
A vida de
Xesús Canabal na emigración estivo vencellada á industria do papel. Pouco
despois de chegar a Bos Aires en 1910 xa traballaba na empresa de José Iturrat,
onde axiña prosperaría. En 1917, como delegado do devandito negocio, marchou a
Montevideo, cidade na que remataría por se instalar pola súa conta. Foi así
como comezou a labrarse unha importante historia empresarial, que tería como
fitos destacados a creación da marca de sobres “Suevia” e, en 1935, a fundación
da “Industria Papelera Uruguaya” (IPUSA), á fronte da cal estaría até o seu
pasamento.
Emporiso, a
dimensión empresarial só é unha das moitas facetas desenvolvidas por Xesús
Canabal. Como moitos dos seus compatriotas emigrados, estivo vencellado ao
tecido societario galego en Montevideo, con especial relación coa Casa de
Galicia, da cal ocuparía diversos postos na súa directiva. A súa pegada tamén
se deixou sentir na fundación de entidades como o Padroado Rosalía de Castro e,
sobre todo, o Patronato da Cultura Galega, verdadeiros fachos culturais de
Galiza na emigración. A estas entidades dedicou moitos esforzos, tempo e non
poucos recursos económicos Xesús Canabal. Neste senso, podemos dicir que este
emigrante d’O Pino foi un importante benefactor da colonia galega emigrada,
este papel mesmo se estedeu máis alá do seu pasamento, ao deixar un importante
legado ao Horgar Español de Ancianos. Podemos afirmar que o seu compromiso co
artellamento da emigración galega chegou ao seu cumio en 1956, cando desempeñou
a presidencia do primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires.
En definitiva, non había nada relacionado con Galiza no Uruguai onde Canabal
non estivese presente, aportando sempre o seu traballo e o seu peculio.
Porén, ademais
da perspectiva económica, societaria e cultural debemos lembrar tamén a súa
vertente política. En efecto, Canabal foi un decidido valedor do galeguismo e
da República na emigración. Neste tema, maís unha vez, a súa aportación foi
alén dun apoio moral, chegando a participar activamente nos Comités de axuda
aos refuxiados republicanos tras a fin da Guerra Civil. O seu labor a prol dos
exiliados –algúns dos cales foron empregados directamente por Canabal nas súas
empresas− non pasou desapercibida para os dixentes republicanos no exilio, pois
en 1958 foi nomeado ministro plenipotenciario da República española en
Montevideo. O seu compromiso político veríase tamén recompensado en 1954 coa
concesión da “Orden de la Liberación de España”. Nesta actividade política
Canabal colaborou con outros destacados membros da colonia galega, tales como
Xulio Sigüenza ou Antón Crestar; este último tamén presente noutro libro Manuel
Losa: Catro historias de emigrantes
(Galaxia, 2009).
Todas estas
facetas da vida de Xesús Canabal non debemos entendelas como isoladas,
afastadas unhas doutras. Así, no desenvolvemento dos seus negocios había sempre
unha vertente cultural, vertente que tiña, por suposto, como centro a Galiza.
Neste senso, o caso máis destacado foi o Banco de Galicia, do cal Canabal foi
un dos seus promotores en 1956. Esta entidade financeira patrocinou a edición
de numerosos volumes dedicados a Galiza, ao tempo que publicou un mapa de
Galiza elaborado polo propio Canabal durante un dos seus retornos en 1958.
Se o papel da
emigración foi fundamental na Galiza contemporánea, e se da emigración galega
Xesús Canabal foi un representante sobranceiro, podemos concluír, xa que logo,
que a súa figura ten que ocupar un papel destacado na historia de Galiza no
século XX. Porque, para alén dos detalles e anécdotas da súa vida, que abundan no
libro, o máis importe da obra é que a figura de Canabal sérvenos como fío
condutor para coñecer e entender a emigración e as institucións galegas no
Uruguai, das cales foi protagonista aquel rapaz d’O Pino que marchou a facer as Américas en 1910. E, malia que
Canabal foi premiado coa medalla Castelao en vida (1985) e co título de fillo
predilecto do seu concello natal (2006), non está demais traer á memoria actual
a súa figura, e con ela, a de todos os emigrantes que construíron Galiza lonxe
da propia Galiza.
A Galicia de Montevideo. Unha biografía de Xesús Canabal, 1897-1985
Manuel
Losa Rocha
Editorial
Galaxia, 2010, 299 páxinas
Reseña publicana na revista Grial, nº 188, outubro-decembro de 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario