17/12/15

DOMINGO FONTÁN: O ROSTRO DUN PAÍS

Dezasete anos. Ese foi o tempo que lle levou a Domingo Fontán elaborar a Carta Xeométrica de Galiza, o primeiro mapa científico do noso país. Neses dezasete anos Fontán percorreu Galiza de arriba a abaixo, co que adquiriu un exhaustivo coñecemento do país e das súas xentes. El foi o primeiro en retratar fielmente a Galiza, en ofrecer o rostro preciso da nosa Terra.

Domingo Fontán (1788-1866)  foi, sen dúbida, unha das principais figuras científicas da Galiza do século XIX. Verbo del, e da súa obra, moito se ten escrito. Vén agora de se publicar a novela Fontán, obra de Marcos Calveiro, galardoada este ano co premio Repsol de narrativa breve. No libro cóntase a polifacética vida deste persoeiro, con especial dedicación á elaboración da súa Carta Xeométrica. Mais nesta novela de Calveiro Fontán tamén se nos revela como un duro profesor universitario, non moi ben considerado polos seus alumnos da Universidade de Santiago. Reflíctese tamén o seu compromiso político co liberalismo, militancia que lle trouxo non poucos problemas persoais e profesionais. Neste senso, Fontán tamén representou a Galiza no Congreso dos Deputados en varias ocasións.

A carón de Fontán aparecen outros destacados protagonistas do século XIX galego, como o ministro José María Moscoso de Altamira (1788-1854), que ocupaba a carteira de Gobernación en 1834, ano no que Fontán presentou a súa Carta Xeométrica á Raíña Gobernadora María Cristina de Borbón, viúva de Fernando VII e rexente de España durante a minoría de idade de Isabel II. Tamén Miguel Solís, xefe militar do levantamento galego de 1846 ou Antolín Faraldo, secretario da Xunta galega dese levantamento. Un acaído achegamento literario á historia de Galiza no século XIX.

Poucos personaxes hai tan literarios como Fontán na historia galega. A lectura desta novela de Marcos Calveiro lembroume o fragmento de Arredor de si onde Don Bernaldo, sentindo a proximidade da morte, pídelle ao seu sobriño Adrián Solovio que lle leve o mapa de Fontán, para poder apreixar Galiza por derradeira vez, nunhas páxinas maxistrais de Ramón Otero Pedrayo. Boa aproximación a que realiza Marcos Calveiro á figura de Domingo Fontán nunha recomendábel e moi aproveitábel novela.