27/12/17

VERBO DO CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA: UNHA VIZOSA PRODUCIÓN BIBLIOGRÁFICA

A conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 xerou un número importante de publicacións; non podía ser doutro xeito, dada a importancia que este movemento tivo para a historia contemporánea de Galiza. As liñas que seguen teñen por obxectivo comentar as principais características deses volumes, un comentario que é necesariamente provisorio, dado que en 2017 continuarán a saír obras dedicadas ao coñecemento das Irmandades da Fala.

Pola súa extensión, pola súa análise polo miúdo do mundo das Irmandades e por ser obra dun só autor debemos comezar o noso percorrido por A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), obra de Emilio Xosé Insua, sen dúbida un dos autores que máis páxinas publicou en 2016 verbo do centenario das Irmandades da Fala. O libro de Insua, esforzo editorial de Baía Edicións, ofrécenos un detallado e documentado achegamento ao mundo das Irmandades da Fala en todos os seus aspectos, xa sexa o puramente lingüístico e literario, xa sexa a evolución política do primeiro nacionalismo galego. O autor é un recoñecido experto na figura de Antón Villar Ponte, feito que se deixa sentir na obra, pois o xornalista de Viveiro actúa como un fío condutor que lle axuda a Insua a explicarnos a evolución das Irmandades. O carácter enciclopédico deste libro fainos aventurar que está destinado a perdurar, converténdose nunha verdadeira obra de referencia a respecto das Irmandades da Fala.

Se en algo destaca a investigación verbo das Irmandades da Fala é polo seu carácter poliédrico, é dicir, na variedade de disciplinas que admite a súa investigación. Se ben é verdade que as Irmandades comezaron como un movemento de reivindicación lingüística e literaria, axiña se pasaron ás demandas económicas, culturais e, por suposto, políticas.  A variedade de temas a tratar favorece, xaora, a edición de volumes colectivos onde gran número de autores e autoras se achegan ao mundo das Irmandades desde diversos aspectos. Eis a principal característica do volume Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), proposta bibliográfica de Edicións Xerais de Galicia para conmemorar o centenario das Irmandes da Fala. O libro, coordinado por Luís Cochón, estrutúrase en tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles está dedicado á análise do pensamento dos principais líderes irmandiños. Entre os traballos incluídos nesta primeira sección destaca a análise da evolución ideolóxica de Vicente Risco, baixo a responsabilidade do profesor Justo Beramendi, recoñecido especialista na obra do nacionalista ourensán; un achegamento á vida e á obra de Lois Peña Novo, por Xosé González Martínez; o estudo das achegas dos irmáns Villar Ponte realizada por Xurxo Martínez González, entre outros estudos. O segundo bloque temático está dedicado á política no tempo das Irmandades, neste segundo apartado Justo Beramendi repite cun traballo dedicado á figura do malogrado Lois Porteiro Garea e á Irmandade da Fala de Compostela; Arturo Casas dedica o seu estudo á análise das vivencias de Vítor Casas; pola súa parte Clodio González Pérez e Luís Alonso Girgado publican dous traballos sobre a prensa nacionalista en Galiza e na emigración no tempo das Irmandades, entre outros estudos. Finalmente, o derradeiro bloque está dedicado á análise da produción literaria dos principais líderes da Irmandades. Aquí podemos atopar traballos como o de Emilio Xosé Insua, quen se encarga da produción literaria do que os mesmos irmandiños denominaron «o poeta da raza», é dicir, Ramón Cabanillas, autor moi presente neste bloque, pois Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Darío Xohán Cabana tamén dedican os seus traballos ao poeta de Cambados. Miro Villar, que se achega a Gonzalo López Abente, ou Armando Requeixo, que estuda a figura de Victoriano Taibo, son outros artigos presentes nesta sección.

A Universidade da Coruña publicou co gallo do centenario das Irmandades o volume colectivo As Irmandades da Fala, cen anos despois, editado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulán, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA). Nesta obra os traballos sucédense sen unha división en bloques temáticos e nela podemos atopar algúns dos autores que tamén estaban presentes no libro de Xerais. Así, o libro componse de dezaoito traballos que van desde a reflexión de conxunto até a análise polo miúdo de aspectos específicos. Uns e outros amósannos a visión totalizadora que as Irmandades propuxeron en relación co labor de construción nacional de Galiza. En efecto, o volume ábrese co traballo “As Irmandades: unha ruptura política e cultural”, no cal Justo Beramendi contexturaliza o programa e a proposta política das Irmandades para a Galiza e a España do momento. Tamén atopamos de novo a Emilio Xosé Insua co artigo “Galiza, República, Lingua, Esquerda. Esteos ideolóxicos e perfís cívico-culturais do labor prometeico de Antón Villar Ponte (1881-1936)”, achegamento á evolución ideolóxica deste líder irmandiño do cal, como xa dixemos, Insua é un recoñecido especialista. O profesor Uxío-Breogán Diéguez encárgase no seu estudo, “As Irmandades da Fala, a historia e a construción do contemporáneo imaxinario (nacional) galego. Unha breve aproximación”, de explicarnos o novo discurso nacional xerado polas Irmandades da Fala para Galiza, discurso no cal foi crucial a creación dun imaxinario nacionalista propio, cunhas datas precisas a lembrar (o Día de Galiza sería o exemplo máis significativo). Como non podía ser doutro xeito ao ser un volume promovido polo Grupo ILLA, os aspectos lingüísticos e literarios destacan especialmente no volume. Polo que respecta á lingua mencionamos os traballos de Xosé Ramón Freixeiro Mato (a lingua na época das Irmandades), Xoán López-Viñas (a lingua medieval e as Irmandades) ou X.A. Fraga Vázquez e Ánxela Bugallo (a incorporación do galego á cultura científica). Canto aos estudos literarios podemos destacar o de Laura Tato Fontaíña (as polémicas arredor do teatro) ou o de Olivia Rodríguez González (análise da obra de Risco O porco de pé). Finalmente, outros aspectos particulares que achamos nesta obra son a relación das Irmandades coa masonaría, nun traballo que asina Carlos Biscainho-Fernandes; as relacións culturais con Portugal, artigo do que se responsabilizou Luis Martínez-Risco Daviña; o estudo dos coros e orfeóns que realiza Ramón Rodríguez Palleiro “Moncho do Orzán”; a pintura galega no tempo das Irmandades (Carlos L. Bernárdez) ou o traballo artístico de Camilo Díaz Baliño (Miguel Anxo Seixas Seoane).

