21/03/17

RECUPERANDO LECTURAS: ARTURO CUADRADO

Entre as figuras senlleiras da cultura galega, que hoxe están practicamente esquecidas, Arturo Cuadrado ocupa un destacado papel. Incansábel promotor de empresas culturais, o seu nome está unido aos de Luis Seoane e Lorenzo Varela na difusión bibliográfica galega en Bos Aires. Cuadrado é tamén símbolo dunha Galiza que puido ser: a Galiza do exilio que recolleu os seus froitos lonxe das súas raiceiras. Que mellor xeito que lembrar a súa figura que rescatar unha lectura de 2004 dedicada á súa vida e á súa obra.

* * *

Ás veces o cualificativo de polígrafo fica curto para definir a un autor. Cremos que ese é o caso do xornalista e poeta Arturo Cuadrado Moure. Sen dúbida, Cuadrado foi autor dunha ampla e variada obra, mais a súa importancia vai alén das páxinas que nos deixou. En efecto, se tiveramos que subliñar un aspecto da súa vida, destacariamos o seu labor de propagandista, de divulgador da cultura en todos os sentidos; de achegar a súa obra, e a doutros, ao pobo. Esta fasquía de Cuadrado como dinamizador cultural é a que máis destaca no libro que recensionamos. O seu autor, Antonio Manuel Chaves Cuiñas (Cambados, 1959), coñeceu persoalmente e tratou durante moitos anos a Cuadrado, cuestión que se reflicte acotío nas páxinas desta biografía, por veces haxiografía.

Arturo Cuadrado Moure naceu en Denia, cidade da provincia de Alacante a onde emigrara seu pai (de orixe castelá) e súa nai (natural de Santiago de Compostela). En Denia residiría até 1918, nese ano o andazo de gripe segaría a vida de seu pai e un irmán maior, motivando asemade a marcha da familia á terra natal de súa nai. O libro estruturase arredor de pequenos capítulos, nos cales o autor profundiza no labor de Cuadrado a prol da cultura galega. Malia que o autor non fai unha agrupación destes pequenos episodios, poderiamos observar nidiamente neste libro tres grandes etapas. En primeiro lugar, a etapa que vai até a Guerra Civil, ocupa a parte máis extensa do libro e nela atopamos a Cuadrado como iniciador de multiplas empresas culturais na cidade de Compostela. Neste senso, cómpre destacar a súa participación na creación dos xornais El País Gallego e Don Claro, entre outras publicacións periódicas. Ora ben, se hai un elemento recorrente ao longo de todo o volume ese é Resol. En efecto, estamos diante dunha das iniciativas culturais máis sobranceiras de Arturo Cuadrado. A publicación desde 1932 da folla Resol contribuíu notabelmente á difusión da poesía e ao coñecemento dos principais autores do momento, xa fosen galegos, españois ou estranxeiros. Ao traballo citado habería que engadir o seu labor como editor (no selos Niké ou Resol), a difusión da cultura entre o pobo a través do Comité de Cooperación Intelectual (1932) ou o seu papel de activista republicano e loitador pola autonomía de Galiza.

O comezo da Guerra Civil -segunda etapa deste libro- sorprendeu a Arturo Cuadrado en Madrid, como membro da comisión encargada de facer entrega do Estatuto galego ás Cortes da República. Malia o conflito, o labor cultural de Cuadrado non decae. Así, participará de xeito activo na propaganda cultural do exército republicano. Á súa colaboración en diversos xornais súmase tamén a publicación dun libro de poemas: ¡Aviones! Poemas de la guerra (1937). De todo o labor levado a cabo por Cuadrado nesta época, quere o autor destacar especialmente a súa participación na edición do libro de Pablo Neruda España en el corazón (1937). Deste xeito, son particularmente interesantes as páxinas nas que o autor recrea a edición deste poemario en pleno conflito bélico.

A derrota republicana levou a Cuadrado ao exilio na Arxentina, comezando a terceira e definitiva etapa deste libro. En Bos Aires o seu activismo cultural non desaparece, senón que se fai aínda máis intenso. Neste senso, debemos subliñar a importancia do triunvirato que formou con Luis Seoane e Lorenzo Varela na creación de varios proxectos culturais. Sen dúbida, o labor destes tres homes a prol do libro galego na Arxentina foi fundamental. Este labor levouse a cabo a través da creación de editoras, entre as que son exemplos sobranceiros a Editorial Nova (1942) ou a Editorial Botalla al Mar (1947). Igualmente, a estes tres homes debeuse a publicación da revista Correo Literario, que sae á rúa entre 1943 e 1945 ao longo de corenta números. Na etapa americana Cuadrado seguiu a ter unha intensa colaboración en todo tipo de publicacións periódicas, destacando tamén a súa etapa como director da revista Galicia, órgano da Federación de Sociedades Gallegas. E, por suposto, a poesía. Na etapa do exilio Cuadrado deu ao prelo os seus máis importantes poemarios, entre os que podemos destacar: Soledad imposible (1952), Canción para mi caballo muerto (1963) e Ola indecisa (1970). Todo este traballo cultural fai de Cuadrado un dos principais publicistas do exilio galego na Arxentina. No país austral finou en 1998, non sen antes ter realizado varias visitas a Galiza.

