A
conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 xerou un número
importante de publicacións; non podía ser doutro xeito, dada a importancia que
este movemento tivo para a historia contemporánea de Galiza. As liñas que
seguen teñen por obxectivo comentar as principais características deses
volumes, un comentario que é necesariamente provisorio, dado que en 2017
continuarán a saír obras dedicadas ao coñecemento das Irmandades da Fala.

Pola
súa extensión, pola súa análise polo miúdo do mundo das Irmandades e por ser obra
dun só autor debemos comezar o noso percorrido por A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931),
obra de Emilio Xosé Insua, sen dúbida un dos autores que máis páxinas publicou
en 2016 verbo do centenario das Irmandades da Fala. O libro de Insua, esforzo
editorial de Baía Edicións, ofrécenos un detallado e documentado achegamento ao
mundo das Irmandades da Fala en todos os seus aspectos, xa sexa o puramente
lingüístico e literario, xa sexa a evolución política do primeiro nacionalismo
galego. O autor é un recoñecido experto na figura de Antón Villar Ponte, feito
que se deixa sentir na obra, pois o xornalista de Viveiro actúa como un fío condutor
que lle axuda a Insua a explicarnos a evolución das Irmandades. O carácter
enciclopédico deste libro fainos aventurar que está destinado a perdurar,
converténdose nunha verdadeira obra de referencia a respecto das Irmandades da
Fala.
Se
en algo destaca a investigación verbo das Irmandades da Fala é polo seu
carácter poliédrico, é dicir, na variedade de disciplinas que admite a súa
investigación. Se ben é verdade que as Irmandades comezaron como un movemento
de reivindicación lingüística e literaria, axiña se pasaron ás demandas
económicas, culturais e, por suposto, políticas. A variedade de temas a tratar favorece,
xaora, a edición de volumes colectivos onde gran número de autores e autoras se
achegan ao mundo das Irmandades desde diversos aspectos. Eis a principal
característica do volume Arredor das
Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931),
proposta bibliográfica de Edicións Xerais de Galicia para conmemorar o
centenario das Irmandes da Fala. O libro, coordinado por Luís Cochón,
estrutúrase en tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles está dedicado á
análise do pensamento dos principais líderes irmandiños. Entre os traballos
incluídos nesta primeira sección destaca a análise da evolución ideolóxica de
Vicente Risco, baixo a responsabilidade do profesor Justo Beramendi, recoñecido
especialista na obra do nacionalista ourensán; un achegamento á vida e á obra
de Lois Peña Novo, por Xosé González Martínez; o estudo das achegas dos irmáns
Villar Ponte realizada por Xurxo Martínez González, entre outros estudos. O
segundo bloque temático está dedicado á política no tempo das Irmandades, neste
segundo apartado Justo Beramendi repite cun traballo dedicado á figura do
malogrado Lois Porteiro Garea e á Irmandade da Fala de Compostela; Arturo Casas
dedica o seu estudo á análise das vivencias de Vítor Casas; pola súa parte
Clodio González Pérez e Luís Alonso Girgado publican dous traballos sobre a
prensa nacionalista en Galiza e na emigración no tempo das Irmandades, entre outros
estudos. Finalmente, o derradeiro bloque está dedicado á análise da produción
literaria dos principais líderes da Irmandades. Aquí podemos atopar traballos
como o de Emilio Xosé Insua, quen se encarga da produción literaria do que os
mesmos irmandiños denominaron «o poeta da raza», é dicir, Ramón Cabanillas,
autor moi presente neste bloque, pois Francisco Fernández Rei, Antón
Santamarina e Darío Xohán Cabana tamén dedican os seus traballos ao poeta de
Cambados. Miro Villar, que se achega a Gonzalo López Abente, ou Armando
Requeixo, que estuda a figura de Victoriano Taibo, son outros artigos presentes
nesta sección.

