07/06/14

O MONTE É NOSO (E DELAS!)

Os estereotipos e as ideas preconcibidas adoitan ofrecer visións irreais das sociedades. Se ben é certo que as sociedades patriarcais contemporáneas relegaron a muller a unha posición de segunda orde, debemos de ser coidadosos á hora de apreciar o matiz. Debemos desconfiar, polo tanto, das narrativas que equiparan muller con vítima. A lexislación franquista consideraba as mulleres menores de idade mais a práctica cotiá descóbrenos mulleres líderes e protagonistas das súas comunidades. Boa proba do que acabamos de afirmar é o libro de Araceli Freire Cedeira, que baixo o título de O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo (II Premio Xohana Torres de Ensaio, 2011), estuda o papel sobranceiro desempeñado polas mulleres no seo da sociedade rural galega tardofranquista.

A intención do Estado franquista de apropiarse dos montes comunais galegos xerou un clima de conflitividade que se prolongou ao longo da ditadura. Deste xeito, o modelo de crecemento económico escollido polo franquismo para o rural, que tiña na repoboación forestal un dos seus alicerces, causou en Galiza moitos problemas, pois axiña chocou cun modelo de propiedade comunal que tiña unha longa tradición. A poboación rural galega –e dentro dela moi especialmente as mulleres− viuse agredida por esta política, polo que reaccionou contra un estado de cousas que prexudicaba o seu modelo de vida. En efecto, a política forestal patrocinada polas autoridades non só supuña o espolio das propiedades comunais campesiñas, senón que alteraba totalmente o seu xeito de vida. Debemos comprender que o monte en man común era vital para a economía do campesiñado, pois del saían importantes excedentes agrarios que axudaban a manter as casas labregas. As mulleres, piares da economía campesiña, sabían ben da súa importancia, de aí o seu rol protagonista na defensa dos comunais e na oposición á política forestal do Estado. Así o afirma a autora deste libro: ‘As campesiñas eran conscientes desta situación porque consideraban que as estaban privando das súas propiedades e do único recurso que lles permitía a supervivencia, pois a economía campesiña dependía, en grande medida, do aproveitamento integral dos montes veciñais de uso común’ (32). Non se nos escapa, polo tanto, que estaban en loita dous modelos económicos enfrontados. Por unha banda, o do campesiñado, dedicado a manter formas de produción tradicionais –basicamente encamiñadas ao autoabastecemento−, e, por outra banda, o do Estado, que teimaba en introducir as relacións de produción capitalistas no agro, consonte os novos modelos proporcionados pola Revolución Verde, que desde a década de 1940 incrementara a produción agrícola grazas ao emprego de novas variedades de cultivos e ao uso masivo de fertilizantes.

Cales son as principais razóns que levaron ás mulleres a ser a punta de lanza do movemento oposto a apropiación dos comunais por parte do Estado? Freire Cedeira sinala varias. En primeiro lugar, a lembranza doutros conflitos sucedidos no campo con anterioridade. Para a autora as mulleres eran as encargadas de gardar a memoria familiar. Así ‘a comunidade, a cal foi capaz de manter e canalizar as disidencias con éxito durante un prolongado período temporal, grazas ao papel cohesionador das mulleres, porque eran elas as que conservaban a memoria do lugar e consolidaban relacións entre si no seo dunha sociedade na que a división sexual do traballo estaba presente’ (95). A cita anterior ofrécenos unha pista sobre unha segunda razón do papel protagonista das mulleres nestes conflitos. Nas comunidades rurais galegas dos anos cincuenta e sesenta do século XX as tarefas agrícolas esixían unha importante presenza do traballo colectivo, que fortalecía o papel da comunidade fronte ao do individuo. Nesta dinámica as mulleres ocupaban un posto sobranceiro, pois tarefas como lavar e apacentar o gando estábanlles atribuídas. Xa que logo, é lóxico que o campesiñado respondese conxuntamente fronte a unha agresión exterior, e tamén o é que fosen as mulleres –eixos dese traballo colectivo− as que se puxesen á cabeza do movemento opositor.

