Desde a creación das Irmandades da Fala en 1916 as relacións culturais entre Galiza e Portugal aumentaron de xeito considerábel. Tamén o fixo o interese das elites culturais do país veciño verbo do acontecer político de Galiza, como por exemplo o proceso estatutario da II República. Deste tema trata o libro que recuperamos hoxe, que analiza o seguimento que os xornais portugueses fixeron do Estatuto galego ao longo do período republicano, ao tempo que achega un importante anexo documental sobre o impacto do Estatuto na prensa portuguesa. A obra foi publicada en 2007 pola Casa Museu de Monção
(Universidade do Minho).
* * *
Sempre é interesante saber como nos ven os
demais, pois aparecen perspectivas diferentes, modos de ver as cousas que
escapan da nosa visión de axentes implicados. Por iso saudamos a aparición
deste libro de Norberto Ferreira sobre a autonomía galega na prensa portuguesa.
Alén do tema concreto que analiza esta obra, debemos felicitarnos tamén por un
volume que estuda as relacións entre Galiza e Portugal, tema necesitado de
moitos traballos e achegas. Xa que logo, este libro vén cubrir un baleiro na
historiografía galega, polo que, agardamos, teña moitos continuadores e
seguidores.
O libro de Norberto Ferreira estrutúrase en
dúas partes ben diferenciadas. O ensaio propiamente dito sobre o proceso
autonómico galego durante a Segunda República, visto á luz da prensa periódica
portuguesa, e un amplo anexo documental onde o autor reproduce integramente
textos que analiza na primeira parte do seu libro. Enganariámonos ao considerar
esta segunda parte como menor, como un simple complemento da primeira. Polo
contra, os textos recollidos neste anexo son dun grande valor documental.
Estamos, pois, diante dunha útil ferramenta posta a disposición doutros
estudosos.
Un libro destas características non pode
deixar de tratar dous temas. En primeiro lugar, as relacións históricas entre
Portugal e España. Neste senso debemos afirmar que a proclamación da República
en España non supuxo unha aproximación entre os dous países ibéricos. En
principio, o triunfo do republicanismo en España podería facer pensar que ideas
como o federalismo ou o iberismo, que tiñan as súas orixes e precedentes no
século XIX, ían agromar de novo. E, no entanto, non foi así. O réxime
ditatorial portugués viu a República española como un elemento
desestabilizador, como unha ameaza á súa propia supervivencia. Acontecía deste
xeito pola vertente esquerdista do novo réxime español. Así, para os dirixentes
da ditadura portuguesa o iberismo era sinónimo de masonaría, anticlericalismo e
inestabilidade, ideas que combatían. Por outra parte, o apoio das novas
autoridades da República española aos exiliados portugueses facía imposíbel
calquera aproximación entre os dous países. Xa que logo, as proclamas para unha
federación ibérica atoparon no réxime portugués unha forte reacción
nacionalista. A segunda das características ás que faciamos referencia ao
comezo deste parágrafo son as relacións entre Galiza e Portugal e os vínculos
entre os dous países. Afirma o autor que eses vínculos eran defendidos polas
elites intelectuais de ambas beiras do Miño. É de destacar a análise daqueles
intelectuais portugueses que escribiron sobre a identidade común na prensa
portuguesa, son os casos de Júlio Dantas, Gastão Sousa Dias, Rodrigues Lapa,
Ribeiro Carvalho ou Armando Marques Guedes.
Ora ben, se as semellanzas étnicas entre
Galiza e Portugal estaban claras, outra cousa era o apoio das autoridades
portuguesas ao proceso autonómico galego. Desta forma, podemos dicir que o
interese da prensa portuguesa pola cuestión autonómica galega estivo
determinado polas relacións que se mantiñan co novo poder republicano en
España. Así, a autonomía galega interesaba na medida en que debilitaba ou
fortalecía –como desexaban respectivamente a Ditadura portuguesa e a oposición–
a Segunda República. E esta será tamén a posición que adopten os xornais
portugueses dependendo da súa tendencia política. Desta forma, xornais da
Ditadura como Diário da Manhã, O Século ou A Voz defendían a autonomía galega porque coidaban que así
debilitarían o goberno republicano de Madrid. Ao mesmo tempo, outros xornais
portugueses, como O Primeiro de Janeiro,
República ou Diário de Lisboa tamén apoiaban o Estatuto galego, pero en base a
ser unha conquista democrática que atacaba o tradicional centralismo castelán.
As boas relacións de Salazar cos gobernos radical-cedistas (que se opuñan aos
Estatutos) levou a que as autoridades portuguesas esqueceran significativamente
a autonomía galega. Así as cousas, podemos afirmar que para os xornais
portugueses o Estatuto galego era unha peza máis das difíciles relacións que se
mantiñan con España. Por outra parte, nos momentos de crise do goberno
portugués, a cuestión galega quedaba reducida a unhas poucas liñas, cando non
desaparecía completamente.
Nos comezos da Segunda República é cando
podemos atopar un maior volume de noticias sobre a “questão da Galiza”, tal e
como o Diário da Manhã denominou o
problema da autonomía galega. Así, a prensa portuguesa non se achegou só aos
primeiros traballos autonomistas, senón que mesmo analizou os antecedentes do
nacionalismo galego. Os xornais portugueses escribiron sobre a asemblea
nacionalista de 1918, o Seminario de Estudos Galegos (fundado en 1923), os
mitins na honra dos mártires de Carral, a constitución do Partigo Galeguista...
Por outra parte, no que toca ao Estatuto galego, o xornal O Comércio do Porto ofreceu a través das súas páxinas un amplo
resumo dos debates da asemblea autonomista do 4 de xuño de 1931, que tivo lugar
na Coruña. Do mesmo xeito, o xornal lisboeta O Século reproduciu integramente o anteproxecto de Estatuto do
Seminario de Estudos Galegos, este mesmo diario daría ampla cobertura á
asemblea dos concellos galegos en decembro de 1932. Outro sinal que amosa a
importancia do Estatuto galego para a prensa portuguesa son as entrevistas
realizadas a políticos galegos. Otero Pedrayo, Villar Ponte ou Castelao foron
entrevistados polo Diário de Lisboa,
mentres que as declaracións de Basilio Álvarez aparecía n’O Comercio do Porto. Grande repercusión mediática tiveron en
Portugal as palabras de Otero Pedrayo nas que afirmaba que Galiza podería ollar
cara á Portugal de non atopar acubillo nunha España federativa.

A paulatina polarización política española, e
o vencello do Estatuto galego ás esquerdas, tamén tivo a súa influencia na
prensa portuguesa, sobre todo na da dereita, que pasou a velo como un factor de
inestabilidade. Así, a maioría da prensa portuguesa non ofreceu unha ampla
cobertura do plebiscito e da campaña de propaganda que o precedeu. Só Augusto
Casimiro (un dos fundadores da Renascença Portuguesa) na revista A Águia e Rodríguez Lapa no semanario O Diabo difundidon a importancia do proceso.
Este libro aporta unha visión diferente sobre
o o Estatuto galego durante a Segunda República. Acostumados como estamos a
velo só en perspectiva galega, esta obra constitúe unha importante achega.
Ademais de comprobar como nos ven outros ollos, o volume permite unha visión
internacional sobre a autonomía galega. Sexan benvidos libros deste estilo.
A autonomía galega na imprensa periódica portuguesa (1931-1936)
Norberto
Ferreira da Cunha
Casa Museu de Monção / Universidade do Minho,
2007, 278 páxinas.
Publicado na revista Grial, nº 176, outubro-decembro 2007, p. 93-95.