01/03/16

VOLTA AO MUNDO DA FRAGATA NUMANCIA

A inestabilidade política foi o trazo máis característico de España na primeira metade do século XIX. A difícil transición do Antigo Réxime ao Estado constitucional, a sucesión de gobernos dun ou doutro tipo e a guerra civil levaron inevitabelmente ao colapso económico e á ruína de España. Esta situación, xa que logo, deu lugar a unha decadencia xeral en todos os aspectos da vida pública española. Estas circunstancias son tamén a causa do deterioro da Mariña de guerra durante as primeiras décadas do século XIX, que, xunto coa desastrosa política de alianzas estranxeiras, ocasionaron unha sucesión de derrotas militares que destruíron a antiga forza militar española nos mares.

Ora ben, coa maioría de idade da raíña Isabel II, no contexto da chegada do partido moderado ao poder, comezou un período de maior estabilidade política que permitiu o inicio dunha nova era de prosperidade. É nesta nova tesitura na que podemos situar o rexurdimento da Armada española, como nos informa Marcelino González Fernández, capitán de navío en situación de retiro, no seu libro Primera vuelta al mundo de un acorazado. La Numancia. En efecto, a fragata blindada Numancia construída en Toulon (Francia) e entregada á Armada en 1864, exemplifica perfectamente o renacemento da Mariña española, xa que foi o primeiro barco de seu tipo en completar unha volta ao mundo.

Se ben é certo que a historia da circunnavegación da Numancia é o principal obxectivo do volume que recensionamos, a maior parte do libro está dedicada á participación deste acoirazado na Guerra do Pacífico, un conflito que enfrontou a España con Chile e Perú en 1865-1866. Esta guerra está na liña da política exterior desenvolvida desde o "gobierno largo" do xeneral O'Donnell (1858-1863). Deste xeito, para recuperar o prestixio perdido por décadas de conflitos internos, o goberno da Unión Liberal executou unha política exterior expansionista que buscaba relanzar o prestixio de España como gran potencia. É no marco desta política como podemos entender as guerras estranxeiras e as aventuras coloniais desenvolvidas, como a intervención militar na Cochinchina (1858-1862), a guerra contra o Sultanato de Marrocos (1859-1860), a intervención en México pola crise da débeda deste país (1861), a breve incorporación de Santo Domingo (1861) e, finalmente, a Guerra do Pacífico, que pode ser considerada como un epígono desta política intervencionista no exterior, que tamén buscou unir a sociedade española despois de anos convulsos.

No contexto da política que acabamos de describir, a fragata Numancia entrou ao servizo da Armada. Como nos informa o autor deste libro: «Cuando la fragata Numancia era entregada a la Armada, España se encontraba envuelta en contenciosos con países sudamericanos del Pacífico por causas que venían de atrás, de los tiempos de la independencia de las colonias españolas en América del Sur para convertirse en países soberanos…»(p. 63). Así, as antigas controversias xunto coa situación dos comerciantes españois en Perú e Chile prenderon o lume desta guerra. Deste xeito, baixo o mando de Casto Méndez Núñez (1824-1869), a fragata Numancia partiu en 4 de febreiro de 1865 para unirse á escuadra do Pacífico. Compartía misión con outros barcos como Villa de Madrid, Resolución, Vencedora ou a Blanca, esta última baixo o mando de Juan Bautista Topete (1821-1885).

Fragata Numancia
A estratexia do goberno español neste conflito pasaba por destruír os barcos de guerra de Perú e Chile, obxectivo que non puido ver cumprido ao agocharse a escuadra peruano-chilena no complexo arquipélago de Chiloé. Unha vez fracasada esta misión, o goberno decidiu o bombardeo das cidades de Valparaíso (Chile) e O Callao (Perú). O bombardeo de Valparaíso tivo lugar en 31 de marzo de 1866, unha acción da que non gustou nada o comandante da escuadra española Méndez Núñez, por ser esta cidade chilena unha praza practicamente indefensa. Acción moi diferente foi o bombardeo do Callao, o 2 de maio de 1866, praza defendida por varias baterías, algunhas delas adquiridas polo goberno peruano para a ocasión.

Os resultados do enfrontamento no Callao son diferentes segundo quen relata a historia. Para a prensa española foi un estrondoso éxito, de tal xeito que non tardou en mitificar á escuadra do Pacífico e a Méndez Núñez. Neste senso, o autor deste libro reproduce as palabras exactas escritas por Méndez Núñez para comunicarse co Ministro de Estado Bermúdez de Castro «…cumpliendo así lo que S.M., su gobierno y el País desean, esto es: primero honra sin Marina que Marina sin honra» (p. 136), frase posteriormente modificada e amplamente manipulada. En calquera caso, para os españois a campaña do Pacífico foi un éxito que axudou a recuperar as vellas glorias e puxo a España nunha posición de privilexio. Marcelino González resume a guerra do Pacífico: «Aquella campaña que enfrentó a España con los países hermanos (…) en la mente de los españoles fue todo un éxito. De ella salió enormemente revalorizada la Armada, y fue motivo de orgullo y renacer patriótico, que empezó a dejar en el olvido las tribulaciones y desgracias de finales del siglo XVIII y la primera mitad del XIX» (p. 183-184).

Unha vez cumprida a súa misión a fragata Numancia seguiu viaxe para as Filipinas, baixo o mando de Juan Bautista Antequera (1823-1890), que asumiu o mando do buque xa que Méndez Núñez tivo que pasar a dirixir a escuadra do Pacífico tras suicidio do almirante Pareja. A fragata rematou a súa circunnavegación, sen máis problemas que as enfermidades relacionadas cunha longa navegación, sobre todo o escorbuto. Así, a 20 de setembro de 1867 regresaba a Cádiz.
Méndez Núñez

A primeira xira mundial dun barco blindado foi un suceso na época. Como ben explica o autor do libro, críase que un buque deste tipo só podería servir para a defensa costeira e sempre preto da súa base. A navegación da Numancia amosou que un buque de guerra blindado podería facer longas viaxes, razón pola cal a aventura foi seguida con atención por outros países que tiveron malas experiencias con barcos análogos, Reino Unido e Francia nomeadamente.

Xunto coa detallada viaxe da Numancia inclúense neste libro varios anexos que describen as características técnicas do barco, que reproducen os partes dos comandantes da Numancia e a correspondencia dalgúns dos seus tripulantes, detallando as particularidades da guerra do Pacífico e que amosan a presenza da Numancia en novelas e poemas da época. En resumo, atopámonos cunha análise rigorosa e completa dun fito significativo da Armada española decimonónica, polo que, sen dúbida, é unha excelente contribución á historia militar do século XIX español.

González Fernández, Marcelino: Primera vuelta al mundo de un acorazado. La Numancia, Madrid: Ediciones Navalmil, 2013. 370 págs.