30/10/08

As (miñas) contas da leiteira

Ás veces teño a sensación de que vivimos nun mundo complexo, demasiado difícil de apreixar. Hai temas, como o da crise económica e financeira que nos está afectado, que escapan á comprensión do cidadán medio. Por esta razón eu non quixen falar dos problemas económicos neste blogue, principalmente porque carezo dos coñecementos necesarios para poder explicalos, pero tamén porque a complexidade do tema esgótame e afógame. É por todo o anterior que, cando vexo algo sinxelo, algo que non mudou cos anos, alégrome e sinto que hai cousas que seguen a ser simples, sen necesidade de grandes explicacións. Algo disto quero contarvos. Todas as mañás, cando vou coller o bus urbano para ir ao traballo, vexo na parada a unha señora velliña, coa cara chea de nobres engurras. Sempre co seu paniño na cabeza. Só con vela un pode imaxinar que traballou toda a súa vida, desde moi cativa. Pois ben, a señora leva nunha bolsa unhas leiteiras pequeniñas, onde seguramente vai o leite para algunhas familias ou, se cadra, para algún parente. Para ela a vida non mudou, segue vivindo na época en que as leiteiras ían levar o leite até Santiago. Eu penso: que lle importa a esta muller a globalización? Para ela todo é sinxelo e simple, coma sempre. A señora tráeme imaxes e recordos. Lembro a miña mai co leite acabado de muxir, aquel leite quentiño que tan ben sabía. Si, despois dixéronnos que era mellor ferver o leite, que podiamos coller unha enfermidade. Eu bebín aquel leite durante o tempo que tivemos vacas na casa e nunca nada tiven. Aquí estou, tan só atacado de melancolía. Eu envexo a rotina desta velliña, a súa felicidade cotián. Seguro que a boa da señora ha ter os seus problemas, coma todos. Pero vista desde fóra, e tendo en conta os sarillos desta sociedade presuntamente moderna, un non pode deixar de sentir un andazo de saudade. Remato, antes de que me acusedes de ser un Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego.

Post scriptum: escribiu Gabriel García Márquez que a vida non é a que un viviu, senón a que lembra e, sobre todo, como a lembra. A min pode pasarme algo semellante: que as cousas non son as que son, senón como un imaxina que son. E gosto de que así sexa.

28/10/08

Partidos refugallo




Galiza é un país no que o cainismo político ten unha relevancia especial. Que quero dicir? Pois que para seguir saíndo nos xornais hai xente que está disposta a facer de todo: o ridículo principalmente. Un dos aspectos máis graciosos da fauna política galega son, en denominación propia, os partidos refugallo. Que é un partido refugallo? Pois é un chiringuito que monta unha persoa, ou grupo de persoas, cando marcha cabreado dos principais partidos do país, o PP e o PSOE, nomeadamente. Chámolles refugallo porque son organizacións ás que van parar os disidentes (por non dicir apestados) dos grandes partidos. Por esta razón é lóxico que sexa durante as eleccións municipais cando este tipo de partidos teñen o seu protagonismo, porque as súas siglas poden acoller aos que quedan fóra das candidaturas de PP e PSOE. Penso que no Valadouro tivemos un exemplo neste senso nas últimas eleccións locais. Ao longo de todos estes anos de autonomía houbo moitas siglas que responderon á denominación de partidos refugallo. Todos lembramos a Converxencia Nacionalista Galega (CNG) ou Democracia Galega (DG). Últimamente dous son os partidos que se disputan o premio ao mellor partido refugallo: Terra Galega (TEGA) e o Partido Galeguista (PG). Antes de continuar, debo dicir que é unha auténtica desgraza que políticos vergoñentos estean a empregar as siglas do Partido Galeguista de Castelao, de Bóveda, de Ánxel Casal, de Vítor Casas ou de Ramón Suárez Picallo. En fin, son cousas do cainismo político galego, do que falaba ao comezo. Coñecemos agora a nova de que TEGA e PG concorrerán xuntos ás vindeiras eleccións ao Parlamento galego. Como di o refrán: xuntouse a fame e as ganas de comer. Pero isto non é máis abraiante. Resulta que mesmo contactaron con UPyD en Galiza para tantealos. Claro, os superespañois pasaron deles como da peste. E como non ían pasar, despois de todo que ían facer xuntos partidos presuntamente galeguistas con outro que quere tirarlle competencias ao noso autogoberno. Xa sería o colmo do cainismo. Pero todo pode pasar. A política galega seguirá dando sorpresas. Xa veredes.