Constitúe un acerto do autor o feito de intercalar ao longo do volume o que denomina “ensueños de Arturo Cuadrado”, baixo este epígrafe Chaves Cuiñas recrea a un Arturo Cuadrado en primeira persoa, falándolle ao lector das súas principais actividades culturais. No haber do autor están tamén o grande número de ilutracións que contén o volume. Non obstante, constitúe unha eiva deste libro a ausencia de citas e referencias de moitos documentos que o autor intercala no texto, que deixan ao lector na dúbida sobre a procedencia destes orixinais. Por outra parte, cremos que na primeira etapa do libro o autor abusa na reprodución das colaboracións de Cuadrado en El Pueblo Gallego, chegando nalgunhas ocasións até o anecdótico. Finalmente, consideramos un exceso o papel de vingador que o autor asome neste libro, cargando contra aqueles que denigraron a Cuadrado. Neste senso, destaca especialmente a teima que autor parece ter cara aos nacionalistas galegos, denostados en varias pasaxes do libro por presuntas ofensas a Cuadrado.

En suma, velaquí unha obra que contribúe ao pago da inmensa débeda que temos cos nosos exiliados. Neste recuperar da memoria non podemos deixar de louvar o traballo editorial de Ediciós do Castro, que desde hai ben tempo vén ofrecéndonos textos sobre a nosa emigración e exilio, xa sexa a través de recopilacións de textos, epistolarios ou, como é o caso, por medio de biografías como a de Arturo Cuadrado, un dos moitos galegos que fixo Galiza en América.

Resol de ensueños para Arturo Cuadrado
Chaves Cuiñas, Antonio Manuel
Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 2004, 448 páxinas

Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. RevistaGalega de Análise das Migracións, Vol. I, nº 1 (2008), pp. 311-313.

09/03/17

RECUPERANDO LECTURAS: O UNIVERSO GALEGO DE JULIO CORTÁZAR

Francisco X. Fernández Naval publicou en 2006 un libro sobre a influencia dos galegos exiliados na Arxentina na obra de Julio Cortázar. O volume non só achega datos sobre a participación deste escritor nas empresas culturais dos exiliados, senón tamén sobre o inmenso labor desenvolvido polos desterrados galegos nas terras do Plata. Fernández Naval é un gran coñecedor da conexión galega de Julio Cortárzar. Á obra que recuperamos hoxe engadiríase en 2014 o volume O soño galego de Julio Cortázar, tamén na editora ourensá Linteo.

* * *

Con frecuencia adoitamos enxergar a emigración e o exilio como se se tratara dunha burbulla. Os emigrantes e exiliados, inseridos nas sociedades de acollida, tan só son valorados polas súas ocupacións profesionais ou polo asociacionismo étnico. Non obstante, que acontece co vivir cotián? Que hai alén dos traballos e da actividade societaria? Exiliados e emigrantes eran impermeábeis ao acontecer diario da Habana e de Bos Aires? Afortunadamente, xa sabemos moito da inserción laboral dos emigrantes galegos nas sociedades americanas, tamén do potente movemento societario e da súa influencia na sociedade galega. Ora ben, son máis raras as obras que investigan a influencia dos emigrantes nos países de acollida. A paliar esta eiva contribúe de xeito notábel o libro que imos comentar. Trátase da obra de Francisco X. Fernández Naval Respirar polo idioma (os galegos e Julio Cortázar). As páxinas deste libro infórmannos non só da importancia dos galegos na obra literaria de Julio Cortázar, senón –e isto é o importante– das múltiplas empresas culturais levadas a cabo polos emigrantes e exiliados galegos en Bos Aires; actividades que contribuíron en gran medida ao pulo cultural arxentino do século XX. De máis está dicir que Julio Cortázar foi protagonista sobranceiro desas empresas culturais.

