26/12/08

Vontade de nación


Nestes días estou lendo o libro de conversas entre Xosé Luís Barreiro Rivas e Anxo Quintana. Gosto especialmente deste tipo de libros, teñen a frescura da inmediatez, a intensidade do diálogo e da conversa amábel. Claro, hei de recoñecelo, a simpatía que sinto por Anxo Quintana fixo que me faltase tempo para facerme cun exemplar do libro; grazas á dilixencia e ao cariño da miña Musa non tiven que agardar moito. No entanto, e aínda sen rematar o libro, non podo deixar de comentarvos unhas frases que me impresionaron, non de Quintana, senón de Xosé Luís Barreiro, son as seguintes: “Galiza é cada vez menos unha herdanza, e cada vez máis unha tarefa comprometida desde a profesión democrática. A nosa condición nacional é cada vez menos unha necesidade histórica, e cada vez máis unha continxencia posíbel”. Penso que nestas palabras está o cerne do novo nacionalismo galego que Quintana teima en levar ao BNG. Hogano, o nacionalismo non pode basearse nun pasado celta remoto, nin pode seguir reivindicando a figuras como a Pardo de Cela. A nación galega é froito da vontade dos cidadáns e cidadás que a compoñen. Si, hai unha lingua, unha cultura, unha terra, uns feitos diferenciais, pero por si sós non constitúen a nación galega; estes signos de identidade teñen que ser activados, ten que existir unha vontade nacional. O traballo dos nacionalistas galegos é axudar a contruír esa vontade nacional. E como se constrúe esa vontade de nación? Pois exercendo un labor político que leve aos cidadáns e cidadás a confiar no nacionalismo galego, a confiar no BNG. Galiza é unha tarefa común que facemos entre todos e todas. Uns parágrafos máis adiante, Anxo Quintana afirma: “Porque só na medida en que sexamos capaces de crear benestar teremos futuro”. A nación galega constrúese cunha xestión eficaz, dando respostas aos problemas que afectan á nosa sociedade. Por iso Quintana afirma a cotío que máis autogoberno é máis benestar. Sempre tendo en conta que, como dicía Castelao, Galiza ten que ser unha célula de universalidade, é dicir, debemos contruír unha Galiza mellor para un mundo máis xusto e solidario. Isto é o que significa para min ser nacionalista galego.

Post scriptum: nese camiño de construírmos a nosa nación, o vindeiro 1 de marzo de 2009 temos que pór unha nova pedra nesta casa común e plural que é Galiza. Agardando que chegue esa data, deséxovos a todos o mellor para o vindeiro ano 2009.

14/12/08

Huber Matos


Hai uns días, falando con Esperanza Uz, a presidenta da sociedade El Valle de Oro da Habana, entereime de algo sorprendente. Resulta que un dos asociados de El Valle de Oro tiña agochada na casa unha parabólica, para poder ver canles estranxeiras, seica as cubanas son pouco plurais (por dicilo dun xeito delicado). Todo ía ben até que á filla deste señor escapáronselle na escola os detalles dun programa de televisión que comezaron a levantar sospeitas. O resultado: a policía presentouse na súa casa e levoulle a parabólica. Pero o peor non foi iso. O señor estivo nove meses en prisión. Si lestes ben, nove meses no cárcere por ter unha parabólica. Dentro do drama, o máis gracioso foi que mentres estivo en prisión dedicábase a arranxar radios e outros aparellos electrónicos (algúns dos seus propios carcereiros). Considero que o sistema político de Cuba é unha ditadura, un réxime no que non se respectan nin as liberdades fundamentais nin os dereitos humanos. O curioso é que todo este caso lembroume a Huber Matos. Matos foi un dos comandantes da Revolución cubana que en 1959 derrocou a ditadura de Batista. Pouco despois do triunfo da Revolución, Matos opúxose ao devalar autoritario de Fidel Castro. Pagouno caro: vinte anos de prisión, non saíu do cárcere até 1979, tendo despois que marchar ao exilio. Matos é hoxe o secretario xeral da organización Cuba Independiente y Democrática. Admiro a Huber Matos porque foi quen de deixalo todo para loitar contra a ditadura que oprimía o seu país. Mais, admíroo sobre todo porque nun momento decisivo tivo que arriscalo todo para oporse a outra ditadura que estaba a piques de comezar. Xa vedes que o camiño da heterodoxia non é o máis recomendábel, pero si é o vieiro máis ético e digno. Louvados sexan os disidentes.

Post scriptum: Matos deixou testemuño da súa vida. En 2002 publicou o libro Cómo llegó la noche, un relato das súas experiencias que recomendo vivamente. É emocionante a descrición da súa actuación na guerrilla, e as narracións do seu paso polas cadeas de Fidel Castro son durísimas. En definitiva, unha boa lectura contra as tentacións autoritarias.

