10/12/12

A ANARQUISTA DE NECOCHEA


«A los 18 años, la policía me consideró un elemento peligroso para la tranquilidad del capitalismo y el Estado».

As palabras que encetan estas liñas, escritas por Juana Rouco Buela nas súas memorias, son un resumo do que significou a súa vida de loita e compromiso. Esta muller converteuse nunha das figuras do anarquismo feminino tanto en Bos Aires como en Montevideo. É un paradigma do activismo político dos emigrantes galegos e todo un símbolo na loita polos dereitos da muller. A súa figura acode, novamente, á nosa memoria co gallo da reedición das súas memorias –Historia de un ideal vivido por una mujer−, desta volta pola editora de textos anarquistas LaMalatesta Editorial.

A nosa protagonista naceu en Madrid en 1889, filla de emigrantes galegos na capital de España. Aos catro anos quedou orfa de pai, o que obrigou á mai a se facer cargo en exclusiva dela e dun irmán. A difícil situación na que quedou a familia foi determinante na decisión de seguir o camiño da emigración. Deste xeito, chegan á Arxentina o 24 de xullo de 1900. O escritor Carlos Penalas, un dos maiores coñecedores dos anarquistas galegos na Arxentina, afirma que, malia nacida en Madrid, os seus pais foron obreiros galegos.

No país austral foi unha das primeiras loitadoras de tendencia anarquista. En 1904 participou como oradora no mitin do primeiro de maio, organizado pola Federación Obrera Regional Argentina (FORA) e o Partido Socialista; este acto foi violentamente reprimido pola policía. Tamén en 1904 participou no congreso da FORA representando aos obreiros da Refinería Argentina de Azúcar de Rosario, que estaban en folga.

En 1907, xunto con Virginia Bolten, María Collazo e Teresa Caporaletti, organizou o Centro Feminino Anarquista. Este centro pretendía ser un espazo para a divulgación do ideario ácrata entre as obreiras e as mulleres do pobo. Participou activamente no movemento contra o aumento dos alugueiros. Nesta folga Juana Rouco destacou pola súa capacidade organizativa e por unha tempestuosa oratoria, que acadaron mobilizar á maioría dos conventillos de Bos Aires. Acudimos ás memorias de Juana Rouco para observar a crueza desta folga: «Ocho mujeres cargaban a pulso el féretro del niño asesinado por la policía comandada por Ramón L. Falcón. Pero el camino hecho a pie, desde Barracas hasta Chacarita era largo, entonces se turnaban con otras mujeres. Aunque en algún punto hubo que dejar el cajón en la calle para defenderse de la represión policial que ni a los muertos respeta. Detrás del ataúd, cerca de 700 vecinas de los conventillos encabezaban una columna de más de 5.000 trabajadores que abandonaban talleres y fábricas para concurrir al sepelio del joven mártir. Era un cortejo imponente de los vecinos más pobres de Buenos Aires».

Juana Rouco foi deportada a Europa de resultas do atentado contra o presidente Figueroa Alcorta. Residiu en Marsella e Xénova, relacionándose con anarquistas franceses, españois e ingleses. Axiña decide volver ao Río da Prata, asentándose en Uruguai. En 1909 participou na creación en Uruguai do xornal La Nueva Senda. A súa participación nos mitins de protesta polo fusilamento de Ferrer i Guàrdia en Barcelona ocasionáronlle novas persecucións. En 1910 foi detida en Bos Aires sendo extraditada a Uruguai. Tras un ano en prisión foi posta en liberdade, volvendo a militar no anarquismo uruguaio.

