21/01/16

NACIONALISMO GALEGO EN TEMPOS ESCUROS

Desde o seu nacemento, na década dos corenta do século XIX, o galeguismo foi pasando por varias fases de desenvolvemento. Contamos con estudos para as distintas etapas: provincialismo, rexionalismo e nacionalismo e, tamén, con sínteses que abranguen o galeguismo político no seu conxunto. Ora ben, podemos dicir que hai, dentro de cada unha destas subdivisións, períodos que son menos coñecidos. Así, polo que toca ao nacionalismo coñecemos relativamente ben o desenvolvemento das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, mais non existe un volume de estudos igual para o período que se enceta tras a fractura de 1936. Xa que logo, temos motivos para saudar a aparición do libro Nacionalismo galego de aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), obra de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da Universidade da Coruña, quen nos ofrece neste volume o resultado das pescudas que levaron á súa tese de doutoramento.

O libro ábrese cunha panorámica xeral do nacionalismo nos tempos da II República, sen dúbida á época do seu máis vizoso desenvolvemento, cun Partido Galeguista que non deixou de medrar naqueles anos de democracia e liberdade. Con todo, a virulencia do golpe militar de xullo de 1936 acadou desartellar axiña a organización galeguista, aínda que o autor fai fincapé en que non faltaron os galeguistas que opuxeron resistencia aos militares rebeldes. Así foi, o profesor Diéguez Cequiel certifica no seu libro como cadros galeguistas opuxeron unha resistencia armada ao golpe militar, pasando a integrar as filas da guerrilla. Velaquí unha das novidades que nos ofrece esta investigación: «Con todo, non significa isto que na resistencia armada non estiveran presentes outros idearios, sensibilidades e militancias, nomeadamente anarquistas, socialistas e galeguistas. A respecto destes últimos, unha cifra indeterminada de activos participaría na resistencia e loita armada fronte os facciosos» (p. 84). O nacionalismo galego tamén demostrou un alto grao de organización no territorio leal á República, coa formación de batallóns e milicias para loitar contra os sublevados. A figura de Castelao impón o seu liderado, tal e como podemos comprobar a través de publicacións como Nueva Galicia (Madrid) e Nova Galiza (Barcelona).

O ano 1939 marcou o comezo dun longo exilio para todos os valedores da causa republicana. Ao igual que outros sectores políticos, o nacionalismo galego axiña comezou a artellar a súa reorganización, aínda que agora con dous vieiros diferentes: os galeguistas que ficaron no interior e os que marcharon ao exilio, nomeadamente en América. Polo que toca ao exilio, a figura de Castelao e a cidade de Bos Aires eríxense en protagonistas. En efecto, foi na capital arxentina onde naceu, en 1941, a Irmandade Galega, organización que pretendía a reconstitución do galeguismo ampliándoo. Esta entidade agrupaba non só aos vellos galeguistas, senón tamén aos antigos adversarios arredistas da Sociedade Nazonalista Pondal. Estes últimos, como moi ben descobre o autor deste libro, botarían a andar en 1941 unha nova xeira da súa publicación A Fouce: «A Sociedade Nazonalista Pondal tería vida activa como grupo até 1938, mantendo A Fouce como medio de expresión e transmisión ideolóxica até aquela altura nunha súa primeira etapa. A publicación reaparecería a partir do 1941 até o 1944 (...) nunha súa nova xeira aínda non estudada até o momento en nengunha monografía» (p. 152). Mais sen dúbida a principal achega política do exilio nacionalista foi a creación do Consello de Galiza en 1944, entidade que pretendía pór a Galiza no mesmo nivel institucional que tiñan vascos e cataláns. A organización do nacionalismo no exilio americano é amplamente estudada por Diéguez Cequiel, quen non se centra só no caso arxentino, senón que realiza unha panorámica xeral polos países onde había unha presenza destacada de galegos.

Non obstante, o labor de Castelao e a lexitimidade do Consello de Galiza non serían aceptados de forma unánime. Non só polo resto de formacións políticas, que artellaron outras entidades de confluencia, caso por exemplo do Bloque Republicán Nazonal Galego en París, arredor da figura de Manuel Portela Valladares. Mais tamén polos galeguistas do interior, que tras uns intentos de reconstrución por volta dos anos 1944-1945, irían paseniñamente arredándose do nacionalismo exiliado e deseñando unha nova estratexia que pasaba por unha acción netamente culturalista, a cal sería capitaneada de forma decidida por Ramón Piñeiro. En palabras do autor «... a distancia fíxose tan grande, e tan insalvábel, que a ruptura entre as dúas concepcións do ‘galeguismo’, situadas en ambas bandas do Atlántico, estaba a se consumar» (p. 286).

Porén, a estratexia marcada por Piñeiro axiña ía ser tamén cuestionada. A comezos da década dos sesenta unha nova xeración de mozos reclamou unha acción política máis decidida. É nesa liña onde podemos situar a fundación do Consello da Mocedade e o nacemento de novos partidos políticos: o Partido Socialista Galego (PSG) e, sobre todo, a Unión do Pobo Galego (UPG), esta última en relación directa cos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo. Neste senso o máis interesante da investigación de Diéguez Cequiel é constatar como o exilio galeguista seguía de preto todos estes movementos, tentando influír decisivamente no seu desenvolvemento. Así nolo conta: «O grupo iría tendo tal activismo que o vello ‘goberno galego no exilio’ chegaría a establecer un estreito contacto naquela segunda metade dos anos sesenta coa UPG. Ambas organizacións chegaríanse a recoñecer como parte dun todo, traballando coordinadamente (...) Unha realidade pouco coñecida e de grande relevo, fronte á idea de seren exilio e interior, diante daquela recomposición, realidades sen ligazón algunha» (p. 319).

En resumo, atopámonos diante dunha completa monografía dedicada ao estudo dunha das épocas do galeguismo menos coñecida. O volume complétase cun amplo anexo gráfico e documental no cal o lector poderá consultar de primeira man moitas das fontes empregadas para a elaboración desta obra. Saudamos, pois, a aparición deste libro e agardamos que actúe como revulsivo para novas investigacións sobre a historia dos anos máis recentes do nacionalismo galego.

Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975)
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel
Edicións Laiovento, 2015, 450 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 208, outubro-decembro de 2015, p. 96-97 (ver)