02/12/08

O voto da emigración


Achéganse as eleccions ao Parlamento galego e, unha vez máis, o tema do voto emigrante volve estar na primeira liña do debate político. É curioso, a importancia, pola cantidade, do voto dos emigrantes galegos fixo xurdir un novo tipo de emigración. Nas vésperas da campaña electoral, os políticos galegos desprázanse para gañaren as Américas: os nosos avós ían na procura de cartiños, para un futuro mellor; os nosos políticos van na procura de votos, tamén para un futuro mellor. Xa vedes, Hegel escribiu que a Historia, cando se repite, primeiro faino como drama e despois como farsa. E iso é o voto emigrante. Unha farsa. Un escándalo. Unha fraude. E parecía que desta volta todo ía ser diferente. Os tres principais partidos políticos de Galiza puxéronse de acordo no Parlamento para realizar unha reforma profunda do voto emigrante. Esta reforma pasaba, sobre todo, porque os emigrantes votaran como votamos o resto dos galegos, é dicir, en urna. Si, si, que felices estabamos todos. Cando o tema chegou ao Congreso dos Deputados, ao PSOE como que xa non lle corría tanta présa. Sabido é que os emigrantes galegos votan ao partido do poder: antes votaban ao PP e agora votarán ao PSOE. E os adoradores de ZP non queren perder un galano tan saboroso como é o voto emigrante, saben que en Galiza pode chegar a ser determinante. Puxeron a súa cobiza política por riba da moral e da ética. E hai que dicilo ben alto, o voto emigrante, tal e como está na actualidade, é unha gran fraude. Non só porque en moitos casos votan os mortos, senón tamén porque non se garante o segredo do sufraxio. Os nosos emigrantes teñen que poder votar como votan o resto dos galegos: nunha urna, nun colexio electoral acondicionado para tal fin, en consulados e embaixadas. Non facelo así é unha fraude á democracia galega e unha tomadura de pelo aos emigrantes, empregados só como simples votos, e non como cidadáns con dereitos. O PSOE ten que explicar por que non favoreceu a reforma elecoral para que os nosos emigrantes votaran como é debido. Púidolles máis a cobiza que os valores democráticos.

Post scriptum: é comprensíbel que os emigrantes conten para votar pero non sexan contabilizados á hora de repartir escanos? Se contaramos o número dos votos da emigración Galiza tería catro ou cinco escanos máis no Congreso dos Deputados. Por que non interesa isto? Estamos diante dunha nova fraude? Hai temas para o debate, só falta que os grandes partidos antepoñan os valores democráticos ao seu beneficio propio. Antes o PP e agora o PSOE están vulnerando as regras máis elementais da democracia ao se aproveitaren impunemente do voto da emigración. Algún día terá que lles pasar factura.

20/11/08

Primeira Asemblea Nacionalista


O 17 de novembro de 1918 daba comezo, na cidade de Lugo, a primeira Asemblea Nacionalista. Van aló, xa que logo, noventa anos. Nove décadas de nacionalismo galego. Xuntáronse en Lugo os representantes de todas as Irmandades da Fala do país. O movemento das Irmandades, que ten a súa orixe en 1916, representaba un verdadeiro rexurdir da nosa lingua propia, sobre todo no que toca á súa normalización social. Nun histórico manifesto, publicado tras a celebración da Asemblea, os homes das Irmandades proclamaban: declarámonos de hoxe e para sempre nacionalistas galegos. O rexionalismo ficaba atrás e nacía un movemento que chega até os nosos días. Convén lembrar que o manifesto nacionalista de 1918 era un documento nidiamente democrático, que proclamaba ademais a igualdade de homes e mulleres. O nacionalismo galego nacía, pois, vencellado á democracia, aos valores liberais e progresistas, e así permanecerá ao longo da súa xa dilatada historia. Por estes días, a Deputación provincial de Lugo dedica unhas xornadas a conmemorar esta histórica data. Sen dúbida ten moito que ver isto co traballo do deputado de cultura, Antonio Veiga, o noso amigo Toñito. Eis un exemplo dunha institución posta ao servizo do país. É sabido que os nacionalistas nunca gostamos das deputacións; emporiso, mentres haxa que tragar con elas mellor é poñelas ao servizo de Galiza e non que sirvan de base ao entramado caciquil do PP. Parabéns, pois, para a Deputación provincial de Lugo por esta iniciativa. Nunca pensei que tería que escribir isto!

30/10/08

As (miñas) contas da leiteira

Ás veces teño a sensación de que vivimos nun mundo complexo, demasiado difícil de apreixar. Hai temas, como o da crise económica e financeira que nos está afectado, que escapan á comprensión do cidadán medio. Por esta razón eu non quixen falar dos problemas económicos neste blogue, principalmente porque carezo dos coñecementos necesarios para poder explicalos, pero tamén porque a complexidade do tema esgótame e afógame. É por todo o anterior que, cando vexo algo sinxelo, algo que non mudou cos anos, alégrome e sinto que hai cousas que seguen a ser simples, sen necesidade de grandes explicacións. Algo disto quero contarvos. Todas as mañás, cando vou coller o bus urbano para ir ao traballo, vexo na parada a unha señora velliña, coa cara chea de nobres engurras. Sempre co seu paniño na cabeza. Só con vela un pode imaxinar que traballou toda a súa vida, desde moi cativa. Pois ben, a señora leva nunha bolsa unhas leiteiras pequeniñas, onde seguramente vai o leite para algunhas familias ou, se cadra, para algún parente. Para ela a vida non mudou, segue vivindo na época en que as leiteiras ían levar o leite até Santiago. Eu penso: que lle importa a esta muller a globalización? Para ela todo é sinxelo e simple, coma sempre. A señora tráeme imaxes e recordos. Lembro a miña mai co leite acabado de muxir, aquel leite quentiño que tan ben sabía. Si, despois dixéronnos que era mellor ferver o leite, que podiamos coller unha enfermidade. Eu bebín aquel leite durante o tempo que tivemos vacas na casa e nunca nada tiven. Aquí estou, tan só atacado de melancolía. Eu envexo a rotina desta velliña, a súa felicidade cotián. Seguro que a boa da señora ha ter os seus problemas, coma todos. Pero vista desde fóra, e tendo en conta os sarillos desta sociedade presuntamente moderna, un non pode deixar de sentir un andazo de saudade. Remato, antes de que me acusedes de ser un Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego.