Como nos dous casos anteriores, a proposta de Edicións Laiovento co gallo do centenario das Irmandades foi un volume coral, desta volta coordinado por Uxío-Breogán Diéguez baixo o título de As Irmandades da Fala 1916-1931. Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. O libro encétase con dous traballos que analizan dous movementos sociais chave da Galiza do momento e a súa relación coas Irmandades. Así, Carlos Velasco Souto encárgase do agrarismo e Dionisio Pereira do movemento obreiro. A contextualización xeral das Irmandades correspóndelle a Uxío Breogán Diéguez e a Justo Beramendi en senllos artigos. Pilar García Negro dedica o seu estudo a analizar os casos de valedores da lingua galega que precederon ás Irmandades, con especial atención á obra de Manuel García Blanco e Ramón Villar Ponte. Os estudos de caso tamén están presentes neste volume. En efecto, a intención de Xoán Carlos Garrido Couceiro no seu traballo é sinalar os límites dos movementos sectoriais e sindicais desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á figura de Xacinto Crespo, líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere subliñar Garrido Couceiro a necesidade de transcender o ámbito sectorial e local, parar asumir unhas reivindicacións nacionais, neste segundo caso o exemplo escollido é o de Antón Lousada Díeguez, un dos principais líderes das Irmandades da Fala. Pola súa parte, o estudo de Xesús Torres Regueiro analiza a evolución e os traballos da Irmandade da Fala de Betanzos. Seguindo cos estudos de caso, Aurora Marco dedica a súa achega a estudar a presenza feminina nas Irmandades, con especial dedicación ao caso de Amparo López Jean. Ao igual que acontecía no libro xa comentado da Universidade da Coruña, Moncho do Orzán presenta un traballo destinado a sinalar a importancia dos coros galegos, nesta ocasión centrando a súa análise no caso da agrupación “Cántigas da Terra” da Coruña. Henrique Rabuñal pon o ramo ao volume cun estudo dedicado a glosar as principais achegas dos irmandiños ao teatro galego, pois para os líderes das Irmandades o teatro era un medio privilexiado para prestixiar a lingua e espallar as súas reivindicacións.

A Real Academia Galega centrou a súa proposta bibliográfica nos principais logros literarios da Irmandades. Debemos sinalar, xa que logo, o volume editado por Henrique Monteagudo co título Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía. Neste volume recóllense os textos que integraron o ideario fundamental das Irmandades. Entre outros documentos podemos atopar a conferencia que Castelao pronunciou na Coruña en 1920, arredor da exposición do Álbum Nós. No volume aparece tamén a conferencia impartida, tamén en 1920, por Antón Villar Ponte en Compostela baixo o título “Os nosos valores”. Outro libro editado pola Real Academia Galega estivo ao coidado de Xosé Ramón Pena. Trátase de Tempo das Irmandades. Antoloxía de poesía. Neste volume inclúense composicións dos principais poetas vencellados ás Irmandades, desde Ramón Cabanillas até Victoriano Taibo. Pero tamén hai espazo para poetas que se enfrontaron aos postulados, lingüísticos e políticos, das Irmandades, caso de Antonio Noriega Varela. Cómpre indicar que hai espazo neste volume para os poemas galegos de Federico García Lorca. Finamente, o estudo editado por Laura Tato Fontaíña O teatro nas Irmandades da Fala. Para Laura Tato o teatro promovido por institucións como o Conservatorio Nacional da Arte Galega rachou coa tradición rexionalista e puxo a primeira pedra dun teatro culto, un proceso non exento de tensións internas. Esta escolma xunta catro pezas teatrais, dúas delas até o momento inéditas. Abre o volume a peza Donosiña, de Xaime Quintanilla, estreada no teatro Jofre de Ferrol o 7 de abril de 1921, apostaba inequivocamente pola igualdade de dereitos para as mullres. Segue a peza Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte. Inclúese tamén María Rosa. Comedia en dous pasos, a única obra que Gonzalo López Abente publicou como dramaturgo. Finalmente atopamos Un caso compricado, de Leandro Carré Alvarellos, valedor dun teatro de fasquía máis conservadora. Xa en 2017 a Real Academia Galega completou esta serie de antoloxías dedicadas ás Irmandades da Fala cun volume no que se recollen as principais achegas no eido da narrativa da época, a obra foi editada por Ramón Nicolás.

Capítulo aparte merecen os congresos e encontros dedicados ás Irmandades da Fala e que se celebraron en 2016. Neste senso, podemos subliñar o simposio organizado polo Museo do Pobo Galego baixo o rótulo de “Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931)”, que tivo lugar entre os días 17 e 19 de novembro de 2016. Ademais de polo Museo do Pobo Galego este simposio estivo organizado polo Grupo ILLA e por Murguía, Revista Galega de Historia. As actas deste simposio verán a luz en 2017, constituíndo unha nova achega bibliográfica para a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega organizou o congreso internacional “O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de entreguerras: de Imperios a nacións”, desenvolvido os días 6 e 7 de outubro de 2016. Podemos destacar tamén as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela, 1916-2016”, organizadas pola Agrupación Cultural O Galo entre os meses de outubro e novembro de 2016. Iso sen contarmos as numerosas conferencias e palestras organizadas ao longo do país. Non podiamos rematar sen lembrar a exposición Saúde e Terra Irmá(n)s! que promovida pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega percorreu as principais cidades do país.

Artigo publicado na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 169-174. (ver)

18/12/17

O LEVANTAMENTO DE 1846 E O NACEMENTO DO GALEGUISMO

Hai libros destinados a perdurar. Mesmo no ámbito da Historia, onde a sucesión de novas investigacións remata pondo en cuestión os vellos estudos, hai obras que manteñen a súa vixencia ao longo dos anos. Por poñer uns exemplos: O queixo e os vermes, do italiano Carlo Ginzburg, libro publicado en 1976 e que remataría por se converter nun dos fitos da microhistoria. A formación da clase obreira en Inglaterra, de E.P. Thompson, obra clásica da historiografía marxista que viu a luz en 1963. Pois ben, en Galiza non estamos faltos deste tipo de obras, que marcaron un antes e un despois. As seguintes liñas van dedicadas a unha delas: El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936), cuxo colofón indica que se rematou de imprentar o 18 de abril de 1977, na desaparecida editora compostelá Pico Sacro. A obra celebra, pois, o seu corenta cabodano. Co gallo deste aniversario lembramos, e asemade homenaxeamos, un libro cuxas páxinas seguen en gran parte aínda vixentes.

A ninguén se lle escapa que o levantamento militar que estoupou en Lugo o 2 de abril de 1846 foi algo máis que un simple pronunciamento, un dos moitos que houbo ao longo do século XIX en España. O sistema político da Constitución de 1845 institucionalizou o exercicio do poder en exclusiva por parte do partido Moderado. Xa que logo, imposibilitados de acceder ao poder por medios legais, os progresistas, apoiados nos seus líderes militares, lanzáronse a unha campaña de sublevacións para derrocar aos moderados no poder. Así pois, algo disto hai no levantamento galego de 1846, pero a súa análise polo miúdo amósanos unha maior complexidade. Tal foi o que realizou no seu día o profesor Barreiro Fernández, quen se preguntou ao comezo do seu libro se foi un simple pronunciamento, un levantamento ou, como o denominaron moitos dos seus contemporáneos, unha revolución.

Se ben é certo que nas reivindicacións dos pronunciados están as clásicas demandas progresistas: aperturismo político, concellos populares, Milicia Nacional... Tamén é verdade que neste movemento podemos atopar, por vez primeira, unha nidia reivindicación de Galiza. E quen realizou esa reivindicación? Obviamente a xeración provincialista que desde comezos da década de 1840 se viña xestando na Compostela do momento. Tratábase de mozos universitarios que, arredor da Academia Literaria, procederon a descubrir Galiza como unha entidade de seu, cuns dereitos inalienábeis que tiñan que ser defendidos. Esa descuberta e defensa de Galiza fíxose en xornais como El Centinela de Galicia, El Iris de Galicia, El Idólatra de Galicia, La Aurora de Galicia... Semellaba que aqueles mozos, nos que destacaba a figura de Antolín Faraldo, acabasen de descubrir Galiza como unha entidade política que defender.

