A emigración foi un fenómeno
determinante no devir da Galiza contemporánea. Adoito enxergada desde unha
perspectiva económica ou laboral, a influencia dos galegos emigrados estendeuse
a todos os eidos, tamén o cultural. Neste senso, os emigrantes galegos en
América xogaron un papel moi destacado na edición de libros de temática galega,
ben apoiando a edición en Galiza, ben editándoos nos países de acollida. Neste
tema, como noutros aspectos, os emigrantes contribuíron decisivamente a paliar
as eivas do país, fomentando o desenvolvemento da cultura e da educación.

Cómpre tamén subliñar o papel das
grandes sociedades galegas en América na promoción do libro galego. Como
exemplo destacado podemos apuntar que durante o mandato do presidente Fidel
Villasuso Espiñeira, o Centro Gallego da Habana financiou o terceiro tomo da Historia de Galicia de Manuel Murguía, o
proxecto historiográfico de Murguía pretendía dar sustento ao rexurdir
rexionalista de Galiza, obra na que os galegos da emigración estaban moi
implicados. Por outra parte, o Centro Gallego da Habana achegaría ademais novos
recursos para Murguía, en forma de pensións, para que puidese continuar coa súa
obra.
Sobranceiros escritores galegos
publicaron en Cuba as súas primeiras obras. Foi o caso de Manuel Lugrís Freire
(1863-1940), que en 1894 deu ao prelo Soidades.
Versos en gallego, con prólogo de Manuel Curros Enríquez, poeta que tamén
desenvolveu en Cuba un destacado labor como xornalista. Xa no século XX, Ramón
Cabanillas (1876-1959) publicou na Habana o seu primeiro poemario: No desterro (1913), libro prologado polo
activista agrario Basilio Álvarez, que tamén en 1913 editou na capital de Cuba
a súa obra Abriendo el surco,
compendio das súas loitas agraristas. Cabanillas aínda publicaría en Cuba unha
segunda colección de poemas: Vento
mareiro (1915). Aínda que dedicada sobre todo á edición xornalística,
debemos destacar o labor editorial da «Empresa de Publicidad Galiciana», firma
propiedade do emigrante ourensán Manuel Fernández Doallo, que editaría na
Habana xornais tan importantes como Eco
de Galicia (apareceu en 1917) e Heraldo
de Galicia.
Do mesmo xeito que en Cuba, a edición do
libro galego na Arxentina correu a cargo de persoeiros vinculados ao
xornalismo. Neste senso, non podemos deixar pasar a figura do lucense Manuel
Castro López (1860-1926), que foi o responsable da publicación anual do Almanaque Gallego, obra que viu a luz ao
longo de vinte e nove anos ininterrompidos (1898-1927). A aparición dos volumes
do Almanaque Gallego contribuíron a
achegar aos galegos de dous continentes, os que permanecían na Terra e os que
emigraran a Bos Aires. Nas súas páxinas, ademais das achegas do propio Castro
López, colaboraron as principais plumas galegas do momento, dun e doutro lado
do océano.
Non hai vida máis unida ao xornalismo
que a de Fortunato Cruces Angueira (1870-1961), que dedicou os anos da súa
emigración en Bos Aires á escrita en diversos medios de comunicación. De todos
eses xornais destacou Nova Galicia
(cabeceira que aparece en 1901), da cal foi fundador e director ao longo de
toda a súa andaina. Podemos considerar a este autor como un dos principais
representantes do xornalismo literario galego. Do mesmo xeito, Cruces ten un
rol destacado na edición do libro galego na capital arxentina, dando ao prelo
obras como: Primeiras follas: contos e
copras (1898), Almanaque de Galicia
(1909), Castañolas (1913) ou Cousas gallegas (1923).
Malia que a etapa de José Costa
Figueiras (1880-1955) na emigración foi curta, as súas vivencias na Arxentina
impregnaron totalmente a súa obra literaria. Deste xeito, os textos deste
escritor e xornalista son un importante testemuño da emigración galega. En Bos
Aires publicou en 1913 a novela La risa
de los dioses. Porén, o mundo da emigración aparecería sobre todo na serie
“España en Ultramar” (1919), composta de dúas novelas: La sugestión de América: novela de emigrantes e Las fraguas de la fortuna: aguafuertes de la
emigración.
As grandes institucións mutualistas dos
emigrados desenvolveron un importante papel na difusión das letras galegas. O
Centro Gallego de Bos Aires foi un destacado promotor de veladas literarias.
Como exemplo debemos mencionar a celebración duns Xogos Florais en Bos Aires no ano 1881.

A carón destes proxectos empresariais podemos
atopar outros destinados a difusión do libro galego na Arxentina. É aquí onde
colocamos o papel da libraría e distribuidora «Follas Novas» do tamén escritor
Xosé Neira Vilas e da súa dona Anisia Miranda, que realizou varias exposicións de libros galegos en Bos Aires. Paralelamente, na Arxentina tamén temos que
anotar o protagonismo das grandes entidades galegas da emigración. O caso máis
claro neste senso estivo no Centro Gallego, quen fundou en 1950 a súa propia
empresa editora: «Ediciones Galicia». Neste mesmo senso debemos sinalar o papel
da Editorial Alborada, da «Federación de Sociedades Gallegas». Ora ben, o
Centro Gallego tamén favoreceu a creación literaria en Galicia grazas á
convocatoria dunha serie de premios literarios, os cales serviron de plataforma
aos novos autores galegos. Cabe destacar, neste senso, a concesión a Xohana
Torres do «Premio Galicia» en 1971 pola súa novela Adiós, María, que tamén sería editada en Bos Aires.