Post scriptum: escribiu Gabriel García Márquez que a vida non é a que un viviu, senón a que lembra e, sobre todo, como a lembra. A min pode pasarme algo semellante: que as cousas non son as que son, senón como un imaxina que son. E gosto de que así sexa.

28/10/08

Partidos refugallo




Galiza é un país no que o cainismo político ten unha relevancia especial. Que quero dicir? Pois que para seguir saíndo nos xornais hai xente que está disposta a facer de todo: o ridículo principalmente. Un dos aspectos máis graciosos da fauna política galega son, en denominación propia, os partidos refugallo. Que é un partido refugallo? Pois é un chiringuito que monta unha persoa, ou grupo de persoas, cando marcha cabreado dos principais partidos do país, o PP e o PSOE, nomeadamente. Chámolles refugallo porque son organizacións ás que van parar os disidentes (por non dicir apestados) dos grandes partidos. Por esta razón é lóxico que sexa durante as eleccións municipais cando este tipo de partidos teñen o seu protagonismo, porque as súas siglas poden acoller aos que quedan fóra das candidaturas de PP e PSOE. Penso que no Valadouro tivemos un exemplo neste senso nas últimas eleccións locais. Ao longo de todos estes anos de autonomía houbo moitas siglas que responderon á denominación de partidos refugallo. Todos lembramos a Converxencia Nacionalista Galega (CNG) ou Democracia Galega (DG). Últimamente dous son os partidos que se disputan o premio ao mellor partido refugallo: Terra Galega (TEGA) e o Partido Galeguista (PG). Antes de continuar, debo dicir que é unha auténtica desgraza que políticos vergoñentos estean a empregar as siglas do Partido Galeguista de Castelao, de Bóveda, de Ánxel Casal, de Vítor Casas ou de Ramón Suárez Picallo. En fin, son cousas do cainismo político galego, do que falaba ao comezo. Coñecemos agora a nova de que TEGA e PG concorrerán xuntos ás vindeiras eleccións ao Parlamento galego. Como di o refrán: xuntouse a fame e as ganas de comer. Pero isto non é máis abraiante. Resulta que mesmo contactaron con UPyD en Galiza para tantealos. Claro, os superespañois pasaron deles como da peste. E como non ían pasar, despois de todo que ían facer xuntos partidos presuntamente galeguistas con outro que quere tirarlle competencias ao noso autogoberno. Xa sería o colmo do cainismo. Pero todo pode pasar. A política galega seguirá dando sorpresas. Xa veredes.

20/10/08

125


Máis unha vez o BNG volveu ser decisivo. Co tempo as cousas vense máis claras, e agora é cando se nota realmente a importancia de ter unha forte representación nas Cortes do Estado. Os que rían pensando que dous deputados eran unha exigua representación, tentando minimizala, teñen agora a demostración de que, tal e como dixo Anxo Quintana no seu día, o BNG, con estes dous deputados, foi decisivo. E cantas veces van xa? Cantas veces dous deputados do BNG resultan máis importantes para Galiza que toda unha recua de deputados do PP e do PSOE? Despois dunha apurada negociación, o BNG acadou que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan 125 millóns de euros máis para o noso país. Máis cartos para as infraestruturas, máis cartos para a Lei de Dependencia, máis cartos para as Galescolas, máis cartos para Galiza. Non faltan, por suposto, os que cualifican de migallas o que o BNG acadou. Como nos gusta neste país cuspir ao ar! Tamén haberá quen se preocupará polo feito de que os galegos poidamos ser alcumados de insolidarios. Fronte a isto, hai que afirmar que para Galiza vén o que previamente saíu, que non todo o diñeiro que sae deste país o fai en forma de IRPF, que hai moitas empresas que traballan en Galiza que teñen o domicilio fiscal fóra (nomeadamente Madrid), que non facemos máis que recuperar o que a Galiza lle corresponde. Traballemos, mentres outros se automortifican. Galiza e os galegos saberán recoñecelo.

15/10/08

Benvido compañeiro!