Como era típico do liberalismo español, a dirección política deste levantamento correspondeu ás Xuntas, primeiro nas localidades e máis tarde, o 15 de abril de 1846, formaríase unha Xunta Central Galega, da que Antolín Faraldo sería o seu secretario, clara mostra de que os mozos provincialistas estaban na primeira liña do levantamento. Á pluma de Faraldo debemos o manifesto publicado pola Xunta Central no seu xornal La Revolución. Este texto ten dúas partes claramente diferenciadas, que corresponden ás dúas almas do levantamento das que xa falamos. Por un lado, na primeira parte do manifesto atopamos o catálogo de reivindicacións do partido Progresista. Por outra lado, a segunda parte é a máis novidosa pois nela atopamos unha clara reivindicación de Galiza no seu conxunto. Tal é así que podemos considerar este texto como un dos documentos fundadores do galeguismo. No libro do profesor Barreiro Fernández reprodúcese non só este manifesto, senón tamén os que promulgaron as distintas Xuntas locais espalladas polo país. Paga a pena reproducir algunhas liñas da proclama da Xunta Central galega, pois amosan ben ás claras a fasquía provincialista do movemento:

“El pueblo conquistará en esta revolución lo que le han arrebatado los cómicos de los pronunciamientos: pan y derechos. Galicia, arrastrando hasta aqui una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará constantemente á engrandecer el antiguo reino de Galicia, dando provechosa direccion á los numerosos elementos que atesora en su seno, levantando los cimientos de un porvenir de gloria. Para conseguirlo se esforzará constantemente en fomentar intereses materiales, crear  costumbres públicas, abrir las fuentes naturales de su riqueza, la agricultura y el comercio, y poner en armonía con la época los hábitos y las ideas que dejó una sociedad decrépita fundada sobre la ignorancia. Despertando el poderoso sentimiento del provincialismo, y encaminando á un solo fin todos los talentos y todos los esfuerzos, llegará a conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar á que está llamado el antiguo reino de los Suevos”.

Atopámonos diante dun programa claramente rexenerador para Galiza, cunha clara apelación ao pasado histórico glorioso, base para fundamentar un presente de traballo e un futuro de gloria. Nesa apelación á Historia, como base un programa político rexenerador, Antolin Faraldo e os seus compañeiros provincialistas adiantáronse ao traballo historiográfico que anos máis tarde desenvolverá con brillantez Manuel Murguía. Non obstante, as esperanzas descritas nesta proclama axiña se ían ver truncadas, pois as tropas sublevadas comandadas por Miguel Solís foron derrotadas polas unidades enviadas polo goberno central. Cercados no mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, a Solís e aos seus camaradas non lles quedou outro remedio que a rendición. No seu traslado á Coruña para seren sometidos a xuízo, estes militares foron axustizados na localidade de Carral.

Enganariámonos, non obstante, se pensamos que o levantamento galego de 1846 non deixou un importante pouso de cara ao futuro. En efecto, como sinalabamos nas liñas anteriores, a xeración provincialista ao ser a primeira en levantar a bandeira de Galiza había de ter unha influencia decisiva no futuro rexionalismo e no nacionalismo do século XX. É máis, malia que a maioría dos militares fusilados non eran galegos, os “Mártires de Carral”, como axiña serían coñecidos, converteríanse nun lugar de memoria para o galeguismo. Tan só dez anos despois dos acontecementos que acabamos de describir, os estudantes e os obreiros composteláns xuntáronse nunha comida para conmemorar os acontecementos de 1846. Foi o “Banquete de Conxo” un acto de afirmación democrática que demostrou que a semente plantada por aqueles primeiros provincialistas seguía viva. A importancia da xeración provincialista está no feito de que foron os primeiros, actuaron como os pioneiros que ensinaron o camiño aos que habían de vir. Quizais foi Manuel Murguía quen mellor os denominou, anos despois, ao falar dos Precursores.

E se importante foi a xeración provincialista, non menos importante foi a monografía que a estudou en 1977 e que, en gran parte, aínda continúa vixente. Celebramos, pois, o corenta aniversario do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández, desexándolle novos lectores e lectoras que, seguro, han atopar un documentado estudo sobre o levantamento galego de 1846.

El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo
Xosé Ramón Barreiro Fernández
Pico Sacro, Santiago de Compostela, 1977, 250 páxinas

Recensión publicada na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 165-168. (ver)

10/10/17

AS GUERRAS DE CUBA: A RECONCENTRACIÓN

A tarefa de perseguir os fíos de continuidade entre os acontecementos históricos constituíu desde sempre parte fundamental do traballo da investigación histórica. Este é un dos principais obxectivos que o historiador suízo Andreas Stucki procura no seu libro Las guerras de Cuba, publicado en castelán pola editorial «La Esfera de los Libros» (o orixinal en lingua alemá apareceu en 2013). A obra de Stucki céntrase nun dos aspectos máis controvertidos do conflito independentista cubano: a reconcentración da poboación civil levada a cabo polas autoridades coloniais españolas. O internamento obrigatorio dos habitantes das zonas rurais, como medio de combater las guerrillas secesionistas, quíxose ver como un precedente dos campos de concentración do século XX. Esta idea é, precisamente, a que pretende verificar Stucki a través do seu estudo. Para responder ás teses do seu libro, este historiador explora tanto os arquivos militares españois ˗o Archivo General Militar de Madrid sobre todo˗ como os arquivos provinciais cubanos.

O estudo da reconcentración en Cuba centrouse tradicionalmente na época da súa principal aplicación, a saber, a guerra de independencia que vai de 1895 a 1898. Ora ben, o autor deste libro va máis alá, e procura posíbeis antecedentes nos anteriores conflitos secesionistas cubanos, basicamente a coñecida como “Guerra dos Dez Anos” (1868-1878). Efectivamente, Stucki chega á conclusión de que os militares españois pensaron a reconcentración da poboación civil, como estratexia militar contraguerrilleira, con anterioridade ao seu principal desenvolvemento partir de 1896. Non obstante, este historiador matiza o feito de que a reconcentración non se pensou soamente para un contexto colonial (é dicir, excepcional). Así, non faltaron os militares que propuxeron a concentración da poboación civil durante a Terceira Guerra Carlista (1872-1876) nas provincias vascas e Navarra. Tal situación non debemos contemplala como algo abraiante, pois tanto o conflito cubano como o carlista eran simultáneos no tempo. Por outra parte, foron numerosos os oficiais españois que participaron en ambas guerras ˗o xeneral Arsenio Martínez Campos, como exemplo relevante˗. Finalmente, non debemos esquecer que para os militares e para a maior parte da opinión pública española o conflito cubano era interpretado como unha guerra civil, máis que como unha contenda colonial e periférica.