20/10/08

125


Máis unha vez o BNG volveu ser decisivo. Co tempo as cousas vense máis claras, e agora é cando se nota realmente a importancia de ter unha forte representación nas Cortes do Estado. Os que rían pensando que dous deputados eran unha exigua representación, tentando minimizala, teñen agora a demostración de que, tal e como dixo Anxo Quintana no seu día, o BNG, con estes dous deputados, foi decisivo. E cantas veces van xa? Cantas veces dous deputados do BNG resultan máis importantes para Galiza que toda unha recua de deputados do PP e do PSOE? Despois dunha apurada negociación, o BNG acadou que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan 125 millóns de euros máis para o noso país. Máis cartos para as infraestruturas, máis cartos para a Lei de Dependencia, máis cartos para as Galescolas, máis cartos para Galiza. Non faltan, por suposto, os que cualifican de migallas o que o BNG acadou. Como nos gusta neste país cuspir ao ar! Tamén haberá quen se preocupará polo feito de que os galegos poidamos ser alcumados de insolidarios. Fronte a isto, hai que afirmar que para Galiza vén o que previamente saíu, que non todo o diñeiro que sae deste país o fai en forma de IRPF, que hai moitas empresas que traballan en Galiza que teñen o domicilio fiscal fóra (nomeadamente Madrid), que non facemos máis que recuperar o que a Galiza lle corresponde. Traballemos, mentres outros se automortifican. Galiza e os galegos saberán recoñecelo.

15/10/08

Benvido compañeiro!




Ramón Suárez Picallo xa descansa en Sada. Onte, 14 de outubro, cando se cumprían corenta e catro anos do seu pasamento, os seus restos chegaron a Sada, a súa vila natal. De entre todos os actos de homenaxe que se lle tributaron ao ilustre galeguista, queremos subliñar hoxe a publicación dun libro que recolle unha escolma de textos en galego do autor sadense. O volume foi publicado polo Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega. A vida de Ramón Suárez Picallo está marcada por dous procesos definitorios da historia contemporánea de Galiza: a emigración e o exilio. En efecto, moi novo, ao igual que outros milleiros de galegos, Suárez Picallo cruzou o Atlántico e procurou unha nova vida en Bos Aires. No entanto, Suárez Picallo fixo da emigración a súa escola, converténdose nun dos principais publicistas galegos da Arxentina. O compromiso coa terra que o viu nacer manteríao o noso protagonista unha vez retornado a Galiza, converténdose nun dos principais dirixentes do galeguismo. Precisamente ese compromiso político acabaría por condenalo ao exilio, ao igual que outros milleiros de valedores da democracia republicana. De novo, outra vez América abríase perante el. Primeiro os Estados Unidos, despois a República Dominicana, logo Chile, onde gañou a vida colaborando na prensa, e, finalmente Bos Aires, outra vez Bos Aires, no comezo e no final da vida do noso Ramón Suárez Picallo. Deste xeito, podemos comprobar como emigración e exilio xúntanse na figura de Suárez Picallo. Así, non os pode resultar estraño que emigración e exilio tamén estean presentes nas páxinas do libro que hoxe comentamos. Dúas son, principalmente, as fontes dos textos recollidos neste volume. Dunha parte, e correspondendo á etapa da emigración, a revista Céltiga, creada en 1924 e que tivo a Suárez Picallo coma un dos seus codirectores. Por outro lago, desta volta xa no exilio, a revista Lugo, órgano do Centro Lucense da capital arxentina, dirixido por Ramón Suárez Picallo. Xunto a estas dúas publicacións, podemos atopar outras revistas galegas da emigración, onde Suárez Picallo colaborou en numerosas ocasións. As persoas que se acheguen a estes textos atoparán a un Suárez Picallo extremadamente próximo, como se a súa escrita non se realizara a milleiros de quilómetros. E é que para Suárez Picallo, como para o resto dos emigrantes e exiliados, Galiza era un vivir cotián, un pensamento de cada día. Por iso, o noso Picallo fala de Sada, de Veloi, de Carnoedo, como se estivera mesmo nestes lugares, que de seguro nunca abandonou de corazón. Por iso, aínda que este pasado 14 de outubro retornou á súa querida Sada, ben podemos dicir que o seu pensamento, non é que xa volvera, é que nunca marchou. A mellor lembranza que lle podemos tributar a Ramón Suárez Picallo é o espallamento da súa obra, de aí a publicacións de libros coma este, que contribúen a manter viva a memoria dun loitador por Galiza e pola democracia.