A
Universidade da Coruña publicou co gallo do centenario das Irmandades o volume
colectivo As Irmandades da Fala, cen anos
despois, editado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulán, do Grupo de
Investigación Lingüística e Literaria (ILLA). Nesta obra os traballos sucédense
sen unha división en bloques temáticos e nela podemos atopar algúns dos autores
que tamén estaban presentes no libro de Xerais. Así, o libro componse de
dezaoito traballos que van desde a reflexión de conxunto até a análise polo
miúdo de aspectos específicos. Uns e outros amósannos a visión totalizadora que
as Irmandades propuxeron en relación co labor de construción nacional de
Galiza. En efecto, o volume ábrese co traballo “As Irmandades: unha ruptura
política e cultural”, no cal Justo Beramendi contexturaliza o programa e a
proposta política das Irmandades para a Galiza e a España do momento. Tamén
atopamos de novo a Emilio Xosé Insua co artigo “Galiza, República, Lingua,
Esquerda. Esteos ideolóxicos e perfís cívico-culturais do labor prometeico de
Antón Villar Ponte (1881-1936)”, achegamento á evolución ideolóxica deste líder
irmandiño do cal, como xa dixemos, Insua é un recoñecido especialista. O
profesor Uxío-Breogán Diéguez encárgase no seu estudo, “As Irmandades da Fala,
a historia e a construción do contemporáneo imaxinario (nacional) galego. Unha
breve aproximación”, de explicarnos o novo discurso nacional xerado polas
Irmandades da Fala para Galiza, discurso no cal foi crucial a creación dun
imaxinario nacionalista propio, cunhas datas precisas a lembrar (o Día de
Galiza sería o exemplo máis significativo). Como non podía ser doutro xeito ao
ser un volume promovido polo Grupo ILLA, os aspectos lingüísticos e literarios
destacan especialmente no volume. Polo que respecta á lingua mencionamos os
traballos de Xosé Ramón Freixeiro Mato (a lingua na época das Irmandades), Xoán
López-Viñas (a lingua medieval e as Irmandades) ou X.A. Fraga Vázquez e Ánxela
Bugallo (a incorporación do galego á cultura científica). Canto aos estudos
literarios podemos destacar o de Laura Tato Fontaíña (as polémicas arredor do
teatro) ou o de Olivia Rodríguez González (análise da obra de Risco O porco de pé). Finalmente, outros
aspectos particulares que achamos nesta obra son a relación das Irmandades coa
masonaría, nun traballo que asina Carlos Biscainho-Fernandes; as relacións
culturais con Portugal, artigo do que se responsabilizou Luis Martínez-Risco
Daviña; o estudo dos coros e orfeóns que realiza Ramón Rodríguez Palleiro
“Moncho do Orzán”; a pintura galega no tempo das Irmandades (Carlos L.
Bernárdez) ou o traballo artístico de Camilo Díaz Baliño (Miguel Anxo Seixas
Seoane).
Como nos dous casos
anteriores, a proposta de Edicións Laiovento co gallo do centenario das
Irmandades foi un volume coral, desta volta coordinado por Uxío-Breogán Diéguez
baixo o título de As Irmandades da Fala
1916-1931. Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no
primeiro terzo do século XX. O libro encétase con dous traballos que
analizan dous movementos sociais chave da Galiza do momento e a súa relación
coas Irmandades. Así, Carlos Velasco Souto encárgase do agrarismo e Dionisio
Pereira do movemento obreiro. A contextualización xeral das Irmandades
correspóndelle a Uxío Breogán Diéguez e a Justo Beramendi en senllos artigos.
Pilar García Negro dedica o seu estudo a analizar os casos de valedores da
lingua galega que precederon ás Irmandades, con especial atención á obra de
Manuel García Blanco e Ramón Villar Ponte. Os estudos de caso tamén están
presentes neste volume. En efecto, a intención de Xoán
Carlos Garrido Couceiro no seu traballo é sinalar os límites dos movementos
sectoriais e sindicais desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á
figura de Xacinto Crespo, líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere
subliñar Garrido Couceiro a necesidade de transcender o ámbito sectorial e
local, parar asumir unhas reivindicacións nacionais, neste segundo caso o
exemplo escollido é o de Antón Lousada Díeguez, un dos principais líderes das
Irmandades da Fala. Pola súa parte, o estudo de Xesús Torres Regueiro analiza a
evolución e os traballos da Irmandade da Fala de Betanzos. Seguindo cos estudos
de caso, Aurora Marco dedica a súa achega a estudar a presenza feminina nas
Irmandades, con especial dedicación ao caso de Amparo López Jean. Ao igual que
acontecía no libro xa comentado da Universidade da Coruña, Moncho do Orzán
presenta un traballo destinado a sinalar a importancia dos coros galegos, nesta
ocasión centrando a súa análise no caso da agrupación “Cántigas da Terra” da
Coruña. Henrique Rabuñal pon o ramo ao volume cun estudo dedicado a glosar as
principais achegas dos irmandiños ao teatro galego, pois para os líderes das
Irmandades o teatro era un medio privilexiado para prestixiar a lingua e
espallar as súas reivindicacións.