A postura dos militares españois diante da reconcentración da poboación foi mudando ao longo da guerra e, con ela, a estratexia militar. Así, o goberno español enviou nun primeiro momento a Cuba ao xeneral Arsenio Martínez Campos, xa que este militar rematara con éxito en 1878 o primeiro gran conflito secesionista cubano. Cunha táctica eminentemente pactista e tendente a buscar o acordo, Martínez Campos, malia que barallou a idea, non desenvolveu a estratexia de reconcentración. Este xeneral no só non acadou rematar a guerra, senón que non foi quen de frear a invasión das provincias occidentais por parte do Exército Libertador Cubano (ELC), téñase en conta que era precisamente na zona occidental da illa onde se concentraban a maior parte dos enxeños azucreiros e as plantacións de tabaco, isto é, onde se situaba a principal riqueza económica de Cuba. Nas guerras anteriores, a loita circunscribírase á parte oriental de Cuba, moito máis rural e agraria.

Perante esta situación, na procura de dar un xiro radical á guerra, o goberno español enviou a Cuba ao xeneral Valeriano Weyler Nicolau, que sen ningún tipo de escrúpulos desenvolveu en toda a súa intensidade a estratexia de reconcentración. Tradicionalmente a investigación situaba o comezo da política de internamento da poboación rural o 21 de outubro de 1896, data do bando que impuña a reconcentración na rica provincia de Pinar del Río. Non obstante, no traballo de Stucki sinálase un importante precedente: o bando do 16 de febreiro de 1896 que estabelecía a política de reconcentración na xurisdición de Sancti Spíritus e as provincias de Puerto Príncipe e Santiago de Cuba. En calquera caso, esta táctica de guerra acabou por se estender a toda Cuba, causando en moi pouco tempo un auténtico drama humano, diante da imposibilidade de atender as necesidades da poboación desprazada. Weyler pasou á historia como o monstro que ordenou á concentración e, polo tanto, o principal responsábel das mortes causadas pola fame e a enfermidade. Stucki, sen negar a responsabilidade do xeneral español, non o sinala como único culpábel, pois moitas das acción do ELC tamén contribuíron a empeorar a situación dos internados.

Aspectos como a corrupción das autoridades coloniais ou a indiferenza dos mandos militares cara ás súas tropas eran xa coñecidos. Non obstante, as cifras que atopamos neste libro seguen abraiándonos. En efecto, aproximadamente o 22 % dos soldados españois destinados en Cuba faleceron sen combater, fundamentalmente a causa dos rigores do clima, as enfermidades ou a deficiente alimentación. Ora ben, Stucki vai máis alá. A corrupción, amplamente xeneralizada no bando español, pódese atopar tamén do lado independentista. Así, o autor verifica que moitos cargamentos de armas ˗procedentes dos Estados Unidos˗ eran desviados cara ao mercado negro.

Se ben é certo que desde o punto de vista militar a estratexia de Weyler favorecía ás armas españolas, tamén o é que as consecuencias propagandísticas motivaron o seu fracaso final. Isto é así porque o conflito cubano pode considerarse como unha das primeiras «guerras mediáticas» contemporáneas. En efecto, os rebeldes cubanos xogaron con acerto a baza da propaganda, expondo ao mundo os dramáticos resultados da política de reconcentración, estratexia na que a prensa norteamericana tamén tivo un papel decisivo. A sensibilizada opinión pública estadounidense presionou ao seu goberno, quen non tardou en queixarse diante do goberno de Madrid, que en pouco tempo tivo que facer fronte a una multitude de queixas internacionais sobre a súa política en Cuba.

A presión internacional contribuíu á queda do goberno conservador de Antonio Cánovas del Castillo, que foi sucedido polo liberal Práxedes Mateo Sagasta. Este cambio de goberno anticipaba tamén a substitución do xeneral Weyler. Así, o xeneral Ramón Blanco Erenas foi enviado a Cuba para tratar de calmar á opinión pública internacional. O novo mando militar non só flexibilizou a reconcentración, tamén promoveu un crédito de cen mil pesos para aliviar o drama humano causado pola reconcentración, que xa naquela altura causara entre 155.000 e 170.000 vítimas mortais. No capítulo sétimo deste libro realízase unha pormenorizada análise dos efectos da reconcentración en cada unha das provincias cubanas. Unha nova táctica militar máis moderada, xunto coa concesión dun réxime de autonomía a Cuba a partir do 1 de xaneiro de 1898, contribuíu a mellorar a imaxe de España. Non obstante, a explosión do acoirazado norteamericano «Maine» na baía da Habana, o 15 de febreiro de 1898, agoiraba a intervención dos Estados Unidos na guerra de Cuba e, a fin de contas, a perda das derradeiras colonias del imperio español.

Finalmente, un bando do 30 de marzo de 1898 puxo fin oficialmente á reconcentración na illa. Ora ben, a situación non se normalizou de inmediato, a fame e os andazos continuaron causando vítimas; aínda máis, o bloqueo norteamericano levou a un endurecemento da situación, co que se engadiu un novo actor ás consecuencias dramáticas dos internamentos. Andreas Stucki, deste xeito, conclúe que se ben existe una explicación estrutural no uso dos campos de concentración entre os séculos XIX y XX, esta débese máis a que diferentes problemas levaron a unha mesma solución, que a que haxa efectivamente conexión e fíos de unión entre a reconcentración española en Cuba e os campos de concentración do nazismo e outros similares.

Las guerras de Cuba. Violencia y campos de concentración (1868-1898)
Andreas Stucki
Madrid, La Esfera de los Libros, 2017, 413 páxinas

Versión galega da recensión publicada en castelán na revista Pasado y Memoria. Revista de Historia Contemporánea, nº 16 (2017), p. 250-254. (ver)

05/09/17

O FECUNDO LEGADO DAS IRMANDADES DA FALA

A conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 deu pé a unha vizosa produción bibliográfica. Na maioría dos casos atopámonos con libros colectivos, visións de conxunto verbo deste importante movemento cultural e político. Ten lóxica que así sexa, pois as Irmandades, apoiándose na inicial reivindicación da lingua galega, axiña asumiron un programa de demandas sociais, culturais e políticas. A elas debemos o nacemento e organización do primeiro nacionalismo galego. Xa que logo, dedicamos as seguintes liñas a comentar unha destas obras: As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX, coordinada polo profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez e editada por Laiovento.

As Irmandades da Fala compartiron pulo co espallamento do agrarismo e o desenvolvemento do movemento obreiro; a estes dous movementos están dedicados os dous primeiros traballos do libro que analizamos. O profesor Carlos Velasco Souto é o encargado de comentar as principais características do agrarismo. En xeral as relacións das sociedades agrarias cos movementos políticos que lles eran contemporáneos resultan complexas e veñen determinadas sobre todo polos intereses desas forzas ao pretender mobilizar aos labregos no seu favor. Xa que logo, ao longo dos anos houbo momentos en que, tanto aos dirixentes agrarios como aos líderes das Irmandades, lles interesaba camiñar xuntos; pola contra, cando os intereses políticos así o esixiron, tomaron vieiros diferentes. Caso semellante é o do movemento operario, analizado por Dionisio Pereira. Cómpre dicir, así é todo, que os dirixentes obreiros foron moitos menos permeábeis que os agraristas. Malia que houbo relacións destacábeis, caso de Xosé Pasín e Lois Porteiro en Compostela, ou as apelacións realizadas na V asemblea nacionalista por se achegar ao mundo do traballo, en xeral as Irmandades e os partidos obreiros tiveron poucas canles de comunicación.

