09/04/15

DON CELESTINO CABARCOS SUÁREZ: UN POETA DO VALADOURO

Vista da igrexa parroquial de Lagoa, Alfoz
En 1955 don Celestino Cabarcos Suárez publicou o seu único libro de poemas baixo o título de Cóxegas, impreso nas Artes Gráficas A. Santiago de Viveiro. Cúmprense, xa que logo, sesenta anos da aparición desta obra, motivo máis que suficiente para lembrarmos a este crego e poeta valadourense.

Don Celestino Cabarcos Suárez naceu na parroquia da Laxe (O Valadouro) o 14 de maio de 1883. Tras realizar os seus estudos no seminario de Mondoñedo, foi ordenado sacerdote en 1914. Desenvolveu a súa actividade pastoral en varias parroquias da diocese mindoniense, destacando a súa presenza en San Xoán de Romariz (Abadín), a paisaxe e os costumes da zona habían de deixar fonda pegada na súa obra. Aínda así, a parroquia na que máis tempo pasou foi a de Lagoa, no concello de Alfoz, a onde chegou en 1931 e onde permanecería até o seu pasamento.

Cabarcos foi un prolífico colaborador na prensa do seu tempo, inserindo os seus poemas en xornais como El Ideal Gallego, Las Riberas del Eo ou mesmo en publicacións da emigración galega en América, como Heraldo Gallego de Bos Aires. Os poemas que xuntou en Cóxegas proceden de dous xornais cos que colaborou asiduamente. Por un lado Vallibria, editado en Mondoñedo por Xosé Trapero Pardo desde 1930. Cabarcos publicaba os seus versos na sección «Cóxegas» deste semanario, que anos despois daría título ao seu libro, asinando os seus poemas co alcume de Bruxo dos Ermos. Por outro lado Juventud de Alaje, folla parroquial editada no Valadouro por Ramón Canoura Fernández desde 1945. Nestoutro xornal Cabarcos insería os seus poemas na sección «Andrómenas» e asinaba co alcume de Severo.

E como eran as «Cóxegas» de don Celestino? Poderiamos definir a súa poesía como unha lírica do cotián. Anécdotas do seu labor como párroco, a súa relación cos paisanos, a vida do seminario, a estrea da casa do concello do Valadouro, a inauguración do parque de Ferreira… todo era susceptíbel de ser versificado polo crego de Lagoa. Os seus poemas son inequivocamente humorísticos, pensados para ofrecer no seu remate unha sentenza exemplarizante.

Mantivo amizade con destacados escritores da súa época. Son de destacar as figuras de Antonio Noriega Varela e de Daniel Pernas Nieto, este último crego coma o noso protagonista quen daría ao prelo en 1936 (xa comezada a Guerra Civil) o seu libro Fala das musas. Das destacadas relacións de Cabarcos dá idea o feito de que Cóxegas foi prologado por José María Castroviejo.

Don Celestino Cabarcos Suárez faleceu o 10 de xaneiro de 1961. No seu haber a publicación dun libro de poemas en galego nuns tempos pouco propicios para a nosa lingua. Choran os portugueses a morte do seu poeta Herberto Helber (1930-2015), Lembramos nós, con xustiza poética, ao Bruxo dos Ermos e as súas Cóxegas.

Artigo publicado no xornal A Mariña-El Progreso, 2 de abril de 2015, páxina 4