Ramón Suárez Picallo xa descansa en Sada. Onte, 14 de outubro, cando se cumprían corenta e catro anos do seu pasamento, os seus restos chegaron a Sada, a súa vila natal. De entre todos os actos de homenaxe que se lle tributaron ao ilustre galeguista, queremos subliñar hoxe a publicación dun libro que recolle unha escolma de textos en galego do autor sadense. O volume foi publicado polo Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega. A vida de Ramón Suárez Picallo está marcada por dous procesos definitorios da historia contemporánea de Galiza: a emigración e o exilio. En efecto, moi novo, ao igual que outros milleiros de galegos, Suárez Picallo cruzou o Atlántico e procurou unha nova vida en Bos Aires. No entanto, Suárez Picallo fixo da emigración a súa escola, converténdose nun dos principais publicistas galegos da Arxentina. O compromiso coa terra que o viu nacer manteríao o noso protagonista unha vez retornado a Galiza, converténdose nun dos principais dirixentes do galeguismo. Precisamente ese compromiso político acabaría por condenalo ao exilio, ao igual que outros milleiros de valedores da democracia republicana. De novo, outra vez América abríase perante el. Primeiro os Estados Unidos, despois a República Dominicana, logo Chile, onde gañou a vida colaborando na prensa, e, finalmente Bos Aires, outra vez Bos Aires, no comezo e no final da vida do noso Ramón Suárez Picallo. Deste xeito, podemos comprobar como emigración e exilio xúntanse na figura de Suárez Picallo. Así, non os pode resultar estraño que emigración e exilio tamén estean presentes nas páxinas do libro que hoxe comentamos. Dúas son, principalmente, as fontes dos textos recollidos neste volume. Dunha parte, e correspondendo á etapa da emigración, a revista Céltiga, creada en 1924 e que tivo a Suárez Picallo coma un dos seus codirectores. Por outro lago, desta volta xa no exilio, a revista Lugo, órgano do Centro Lucense da capital arxentina, dirixido por Ramón Suárez Picallo. Xunto a estas dúas publicacións, podemos atopar outras revistas galegas da emigración, onde Suárez Picallo colaborou en numerosas ocasións. As persoas que se acheguen a estes textos atoparán a un Suárez Picallo extremadamente próximo, como se a súa escrita non se realizara a milleiros de quilómetros. E é que para Suárez Picallo, como para o resto dos emigrantes e exiliados, Galiza era un vivir cotián, un pensamento de cada día. Por iso, o noso Picallo fala de Sada, de Veloi, de Carnoedo, como se estivera mesmo nestes lugares, que de seguro nunca abandonou de corazón. Por iso, aínda que este pasado 14 de outubro retornou á súa querida Sada, ben podemos dicir que o seu pensamento, non é que xa volvera, é que nunca marchou. A mellor lembranza que lle podemos tributar a Ramón Suárez Picallo é o espallamento da súa obra, de aí a publicacións de libros coma este, que contribúen a manter viva a memoria dun loitador por Galiza e pola democracia.

13/10/08

Contradicións


Vivimos nun mundo cheo de contradicións. Perdón, debería dicir que vivimos nun mundo cheo de hipocresía. Xa nada é o que parece, e ultimamente todo semella funcionar aínda máis ao revés. Fixádevos. China, un país que teoricamente segue os ditados do marxismo-leninismo, xa hai algún tempo que representa mellor ca ningún outro o que é o capitalismo. Parástesvos a pensar cantas cousas tedes que son Made in China? Quedei abraiado cando souben que hai editoras galegas que mandan imprentar os seus libros en China. Envían os libros maquetados e os chineses só teñen que imprentalos. O beneficio económico ten que ser importante, para que lles compense pagar os gastos de transporte. Por outro lado, os Estados Unidos. O país paradigma do capitalismo que, hoxe por hoxe, é quen máis intervén na economía: que foi do mercado intocábel? Onde están agora os grandes capitáns de empresa? Xa na década dos anos 30 o presidente Franklin D. Roosevelt patrocinou a política do New Deal, que lle daba un destacado papel á iniciativa estatal. Pero neste momento son os neocon, os partidarios máis acérrimos do neoliberalismo, os que están chamando polo papá Estado para que veña salvar bancos e empresas en creba. E o presidente George W. Bush acode fiel á chamada, asinando a nacionalización parcial da banca (e que conste que estaba sobrio cando o fixo!). Servirá toda esta treboada financeira para librarnos dos especuladores? Oxalá, pero teño as miñas dúbidas. Sabedes que foi o primeiro que fixeron os directivos da aseguradora AIG despois de que a Reserva Federal lles regalase varios centos de millóns de dólares? Pórse a traballar para levantar a empresa? Empregalos para saldar as súas débedas? Pois non, meus amigos. O que fixeron estes dignos cidadáns foi irse de vacacións a un resort de luxo en California, evidentemente pagado cos cartos dos contribuíntes americanos. Claro, os pobriños estaban cansos de especular. Que razón ten o dito aquel de que o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra!