A reivindicación lingüística das Irmandades é analizada por Pilar García Negro. Se en algo destacaron os dirixentes irmandiños foi na súa férrea defensa do monolingüísmo en galego, situación da que se diferenciaron dos rexionalistas que os precederon. Neste senso, no seu traballo García Negro analiza precedentes de reivindicación da lingua galega, como o do profesor e escritor Manuel García Blanco, centrándose logo nos traballos en defensa do idioma de Ramón Vilar Ponte.

Os aspectos políticos das Irmandades son estudados nos traballos de Justo Beramendi e Uxío-Breogán Díeguez. O profesor Beramendi explica no seu estudo o proceso paulatino de ruptura co rexionalismo e o nacemento do nacionalismo galego. Neste senso, este historiador fai fincapé no pulo transformador das Irmandades, nas súas palabras: “Sen o impulso inicial das Irmandades, sen a ideoloxía e o sentimento nacionalista que se xeraron no seu seo non serían concebibles nin o vizoso corpo teórico-ensaístico da chamada Xeración Nós, nin o florecemento cultural e literario dos anos vinte e trinta, nin o Seminario de Estudos Galegos, nin o Partido Galeguista da II República nin o primeiro proceso autonómico tal e como foi” (p. 63). Pola súa banda, o traballo de Uxío-Breogán Diéguez pasa revista aos principais fitos políticos das Irmandades: desde o lanzamento d’A Nosa Terra como voceiro do movemento, pasando pola loita electoral e a elección de Lois Peña Novo como primeiro cargo electo nacionalista,  até a creación dun imaxinario nacionalista de seu, cun calendario nacional galego: “Estas datas encadrábanse na necesaria recuperación da memoria histórica galega, así como a favor da creación dun imaxinario colectivo patriótico, en definitiva, dunha conciencia nacional galega” (p. 103). E, finalmente, os primeiros intentos de artellar unha alianza dos nacionalismos periféricos (Triple Alianza, 1923).

No eido político tamén incide o traballo de Xoán Carlos Garrido Couceiro. A intención deste autor é sinalar os límites dos movementos sectoriais e sindicais desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á figura de Xacinto Crespo, líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere subliñar Garrido Couceiro a necesidade de transcender o ámbito sectorial e local, parar asumir unhas reivindicacións nacionais, neste segundo caso o exemplo escollido é o de Antón Lousada Díeguez, un dos principais líderes das Irmandades da Fala. Non podía faltar na obra un estudo de caso, do cal se responsabiliza Xesús Torres Regueiro coa súa análise da Irmandade da Fala de Betanzos. Neste traballo analízanse os importantes xogos florais de 1918, a destacada actividade teatral desenvolvida en Betanzos como medio idóneo para prestixiar o galego, as cambiantes relacións co poder político local e, finalmente, a decisión dos irmandiños betanceiros de apoiar a Irmandade Nazonalista Galega (ING), no contexto da crise de 1922. Neste senso, cómpre lembrar que o xornal local da Irmandade ˗Rexurdimento˗ foi na súa segunda época voceiro nacional da ING.

No programa político das Irmandades, aprobado na asemblea de Lugo en novembro de 1918, aparece o recoñecemento da igualdade de dereitos para a muller. E é que no seo das Irmandades da Fala as mulleres xogaron un importante rol, tal e como se deixa ver no traballo de Aurora Marco, o cal pasa revista non só á decisiva achega das mulleres (como nos cadros de Declamación), senón ao caso particular de Amparo López Jean, que tivo ao longo da II República a súa principal época de actuación, á fronte da “Agrupación Republicana Feminina” da Coruña.

Testemuña da amplitude de miras das Irmandades da Fala son os dous últimos traballos do libro. Ramón Rodríguez Palleiro (Moncho do Orzán) pasa revista ao fecundo traballo dos coros e cadros de Declamación, que tiveron nesta época unha gran expansión. Para facelo acode ao caso particular de “Cántigas da Terra”, da Coruña. Pola súa parte, Henrique Rabuñal pon de relevo no seu estudo a importancia que os líderes das Irmandades concedían ao teatro. Nas palabras deste autor: “Un teatro que é arte social, esteticamente plural, pero tamén espello do activismo irmandiño e instrumento de dignificación idiomática e de espallamento e apostolado galeguista” (p. 269). A través do traballo de Rabuñal temos acceso tanto aos principais autores desta época como ás súas obras máis senlleiras.

As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Coord.)
Laiovento, 2016, 293 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 214, abril-xuño de 2017, p. 80-81 (ver)

27/06/17

CARTAS DE SUÁREZ PICALLO A BLANCO AMOR

Máis alá das grandes ideas e dos proxectos políticos as relacións persoais e afectivas xogan un papel sobranceiro no devir dos pobos, aínda que, na maioría das veces, non sexan tidas en conta. No percurso vital de Ramón Suárez Picallo (1894-1964) a súa relación de amizade con Eduardo Blanco Amor (1897-1979) foi determinante, cando menos, para a súa chegada ao galeguismo. E que mellor mostra dese especial vínculo que as cartas que o de Sada enviou ao de Ourense, misivas que veñen de se publicar, baixo o título Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, na nova editora Chan da Pólvora. En efecto, neste coidado volume reprodúcense as vinte e cinco cartas que se conservan no arquivo Blanco Amor da biblioteca da Deputación de Ourense, cunhas fronteiras temporais entre 1931 e 1946. A introdución e as notas son responsabilidade de Antón Lopo. Estas cartas publícanse por primeira vez conxuntamente nun libro, se ben en xullo de 1993 xa viran a luz no suplemento «Revista das Letras», do xornal O Correo Galego.

Sexa porque se trata de documentos persoais, sexa pola decisión do editor destas cartas, o certo é que neste libro abórdase con valentía e sen prexuízos a homosexualidade de ambos protagonistas. Este é un tema que, a pesar de ser coñecido, na maioría da bibliografía omítese deliberadamente, sobre todo no caso de Ramón Suárez Picallo. En efecto, nese senso Lopo teno claro: “A homosexualidade reforzaba a súa unión fronte a unha contorna agresiva e «facíaos máis íntimos»...” (p. 19). Para o caso que nos ocupa non é este un tema sen importancia, pois, como máis arriba comentabamos, foi Blanco Amor quen turrou de Suárez Picallo para o galeguismo. Os comezos políticos do emigrante sadense estiveron situados na esquerda comunista e no sindicalismo[1]. E iso foi así mestres Eduardo Blanco Amor non lle descobre Galiza a Ramón Suárez Picallo.

