns para lle outorgar a súa preferencia á localidade”.