Post scriptum: por estes lares tampouco andamos escasos de contradicións. Fai un ano, don Mariano Rajoy elaborou un vídeo no que nos chamaba a todos a celebrar a Fiesta Nacional (referíase ao 12 de outubro, non a unha tourada). Pois ben, un ano despois, don Mariano vai é di que o desfile militar do 12 de outubro é un coñazo. Pero, don Mariano, vostede que é máis español ca ninguén (ben, se cadra non tanto como Rosa Díez, esa é máis española que Isabel e Fernando xuntos) como pode dicir iso! Despois de todo non lle falta razón. O mellor dese desfile é a cabra da Lexión. Que boa estaría con pataquiñas!

06/10/08

Na Asemblea


Os compañeiros Iván Marrube, Eduardo Chao –alias Pichín−, e mais eu acudimos este domingo á Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, como delegados da Asemblea comarcal da Mariña. Era a primeira Asemblea que se celebraba polo sistema de delegados e, para servos sincero, non notei eu que houbera menos xente que noutras asembleas. Eu son partidario do sistema de delegados porque supón equiparar, que non igualar, ao BNG con outras forzas políticas. Por outra parte, o proceso asembleario nacional non se reduce só aos debates en pleno o día da Asemblea Nacional, senón que tamén abrangue ás Asembleas comarcais, e, se me apurades, mesmo ás locais. Indo xa ao que aconteceu neste Asemblea é claro que estivo marcada polo seu carácter electoral, aínda así non faltou a discusión dun informe político do Consello Nacional, que foi refrendado pola gran maioría dos delegados e delegadas. Non era un informe de autobombo, pois tamén se aludía a aquelas cuestións que cómpre mellorar, ás descoordinacións propias dunha organización que chega por primeira vez a altas responsabilidades de goberno. Despois deste debate procedeuse á presentación de propostas para ser o candidato do BNG á presidencia da Xunta. A min, persoalmente, Anxo Quintana foi unha persoa que me foi gañando pouco a pouco. Penso que ten un discurso claro, co que chega á xente con facilidade. Desta vez amosou tamén unha oratoria máis calorosa, sen por iso deixar de tratar os temas fundamentais do momento (léase a grave crise económica que suportamos). Un BNG ao lado da xente deste país, un BNG que saiba responder aos problemas cotiáns da xente, un BNG útil ao servizo do pobo galego, sen ningún tipo de peaxes alleas. Temos candidato. Temos presidente. Agora só queda pórmonos a traballar para que os resultados electorais sexan, como o mesmo Anxo Quintana dixo, os mellores da historia do BNG. Sempre en beneficio da nosa Terra. Por Galiza.

29/09/08

Socialistas


A semana pasada o compañeiro Jota e mais eu tivemos un interesante debate cunha pombiña a raíz de varios comentarios deste blogue. Entre as cousas que lle parecían esaxeradas á citada pombiña estaba a miña afirmación de que os verdadeiros socialistas galegos están no BNG. O texto “os socialistas galegos somos nós” encabezaba o libro de Xosé Manuel Beiras Por unha Galiza liberada, obra publicada en 1982 e que, con engádegas, vén de ser reeditada neste ano. Beiras podía dicir con autoridade que eles eran os verdadeiros socialistas galegos, pois durante moito tempo foi o secretario xeral do Partido Socialista Galego (PSG), organización fundada en 1963 (por favor, non confundir con PSdeG, risa dáme). O PSG foi unha das organización que protagonizaron a resistencia ao franquismo en Galiza, desde o campo socialdemócrata. En realidade, non era a primeira vez que se tentaba fundar un movemento socialista nidiamente galego. Durante a II República, Xoán Xesús González creou a Unión Socialista Galega, grupo que se separou do PSOE perante a oposición deste partido ao Estatuto galego (como vedes a cousa xa vén de lonxe). Até os anos da Transición o PSOE non reaparece en Galiza, e faino grazas fundamentalmente ao apoio económico externo. Como noutras nacionalidades do Estado, o PSOE tentou fagocitar a organizacións socialistas autóctonas. No entanto, co PSG non o conseguiu, agás cunha serie de militantes que lle proporcionaron ao PSOE uns cadros que non tiña en Galiza. Foi por esta época cando os PSOE tentou apropiarse das siglas PSG, pero os tribunais, xaora, déronlle a razón ao partido fundado en 1963 e por iso tiveron que se conformar coas siglas PSdeG. Como vedes, todo ten explicación na historia. En base a todo o explidado, e tamén á práctica política posterior, eu dicía que os socialistas galegos somos nós. Por suposto, o espírito do PSG segue vivo hoxe no BNG, sobre todo entre os que nos consideramos herdeiros dos pexegos, como eran coñecidos os militantes do PSG.

Post scriptum: Evidentemente, se os socialistas galegos somos nós; os socialistas do Valadouro tamén somos nós. Ou non, compañeiros?