Canto á distribución das cartas, catorce misivas corresponden ao tempo da República e da Guerra Civil, mentres que as once restantes sitúanse na etapa do exilio. A primeira parte da correspondencia achéganos ao labor de Suárez Picallo como deputado, amosando o seu compromiso cos sectores produtivos de Galiza. Teima tamén en ver recoñecidos os dereitos dos emigrantes, para o cal solicita a axuda de Blanco Amor, pedíndolle que mande ao Congreso dos Deputados o xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas (FSG) e que dirixía o de Ourense en Bos Aires. Nunha carta do 15 de xaneiro de 1932 pode lerse: “Galicia sale muy bien. Tus editoriales magníficos y algunos proféticos. Cuánto te alegraría ver el día que llega Galicia, con su título grandote, abierta sobre más de cuarenta escaños y pasar de mano en mano” (p. 38). Proféticas tamén eran as palabras de Suárez Picallo tras o asasinato de José Calvo Sotelo, cando afirmaba que a guerra civil xa estaba na rúa (carta de 12-06-1936). Neste senso, para o deputado galeguista a consecución da autonomía era clave para que Galiza puidera salvarse por si soa. En efecto, a loita polo Estatuto galego estivo entre as súas principais preocupacións, tal e como pode apreciarse a través destas cartas. Esta correspondencia tamén nos achega ao importante labor de Suárez Picallo ao longo da Guerra Civil, ben organizando milicias galegas, ben na intensa propaganda. Así é todo, e agoirando o final da contenda, nunha carta de 25 de decembro de 1936 clama pola unidade da emigración, onde sitúa o futuro de Galiza: “Por encima de todo, se impone la unión más estrecha entre todos los sectores antifascistas de nuestros emigrados, prescindiendo de cuanto pueda ser motivo de discordía. Sobre esta base Galicia se salvará. La salvarán sus hijos, emigrados. Esa enorme reserva física y espiritual que Galicia posee, como ningún otro país, fuera de sus fronteras, es hoy la única gran esperanza” (p. 58).

A maioría das cartas do exilio teñen como orixe Santiago de Chile, aínda que as dúas primeiras proceden da República Dominicana, a onde Suárez Picallo chegou tras un breve paso por Nova York. As dificultades económicas, o desarraigo e a dor pola perda dos seus familiares (especialmente o seu irmán Antón) son as características que máis nos impresionan neste conxunto de cartas. Xunto a estas peculiaridades, nestes textos apreciamos o seu visceral anticomunismo, teima que lle quedara desde que nos días da Guerra Civil tivera que defender como avogado a dirixentes anarquistas encarcerados polos comunistas. Esta fixación contra os comunistas españois afectará tamén á súa relación con outros líderes galeguistas, caso de Castelao, a quen lle afea a súa subordinación ao PCE. Así, nunha carta de 1942 podemos ler: “Castelao, desde que foi a Rusia, entregouse por enteiro. Aplebeyárono. En New York anduvo tolo pra que eu o axudase a servir o P.C. Eu botei vinte blasfemias seguidas e díxenlle que estaba irremisiblemente perdido se non reaccionaba. Non reaccionou e está feito unha piltrafa política”[2], (p. 75). Porén, co paso dos anos estas diverxencias políticas vanse atenuando, dando paso a posicións máis conciliatorias, entre outras cousas motivadas polo cansazo e a enfermidade.

Por riba de desavinzas e discusións, a relación entre Suárez Picallo e Blanco Amor mantívose ao longo dos anos e déixase sentir na escrita da súa correspondencia, desde o comezo até o final. Como escribía o galeguista de Sada nunha carta de 6 de setembro de 1931: “Nuestra amistad, clara y luminosa, está más allá de los triunfos y de las derrotas, más allá de nuestros defectos y de nuestras virtudes, más allá del bien y del mal. Más allá de todo” (p. 28). E esta, se cadra, é a principal característica desta colección epistolar: a historia dunha duradeira amizade acompañada dun decidido compromiso galeguista.



[1] Para a actividade política do primeiro Suárez Picallo resulta moi interesante a publicación SUÁREZ PICALLO, Ramón: Años de formación política: selección de textos, 1916-1931, Bos Aires: Editorial Alborada, 2008 (introdución, selección e notas de Hernán M. Díaz). Recolle esta obra unha escolma de artigos que viron a luz en publicacións da esquerda arxentina e en revistas da colectividade galega en Bos Aires.
[2] As desavinzas con Castelao datan de, polo menos, a estadía de ambos en Nova York. O de Rianxo tampouco ficaba atrás e nunha carta a Sebastián González, datada o 5 de setembro de 1939, podemos ler: “…os vividores da guerra a quen Picallo se entregou por catro codias de pan e catro agarimos e louvanzas á súa sabiduría de abogado. E non foi porque a Picallo non lle dixera o que tiña que dicirlle, pero foi inútil. Non me escoitou e sigueu decindo que eu estaba entregado aos comunistas e deulle azos a uns imbéciles que chegaron a decir que estou a soldo da Unión Soviética. ¡Imaxínate a que extremos conduce a pederastía!”. Nótense tamén as desafortunadas alusións de Castelao á homosexualidade de Suárez Picallo. Poden seguirse estas discusións no libro de ALONSO MONTERO, Xesús: Castelao na Unión Soviética en 1938, Vigo: Xerais, 2012, p. 166-173.

Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor
Antón Lopo (Introdución e notas)
Chan da Pólvora, Santiago de Compostela, 2016, 88 páxinas

Recensión publicada na revista Murguía, Revista Galega de Historia, nº 34, xullo-decembro de 2016, p. 151-153. (ver)

18/05/17

LEMBRANZA DE RAMÓN DE VALENZUELA

As vivencias de Ramón de Valenzuela Otero (Silleda, 1914 – Sanxenxo, 1980) tiveron fonda pegada na súa obra. Autor de dous romances que son hoxe testemuño da represión violenta que o franquismo exerceu sobre a poboación galega. Estudante en Santiago de Compostela, primeiro de Dereito e Filosofía e Letras e máis tarde en Maxisterio, axiña se había de vincular aos ambientes galeguistas; ademais de membro da sección de etnografía folclore do Seminario de Estudos Galegos foi afiliado ás Mocedades Galeguistas. A súa carreira literaria comezou cedo, pois nos anos 1934 e 1935 desenvolveu unha importante actividade como conta contos, ben en teatros, ben a través da radio, empregando o alcume de «Pepe dos Cestos». Obrigado a alistarse no exército rebelde, pasa logo ao bando leal combatendo no V Corpo do Exército Popular da República ao mando de Enrique Líster.

Coa derrota da República marcha a Francia, mais foi devolto ás autoridades franquistas polos nazis. Pasou por varios campos de traballo até que conseguiu saír en liberdade. Casou con María Vitoria Villaverde, filla do deputado republicano e membro do Consello de Galiza Elpidio Villaverde. En 1949, tras acadar o indulto definitivo, marcha á Arxentina, onde desenvolvería unha importante actividade cultural. Afiliado ao Partido Comunista, en 1966 regresou a España. Foi autor da peza teatral As bágoas do demo, posta en escena por Eduardo Blanco Amor en 1964. Tamén deu ao prelo o libro de relatos O Naranxo en 1974. Xa en 1980 publicou Era tempo de apandar, novela na que recreaba o seu paso polos campos de traballo franquistas.

En 1957 publicou en Bos Aires o seu romance Non agardei por ninguén, na Editorial Citania, a mesma onde Blanco Amor publicou A Esmorga. A cuberta da novela foi deseñada por Luís Seoane. Desta obra reproducimos dous fragmentos que nos amosan ben ás claras a violencia que o franquismo exerceu sobre Galiza.

