01/05/09

Renovación nacionalista: +BNG

O BNG afronta o vindeiro 10 de maio unha Asemblea Nacional de extraordinaria importancia. Os problemas que afectan ao nacionalismo galego van máis alá dunha derrota electoral, que, por dura que sexa, debe servir para repensar de xeito global a estratexia do nacionalismo. Teño a sensación de que o BNG está nunha encrucillada decisiva. Non é a primeira vez. No pasado, o BNG tivo que tomar decicións difíciles, que, porén, serviron para aumentar o apoio social e electoral ao nacionalismo. Así, o BNG decidiu en 1985 que Xosé Manuel Beiras debía prometer a Constitución e tomar posesión da súa acta de deputado. En 1987, na III Asemblea Nacional, o BNG decidía asumir as institucións autonómicas e participar nas regras do xogo do Estatuto. Ambas decisións tiveron os seus detractores, foron procesos complexos, pero, ollando cara atras, vemos que foron decisións correctas. Pois ben, é o momento de dar un novo paso adiante. Debemos ollar cara o futuro, deixar no pasado vellas prácticas e vicios que impiden ao nacionalismo avanzar, que son unha rémora para a construción dunha Galiza máis próspera. O BNG precisa dun duplo new deal, dun duplo novo trato, no seu interior e tamén na súa relación coa sociedade galega. Atopará o seu F. D. Roosevelt?

Moitos compañeiros culpan á UPG da situación de parálise que vive o Bloque. Eu non creo que o problema sexa a UPG, non creo que sexa só a UPG. O problema está un pouco en todos. O problema, penso, está na cultura política que na que vive o nacionalismo galego; non é unha praxe política actual, o BNG vive con prácticas políticas propias do século pasado, dos anos oitenta, cando non dos setenta. Debemos actualizar a nosa estratexia política, poñela ao día, para que poida ser útil á Galiza de 2009. Anxo Quintana (lembrámoste compañeiro!) chamou a construír o Partido Galeguista do século XXI. Deseñar un nacionalismo que sexa quen de poñer en práctica políticas de benestar para os galegos. A cidadanía ten que sentir que o BNG é útil para a súa vida cotiá, que é unha foraz política quen de dar resposta aos seus problemas. Velaquí o gran reto do nacionalismo na actualidade.

O BNG non pode xogalo todo á carta da reivindicación identitaria. Tampouco debemos ser un cenáculo pechado, gardiáns dunhas esencias, dunhas voces ancestrais, que ninguén nos encargou custodiar. Os “bloqueiros” debemos deixar de ser percibidos como unha especie diferente, e sempre lonxana. O militante nacionalista ten que baixar do ceo para a terra, mesturarse coa xente deste país, estar ao lado da xente, só así poderemos coñecer cales son os problemas reais da nosa sociedade. É hora de vivir na Galiza real, non nunha Galiza imaxinada. É hora de poñérmonos ao día. Galiza non vai agardar por nós, e tampoco ten motivo para facelo.

Eu quero un partido político nacionalista moderno, un partido socialdemócrata e galeguista, que sexa quen de converterse nunha forza maioritaría. Galiza non é unha colonía, nin é Alxeria, nin Mozambique, nin moito menos Cuba. Galiza é unha nación europea, como Irlanda, como Escocia, como Lituania ou como Dinamarca (que era o exemplo de Castelao). Non podemos seguir atrinxeirándonos nun frontismo estéril, coartada do pluralismo político. O BNG non é plural porque sexa unha fronte, é plural porque Galiza é plural. Máis de vinte e cinco anos presentando programas electorais en común non dan unha bagaxe ideolóxica unitaría? A que cualificativo responderían as propostas electorais do BNG nos últimos vinte anos? A resposta eu penso que é socialdemocracia. Por iso queremos Máis BNG e menos partes. Estas son as razóns polas que, como delegado, o 10 de maio apoiarei a candidatura de Carlos Aymerich ao Consello Nacional. Adiante co BNG!