18/09/08

Ramón Suárez Picallo


Dicir que os galegos andan ciscados polo mundo enteiro supón caer unha obviedade. Emporiso, non é o mesmo ter que emigrar, que ter que exiliarse. No persoeiro do que vos quero falar hoxe conflúen ambas circunstancias. Ramón Suárez Picallo naceu en Sada en 1894. Moi novo emigrou á Arxentina, onde desenvolvería un importante labor político e cultural; do que podemos salientar as súas colaboracións na revista Céltiga, facho do galeguismo en Bos Aires. Coa proclamación da Segunda República en 1931, Suárez Picallo regresou a Galiza, sendo elixido deputado pola ORGA nas eleccións a cortes constituíntes. En decembro de 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, ao cal representaría desde entón nas Cortes. En 1933 perdeu a súa acta de deputado, aproveitando daquela o tempo para rematar os seus estudos de Dereito. En febreiro de 1936 Suárez Picallo foi outra vez elixido deputado nas candidaturas da Fronte Popular. En xuño deste mesmo ano participou activamente na campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galiza. A guerra e a represión condenaron ao noso protagonista ao exilio. No entanto, quen non puido fuxir foi o seu irmán, Xohán Antón, que morreu asasinado polos fascistas. Suárez Picallo, no exilio, viviu entre Santiago de Chile e Bos Aires, colaborando adoito na prensa destes países e nos órganos de expresión das colonias galegas. Sempre con Galiza no corazón e no pensamento, como todos os desterrados galegos. Faleceu en Bos Aires en 1964.

Ramón Suárez Picallo tiña o desexo de ser enterrado no cemiterio do Fiunchedo, en Sada, a carón de seus pais. Ese anceio non se puido cumprir, pois até o momento os seus restos descansaron no panteón do Centro Galego en Bos Aires. E digo até o momento, porque o vindeiro 14 de outubro os restos de Ramón Suárez Picallo regresan a Galiza, volven á súa querida Sada. É un acto promovido polo Concello de Sada (agora que por fin ten alcalde) e a Vicepresidencia da Xunta. Isto só é un detalle, apenas unha desculpa para tributarlle a nosa homenaxe. Porque Suárez Picallo, e o resto dos galeguistas exiliados, nunca deixaron Galiza realmente. Permanecían nela, pois estaba decote no seu pensamento. En calquera caso, benvido compañeiro Suárez Picallo.

05/09/08

Memorial do Valadouro


Segundo a lenda O Valadouro foi un mar, así está reflectido no seu escudo. Houbo un tempo en que as terras baixas do noso val estaban asolagadas. Hoxe, malia que ese mar xa non existe, o vaivén das ondas aínda caracteriza aos habitantes do vello val. Como poderiamos explicar se non certas actuacións da clase política local? A lóxica política ten no Valadouro o mesmo éxito ca un vendedor de xelados na Antártida. Aló polo ano 1983, o candidato do PSOE foi elixido alcalde na sesión de investidura grazas ao apoio de Alianza Popular, e iso que só tiña dous concelleiros de once. Normal? Si no Valadouro. Os xefes locais de AP querían librarse do alcalde da UCD. Catro anos despois, O Valadouro tivo a dubidosa honra de ser o único concello galego no que houbo que repetir as eleccións municipais. Quen sementa, tarde ou cedo, acaba por recoller. Tras a repetición, aquel vello alcalde da UCD (agora en Coalición Galega) regaloulle a alcaldía a AP, as antigas diferenzas semellaban esquecidas. Hoxe parece estar moi arrepentido daquela decisión. Tarde piaches, amigo! Para que falar do que ocorre na actualidade! O alcalde que chegou en 1988 subscribiu (parece ser, ninguén o sabe seguro) un pacto cunha concelleira independente para ter maioría absoluta, pois era o único xeito no que sabía gobernar, maioría que perdeu despois cando lle marchou unha concelleira do seu propio partido, que ademais é irmá do antigo alcalde de UCD. A degradación política á que chegamos levou a que o PSOE pretendera aprobar uns orzamentos desde a oposición, cando sabía perfectamente que esa tarefa era responsabilidade do grupo de goberno. Uns orzamentos que, por certo, pactou coa concelleira transfuga antes mencionada. E os orzamentos aprobáronse. O alcalde e o PSOE venderon a vaca cada un ao seu xeito, pero ambos aprobaron unhas contas que insisten nos vellos vicios: non coutan os gastos correntes e de persoal, non hai pulo das inversións. En fin, no Valadouro funciona unha coalición de facto entre o PSOE e o PP, pulpada incluída.

Post scriptum: mentres tanto, o cabeza visíbel do PSOE en Moucide pon o carro diante dos bois. Convoca unha reunión para vender unha subvención da Consellaría de Medio Ambiente que nin sequera está aínda solicitada. Polo menos podería agardar a que se discuta a moción do seu partido no vindeiro pleno. En fin, pensaría que Touriño ía adiantar as eleccións e, claro, había que pasar a pucha. Cousas veredes. Non os precipitemos, un pouquiño de auga da Fonte dos Mes, acabada de restaurar, é o mellor para recuperarse. Ou non, señores do PSOE?

31/07/08

Deica setembro


En fin, 31 de xullo, por fin chegou, non sabedes as ganas que tiña de marchar de vacacións. Volverei en setembro para seguir desfacendo os cadullos. Como este Día da Patria estivo pasado por auga (pillei unha molladura!), recupero unha fotografia do ano 2006 na que estamos todos moi contentos xunto a Anxo Quintana. A ver se con isto nos motivamos que queda moito traballo por diante. Eu son da opinión de que as cousas, se se fan con ilusión, saen mellor. E ilusión é precisamente o que non os falta aos nacionalistas. Así que adiante, sabedes que somos os que cremos neste País.

