09/01/14

A SOCIEDADE EL VALLE DE ORO DA HABANA

Foi nalgún momento do ano 1981, ou quizais 1982, mestres brincaba a carón da escola de Moucide, durante o recreo, que reparei nas letras que adornaban a fachada do edificio. Son as mesmas que aínda podemos ler hoxe en día: Escuela Nacional de Moucide. 1926. Construida por los vecinos y los Hijos del Valle de Oro en la Habana. O meu nivel de segundo de EXB dábame para comprender case todo, mais que significaba aquilo de Hijos del Valle de Oro en La Habana? Que tiña que ver O Valadouro coa capital de Cuba?

Houben de agardar aínda uns anos para comprender, na súa xusta medida, o que significaban aquelas palabras. Si, explicáronme decontado que foran os emigrantes do Valadouro os que contribuíran, co seu traballo e o seu esforzo, a financiar a escola da parroquia onde nacín. Mais, hai que achegarse en detalle ao traballo dos nosos emigrantes para comprender o seu verdadeiro calibre. Galiza non sería a que é –nin O Valadouro e Alfoz tampouco− sen o traballo e as achegas dos nosos emigrantes.

Esquecemos a miúdo o feito de que os emigrantes non marchaban para A Habana para gañar cartos cos que construír escolas ou arranxar igrexas. Non, marcharon para Cuba coa esperanza de abrírense un camiño que a súa Terra lles negaba. E foi alí, unha vez asentados, que atoparon tempo para xuntárense e, comprometendo o seu capital, poder traballar en conxunto pola súa terra natal.

Para os emigrantes a distancia non era causa de esquecemento da súa terra natal. Pero, será para nós a distancia (neste caso temporal) motivo para esquecérmonos do seu labor? Non debería, mais adoitamos esquecer o noso pasado –mesmo o máis inmediato− con moita facilidade. Hai xa algúns anos publiquei un artigo na revista Búsola, da Casa da Cultura do Valadouro, no que lembraba o gran labor dos nosos emigrantes. Nel afirmaba que acostumamos lembrar a golpe de aniversario e conmemoración. Aínda así, a celebración, en 2007, do centenario da sociedade El Valle de Oro, que xuntaba na Habana os emigrantes do Valadouro e de Alfoz, pasou nos concellos do Val con bastante máis pena que gloria. E disto somos culpábeis todos, mais se cadra aínda o somos máis aos que a estes temas nos dedicamos. 

Houbo algún artigo máis publicado na prensa local, como o que apareceu en setembro de 2006 no xornal A voz do Masma. A maiores, o autor destas liñas participou, en agosto de 2007, nunhas xornadas de historia local organizadas pola asociación "A Pomba do Arco" de Foz, cun relatorio sobre a historia da sociedade El Valle de Oro. A intervención nestas xornadas quedou reflectida en novas aparecidas en El Progreso e La Voz de Galicia. En todas estas actividades sempre insistín na necesidade de traer á actualidade o inmenso traballo realizado polos emigrandes do Valadouro en Cuba, facendo fincapé no acaído dun xusto recoñecemento e homenaxe.

Non obstante, malia que ese recoñecemento aínda non se ten producido, podemos recuperar o tempo perdido e traer a sociedade El Valle de Oro ao presente e á posición que merece na Historia local do Valadouro e de Alfoz. Tan só chega coa vontade (coa boa vontade, claro!). Para contribuír a isto, e tamén para homenaxear aos nosos emigrantes, veño de publicar un novo artigo sobre a historia da sociedade El Valle de Oro, desta volta na revista Estudios Mindonienses, no seu número 29 do ano 2013. Podedes lelo, se queredes, aquí.