![]() |
Recreación das Cortes de Cádiz |
No seo das Cortes de Cádiz convivían
dúas grandes tendencias. Por unha parte, os liberais eran os partidarios das reformas e da modernización política, foron os que máis traballaron a prol da
nova Constitución. Por outra parte, tamén había deputados conservadores,
proclives a manter o poder das vellas institucións, eran os absolutistas. Na
representación lucense veremos ambas tendencias, porque non era liberal todo o
que relucía.
Sen dúbida, o deputado máis liberal que
Lugo enviou ás Cortes foi José Ramón
Becerra y Llamas (1775-1870), natural de Navia de Suarna e veciño de Lugo,
onde en 1808 era rexedor perpetuo do seu concello. Nas Cortes foi membro das
comisións de agricultura, premios e correos. Becerra non destacaría nesta primeira representación parlamentar, mais si na época do Trienio Liberal
(1820-1823) e sobre todo tras o falecemento de Fernando VII (1833), situándose
sempre na esquerda do liberalismo. A súa sinatura aparece no documento orixinal
da Constitución de Cádiz. Na mesma tendencia política podemos situar a Domingo García Quintana, natural de
Lugo pero asentado como comerciante en Cádiz, o que puido favorecer a súa
elección. Podemos dicir que foi o deputado lucense máis activo, tanto nas
propostas presentadas como na crítica das actitudes absolutistas. En 1811
publicou o folleto Manifiesto que hace a
la nación española en general y al Reyno de Galicia en particular su diputado
en Cortes por la provincia de Lugo, Don Domingo García Quintana, onde
denunciaba a escasa fe liberal de varias autoridades, tanto civís como
militares. A publicación deste documento levaría á súa expulsión das Cortes. No
campo liberal podemos situar tamén a outro deputado lucense, Manuel Valcárcel Saavedra, avogado da
Real Audiencia, que se significou o 14 de outubro de 1810 votando a favor da
lei que estabelecía a liberdade de prensa, outra das grandes medidas aprobadas
polas Cortes de Cádiz.
A liberdade de imprenta era un dos
símbolos dos novos tempos, mais non todos os deputados lucenses optaron por
apoiala. Así, Antonio Vázquez de Parga
votou en contra desta importante medida, e aínda que foi un deputado moi
traballador, participando en varias comisións, a súa tendencia era claramente
proclive ao absolutismo. Non obstante, esa ideoloxía non foi continuada polo
seu fillo, Manuel Vázquez de Parga, conde de Pallares, quen tamén foi un
destacado político lucense do século XIX.
Se na representación lucense en Cortes podemos
atopar liberais e absolutistas, polo que toca a Mondoñedo podemos afirmar que
os seus deputados inclináronse máis ben pola tendencia partidaria do
absolutismo. Nesta liña podemos situar ao sacerdote de Viveiro Antonio Abadín Guerra, quen xurou o seu
cargo como deputado o 24 de setembro de 1810. Como proba do seu talante
absolutista opúxose á lei de liberdade de prensa, máis alá diso pouca actuación
tivo nas Cortes, pois faleceu en 1813.

«El luxo, voluptuosidad é insconstancia de
esta nacion novelera produxo el tenebroso siglo de la pseudosofia que hemos
llamado ilustrado, y ¡ai de mi! Voltaire, Diderot, Dalambert, Rouseau, y los
demas apóstoles del demonio hallaron prosélitos en España...»
Porén, toda a actividade desenvolvida para denunciar as ideas liberais non tivo a mesma expresión no seu labor como deputado, cuxa actuación foi máis ben escasa. Non entanto, Freire Castrillón quedaría para a historia como un dos principais ideólogos galegos do absolutismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario