
As Irmandades
da Fala compartiron pulo co espallamento do agrarismo e o desenvolvemento do movemento
obreiro; a estes dous movementos están dedicados os dous primeiros traballos do
libro que analizamos. O profesor Carlos Velasco Souto é o encargado de comentar
as principais características do agrarismo. En xeral as relacións das
sociedades agrarias cos movementos políticos que lles eran contemporáneos
resultan complexas e veñen determinadas sobre todo polos intereses desas forzas
ao pretender mobilizar aos labregos no seu favor. Xa que logo, ao longo dos
anos houbo momentos en que, tanto aos dirixentes agrarios como aos líderes das
Irmandades, lles interesaba camiñar xuntos; pola contra, cando os intereses
políticos así o esixiron, tomaron vieiros diferentes. Caso semellante é o do
movemento operario, analizado por Dionisio Pereira. Cómpre dicir, así é todo,
que os dirixentes obreiros foron moitos menos permeábeis que os agraristas.
Malia que houbo relacións destacábeis, caso de Xosé Pasín e Lois Porteiro en
Compostela, ou as apelacións realizadas na V asemblea nacionalista por se
achegar ao mundo do traballo, en xeral as Irmandades e os partidos obreiros
tiveron poucas canles de comunicación.
A
reivindicación lingüística das Irmandades é analizada por Pilar García Negro.
Se en algo destacaron os dirixentes irmandiños
foi na súa férrea defensa do monolingüísmo en galego, situación da que se
diferenciaron dos rexionalistas que os precederon. Neste senso, no seu traballo
García Negro analiza precedentes de reivindicación da lingua galega, como o do
profesor e escritor Manuel García Blanco, centrándose logo nos traballos en
defensa do idioma de Ramón Vilar Ponte.
Os aspectos
políticos das Irmandades son estudados nos traballos de Justo Beramendi e
Uxío-Breogán Díeguez. O profesor Beramendi explica no seu estudo o proceso
paulatino de ruptura co rexionalismo e o nacemento do nacionalismo galego.
Neste senso, este historiador fai fincapé no pulo transformador das Irmandades,
nas súas palabras: “Sen o impulso inicial das Irmandades, sen a ideoloxía e o
sentimento nacionalista que se xeraron no seu seo non serían concebibles nin o
vizoso corpo teórico-ensaístico da chamada Xeración Nós, nin o florecemento
cultural e literario dos anos vinte e trinta, nin o Seminario de Estudos
Galegos, nin o Partido Galeguista da II República nin o primeiro proceso
autonómico tal e como foi” (p. 63). Pola súa banda, o traballo de Uxío-Breogán
Diéguez pasa revista aos principais fitos políticos das Irmandades: desde o
lanzamento d’A Nosa Terra como
voceiro do movemento, pasando pola loita electoral e a elección de Lois Peña
Novo como primeiro cargo electo nacionalista, até a creación dun imaxinario nacionalista de
seu, cun calendario nacional galego: “Estas datas encadrábanse na necesaria recuperación
da memoria histórica galega, así como a favor da creación dun imaxinario
colectivo patriótico, en definitiva, dunha conciencia nacional galega” (p.
103). E, finalmente, os primeiros intentos de artellar unha alianza dos
nacionalismos periféricos (Triple Alianza, 1923).
No eido
político tamén incide o traballo de Xoán Carlos Garrido Couceiro. A intención
deste autor é sinalar os límites dos movementos sectoriais e sindicais
desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á figura de Xacinto Crespo,
líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere subliñar Garrido Couceiro a
necesidade de transcender o ámbito sectorial e local, parar asumir unhas
reivindicacións nacionais, neste segundo caso o exemplo escollido é o de Antón
Lousada Díeguez, un dos principais líderes das Irmandades da Fala. Non podía
faltar na obra un estudo de caso, do cal se responsabiliza Xesús Torres
Regueiro coa súa análise da Irmandade da Fala de Betanzos. Neste traballo
analízanse os importantes xogos florais de 1918, a destacada actividade teatral
desenvolvida en Betanzos como medio idóneo para prestixiar o galego, as
cambiantes relacións co poder político local e, finalmente, a decisión dos irmandiños betanceiros de apoiar a
Irmandade Nazonalista Galega (ING), no contexto da crise de 1922. Neste senso,
cómpre lembrar que o xornal local da Irmandade ˗Rexurdimento˗ foi na súa
segunda época voceiro nacional da ING.
No programa
político das Irmandades, aprobado na asemblea de Lugo en novembro de 1918,
aparece o recoñecemento da igualdade de dereitos para a muller. E é que no seo
das Irmandades da Fala as mulleres xogaron un importante rol, tal e como se
deixa ver no traballo de Aurora Marco, o cal pasa revista non só á decisiva
achega das mulleres (como nos cadros de Declamación), senón ao caso particular
de Amparo López Jean, que tivo ao longo da II República a súa principal época
de actuación, á fronte da “Agrupación Republicana Feminina” da Coruña.
Testemuña da
amplitude de miras das Irmandades da Fala son os dous últimos traballos do
libro. Ramón Rodríguez Palleiro (Moncho
do Orzán) pasa revista ao fecundo traballo dos coros e cadros de
Declamación, que tiveron nesta época unha gran expansión. Para facelo acode ao
caso particular de “Cántigas da Terra”, da Coruña. Pola súa parte, Henrique
Rabuñal pon de relevo no seu estudo a importancia que os líderes das Irmandades
concedían ao teatro. Nas palabras deste autor: “Un teatro que é arte social,
esteticamente plural, pero tamén espello do activismo irmandiño e instrumento
de dignificación idiomática e de espallamento e apostolado galeguista” (p.
269). A través do traballo de Rabuñal temos acceso tanto aos principais autores
desta época como ás súas obras máis senlleiras.
As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e
activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX
Uxío-Breogán
Diéguez Cequiel (Coord.)
Laiovento, 2016,
293 páxinas
Recensión publicada na revista Grial, nº 214, abril-xuño de 2017, p. 80-81 (ver)
Ningún comentario:
Publicar un comentario