25/05/16

JOAQUÍN DÍAZ VILLAR


«Soy gallego. Y también a mucha honra. Del Valle de Oro, en Lugo, y de una aldea de ese Valle llamada Villa Ferreira, para mayor galleguidad»

Joaquín Díaz Villar en Diario de la Marina, A Habana, 29 de maio de 1955.

Nunca ponderaremos na súa xusta medida a importancia que a emigración tivo para a Galiza contemporánea. As visións pesimistas e tráxicas por un lado e o esquecemento das sociedades actuais por outro, favorecen que todas as achegas dos nosos emigrantes se vaian borrando da memoria. E, non obstante, moitas son as cousas que debe a Galiza actual aos que un día tiveron que abandonala. Ben agrupados en sociedades, ben por iniciativas persoais, moitas foron as colaboracións que os emigrantes prestaron ao desenvolvemento de Galiza. Particularmente notorias son as achegas no eido do ensino, coa construción de escolas e doazón de material para as mesmas. Porén, aínda que a máis sobranceira non foi a súa única contribución. As restauracións de igrexas e doutros edificios e lugares públicos tamén foron obxecto da súa atención. En definitiva, os emigrantes non esqueceron a súa terra natal, contribuíndo unha vez asentados a favorecer o seu progreso.

Tal foi o caso de Joaquín Díaz Villar, emigrante natural da parroquia de Vilacampa (O Valadouro) a quen dedicamos un traballo no número 52 da revista Lucensia que vén de aparecer. Podedes lelo premendo na seguinte ligazón.

04/05/16

RAMÓN FERNÁNDEZ MATO (1889-1980)

Fdez. Mato en Cuba
A vida de Ramón Fernández Mato estivo dedicada por completo á escrita. Como escritor e xornalista, en Galicia, na emigración ou no exilio, a súa obra é moi ampla e abrangue variados aspectos. O noso protagonista naceu na parroquia de Cespón (Concello de Boiro) o 13 de maio de 1889. Realizou estudos de Medicina nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid e desde mozo comezou a colaborar na prensa. Non obstante, a vida literaria sería a súa principal ocupación, xa que case non exerceu a Medicina. Vinculado ao agrarismo nucleado arredor de Acción Gallega e de Basilio Álvarez, en agosto de 1912 apareceu entre os asinantes do “Manifesto de Ourense”, que deu comezo a unha serie de mitins de propaganda agrarista.

Emigrou á Arxentina en 1914, país no que permaneceu durante catorce meses. Foi colaborador do xornal La Nación e das revistas Crítica e Caras y caretas. No xornal Correo de Galicia responsabilizouse da sección "Retablo español". En colaboración co xornalista José R. Lence escribiu a zarzuela La Galleguita, con música do mestre Padilla foi estreada en abril de 1914. En colaboración con Lence tamén escribiu  a obra La conquista de América, obra que se estreou o 7 de novembro de 1914. Xunto con Luis Sánchez Abal escribiu a comedia La Retirada. En solitario foi autor da comedia El Altar. O 13 de xuño ditou unha conferencia sobre Rosalía de Castro no marco do festival organizado pola «Federación de Residentes de Teo en Sud América», nesta conferencia Fernández Mato aproveitou para pedir a axuda dos emigrantes á construción dunha estatua a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Tras esta etapa de residencia na Arxentina retorna a Galiza para se dedicar ao xornalismo.

Xa de volta en Galicia vinculouse ás Irmandades da Fala. En efecto, acode como representante de Ferreira do Valadouro á primeira asemblea nacionalista, que tivo lugar en Lugo en novembro de 1918. A relación de Fernández Mato con esta localidade debeuse ao seu matrimonio con Josefa López, do mesmo xeito mantivo ao longo da súa vida un importante contacto co Valadouro. Como non podía ser doutro xeito, tamén podemos atopar algunha colaboración de Fernández Mato no xornal das Irmandades da Fala: A Nosa Terra. Velaí uns exemplos


Eses siñores que procraman un “regionalismo bien entendido”, divírtenme, porque me lembran os vellos libidinosos que van aos burdeles e, xa dentro, non acougan, dicindo: “¡Nada d’escándalo! ¡Moitísimo orde! ¡Eu son unha persoa seria!”.