Unha terceira causa que explicaría o rol sobranceiro das mulleres nos conflitos polos montes comunais é a súa tradicional participación na economía marxinal, sobre todo no contrabando e no estraperlo. As mulleres, como columnas vertebrais das economías campesiñas, tiveron unha importante participación no movemento de produtos no mercado negro, participación que rematou por xerar unha serie de solidariedades que se prolongarían de cara a outros conflitos, caso do ocorrido cos montes comunais. Por outra parte, a participación das mulleres no contrabando acostumounas a tratar coas forzas de seguridade do Estado –a Garda Civil, nomeadamente−, cuestión que tamén se notaría cando chegaron os enfrontamentos con motivo da repoboación forestal. Finalmente, podemos supor que as vellas solidariedades tecidas polas mulleres ao longo de anos de participación nesta economía paralela xeraron unha rede de información, de parroquia a parroquia, que sería de grande utilidade para se enfrontar aos axentes forestais que pretendían usurpar os seus montes comunais. Unha cuarta razón do peso das mulleres nestes conflitos estaría na tradicional emigración masculina, que as obrigaría a asumir o papel de líderes e valedoras das súas comunidades.

Segundo nos describe Freire Cedeira, os conflitos polos montes comunais galegos tiveron dous momentos principais. Nun primeiro momento, o descontento manifestouse mediante cartas ás autoridades nas que se protestaba polo que se consideraba un abuso. Obviamente, estas misivas foron ignoradas polas autoridades franquistas, o que deu paso a formas máis contundentes de oposición, nas que as mulleres sempre estiveron en vangarda: a destrución de plantacións, o roubo ou manipulación de maquinaria e o enfrontamento directo coas forzas da orde, entre outras estratexias violentas. Malia todas estas iniciativas, as mulleres non acadaron paralizar de xeito inmediato os traballos de repoboación forestal nos montes comunais. Non só iso, moitas delas víronse na obriga de converterse en asalariadas nestas mesmas tarefas de repoboación onde, a pesar de desempeñar traballos igual de duros cós homes, recibían uns emolumentos menores. Ora ben, seguindo á autora do libro, queremos afirmar que, no longo prazo, os seus traballos e esforzos víronse recompensados. A Lei de Montes de 1957 e a Lei de Montes en Man Común de 1968 recoñeceron o dereito das comunidades campesiñas a participar nos beneficios, o que non deixaba de ser unha vitoria daquelas mulleres que se puxeron á fronte das súas parroquias para defender as súas pertenzas e o seu modo de vida.

Situado pola propia autora dentro dos parámetros da historia contributiva, este libro amosa ás claras unha sociedade rural galega –xa pasada− na que as mulleres eran donas de si mesmas e loitaban polo que sabían seu. Era unha sociedade rural na que o valor da comunidade estaba por riba do individuo, xa que a propia dinámica do traballo así o esixía. Nese día a día, conflito a conflito, as mulleres convertéronse en valedoras dun xeito de vida que pouco a pouco foi ficando arrombado. Moito foi o que se perdeu, se cadra algo tamén o que se gañou. Pero, máis alá das valoracións que cada quen poida facer, velaí están todas esas mulleres que foron exemplo de dignidade. Anos despois, en 1978, o cineasta Llorenç Soler filmou o documental O monte é noso, que viña pór imaxes a varias décadas de conflitos nos montes veciñais galegos en man común. Aquel documental, como agora este libro, son contributos necesarios para manter viva unha memoria imprescindíbel.

ARACELI FREIRE CEDEIRA: O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo. Concello de Santiago de Compostela & Universidade de Santiago de Compostela. 2012. 109 pp. ISBN 978-84-9887-842-4

Reseña publicada na revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies (Issue E), 2013, p. 121-123.