23/07/08

Voto emigrante


A semana pasada o Parlamento galego aprobou a reforma do voto emigrante, con vistas a que na emigración se vote en urna, como facemos o resto dos galegos. A proposta foi aprobada por unanimidade, tendo agora que ser refrendada polas Cortes do Estado. Sería boa cousa que a reforma puidese estar preparada para as vindeiras eleccións autonómicas. Tempo hai dabondo, o que non hai son moitas ganas por parte do PSOE, que pretende beneficiarse da fraude que supón actualmente o voto emigrante. A respecto desta cuestión, eu pensó que deberiamos diferenciar entre nacionalidade e cidadanía. Pódese favorecer que a nacionalidade chegue aos netos dos emigrantes, espallando deste xeito todos os beneficios sociais e administrativos. Pero, ao meu entender, outra cousa é a cidadanía, a capacidade de decidir sobre os asuntos públicos, o dereito a votar en definitiva. É razoábel que unha persoa que nunca estivo en Galiza poida decidir o seu Goberno? E digo máis, pódese entender que os netos dos emigrantes poidan votar nunhas eleccións municipais? Así, resumindo, espallar a nacionalidade non ten porque significar que persoas que viven sen contacto coa realidade galega teñan dereito a decidir. É moito máis lóxico que un inmigrante marroquino, colombiano ou romanés legalmente empadroado, que vive, traballa e cotiza en Galiza poida votar, que que un arxentino poida facelo tan só porque tivo un avó galego. En definitiva, precisamos un debate sereno sobre este tema.

14/07/08

Día da Patria


Cremos no noso País, velaquí o lema do BNG para o Día da Patria deste ano. Non pode ser máis acaído. Acreditamos nas nosas posibilidades como pobo. Avogamos por unha Galiza dona de si mesma, de todos os seus recursos e de todas as súas potencialidades. Non os imos deixar vencer polos mentireiros, polos mediocres e polos que non saben convivir co seu auto-odio. Mais, sobre todo, confiamos na capacidade da nosa xente, desas persoas que se senten orgullosas de ser o que son: galegos, nin máis que ninguén, pero tampouco menos. Hai moito talento neste País. Seguiremos a traballar pola normalización do galego, da nosa lingua nacional, da lingua propia de Galiza. Porque non renunciaremos ao idioma herdado dos nosos devandeiros, como tampouco temos que renunciar a outro idioma que nos permite comunicarnos con outras nacións do Estado e cos pobos latinoamericanos.

Dentro dos actos organizados polo BNG co gallo deste 25 de Xullo, os nacionalistas do Valadouro e Alfoz xuntámonos o pasado sábado nun xantar. Antes da comida interviron o compañeiro Iván Marrube, o noso voceiro no concello de Alfoz; Manuel Parga, compañeiro de Burela e deputado no Parlamento galego; finalmente, falou Francisco Rodríguez, até hai pouco deputado no Congreso dos Deputados. Por certo, o xantar desenvolveuse no Hotel Vila do Val, acabado de inaugurar. Os nacionalistas do Valadouro e de Alfoz declaramos o noso compromiso con Galiza. A nosa angueira de seguir traballando polo desenvolvemento dos nosos concellos e polo benestar da nosa xente. En definitiva, un Día da Patria máis, os nacionalistas confirmamos a nosa intención de seguir traballando pola construción nacional de Galiza, sempre en democracia, liberdade e pluralismo. Viva Galiza Ceibe!

03/07/08

Vaia facha!


Por esta época do ano meu pai ten un problema: os corvos cómenlle as ameixas. Tentou de todo. Taravelas de metal para espantar os corvos con ruído. Papeis de cores brillantes. Roubarlle CD’s a seu fillo para poñelos na ameixeira (reflexan moito co sol). De todo, e aínda así os corvos seguen comendo nas ameixas. E eu tamén, non vaiades pensar! Pero estes días creo que dei coa solución. Cando observei a foto que acompaña a este comentario vin a luz e levei un susto dos grandes. Despois de recuperarme, pensei: se facemos copias ampliadas deste espantallo os corvos han fuxir, logo de viraren brancos como a neve. Pódese ter menos sentido do ridículo? Non ten espellos na casa? En realidade, a facha (nunca mellor dito) que leva é todo un exemplo da política que representa. Persoas mediocres que nunca chegaron a nada e cunhas ganas inmensas de facerse notar. Pero moito olliño, que na historia de España hai bastantes precedentes deste tipo. Así que alerta, porque o noso autogoberno, a nosa cultura e a nosa lingua están en perigo por persoas que teñen un gusto pésimo, pero que, desgraciadamente, contan cunha base social. Non han pasar!