13/10/08

Contradicións


Vivimos nun mundo cheo de contradicións. Perdón, debería dicir que vivimos nun mundo cheo de hipocresía. Xa nada é o que parece, e ultimamente todo semella funcionar aínda máis ao revés. Fixádevos. China, un país que teoricamente segue os ditados do marxismo-leninismo, xa hai algún tempo que representa mellor ca ningún outro o que é o capitalismo. Parástesvos a pensar cantas cousas tedes que son Made in China? Quedei abraiado cando souben que hai editoras galegas que mandan imprentar os seus libros en China. Envían os libros maquetados e os chineses só teñen que imprentalos. O beneficio económico ten que ser importante, para que lles compense pagar os gastos de transporte. Por outro lado, os Estados Unidos. O país paradigma do capitalismo que, hoxe por hoxe, é quen máis intervén na economía: que foi do mercado intocábel? Onde están agora os grandes capitáns de empresa? Xa na década dos anos 30 o presidente Franklin D. Roosevelt patrocinou a política do New Deal, que lle daba un destacado papel á iniciativa estatal. Pero neste momento son os neocon, os partidarios máis acérrimos do neoliberalismo, os que están chamando polo papá Estado para que veña salvar bancos e empresas en creba. E o presidente George W. Bush acode fiel á chamada, asinando a nacionalización parcial da banca (e que conste que estaba sobrio cando o fixo!). Servirá toda esta treboada financeira para librarnos dos especuladores? Oxalá, pero teño as miñas dúbidas. Sabedes que foi o primeiro que fixeron os directivos da aseguradora AIG despois de que a Reserva Federal lles regalase varios centos de millóns de dólares? Pórse a traballar para levantar a empresa? Empregalos para saldar as súas débedas? Pois non, meus amigos. O que fixeron estes dignos cidadáns foi irse de vacacións a un resort de luxo en California, evidentemente pagado cos cartos dos contribuíntes americanos. Claro, os pobriños estaban cansos de especular. Que razón ten o dito aquel de que o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra!

Post scriptum: por estes lares tampouco andamos escasos de contradicións. Fai un ano, don Mariano Rajoy elaborou un vídeo no que nos chamaba a todos a celebrar a Fiesta Nacional (referíase ao 12 de outubro, non a unha tourada). Pois ben, un ano despois, don Mariano vai é di que o desfile militar do 12 de outubro é un coñazo. Pero, don Mariano, vostede que é máis español ca ninguén (ben, se cadra non tanto como Rosa Díez, esa é máis española que Isabel e Fernando xuntos) como pode dicir iso! Despois de todo non lle falta razón. O mellor dese desfile é a cabra da Lexión. Que boa estaría con pataquiñas!

06/10/08

Na Asemblea


Os compañeiros Iván Marrube, Eduardo Chao –alias Pichín−, e mais eu acudimos este domingo á Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, como delegados da Asemblea comarcal da Mariña. Era a primeira Asemblea que se celebraba polo sistema de delegados e, para servos sincero, non notei eu que houbera menos xente que noutras asembleas. Eu son partidario do sistema de delegados porque supón equiparar, que non igualar, ao BNG con outras forzas políticas. Por outra parte, o proceso asembleario nacional non se reduce só aos debates en pleno o día da Asemblea Nacional, senón que tamén abrangue ás Asembleas comarcais, e, se me apurades, mesmo ás locais. Indo xa ao que aconteceu neste Asemblea é claro que estivo marcada polo seu carácter electoral, aínda así non faltou a discusión dun informe político do Consello Nacional, que foi refrendado pola gran maioría dos delegados e delegadas. Non era un informe de autobombo, pois tamén se aludía a aquelas cuestións que cómpre mellorar, ás descoordinacións propias dunha organización que chega por primeira vez a altas responsabilidades de goberno. Despois deste debate procedeuse á presentación de propostas para ser o candidato do BNG á presidencia da Xunta. A min, persoalmente, Anxo Quintana foi unha persoa que me foi gañando pouco a pouco. Penso que ten un discurso claro, co que chega á xente con facilidade. Desta vez amosou tamén unha oratoria máis calorosa, sen por iso deixar de tratar os temas fundamentais do momento (léase a grave crise económica que suportamos). Un BNG ao lado da xente deste país, un BNG que saiba responder aos problemas cotiáns da xente, un BNG útil ao servizo do pobo galego, sen ningún tipo de peaxes alleas. Temos candidato. Temos presidente. Agora só queda pórmonos a traballar para que os resultados electorais sexan, como o mesmo Anxo Quintana dixo, os mellores da historia do BNG. Sempre en beneficio da nosa Terra. Por Galiza.