17/02/16

NO CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA: LEMBRANZA DE LOIS PORTEIRO GAREA


O 18 de maio de 1916 fundouse na Coruña a primeira das «Irmandades dos amigos da Fala». Celebramos, pois, o centenario das Irmandades da Fala. Este movemento non había ser só o comezo da reivindicación da lingua galega, senón tamén o nacemento do moderno nacionalismo galego, quen, tan só dous anos despois, celebraría en Lugo a súa primeira asemblea. No número 32 da revista Murguía, que vén de saír, achegámonos ás principais chaves das Irmandades da Fala. Lembramos tamén os seus principais protagonistas, como Lois Porteiro Garea, presidente da Irmandade da Fala de Compostela e estrela fugaz do galeguismo.

* * *

Mala morte! Con estas significativas palabras o xornal A Nosa Terra laiábase da perda de Lois Porteiro Garea no segundo cabodano do seu pasamento. Non era para menos. A desaparición de Porteiro privou ao galeguismo dun dos seus cadros máis capacitados. O noso protagonista naceu en Lugo o 16 de novembro de 1889. Cursou estudos de Dereito en Santiago de Compostela, doutorándose en Madrid cunha tese sobre o sistema parlamentario e o caciquismo. Na capital de España comezou a colaborar na prensa e achegouse ao galeguismo grazas á súa amizade con Rodrigo Sanz, principal figura do Secretariado de Galicia en Madrid.

A súa militancia anticaciquil achegouno ao agrarismo de Acción Gallega, sendo electo concelleiro agrario na Corporación municipal compostelá. Do mesmo xeito, en 1918 presentouse como candidato ás eleccións xerais polo distrito de Celanova, aínda que non acadou ser elixido. Catedrático de Dereito na Universidade de Santiago, foi un dos primeiros docentes en impartir unha conferencia en galego no marco universitario (setembro de 1915). Presidente da Irmandade da Fala de Santiago, foi un activo propagandista do galeguismo, tanto na prensa como na tribuna. Cando en 1917 a Lliga Regionalista de Catalunya organizou unha «Semana Galega», Porteiro Garea foi un dos integrantes da delegación galeguista. Do mesmo xeito, foi un dos acompañantes de Francesc Cambó durante a súa xira por Galiza.

O nacionalismo de Porteiro encadrábase dentro dos presupostos rexeneradores da política española, coincidindo en moitas cousas coas teses de Joaquín Costa. Xa que logo, demandaba para Galiza unha política reformista e modernizadora, tanto nos aspectos políticos coma nos económicos. Non obstante, a súa actuación viuse truncada polo temperán falecemento, que tivo lugar o 27 de outubro de 1918. Un mes despois, os referentes das Irmandades da Fala reunidos en Lugo declararíanse abertamente nacionalistas, mais Porteiro Garea xa non puido participar. Mala morte!

* * *

A Nosa Terra, números 130-31, 5 de novembro de 1920, p. 10.

Fai dous anos que a morte ˗¡mala morte!˗ nos levou a Lois Porteiro. Lembrámolo oxe c’o mesmo amore de sempre. Ten a toda hora o agarimo do noso recordo.“As verbas de un loitador” e as “Palabras ós emigrados” siguen sendo o evanxelio das Irmandades da Fala.Cada día que pasa, a figura do querido e malogrado irmán que o mesmo na cátedra, que no folleto, na tribua e no xornal, dou mostras d’un fondo talento, d’unha ampla cultura, d’un esprito esquisito e d’un enxebrismo acceso sempre e sempre fecundo, faise mais grande e admirabel. Lois Porteiro era un verdadeiro apóstolo. Nas páxinas que a posteridade consagre ó lumioso movimento nazonalista galego actual, o nome e feitos d’este ilustre leader que tan mozo aínda comeu a terra, haberán de ter un capítolo de xusticia.«Nós ˗dixo moitas veces aquel notabre e inesquecente semeador d’inquedanzas˗ nós, os irmáns da Fala, sómol-os enciclopedistas da causa da libertade galega no seu período prerevolucionario». Porteiro, preocupábase pol-o porvir da raza celta, inquedáballe os seus xeitos, e pol-o mesmo, oxe de vivire, ollaría con nosco cheo de simpatía garimosa o espertar d’Irlanda, a irmá heroica e subrime. Porteiro foi un loitador rexo e baril a quen pillou a morte ˗¡mala morte!˗ no médeo do combate. A bandeira que el erguía tremelante é a mesma que nos axunta a nosoutros. O esprito de Lois Porteiro vive con nosco.

Murguía, Revista Galega de Historia, nº 32, xullo-decembro 2015, pp. 131-133 (fragmento)