En 1914 decidiu marchar a Europa, ao ser descuberta no barco que a levaba foi desembarcada en Brasil. Así, residiu en Río de Janeiro durante tres anos, nos que alternou o seu oficio de pasadora do ferro e o seu activismo sindical. No Brasil Juana Rouco continuou co seu papel de proselitista anarquista. Entre os actos nos que participou debemos destacar unha conferencia ofrecida na sociedade “Juventud de Tabueja”, entidade que se dedicaba a soster unha escola na parroquia de Taboexa (As Neves, Pontevedra). Sobre este feito comenta «Este hecho fue para mi por demás simpático, que desde el Brasil, fuera sostenida una escuela en España…». A preocupación dos anarquistas pola educación, tanto da infancia como dos propios militantes, é unha constante que podemos apreciar nas páxinas da autobiografía de Juana Rouco.

En 1917 regresou a Bos Aires, onde participou activamente nas loitas sociais da época. Entre 1922 e 1924 participou na edición do xornal Nuestra Tribuna na localidade de Necochea (Provincia de Bos Aires), dirixido especificamente para as mulleres. Como precedente á fundación deste xornal, en 1921 Juana Rouco xa participara na fundación, na mesma Necochea, do «Centro de Estudios Sociales Femenino», espazo de debate sobre temas relacionados coa vida privada e pública das mulleres. O ano 1921 foi moi movido para Juana Rouco, pois visitou numerosas localidades arxentinas como parte de varias xiras propagandistas favorecidas polo Consello Federal da FORA. A publicación de Nuestra Tribuna estendeuse ao longo de dous anos, xusto o tempo que Juana Rouco permaneceu en Necochea; nesta cidade tamén naceu a súa primeira filla, a quen puxo por nome Poema.

Juana Rouco Buela
Unha constante ao longo das páxinas do libro de Juana Rouco é a preocupación dos anarquistas pola instrución e educación dos obreiros. En efecto, xa sexa mediante bibliotecas nos centros sociais, xa sexa pola fundación de escolas racionalistas –no ronsel das creadas por Ferrer i Guàrdia− ou ben mediante conferencias, os anarquistas crían que a revolución social necesariamente tiña que pasar pola formación dos traballadores. Neste senso, son elocuentes as palabras de Juana Rouco: «El movimiento obrero, en esos años, tenía una cantidad de gremios bien organizados y con un caudal de socios y de capacidades, que a la par que defendían sus intereses económicos, realizaban en sus respectivos sindicatos una labor cultural de capacitación intelectual. Constantemente se realizaban conferencias y cursos sobre todos los temas, y surgían así de su seno, hombres con conocimientos profundos sobre todo en los problemas sociales. Además, todos los sindicatos tenían una buena biblioteca, con toda clase de libros donde los socios tenían la fuente del saber y poder adquirir los conocimientos necesarios para conseguir su libertad integral». Nese labor de extensión cultural participou activamente a nosa protagonista, percorrendo a República Arxentina de arriba a abaixo dando conferencias.

O golpe de Estado do xeneral Uriburu en 1930 supón unha paréntese no seu papel de activista sindical. Retorna á actividade pública no contexto da Guerra Civil española, participando nas organizacións de axuda á loita republicana. Nos anos corenta, coa chegada do peronismo ao poder, volveu abandonar a militancia activa. En 1964 publicou a súa autobiografía Historia de un ideal vivido por una mujer –libro que vén de reeditarse− que conta, non só a súa vida, senón a historia das mulleres anarquistas. Deste xeito, podemos ler nas súas memorias «Pude demostrar con hechos que la capacidad de la mujer es exactamente igual a la del hombre y sólo le falta ejercicio y estímulo, ya que siempre se la ha ido colocando en un plano inferior de condiciones, haciendo abstracción de sus conocimientos y opiniones». A loita e o traballo de Juana Rouco contribuíron a que as mulleres deixasen de ocupar ese plano inferior.

Convertida nun símbolo do movemento libertario arxentino, Juana Rouco faleceu o 31 de outubro de 1969.

Historia de un ideal vivido por una mujer
Juana Rouco Buela
Madrid, LaMalatesta Editorial, 2012, 154 páxinas