26/12/08

Vontade de nación


Nestes días estou lendo o libro de conversas entre Xosé Luís Barreiro Rivas e Anxo Quintana. Gosto especialmente deste tipo de libros, teñen a frescura da inmediatez, a intensidade do diálogo e da conversa amábel. Claro, hei de recoñecelo, a simpatía que sinto por Anxo Quintana fixo que me faltase tempo para facerme cun exemplar do libro; grazas á dilixencia e ao cariño da miña Musa non tiven que agardar moito. No entanto, e aínda sen rematar o libro, non podo deixar de comentarvos unhas frases que me impresionaron, non de Quintana, senón de Xosé Luís Barreiro, son as seguintes: “Galiza é cada vez menos unha herdanza, e cada vez máis unha tarefa comprometida desde a profesión democrática. A nosa condición nacional é cada vez menos unha necesidade histórica, e cada vez máis unha continxencia posíbel”. Penso que nestas palabras está o cerne do novo nacionalismo galego que Quintana teima en levar ao BNG. Hogano, o nacionalismo non pode basearse nun pasado celta remoto, nin pode seguir reivindicando a figuras como a Pardo de Cela. A nación galega é froito da vontade dos cidadáns e cidadás que a compoñen. Si, hai unha lingua, unha cultura, unha terra, uns feitos diferenciais, pero por si sós non constitúen a nación galega; estes signos de identidade teñen que ser activados, ten que existir unha vontade nacional. O traballo dos nacionalistas galegos é axudar a contruír esa vontade nacional. E como se constrúe esa vontade de nación? Pois exercendo un labor político que leve aos cidadáns e cidadás a confiar no nacionalismo galego, a confiar no BNG. Galiza é unha tarefa común que facemos entre todos e todas. Uns parágrafos máis adiante, Anxo Quintana afirma: “Porque só na medida en que sexamos capaces de crear benestar teremos futuro”. A nación galega constrúese cunha xestión eficaz, dando respostas aos problemas que afectan á nosa sociedade. Por iso Quintana afirma a cotío que máis autogoberno é máis benestar. Sempre tendo en conta que, como dicía Castelao, Galiza ten que ser unha célula de universalidade, é dicir, debemos contruír unha Galiza mellor para un mundo máis xusto e solidario. Isto é o que significa para min ser nacionalista galego.

Post scriptum: nese camiño de construírmos a nosa nación, o vindeiro 1 de marzo de 2009 temos que pór unha nova pedra nesta casa común e plural que é Galiza. Agardando que chegue esa data, deséxovos a todos o mellor para o vindeiro ano 2009.

14/12/08

Huber Matos


Hai uns días, falando con Esperanza Uz, a presidenta da sociedade El Valle de Oro da Habana, entereime de algo sorprendente. Resulta que un dos asociados de El Valle de Oro tiña agochada na casa unha parabólica, para poder ver canles estranxeiras, seica as cubanas son pouco plurais (por dicilo dun xeito delicado). Todo ía ben até que á filla deste señor escapáronselle na escola os detalles dun programa de televisión que comezaron a levantar sospeitas. O resultado: a policía presentouse na súa casa e levoulle a parabólica. Pero o peor non foi iso. O señor estivo nove meses en prisión. Si lestes ben, nove meses no cárcere por ter unha parabólica. Dentro do drama, o máis gracioso foi que mentres estivo en prisión dedicábase a arranxar radios e outros aparellos electrónicos (algúns dos seus propios carcereiros). Considero que o sistema político de Cuba é unha ditadura, un réxime no que non se respectan nin as liberdades fundamentais nin os dereitos humanos. O curioso é que todo este caso lembroume a Huber Matos. Matos foi un dos comandantes da Revolución cubana que en 1959 derrocou a ditadura de Batista. Pouco despois do triunfo da Revolución, Matos opúxose ao devalar autoritario de Fidel Castro. Pagouno caro: vinte anos de prisión, non saíu do cárcere até 1979, tendo despois que marchar ao exilio. Matos é hoxe o secretario xeral da organización Cuba Independiente y Democrática. Admiro a Huber Matos porque foi quen de deixalo todo para loitar contra a ditadura que oprimía o seu país. Mais, admíroo sobre todo porque nun momento decisivo tivo que arriscalo todo para oporse a outra ditadura que estaba a piques de comezar. Xa vedes que o camiño da heterodoxia non é o máis recomendábel, pero si é o vieiro máis ético e digno. Louvados sexan os disidentes.

Post scriptum: Matos deixou testemuño da súa vida. En 2002 publicou o libro Cómo llegó la noche, un relato das súas experiencias que recomendo vivamente. É emocionante a descrición da súa actuación na guerrilla, e as narracións do seu paso polas cadeas de Fidel Castro son durísimas. En definitiva, unha boa lectura contra as tentacións autoritarias.

02/12/08

O voto da emigración


Achéganse as eleccions ao Parlamento galego e, unha vez máis, o tema do voto emigrante volve estar na primeira liña do debate político. É curioso, a importancia, pola cantidade, do voto dos emigrantes galegos fixo xurdir un novo tipo de emigración. Nas vésperas da campaña electoral, os políticos galegos desprázanse para gañaren as Américas: os nosos avós ían na procura de cartiños, para un futuro mellor; os nosos políticos van na procura de votos, tamén para un futuro mellor. Xa vedes, Hegel escribiu que a Historia, cando se repite, primeiro faino como drama e despois como farsa. E iso é o voto emigrante. Unha farsa. Un escándalo. Unha fraude. E parecía que desta volta todo ía ser diferente. Os tres principais partidos políticos de Galiza puxéronse de acordo no Parlamento para realizar unha reforma profunda do voto emigrante. Esta reforma pasaba, sobre todo, porque os emigrantes votaran como votamos o resto dos galegos, é dicir, en urna. Si, si, que felices estabamos todos. Cando o tema chegou ao Congreso dos Deputados, ao PSOE como que xa non lle corría tanta présa. Sabido é que os emigrantes galegos votan ao partido do poder: antes votaban ao PP e agora votarán ao PSOE. E os adoradores de ZP non queren perder un galano tan saboroso como é o voto emigrante, saben que en Galiza pode chegar a ser determinante. Puxeron a súa cobiza política por riba da moral e da ética. E hai que dicilo ben alto, o voto emigrante, tal e como está na actualidade, é unha gran fraude. Non só porque en moitos casos votan os mortos, senón tamén porque non se garante o segredo do sufraxio. Os nosos emigrantes teñen que poder votar como votan o resto dos galegos: nunha urna, nun colexio electoral acondicionado para tal fin, en consulados e embaixadas. Non facelo así é unha fraude á democracia galega e unha tomadura de pelo aos emigrantes, empregados só como simples votos, e non como cidadáns con dereitos. O PSOE ten que explicar por que non favoreceu a reforma elecoral para que os nosos emigrantes votaran como é debido. Púidolles máis a cobiza que os valores democráticos.

Post scriptum: é comprensíbel que os emigrantes conten para votar pero non sexan contabilizados á hora de repartir escanos? Se contaramos o número dos votos da emigración Galiza tería catro ou cinco escanos máis no Congreso dos Deputados. Por que non interesa isto? Estamos diante dunha nova fraude? Hai temas para o debate, só falta que os grandes partidos antepoñan os valores democráticos ao seu beneficio propio. Antes o PP e agora o PSOE están vulnerando as regras máis elementais da democracia ao se aproveitaren impunemente do voto da emigración. Algún día terá que lles pasar factura.