16/04/10

CABALO DE OUROS, DE VÍCTOR F. FREIXANES

Cabalo de ouros narra unha historia que deixa pegada no lector, deses relatos que permanecen unha vez que pechamos a novela. Matino en que isto é así porque, de primeiras, xa saíu de dentro do autor, que partilla connosco a súa historia. Son estes os libros que me gustan, os que fican na memoria co paso do tempo. Neste senso, podo asegurar que a(s) historia(s) deCabalo de ouros persisten. Duran.

A motivo central da novela, unha partida de cartas na Galiza da posguerra, envólvenos, captúranos. A historia, de comezo a fin, é coma unha árbore que está acubillando ao lector. Porén, como árbore vizosa que é, dela saen outra pólas, outras historias, que atraen tamén ao lector. Son digresións que, dun xeito ou doutro, están conectadas co fío principal do libro.

Víctor F. Freixanes consegue transportarnos á Galiza dos anos corenta do século pasado, aqueles anos de pedra (de wolfram, se atendemos ao argumento da novela). Así, a lectura deste libro trouxo á miña memoria a novela Era tempo de apandar(1980), de Ramón de Valenzuela, onde a voracidade suscitada polo wolfram era igualmente parte fundamental do argumento.

Nunca serán suficientes os libros que consigan facernos lembrar, ou, polo menos, non esquecer aqueles anos de represión e miseria. Penso que este é un dos principais méritos desta novela de Víctor F. Freixanes, pois, como o mesmo autor apunta nas derradeiras páxinas, "as cousas existen porque as lembramos, que é a maneira que temos de sobrevivir á nosa propia morte".

08/04/10

KARL MARX E ESPAÑA


A dedicación de Karl Marx ao traballo xornalístico non é unha das súas vertentes máis coñecidas nin valoradas, e, no entanto, foi un labor que desenvolveu ao longo de toda a súa vida, desde os primeiros artigos publicados na Gaceta Renana en 1842. Ao eido xornalístico pertencen tamén os textos recollidos no libro que comentamos nas seguintes liñas. En efecto, estamos diante das reflexións de Marx sobre a situación política española na primeira metade do século XIX, unha serie de vinte e sete artigos publicados no xornal New York Daily Tribune entre 1854 e 1857. Non se recollen, porén, todos estes textos no volume, senón tan só os que Marx rotulou baixo a epígrafe xenérica de “A España revolucionaria”, un total de nove artigos máis dous anexos. O libro conta tamén cun glosario onde o lector pode consultar as biografías dos persoeiros que aparecen nestes artigos.

Son varias preguntas as que nos suscita este libro. En primeiro lugar, por que escribe Marx sobre España precisamente en 1854? Sen dúbida, o momento era propicio para a reflexión sobre o devir político de España. Nese ano, en 1854, un novo pronunciamento militar levou ao sector máis exaltado do liberalismo ao poder, derrocando deste xeito aos moderados, que monopolizaran o goberno desde 1844. A apertura dun novo proceso revolucionario, o que máis tarde se coñecería como Bienio Progresista (1854-1856), era, xa que logo, un momento acaído para analizar os movementos que supuxeron a creba do Antigo Réxime en España. Velaquí a principal angueira de Marx nestes textos: estudar a revolución liberal española. Non obstante, os obxectivos de Marx ficaron algo incompletos, pois os nove artigos que forman a serie “A España revolucionaria” céntranse no periodo que vai de 1808 a 1822, deixando incompletos tanto o Trienio Liberal (1820-1823), como o proceso revolucionario que se enceta tras a morte de Fernando VII en 1833.

Unha segunda pregunta que poderiamos facernos sería: por que tiña interese o New York Daily Tribune en coñecer a situación política de España? Para alén de satifacer a curiosidade dos seus lectores, hai que saber que este xornal, fundado en 1841, era un medio moi influínte na cada vez máis poderosa burguesía industrial norteamericana. Unha burguesía en expansión que xa tiña postos os seus ollos en Cuba, daquela aínda unha colonía española. Así, non sería esaxerado afirmar que os intereses norteamericanos sobre Cuba estarían detrás do encargo que o New York Daily Tribune fixo a Marx de escribir sobre a política española. Neste senso, cómpre lembrar que por aquel entón nos Estados Unidos xa estaba plenamente asentada a doutrina inspirada por James Monroe durante a súa presidencia (1817-1825). Esta tese, frecuentemente sintetizada na máxima “América para os americanos”, dáballe aos Estados Unidos un predomio sobre todo o que ocorrera no continente americano, estando na base do futuro imperialismo norteamericano.

Nos seus comentarios Marx destacou a orixinalidade da revolución liberal española, fronte a outros autores que vían influencias doutros países, nomeadamente de Francia. Así, para Marx, a Constitución de 1812 estaba baseada nunha tradición propia, que tiña como bases as reformas borbónicas do século XVIII e o tradicional papel que en España tiveran as Cortes e os concellos. Xa que logo, Marx asómbrase polo feito de que as institucións revolucionarias estiveran baseadas no vello ordenamento administrativo español, que se presendía recuperar liberándoo das cargas feudais. Este gusto polas institucións tradicionais tamén podería estar detrás da inxenua confianza que os liberais tiveron con Fernando VII, que traizou reiteradamente a súa palabra de ser leal coa Constitución de 1812. Marx, impresionado pola inocencia dos revolucionarios españois, dedicou duros adxetivos a Fernando VII: “xamais un mortal soportou os sufrimentos alleos con máis estoica apatía” (p. 125), ou “ Fernando VII era unha sorte de virtuoso na arte da audacia pasiva e a cobardía activa” (p. 126).

A debilidade dos liberais españois estaba tamén detrás do protagonismo do exército, única forza quen de asentar as institucións liberais, velaquí a explicación do fenómeno dos pronunciamentos que sementaron o século XIX en España. Nesta mesma liña, na súa análise do Trienio soubo ver a fractura do partido liberal, entre um sector moderado, partidario da reforma da Constitución de Cádiz, e un sector exaltado, decidido a profundizar nas reformas revolucionarias. Non obtante, Max foi máis alá e apuntou a incapacidade do sistema liberal español para a alternacia politica: “En España todos os partidos, con igual obstinación, arrincan de vez todas as páxinas do libro da súa historia nacional que non escribiran eles mesmos” (p. 122).

Atopámonos, pois, diante dun libro que pon a disposición dos lectores uns textos pouco coñecidos de Karl Marx sobre o complexo século XIX español. Malia seren un artigos que relatan feitos acabados de acontecer, Marx soubo ver no momento as claves máis significativas da revolución liberal en España, características que serían refrendadas moitos anos máis tarde polos historiadores. Xa que logo, nestes textos, moito máis que a inmediatez do relato xornalístico, podemos apreciar a capacidade de análise e diagnose de Marx, o que lles confire un especial interese e importancia.

Karl Marx
La España revolucionaria
Madrid: Alianza Editorial, 2009
185 páxinas

Reseña publicada na revista Murguía, Revista galega de Historia, nº 17-18, setembro 2008-abril 2009.