12/09/16

HISTORIA DE LAS ESPAÑAS

Ao longo do século XIX as vellas monarquías absolutas transformáronse, con mellor ou peor fortuna, en Estados nacionais. En efecto, aínda que Francia e o Reino Unido acadaron completar os seus procesos nacionalizadores con éxito, polo que toca a España o paso do antigo imperio á nova nación orixinou non poucos conflitos. Ademais de perder case todos os territorios americanos, a inestabilidade política do século XIX en España contribuíu a que o Estado nacional resultante fose débil e discutido.

En efecto, aínda que non existe unanimidade na historiografía española a respecto da nacionalización do século XIX, podemos afirmar que a diferenza doutros países -especificamente Francia- a construción nacional en España na centuria decimonónica foi moi deficiente, o que posibilitaría o desenvolvemento das alternativas nacionais da periferia. É certo que o proceso francés máis que unha norma foi unha excepción, pois case ningún país acadou o nivel de efectividade centralista que Francia. Mais tamén é verdade que os liberais españois sempre tiveron en Francia un espello onde mirarse, un exemplo para tentar construír un Estado liberal centralizado. Neste senso, a influencia do Dereito administrativo francés foi notábel, tal e como podemos ver en autores como o galego Manuel Colmeiro Penido (1818-1894).

O desastre colonial  de 1898 abriría un debate que, en gran medida, aínda continúa na actualidade: a discusión sobre como concibir España. Nestes debates sobre o ser de España a Historia xoga un relevante papel. Agora ben, na maioría das ocasións as referencias á Historia máis teñen que ver con vagas alusións mil veces repetidas e dunha dubidosa veracidade, que cun verdadeiro debate científico e historiográfico. É nesa liña de pensamento onde podemos incluír as declaracións de Mariano Rajoy, e doutros líderes do Partido Popular, manifestando que España é a nación máis antiga de Europa; afirmación esta que, ademais de non ser certa, demostra o que se pretende evitar: o aberto cuestionamento da nación española. Para centrarmos o debate desde o eido historiográfico, é unha boa nova a aparición do libro Historia de las Españas. Una aproximación crítica, no cal un grupo de notábeis historiadores sitúan España -ou as Españas, pois sempre houbo varias propostas tanto no tempo como no espazo- como un produto hitórico, fóra de visións esencialistas. Nestas ideas insiste Josep Fontana na introdución, na cal foi un chamamento a manter o debate no seo da ciencia histórica.

Neste libro hai unha achega claramente plural á Historia de España e, consecuentemente, unha aposta por un recoñecemento da plurinacionalidade das Españas. No entanto, non se nos escapa que, aínda conseguindo o consenso político necesario para a construción dun vedadeiro Estado plurinacional, nada conseguiriamos sen que se fomentase unha pedagoxía da pluralidade por parte dos poderes públicos. Seguindo este argumento son, xa que logo, relevantes obras como a que acabamos de comentar, pois poñen os alicerces para construír un novo pacto federal que, polo menos, teña a duración do Estado das autonomías. Pero a necesidade de profundar na reforma do modelo territorial non debe facernos crer que a cuestion teña que ter unha solución definitiva, tal e como se indica na presentación deste libro.

A comentar esta obra dedicamos un traballo no último número da revista Grial (nº 210, abril-xuño de 2016), que podedes ler premendo na seguinte ligazón.