* * *

Ramón de Valenzuela: Non agardei por ninguén, Vigo: Xerais, 1989.

Despois dun curto silencio, e xa en compaña de María que se nos achegou, o dono seguiu.
Nestes tempos cómpre tomar todas as precaucións, a aínda todas son poucas. Estas xentes non estiveron nunca en cousas de política, e mal poderán saber se a súa é boa ou ruín. Uns andaron co crego, e se o coñecen a vostede tomarano por un xudeu. Outros andaron contra do crego e tomarano como un comprometedor. Os que berraron hai un mes Viva Galicia co Estatuto, berran hoxe Arriba España cos cregos. E non pense que vai niso ruín intención nin espírito de traidoría. O que pasa é que para eles a cuestión non ten importancia e van con quen manda ou lles parece máis forte ou máis interesante. Eu mesmo doume conta do que isto é porque xa atopei dous mortos na estrada de Turces, e os dous parecían xente principal, e sei que a Garda Civil está xuntando mozos, os máis burros que atopa, e dálles pistolas e fusís.
A vella terciou na conversa, e cun nó na gorxa dixo:
−Don Gonzalo, aínda que os que están non teñan intención de o descubrir, pode ser que se lles escape unha verba.
−Non, meus amigos, xa sei que non debo quedarme nesta casa. Tencionaba de vir un intre a descansar, e vexo que se torceu o meu descanso.
−O descanso no, don Gonzalo. De aquí non se vai sen descansar e xantar –dixo o vello.
Xantamos Henrique e mais eu do amañado para os malladores. Comiamos calados e reflexivos, matinando futuros complexos. Nun intre que quedamos sós exclamei:
−¡Pobre terra!
−¡Pobre xente –respondeu Henrique−. Ímonos cara a Braobre e dirémoslle que voltamos para Trasdeza. (p. 52-53)

* * *

Quedamos durmidos; non sei se Ansede dixo algo máis, pero eu atopeime tan a gusto como xa ía tempo non me sentira. Aquela noite soñei coa claudieira convertida en meniña loira que me daba bicos en vez de claudias.
Cando acordamos eran as sete da mañá, mais en vez de nos erguer, seguimos deitados un anaco. Nunha fontela da beira coa navalla de Ansede afeitámonos un ao outro. Eran as once cando nos diriximos cara ao castro, non pola fraga, senón polo arrodeo que eu sabía da antenoite.
Cando abrimos a porta topamos a Pepe de Matos deitado enriba das pallas. Ao vernos brincou cara a nós chorando sen folgo.
−¿Que pasou? Conta. ¿Que pasou?
Choraba cada vez máis forte, quería falar e non podía. Nas súas frases entrecortadas berraba como afogado:
−¡Matárono! ¡Matárono!
Levámolo a fóra medio esvaído. Pepe fíxolle beber un grolo de coñac, e despois de agardar que se serenase, díxolle con voz imperativa:
−Somos guerrilleiros e non meniños. Xa entendo que mataron a Xosé de Brabil. Cobra ánimo e cóntame todo. Eu preciso saber todo. ¡Fala!
O relato do neno foi curto. Máis tarde puidemos completalo.
Pepiño de Matos e Xosé de Brabil tiñan que pasar aquela noite á beira do Murallón. A súa misión principal era pórse en contacto cun mozo da vila que xa por dúas veces os abastecera de pan e que promete vincular a nosa cuadrilla con outra que estaba na serra da Rocha. O enlace non tiña vantaxe ningunha a xuízo de Ansede que levaba como norma “Cantos máis xuntos, nas nosas condicións, maior branco para os inimigos”; pero o contacto co mozo importaba non deixalo. Xunto dunha toxeira, e detrás dun valado, a cen metros da casa de Lois de Cancela, deitáronse os dous e quedaron durmidos. Alborexaba cando os espertou un barullo de xente que estaba rodeando a casa.
Xosé ergueuse de súpeto e agarrou con violencia a Matos. Primeiro sentiron pánico, como se estivesen rodeados. Xosé contivo ao neno que quería fuxir correndo, e díxolle case ao ouvido:
−Lois non está na casa; foi dos primeiros que se botou ao monte. Non sei que pode ser isto. Non sei que poderán vir buscar.
−Saberán que andamos nós perto de aquí –contestou Pepiño.
−Non hai razón para que nos busquen alí. Arranxa ben as armas. Imos ver de fuxir, pero agarda un pouco.
Eran dez, entre falanxistas e Gardas Civís. Daban voltas arredor do palleiro e do hórreo. Varios pulsaban o tarabelo da porta da eira que se non abría. Todos estaban armados con naranjeros de 52 tiros.
Cando comprenderon que a casa estaba ben cercada empezaron a petar coas culatas na porta e a pedir que saíse Lois.
Lois efectivamente estaba na casa. Chegara aquela mesma noite. Tivera noticia de que a súa nai estaba morrendo e que chamaba por el a cotío. Entrara con todas a precaucións e estaba seguro de non ser visto por ninguén.
A nai parecía reposta ao ver ao fillo. Despois da primeira aperta xa non tiña máis inquedanza que o perigo que o rapaz puidese correr. Queríase erguer para lle facer unha boa cea, mais el contiña nela con agarimos e risadas.
−Deixa que me erga; o meu mal xa pasou. Era todo de te non ver. Era todo anguria de peito por non saber onde andabas.
Lois deitouse no chan, sen se espir, enriba dunha manta á beira da cama.
A casa estaba tranquila. Unha tranquilidade montesía de noite sen vento. Por un tragaluz aberto entraba recendor de espigas. Apagaron o candil.
−No chan vas durmir mal, meu nono.
−Estou afeito, mamá.
Pasado un anaco de tempo sen horas, a nai achegouse á beira do leito e dixo a modiño.
−¿Dormes meu neno querido?
−Eu si. ¿E vostede?
−Eu tamén.
E así quedaron durmindo de verdade.
Os primeiros golpes na porta, seguidos de berros, puxeron a Lois dereito dun pulo. A nai non sabía se deliraba ou era realidade. O pai berrou dende a fiestra entreaberta:
−¡Lois non está! ¡Lois non está!
−Lois está, que chegou esta noite −contestáronlle−. Que saia axiña, senón queimamos a casa.
Lois miraba polas regandixas das fiestras. Miraba para a nai. Miraba para si mesmo. Sentía os berros dos falanxistas a chamar por el. A nai con ollos de tola, turrábase dos cabelos, mordía nos puños para que non lle sentisen a respiración.
Lois abre de par en par unha fiestra; de súpeto dispáranlle cinco tiros que lle non baten. No claror da alborada ve a figura da nai posta dereita enriba da cama, botando os brazos ao alto e traendo as mans á boca para afogar os saloucos.
O pai no medio do cuarto berra con toda a forza do peito:
¡Ai de Dios! ¡Ai de Dios! ¡Ai de Dios! que nos matan!
Os falanxistas cercan a casa con bencina e préndenlle lume. O lume ergue un resplandor macabro. O mozo baixa correndo, abre a porta e diante da laparada di:
−¡Matádeme a min! ¡Matádeme a min! ¡A meus pais non!
Os falanxistas desármano, cóutanlle as mans e un deles báixalle un culatazo na cabeza.
Na outra beira do camiño, detrás do valado do alto, Xosé prepara o Mauser. Pepiño de Matos prega:
−¿Fuximos agora?
As vacas na corte senten o incendio e brúan atronadoras. Xosé de Brabil di: ¡Criminais! ¡Criminais!
E a súa verba ten unha arista en cada letra. Apunta, dispara, e un dos que conteñen a Lois cae morto. Volve disparar e cae outro mal ferido. Pepiño tamén dispara a súa pistola.
Os falanxistas descobren a dirección dos tiros e van cubrirse no valado da beira do camiño. Lois aproveita para fuxir, pero un Garda Civil bátelle unha descarga no lombo e cae. Cando Xosé de Brabil o ve tumbado érguese do escondite cunha granada en cada man e brinca a toxeira co seu corpo de xigante. Lanza as dúas bombas ao grupo de falanxistas e dous deles saltan no aire e caen con estertores de morte, pero un Garda enfíalle a ametralladora e Xosé cae xustamente enriba do corpo de Lois.
A nai berra dende a fiestra cos brazos ergueitos:
−¡Raios divinos! ¡Raios divinos! ¡Que caia enriba de todos ferro derretido! ¡Que nos abrase os ollos! ¡A min tamén! ¡Que as vosas mulleres paran víboras adoecidas! ¡Que por todos caia alquitrán fervendo! ¡Por enriba de todos!; ¡por enriba de min tamén!
As vacas bruaban atoladas na corte.
O lume prende na roupa da vella que se afunde coa casa.
Cando chegaron Valladares e Fiz da Brea, xa estaban sabedores de todo. A nova correra como o vento por todo o val de Trasdeza, enrequentada pola fantasía popular. Ninguén se explicaba como un home e mais un neno puideran facer tres mortes e un ferido nun pelotón provisto de armas automáticas.
Díaz e Varela presenciaran todo dende o cume de Castrovite a dous Km. de distancia. Viron o incendio, ouviron os tiros e incluso sentiron o bruar das vacas na corte. En previsión de calquera continxencia, achegáronse a San Queitán seguindo o rodeo do río porque comprobaron que, en varios sitios, coñecían a existencia do noso cuartel e temían unha emboscada. (p. 66-69)

