22/04/16

A PRENSA NA EMIGRACIÓN GALEGA EN AMÉRICA

Os galegos desempeñaron na emigración americana unha gran variedade de ocupacións, destacando as relacionadas co sector servizos. Menos comúns foron as vinculadas coas actividades intelectuais e culturais, das que pode sobresaír, con todo, o xornalismo. Así, no caso dos xornalistas emigrados podemos falar dunha emigración cualificada que se compatibilizou en numerosas ocasións con outras profesións igualmente capacitadas, nas que destacou o exercicio da docencia.

Xornal El Gallego
O nacemento da prensa galega na Arxentina podemos datalo en 1879 coa aparición de El Gallego; o seu creador, César Cisneros Luces, xa posuía unha importante bagaxe xornalística, adquirida na emigración cubana e uruguaia. El Gallego naceu como órgano oficioso do primeiro Centro Gallego de Bos Aires, do cal Cisneros Luces foi promotor e primeiro vicepresidente. Este xornal sufriu os avatares do Centro Gallego, desaparecendo en novembro de 1880.

Foi na Habana, pola contra, onde naceu o primeiro medio integramente en galego. Falamos de A Gaita Gallega, periódico que se editou entre 1885 e 1889 baixo a responsabilidade de Manuel Lugrís Freire e Ramón Armada Teixeiro, ambos desenvolverían na emigración cubana unha importante carreira literaria. No século XIX a prensa galega tivo un gran desenvolvemento en Cuba, pois por aquela época esta illa era a principal receptora de emigrantes galegos. Non é de estrañar, xa que logo, que fora na Habana onde se fundaron importantes medios de comunicación. O 8 de marzo de 1878 viu a luz El Eco de Galicia da man de Waldo Álvarez Insua. Este xornal exercería unha importante influencia tanto na emigración como na propia Galicia, como exemplo podemos anotar o feito de que foi nas súas páxinas onde o propio Álvarez Insua propuxo a creación dunha gran entidade que xuntara aos galegos da Habana. Esa entidade sería o Centro Gallego, creado en 1879. O poeta Manuel Curros Enríquez emigrou á Habana en 1894 e case inmediatamente ponse á fronte do xornal La Tierra Gallega. Tras a desaparición deste xornal Curros traballaría noutras cabeceiras da prensa habaneira, entre as que destacou El Diario de la Marina, medio creado en 1844 polo tamén galego Isidoro Araujo de Lira, este xornal marcaría a vida política cubana até a súa incautación en 1960. Outro destacado xornalista galego da Habana foi Adelardo Novo, director do xornal El Diario Español, cabeceira creada en 1907 e cunha importante influencia en Cuba. Adelardo Novo proviña dunha importante familia de xornalistas na emigración, pois os seus tíos José e Enrique Novo García foran os responsábeis do semanario Galicia Moderna, editado na Habana entre 1885 e 1890.

Canto a Bos Aires dous xornalistas galegos destacarían sobre os demais pola magnitude das súas empresas de comunicación. Por un lado, Fortunato Cruces Angueira creador do xornal Nova Galicia, sen dúbida un dos de máis longo percorrido na emigración galega. Fortunato Cruce dirixiu este medio desde a súa creación, en 1901, até o ano 1951. Por outro lado, José R. Lence, eterno director de Correo de Galicia, xornal que viu a luz en 1908 e que se convertería no de medio galego de maior difusión en América.

Xornal A Gaita Gallega
Cómpre tamén facer mención do que poderiamos denominar a prensa oficial da colectividade galega, é dicir a vinculada ás grandes institucións mutualistas. Neste senso debemos destacar El Despertar Gallego, medio creado en 1922 pola Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires. Tivo entre os seus directores a importantes persoeiros da colonia galega, como Antón Alonso Ríos ou Eduardo Blanco Amor. En 1930 mudaría o seu nome polo de Galicia. Canto á outra grande institución galega de Bos Aires, o Centro Gallego, contaría desde xullo de 1907 cun primeiro voceiro denominado Región Galaica. A institución, desde xaneiro de 1913 contou co Boletín Oficial del Centro Gallego, órgano que mudaría o seu nome polo de Galicia en 1926.

En resumo, a prensa galega editada na emigración americana cumpriu o obxectivo de manter aos emigrantes informados dos problemas da colonia e do que acontecía en Galicia. Ora ben, cómpre afirmar que a través destes xornais, a maioría dos cales tamén chegaban a Galicia, os xornalistas emigrados pretendían influír no devir político de Galicia, a máis das veces en clave galeguista e anticaciquil. Quizais o caso máis claro nese senso fose o periódico El Emigrado, editado na Estrada (Pontevedra) e financiado polos emigrantes deste concello na Habana desde 1920.