18/09/19

RETRATO DE FERNANDO VII


Acontece frecuentemente que tras a lectura dun ensaio histórico muda o noso xeito de ver unha época, un proceso ou unha figura protagonista. Rematar con falsos mitos e ofrecer novas e máis acaídas visións, baseadas sempre nunha documentación de primeira man, son os principais obxectivos da ciencia histórica. Non obstante, tamén adoita pasar que tras a finalización dunha investigación as hipóteses xerais, as visións comunmente aceptadas, vense corroboradas. Algo disto sucede tras a lectura da biografía do rei Fernando VII que vén de publicar o historiador Emilio La Parra, unha obra que foi galardoada co XXX Premio Comillas de Historia, Biografía e Memorias en 2018. Efectivamente, logo de ler este volume podemos reafirmarnos na catástrofe de persoa que foi este rei, da súa pésima actuación nos asuntos de Estado e na mala fama que xa tivo entre os seus contemporáneos. La Parra escribe unha sólida biografía, asentada na consulta de amplas fontes documentais e unha numerosa bibliografía, tanto de época como actual. Para alén das anécdotas, que dominan outros libros sobre este mesmo personaxe, este historiador emprega a figura histórica de Fernando VII para ofrecernos as chaves dunha época complexa: a transición do Antigo Réxime ao Estado constitucional. Empregar un persoeiro histórico como fío condutor para entender unha época sitúa a esta obra dentro dos modernos presupostos da biografía histórica.

Mais a historia de Fernando VII –como posteriormente a da súa filla e sucesora, a raíña Isabel II– é tamén a historia da deturpación dos ideais constitucionais: o fracaso dunha nova Administración racional e xeradora de benestar público. A transición cara ao Estado liberal en España –transición asentada sobre o pacto entre os reformistas do Absolutismo e o liberalismo moderado– colocou á Administración pública como botín das faccións políticas que en cada momento ocupaban o poder, facendo inoperante calquera posibilidade de alternancia no goberno do Estado. Estas débiles bases, configuradas xa na último período de reinado de Fernando VII, son as que explican o fracaso do Estado liberal e nacional español. Por outra parte, outro efecto deste particular vieiro cara ao constitucionalismo en España foi a imposibilidade de consolidar unha Administración civil, predominando os militares na salvagarda da orde pública e do mesmo Estado.

O rei Fernando VII perpetrou tres golpes de Estado. O primeiro deles en 1808, cando destronou ao seu pai Carlos IV. O segundo en maio de 1814, logo da súa volta de Francia, cando revogou a Constitución de 1812 e todo o edificio lexislativo das Cortes de Cádiz. O terceiro en xullo de 1822, cando tentou rematar pola forza coa Constitución e, aínda que desa vez fracasou, ao ano seguinte a invasión francesa dos Cen Mil Fillos de San Luís rematou por restauralo no poder absoluto. Coñécese, xa que logo, que os Borbóns teñen experiencia nisto de violentar as institucións constitucionais.

Nesas circunstancias Fernando VII necesitou contar cun amplo aparello represivo para librarse dos seus inimigos políticos, esencialmente os liberais, que teimaban en pór en vigor a Constitución de 1812. A partir de 1814 o rei valeuse da Inquisición para perseguir aos liberais. Ningunha outra institución da monarquía absoluta posuía a loxística e o aparello administrativo que a Inquisición. Deste xeito, de perseguir á disidencia relixiosa pasou a perseguir á disidencia política. De encarcerar e torturar a bruxas, protestantes e outras seitas, a Inquisición comezou a cazar liberais. E foron moi eficientes. Así nolo conta La Parra:

La Inquisición, en definitiva, se puso por completo al servicio del rey absoluto y es evidente que a éste no le preocupaba tanto la heterodoxia religiosa, ni siquiera la herejía, como la disidencia política, por más que en el discurso absolutista esta última se relacionara estrechamente con la religión. Lo que realmente importaba al rey era desbaratar las conjuras y los planes insurreccionales de los liberares. Al efecto le resultaba de gran utilidad la red informativa de la Inquisición, que si bien ya no era la de antaño, seguía sindo poderosa y la más eficaz a falta de una organización policial moderna, de la que Fernando VII no dispuso hasta después del Trienio (La Parra 2018: 297)

Non obstante, en 1823, ano no que se restaurou a monarquía absoluta por segunda vez, a Inquisición non vai ser restabelecida. Primeiro, porque as monarquías europeas que facilitaran a volta de Fernando VII como rei absoluto non estaban dispostas a permitir o regreso da Inquisición. Era esta unha institución como moi mala fama en todos os países europeos, países nos que comezaba a xerarse unha opinión pública quen de incidir sobre os gobernos. Cómpre dicir, por outra parte que esa mala fama mesmo pode chegar á actualidade, sendo Inquisición e España equiparábeis en termos históricos. Ora ben, naquel intre o rei tampouco estaba moi interesado en volver a pór en marcha a Inquisición, pois era unha institución moi poderosa dominada polos elementos máis ultras da sociedade, difícil de controlar e perigosa para o propio poder do rei. É dicir, o rei tiña medo non só do que lle viña pola esquerda, senón tamén daqueles que podían pasarlle pola dereita, e que cada vez se ían xuntando máis arredor de seu irmán Carlos (carlistas).

Agora, a cuestión era a seguinte: como levar adiante unha efectiva represión da disidencia política se non podemos contar xa coa Inquisición? Para todo hai solución. En xaneiro de 1824 Fernando VII creou a Policía, que desde aquel momento se había encargar de vixiar e reprimir tanto aos liberais coma aos ultrarrealistas. Xa que logo, o nacemento da Policía en España está estreitamente vinculado coa necesidade de reprimir a disidencia política, substituíndo á Inquisición nos mesmos obxectivos. Evidentemente, unha institución nacida con tales fins estaba destinada a perdurar, e máis en España.

Atopámonos, pois, diante dun documentado estudo biográfico do rei Fernando VII que é, asemade, unha análise polo miúdo da España que deixa atrás a idade moderna e comeza un novo xeito de entender a política. Nesta transición, que había de acadar as súas meirandes cotas nos comezos do reinado de Isabel II, destacou o continuísmo e o mantemento de vellos valores, situación que non foi allea ao propio xeito de actuar de Fernando VII. Foi, quizais, a primeira das transicións da España contemporánea, tan gatopardiana como as que virían despois.

Fernando VII. Un rey deseado y destestado
Emilio La Parra
Tusquest, Barcelona, 2018, 752 páxinas

Recensión publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 38, xullo-decembro de 2018.