O inicial período creativo de Julio Cortázar coincidiu coa chegada a Bos Aires dos exiliados galegos, que viñan fuxindo da guerra e da represión en España. Entre eses exiliados había un bo número de intelectuais, que non tardaron en ocupar un lugar principal na vida cultural arxentina. Entre estes desterrados galegos e Julio Cortázar xurdiu de inmediato unha ósmose que daría importantes froitos culturais. A relación de Cortázar cos exiliados galegos amósanos o gran labor cultural levado a cabo por estes no país de acollida. En efecto, nas páxinas do libro de Fernández Naval podemos comprobar a relación de Cortázar con Arturo Cuadrado ou con Lorenzo Varela, que non dubidaron en convidar ao autor arxentino a colaborar nas revistas literarias que crearon en Bos Aires. Podemos destacar, neste senso, o labor de crítica literaria que desenvolveu Cortázar na revista Cabalgata, grazas ao convite realizado por Lorenzo Varela. Porén, a brillante creación literaria de Julio Cortázar tamén tería unha importante presenza nestas revistas literarias. Así, como exemplo, podemos sinalar a publicación do relato “Bruja”, que saíu no número dezanove da revista Correo Literario, que tiña como directores a tres homes chave do exilio galego: Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane. Deste xeito podemos comprobar como o labor cultural do exilio galego contribuíu á difusión da obra literaria de Julio Cortázar. Varios son os retratos que Luis Seoane realizou do autor de Rayuela, un dos cales, por certo, ilustra a portada do libro que comentamos.

No entanto, Cortázar non só participou nestas empresas culturais, senón que se integrou de xeito activo no ambiente cultural, no fervedoiro de ideas e proxectos, xerado tras a chegada dos exiliados galegos á capital arxentina. Se cadra, o mellor exemplo desa adopción de Cortázar polos exiliados é a súa participación na mítica tertulia do café Tortoni, a onde chega, segundo información de Fernández Naval, grazas ao escultor Lorenzo Domínguez. Nesta tertulia coñecería Cortázar a Rafael Dieste co cal non só mantería relación en Bos Aires, senón tamén na súa etapa en París. Por outra parte, o autor deste libro teima en atopar unha similitude na teoría do conto entre Dieste e Cortázar, polo que as mutuas influencias irían alén do persoal para chegar á creación literaria.

Porén, non son os comentados os únicos galegos que tiveron unha estreita relación con Julio Cortázar. En efecto, comprobamos como Cortázar mantivo unha numerosa relación epistolar co editor Francisco Porrúa, da Editorial Sudamericana. O libreiro Francisco Gil foi amigo, non só de Cortázar, senón da maioría dos escritores arxentinos que pasaron pola súa libraría. A nómina aínda é máis grande: Antonio Pérez Prado, José Ángel Valente, Ramón Chao ou Leopoldo Nóvoa completarían as relacións galegas de Cortázar. Cómpre non esquecer, polo que toca ao ámbito das relacións persoais, que o noso escritor casou con Aurora Bernárdez, arxentina filla de galegos, así como irmá do poeta Francisco Luis Bernárdez.

A posición, tan destacada, dos emigrantes e exiliados galegos na vida de Julio Cortázar non podía deixar de manifestarse na súa obra. En efecto, neste libro analízase a presenza da emigración galega na obra de Cortázar, ao tempo que se pasa revista aos principais personaxes galegos da obra deste escritor. Atopámonos, xa que logo, con don Galo Porriño, un dos protagonistas das novela Los Premios; segundo Fernández Naval: “O personaxe de Galo Porriño demostra un coñecemento profundo dos arquetipos da sociedade galega, ou de sociedades como a galega, por parte de Julio Cortázar” (p. 177). Xunto ao anterior, nas páxinas desta obra aparécenos tamén Curro, o galego propietario do local onde se atopan os personaxes de 62 Modelo para armar.

Julio Cortázar na Ponte da Ramallosa (Val Miñor) 1957
Pero, aínda máis, o profundo coñecemento que Cortázar tiña dos galegos emigrados a Bos Aires chegaba mesmo á lingua que lles era propia. Así, o galego non era unha lingua estraña para el, tal e como indica o autor do libro, que insiste en que o galego era o idioma polo que respiraban os galegos da infancia e da adolescencia de Cortázar: “Respirar polo idioma. Idioma necesario coma o aire (…)  Galegos que cantan entre os fumes que non son néboa, só traballo que lles permite alimentar o soño do regreso e, mentres chega o día, o idioma como aire” (p. 160-161). Non é esta unha percepción da saudade, a palabra máis veces repetida nas tertulias dos seus amigos galegos? Un sentimento tan propio de Galiza que non se lle escapou ao gran autor arxentino.

En definitiva, neste libro Julio Cortázar convértese nun privilexiado medio para coñecer o labor cultural dos exiliados galegos. Da importancia destas actividades non pode haber mellor exemplo que a relevancia dunha figura como a de Julio Cortázar, a quen os desterrados galegos abriron as páxinas das súas revistas. Isto suxírenos, para rematar, unha reflexión: Galiza perdeu en 1936, entre outras cousas, a calidade humana e profesional duns intelectuais que foron dar o mellor de si a outras terras, e, aínda que a bagaxe do exilio tamén nos pertence, non deixa de ser triste que todo ese labor non puidera desenvolverse no propio país. O que pasou unha vez, que non volva repetirse.

Respirar polo idioma (os galegos e Julio Cortázar)
Fernández Naval, Francisco X.
Ourense: Linteo, 2006, 211 páxinas

Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións, vol. I, nº 2, 2008, pp. 231-233.