05/05/17

OS DEPUTADOS LUCENSES NAS CORTES DE CÁDIZ: LIBERAIS E ABSOLUTISTAS

Recreación das Cortes de Cádiz
Galiza estivo representada nas Cortes de Cádiz (lexislatura 1810-1813) por vinte e cinco deputados. A distribución destes parlamentarios realizouse entre as antigas provincias, correspondéndolle catro á provincia de Lugo. Por outra parte, a provincia de Mondoñedo, que no futuro desaparecería, tiña dous deputados nas Cortes.

No seo das Cortes de Cádiz convivían dúas grandes tendencias. Por unha parte, os liberais eran os partidarios das reformas e da modernización política, foron os que máis traballaron a prol da nova Constitución. Por outra parte, tamén había deputados conservadores, proclives a manter o poder das vellas institucións, eran os absolutistas. Na representación lucense veremos ambas tendencias, porque non era liberal todo o que relucía.

Sen dúbida, o deputado máis liberal que Lugo enviou ás Cortes foi José Ramón Becerra y Llamas (1775-1870), natural de Navia de Suarna e veciño de Lugo, onde en 1808 era rexedor perpetuo do seu concello. Nas Cortes foi membro das comisións de agricultura, premios e correos. Becerra non destacaría nesta primeira representación parlamentar, mais si na época do Trienio Liberal (1820-1823) e sobre todo tras o falecemento de Fernando VII (1833), situándose sempre na esquerda do liberalismo. A súa sinatura aparece no documento orixinal da Constitución de Cádiz. Na mesma tendencia política podemos situar a Domingo García Quintana, natural de Lugo pero asentado como comerciante en Cádiz, o que puido favorecer a súa elección. Podemos dicir que foi o deputado lucense máis activo, tanto nas propostas presentadas como na crítica das actitudes absolutistas. En 1811 publicou o folleto Manifiesto que hace a la nación española en general y al Reyno de Galicia en particular su diputado en Cortes por la provincia de Lugo, Don Domingo García Quintana, onde denunciaba a escasa fe liberal de varias autoridades, tanto civís como militares. A publicación deste documento levaría á súa expulsión das Cortes. No campo liberal podemos situar tamén a outro deputado lucense, Manuel Valcárcel Saavedra, avogado da Real Audiencia, que se significou o 14 de outubro de 1810 votando a favor da lei que estabelecía a liberdade de prensa, outra das grandes medidas aprobadas polas Cortes de Cádiz.

A liberdade de imprenta era un dos símbolos dos novos tempos, mais non todos os deputados lucenses optaron por apoiala. Así, Antonio Vázquez de Parga votou en contra desta importante medida, e aínda que foi un deputado moi traballador, participando en varias comisións, a súa tendencia era claramente proclive ao absolutismo. Non obstante, esa ideoloxía non foi continuada polo seu fillo, Manuel Vázquez de Parga, conde de Pallares, quen tamén foi un destacado político lucense do século XIX.

Se na representación lucense en Cortes podemos atopar liberais e absolutistas, polo que toca a Mondoñedo podemos afirmar que os seus deputados inclináronse máis ben pola tendencia partidaria do absolutismo. Nesta liña podemos situar ao sacerdote de Viveiro Antonio Abadín Guerra, quen xurou o seu cargo como deputado o 24 de setembro de 1810. Como proba do seu talante absolutista opúxose á lei de liberdade de prensa, máis alá diso pouca actuación tivo nas Cortes, pois faleceu en 1813.

Por Mondoñedo foi tamén deputado Manuel Freire Castrillón, natural de Santiago de Compostela, aínda que os seus pais eran oriúndos da antiga provincia mindoniense. Este persoeiro foi un dos absolutistas que máis se distinguiu na persecución das ideas liberais partidarias da Constitución de 1812. Para denunciar o liberalismo Freire Castrillón fundou periódicos como La Estafeta de Santiago. Entre as súas obras máis famosas podemos destacar Remedio y preservativo contra el mal francés de que adolece la nación española (publicado en Cádiz en 1811), onde amosaba a súa carraxe contra todo o que procedía da Francia ilustrada e revolucionaria. Neste folleto Freire Castrillón teimaba en denunciar a perniciosa influencia francesa, para el causa de todos os males que daquela vivía España:

«El luxo, voluptuosidad é insconstancia de esta nacion novelera produxo el tenebroso siglo de la pseudosofia que hemos llamado ilustrado, y ¡ai de mi! Voltaire, Diderot, Dalambert, Rouseau, y los demas apóstoles del demonio hallaron prosélitos en España...»

Porén, toda a actividade desenvolvida para denunciar as ideas liberais non tivo a mesma expresión no seu labor como deputado, cuxa actuación foi máis ben escasa. Non entanto, Freire Castrillón quedaría para a historia como un dos principais ideólogos galegos do absolutismo.