* * *

Eu creio firmemente que as Deputacións provinciaes son as amígdalas do país. Decátase un da sua esistenza pol-as molestias que producen; e si as estirparan ficaríamos tan tranquíos...

A Nosa Terra, nº 154, Nadal 1921.

Coa chegada da II República foi Gobernador Civil de varias provincias: Ciudad Real, Málaga, Jaén e Cáceres. Foi tamén Director Xeral de Seguridade. Nas eleccións de febreiro de 1936 saíu elixido deputado pola provincia de Lugo en representación do Partido do Centro, formación política que encabezaba o tamén galego Manuel Portela Valladares. A relación con este último viña de vello, pois Fernández Mato tamén foi un activo colaborador do xornal El Pueblo Gallego, xornal fundado por Portela Valladares en 1924.

Fdez. Mato co presidente Azaña no Goberno Civil de Málaga

Co inicio da guerra civil vese na obriga de seguir o camiño do exilio. Así, en novembro de 1936 chega á Habana. Na capital de Cuba foi colaborador do Diario de la Marina, onde se ocupou da sección «España. Con los ojos del recuerdo»; as colaboracións nesta sección serían agrupadas en 1941 nun volume. No exilio cubano comezou unha estreita relación coa sociedade de instrución El Valle de Oro, de tal xeito que en xaneiro de 1937 foi nomeado socio de honra da entidade. As razóns que levaron aos emigrantes do Valadouro a premiar a Fernández Mato apareceron reflectidas nun artigo publicado en 1937 na revista habaneira Cultura Gallega, do cal reproducimos un fragmento:

«Los méritos contraídos por el señor Fernández Mato con los hijos del Valle de Oro son muchos y de gran trascendencia, pues que los servicios prestados a aquella histórica y progresista comarca durante su actuación política y periodística fueron de los que ningún pueblo sensible al sentimiento de gratitud puede olvidar. Sin tener en cuenta diferencias políticas ni cuestiones personales, sino sólo el interés del Valle de Oro, consiguió múltiples mejoras para aquél…»

Non tardou moito Fernández Mato en devolver o agradecemento aos directivos de El Valle de Oro. Así, nun artigo publicado en febreiro de 1937 –tamén na revista Cultura Gallega− gababa a súa terra de adopción. Certamente, neste escrito, baixo o título de «El Valle de Oro, solar de hidalguía» Fernández Mato facía un repaso polo heroico pasado do Valadouro,  centrándose especialmente na figura de Pardo de Cela. En 1943 saíu con destino a Venezuela, comezando entón un periplo por varios países latinoamericanos. Tras volver a Cuba, en 1948 fundou e dirixiu a revista Raíz. España en América. Durante a década dos anos 50 foi un frecuente colaborador do periódico Prensa Libre. Foi asiduo colaborador de medios como Cultura Gallega, Carteles, Vida Gallega, Eco de Galicia, etc. Recibiu a Medalla de Ouro da Cruz Vermella Cubana. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega.



No futuro seguiu vinculado á sociedade El Valle de Oro. Así, o 15 de marzo de 1954 foi elixido como secretario dunha comisión encargada de recadar fondos para rematar a torre e o reloxo da igrexa de Ferreira do Valadouro. Do mesmo xeito, participou na conmemoración do cincuentenario desta sociedade –lendo un discurso no banquete de celebración− acontecido en 1957. En 1958 foi homenaxeado por toda a colonia galega da Habana ao cumprírense as súas vodas de ouro literarias, nun acto organizada polo sociedade Agrupación Artística Gallega.

En 1963 regresou a España. Faleceu o 19 de novembro de 1980, sendo soterrado no cemiterio de Ferreira do Valadouro.