A Real Academia Galega
centrou a súa proposta bibliográfica nos principais logros literarios da
Irmandades. Debemos sinalar, xa que logo, o volume editado por Henrique
Monteagudo co título Irmandades da Fala:
oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía. Neste volume recóllense os
textos que integraron o ideario fundamental das Irmandades. Entre outros
documentos podemos atopar a conferencia que Castelao pronunciou na Coruña en
1920, arredor da exposición do Álbum Nós. No volume aparece tamén a conferencia
impartida, tamén en 1920, por Antón Villar Ponte en Compostela baixo o título
“Os nosos valores”. Outro libro editado pola Real Academia Galega estivo ao
coidado de Xosé Ramón Pena. Trátase de Tempo
das Irmandades. Antoloxía de poesía. Neste volume inclúense composicións
dos principais poetas vencellados ás Irmandades, desde Ramón Cabanillas até
Victoriano Taibo. Pero tamén hai espazo para poetas que se enfrontaron aos
postulados, lingüísticos e políticos, das Irmandades, caso de Antonio Noriega
Varela. Cómpre indicar que hai espazo neste volume para os poemas galegos de
Federico García Lorca. Finamente, o estudo editado por Laura Tato Fontaíña O teatro nas Irmandades da Fala. Para
Laura Tato o teatro promovido por institucións como o Conservatorio Nacional da
Arte Galega rachou coa tradición rexionalista e puxo a primeira pedra dun
teatro culto, un proceso non exento de tensións internas. Esta escolma xunta
catro pezas teatrais, dúas delas até o momento inéditas. Abre o volume a peza Donosiña, de Xaime Quintanilla, estreada
no teatro Jofre de Ferrol o 7 de abril de 1921, apostaba inequivocamente pola
igualdade de dereitos para as mullres. Segue a peza Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte. Inclúese tamén María Rosa. Comedia en dous pasos, a
única obra que Gonzalo López Abente publicou como dramaturgo. Finalmente
atopamos Un caso compricado, de
Leandro Carré Alvarellos, valedor dun teatro de fasquía máis conservadora. Xa
en 2017 a Real Academia Galega completou esta serie de antoloxías dedicadas ás
Irmandades da Fala cun volume no que se recollen as principais achegas no eido
da narrativa da época, a obra foi editada por Ramón Nicolás.
Capítulo aparte merecen
os congresos e encontros dedicados ás Irmandades da Fala e que se celebraron en
2016. Neste senso, podemos subliñar o simposio organizado polo Museo do Pobo
Galego baixo o rótulo de “Repensando Galiza: as Irmandades da Fala
(1916-1931)”, que tivo lugar entre os días 17 e 19 de novembro de 2016. Ademais
de polo Museo do Pobo Galego este simposio estivo organizado polo Grupo ILLA e
por Murguía, Revista Galega de Historia.
As actas deste simposio verán a luz en 2017, constituíndo unha nova achega
bibliográfica para a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala. Pola
súa parte, o Consello da Cultura Galega organizou o congreso internacional “O
contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de
entreguerras: de Imperios a nacións”, desenvolvido os días 6 e 7 de outubro de
2016. Podemos destacar tamén as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela,
1916-2016”, organizadas pola Agrupación Cultural O Galo entre os meses de
outubro e novembro de 2016. Iso sen contarmos as numerosas conferencias e
palestras organizadas ao longo do país. Non podiamos rematar sen lembrar a
exposición Saúde e Terra Irmá(n)s! que
promovida pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia
Galega percorreu as principais cidades do país.
Artigo publicado na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 169-174. (ver)
1 comentario:
A engadir, humildemente, Pereira, D. "Anticolonialismo e Irmandades da Fala, com a Guerra do Rife ao longe" en Revista Kallaikia, nº2, junho 2017, Associaçom de Estudos Galegos, pxs.16-50.
Publicar un comentario