Entre as figuras senlleiras da cultura galega, que hoxe están practicamente
esquecidas, Arturo Cuadrado ocupa un destacado papel. Incansábel promotor de
empresas culturais, o seu nome está unido aos de Luis Seoane e Lorenzo Varela
na difusión bibliográfica galega en Bos Aires. Cuadrado é tamén símbolo dunha
Galiza que puido ser: a Galiza do exilio que recolleu os seus froitos lonxe das
súas raiceiras. Que mellor xeito que lembrar a súa figura que rescatar unha
lectura de 2004 dedicada á súa vida e á súa obra.
*
* *

Arturo Cuadrado Moure naceu en Denia, cidade da provincia
de Alacante a onde emigrara seu pai (de orixe castelá) e súa nai (natural de
Santiago de Compostela). En Denia residiría até 1918, nese ano o andazo de
gripe segaría a vida de seu pai e un irmán maior, motivando asemade a marcha da
familia á terra natal de súa nai. O libro estruturase arredor de pequenos
capítulos, nos cales o autor profundiza no labor de Cuadrado a prol da cultura
galega. Malia que o autor non fai unha agrupación destes pequenos episodios,
poderiamos observar nidiamente neste libro tres grandes etapas. En primeiro
lugar, a etapa que vai até a Guerra Civil, ocupa a parte máis extensa do libro
e nela atopamos a Cuadrado como iniciador de multiplas empresas culturais na
cidade de Compostela. Neste senso, cómpre destacar a súa participación na
creación dos xornais El País Gallego e Don Claro, entre outras
publicacións periódicas. Ora ben, se hai un elemento recorrente ao longo de
todo o volume ese é Resol. En efecto, estamos diante dunha das iniciativas
culturais máis sobranceiras de Arturo Cuadrado. A publicación desde 1932 da
folla Resol
contribuíu notabelmente á difusión da poesía e ao coñecemento dos principais
autores do momento, xa fosen galegos, españois ou estranxeiros. Ao traballo
citado habería que engadir o seu labor como editor (no selos Niké ou Resol), a
difusión da cultura entre o pobo a través do Comité de Cooperación Intelectual
(1932) ou o seu papel de activista republicano e loitador pola autonomía de
Galiza.
O comezo da Guerra Civil -segunda etapa deste libro- sorprendeu a Arturo Cuadrado en Madrid, como membro da comisión
encargada de facer entrega do Estatuto galego ás Cortes da República. Malia o
conflito, o labor cultural de Cuadrado non decae. Así, participará de xeito
activo na propaganda cultural do exército republicano. Á súa colaboración en
diversos xornais súmase tamén a publicación dun libro de poemas: ¡Aviones!
Poemas de la guerra (1937). De todo o labor levado a cabo por Cuadrado nesta
época, quere o autor destacar especialmente a súa participación na edición do
libro de Pablo Neruda España en el corazón (1937). Deste xeito, son
particularmente interesantes as páxinas nas que o autor recrea a edición deste
poemario en pleno conflito bélico.
A derrota republicana levou a Cuadrado ao exilio na
Arxentina, comezando a terceira e definitiva etapa deste libro. En Bos Aires o
seu activismo cultural non desaparece, senón que se fai aínda máis intenso.
Neste senso, debemos subliñar a importancia do triunvirato que formou con Luis
Seoane e Lorenzo Varela na creación de varios proxectos culturais. Sen dúbida,
o labor destes tres homes a prol do libro galego na Arxentina foi fundamental.
Este labor levouse a cabo a través da creación de editoras, entre as que son
exemplos sobranceiros a Editorial Nova (1942) ou a Editorial Botalla al Mar
(1947). Igualmente, a estes tres homes debeuse a publicación da revista Correo Literario, que sae á rúa entre
1943 e 1945 ao longo de corenta números. Na etapa americana Cuadrado seguiu a
ter unha intensa colaboración en todo tipo de publicacións periódicas,
destacando tamén a súa etapa como director da revista Galicia, órgano da Federación
de Sociedades Gallegas. E, por suposto, a poesía. Na etapa do exilio Cuadrado
deu ao prelo os seus máis importantes poemarios, entre os que podemos destacar:
Soledad
imposible
(1952), Canción para mi caballo muerto (1963) e Ola indecisa (1970). Todo este traballo
cultural fai de Cuadrado un dos principais publicistas do exilio galego na
Arxentina. No país austral finou en 1998, non sen antes ter realizado varias
visitas a Galiza.

En suma, velaquí unha obra que contribúe ao pago da
inmensa débeda que temos cos nosos exiliados. Neste recuperar da memoria non
podemos deixar de louvar o traballo editorial de Ediciós do Castro, que desde
hai ben tempo vén ofrecéndonos textos sobre a nosa emigración e exilio, xa sexa
a través de recopilacións de textos, epistolarios ou, como é o caso, por medio
de biografías como a de Arturo Cuadrado, un dos moitos galegos que fixo Galiza
en América.
Resol de ensueños para
Arturo Cuadrado
Chaves
Cuiñas, Antonio Manuel
Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 2004, 448 páxinas
Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. RevistaGalega de Análise das Migracións, Vol. I, nº 1 (2008), pp. 311-313.