A
conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 xerou un número
importante de publicacións; non podía ser doutro xeito, dada a importancia que
este movemento tivo para a historia contemporánea de Galiza. As liñas que
seguen teñen por obxectivo comentar as principais características deses
volumes, un comentario que é necesariamente provisorio, dado que en 2017
continuarán a saír obras dedicadas ao coñecemento das Irmandades da Fala.
Pola
súa extensión, pola súa análise polo miúdo do mundo das Irmandades e por ser obra
dun só autor debemos comezar o noso percorrido por A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931),
obra de Emilio Xosé Insua, sen dúbida un dos autores que máis páxinas publicou
en 2016 verbo do centenario das Irmandades da Fala. O libro de Insua, esforzo
editorial de Baía Edicións, ofrécenos un detallado e documentado achegamento ao
mundo das Irmandades da Fala en todos os seus aspectos, xa sexa o puramente
lingüístico e literario, xa sexa a evolución política do primeiro nacionalismo
galego. O autor é un recoñecido experto na figura de Antón Villar Ponte, feito
que se deixa sentir na obra, pois o xornalista de Viveiro actúa como un fío condutor
que lle axuda a Insua a explicarnos a evolución das Irmandades. O carácter
enciclopédico deste libro fainos aventurar que está destinado a perdurar,
converténdose nunha verdadeira obra de referencia a respecto das Irmandades da
Fala.

A
Universidade da Coruña publicou co gallo do centenario das Irmandades o volume
colectivo As Irmandades da Fala, cen anos
despois, editado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulán, do Grupo de
Investigación Lingüística e Literaria (ILLA). Nesta obra os traballos sucédense
sen unha división en bloques temáticos e nela podemos atopar algúns dos autores
que tamén estaban presentes no libro de Xerais. Así, o libro componse de
dezaoito traballos que van desde a reflexión de conxunto até a análise polo
miúdo de aspectos específicos. Uns e outros amósannos a visión totalizadora que
as Irmandades propuxeron en relación co labor de construción nacional de
Galiza. En efecto, o volume ábrese co traballo “As Irmandades: unha ruptura
política e cultural”, no cal Justo Beramendi contexturaliza o programa e a
proposta política das Irmandades para a Galiza e a España do momento. Tamén
atopamos de novo a Emilio Xosé Insua co artigo “Galiza, República, Lingua,
Esquerda. Esteos ideolóxicos e perfís cívico-culturais do labor prometeico de
Antón Villar Ponte (1881-1936)”, achegamento á evolución ideolóxica deste líder
irmandiño do cal, como xa dixemos, Insua é un recoñecido especialista. O
profesor Uxío-Breogán Diéguez encárgase no seu estudo, “As Irmandades da Fala,
a historia e a construción do contemporáneo imaxinario (nacional) galego. Unha
breve aproximación”, de explicarnos o novo discurso nacional xerado polas
Irmandades da Fala para Galiza, discurso no cal foi crucial a creación dun
imaxinario nacionalista propio, cunhas datas precisas a lembrar (o Día de
Galiza sería o exemplo máis significativo). Como non podía ser doutro xeito ao
ser un volume promovido polo Grupo ILLA, os aspectos lingüísticos e literarios
destacan especialmente no volume. Polo que respecta á lingua mencionamos os
traballos de Xosé Ramón Freixeiro Mato (a lingua na época das Irmandades), Xoán
López-Viñas (a lingua medieval e as Irmandades) ou X.A. Fraga Vázquez e Ánxela
Bugallo (a incorporación do galego á cultura científica). Canto aos estudos
literarios podemos destacar o de Laura Tato Fontaíña (as polémicas arredor do
teatro) ou o de Olivia Rodríguez González (análise da obra de Risco O porco de pé). Finalmente, outros
aspectos particulares que achamos nesta obra son a relación das Irmandades coa
masonaría, nun traballo que asina Carlos Biscainho-Fernandes; as relacións
culturais con Portugal, artigo do que se responsabilizou Luis Martínez-Risco
Daviña; o estudo dos coros e orfeóns que realiza Ramón Rodríguez Palleiro
“Moncho do Orzán”; a pintura galega no tempo das Irmandades (Carlos L.
Bernárdez) ou o traballo artístico de Camilo Díaz Baliño (Miguel Anxo Seixas
Seoane).

Capítulo aparte merecen
os congresos e encontros dedicados ás Irmandades da Fala e que se celebraron en
2016. Neste senso, podemos subliñar o simposio organizado polo Museo do Pobo
Galego baixo o rótulo de “Repensando Galiza: as Irmandades da Fala
(1916-1931)”, que tivo lugar entre os días 17 e 19 de novembro de 2016. Ademais
de polo Museo do Pobo Galego este simposio estivo organizado polo Grupo ILLA e
por Murguía, Revista Galega de Historia.
As actas deste simposio verán a luz en 2017, constituíndo unha nova achega
bibliográfica para a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala. Pola
súa parte, o Consello da Cultura Galega organizou o congreso internacional “O
contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de
entreguerras: de Imperios a nacións”, desenvolvido os días 6 e 7 de outubro de
2016. Podemos destacar tamén as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela,
1916-2016”, organizadas pola Agrupación Cultural O Galo entre os meses de
outubro e novembro de 2016. Iso sen contarmos as numerosas conferencias e
palestras organizadas ao longo do país. Non podiamos rematar sen lembrar a
exposición Saúde e Terra Irmá(n)s! que
promovida pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia
Galega percorreu as principais cidades do país.
Artigo publicado na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 169-174. (ver)