02/07/08

Contiño


Era unha vez un grupo de de intelectuais madrileños, vencellados a certo partido neocentralista, que asinaron un manifesto a prol do que denominaron lengua común. Si, xa sabedes, aquel partido creado por unha resentida que descubriu que os nacionalistas eran moi malos o día en que o lehendakari Ardanza deixou de asinar a súa nómina. Pensaban aquelas mentes privilexiadas que o idioma castelán corría serios riscos nas administracións públicas periféricas. Seguramente ningún deles chamara nunca á Xunta. De facelo poderían comprobar que tiñan máis dun oitenta por cento de posibilidades de que os atenderan en castelán. Que máis bilingüismo querían? Impresos en galego cubertos en castelán. E iso por non falar das deputacións e moitos concellos, que funcionaban maioritariamente en castelán. En que lingua estaban os Boletíns oficiais provinciais? Pero a aquelas mentes prodixiosas tamén lles preocupaba que os pais galegos non puideran escolarizar os seus fillos en castelán, e non sería máis ben ao contrario? E non sabían que a Lei de Normalización Lingüística e outros decretos deste tama eran amplamente incumpridos? A situación do castelán naquela Galiza de comezos do século XXI era verdedeiramente crítica. De todos os diarios editados no país só un era integramente en galego; e iso sen contar, faltaría máis, os editados na capital do Imperio. Cantas canles de televisión podiamos ver en galego e cantas en castelán? Ir ao cine? Case ninguén podía lembrar a última película que viran en galego ou dobrada ao galego. E despois de todo isto eu pregúntome: sería mentes bilingües ou mentes viles? Como no seu día indicou Castelao: sodes uns imperialistas fracasados.

26/06/08

Pombiña sociata


A pombiña que vedes na imaxe está estudando o libro de estilo do PSOE. Alguén lle comentou que a prepotencia era condición sine qua non para entrar no partido de ZP. Pobre pombiña, de todos os pecados capitais o da soberbia paréceme o menos desculpábel. Aínda así, a boa da pombiña foi á sede do PSOE e déronlle un curso rápido de como chulear a outros paxaros. Co conto de que son progresistas todo vale. Iso si, menos mal que a pombiña poderá vir voando a Galiza, porque de ter que agardar polo tren de Alta Velocidade non ía chegar nunca. Xa sabedes, a ministra de Fomento volveu anunciar no Senado un novo retraso no AVE galego. En fin, menos mal que hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Salvador Allende, un verdadeiro socialista. El demostrou que a esperanza, a ilusión e paixón polas cousas son o adubo necesario da vitoria. Marzo de 2009 agarda por nós.

Post scriptum: notaran os lectores e lectoras desta bitácora que o seu autor ten certa tendencia a, digamos, desfacerlle os cadullos ao PSOE. Si. Préstalle moito. Pero tamén acepta críticas e puntalizacións, pois como non é do PSOE non se cre en posesión da verdade absoluta. Por certo, non escribe PSdeG por que lle dá a risa.

23/06/08

Trinta e catro


Este domingo 22 fixen trinta e catro anos. O peor de cumprir anos non é que te vaias facendo maior, o peor é a saudade dos anos pasados. A min pérdeme a melancolía. Por outra parte, o tempo é do máis subxectivo. Lembro como se fora onte as sensacións que tiña cando cumprín dezanove e, en troques, non teño lembranzas tan nidias de cando fun cumprindo vinte e tantos. Deixémonos de pasados! Se o mellor é o que está por vir! Así que metamos os recordos na maleta e camiñemos cara ao futuro. Este mércores 25 o papá cumpre oitenta anos, este si que non para! Non hai maneira de retelo na casa! En fin, parabéns papá.

18/06/08

Viva a República!


A semana pasada o señor presidente do Congreso dos Deputados, José Bono, chamoulle a atención a un cidadán por despregar unha bandeira republicana en sede partalementaria. O incidente produciuse no marco dunha homenaxe organizada polo Congreso a ex presos políticos represaliados polo franquismo. Pregúntome, que bandeira pensaría o señor Bono que asumen estes cidadáns? A bandeira dos que foron os seus represores? A bandeira que restaurou o franquismo? Mire, señor Bono, que a bandeira oficial de España sexa a roja y gualda, non significa que as cores republicanas sexan ilegais. Nin é tampouco un crime berrar “Viva a República!”, porque é o mesmo que dicir “Viva a democracia!”, ou descoñece vostede que a democracia republicana foi derrubada pola ditadura franquista? A bandeira republicana podería ser ilegal para o seu señor pai, ilustre alcalde falanxista, pero para os que seguimos fieis á República segue a ser a nosa insignia de loita. Este episodio trouxo ao meu maxín as palabras que Castelao estampou ao comezou do seu álbum de debuxos Milicianos, publicado en Nova York en agosto de 1938:

“Estas estampas relembran os primeiros meses de guerra cando a heroica tolería do pobo coutou a marcha dos militares e dounos tempo para crear o Exército da República”.

Pois iso, señor Bono, procure na súa memoria a ver se lle queda algo de “socialista” e lembre que as cores vermella, amarela e mourada, a bandeira republicana, é a insignia da democracia. É o recordo de todos os que morreron pola liberadade.

16/06/08

Como en Irlanda!



A decisión dos irlandeses de dicir NON ao tratado de Lisboa trouxo á miña memoria uns versos de Alfredo Brañas nos que chamaba aos galegos a seguir o exemplo irlandés:

a isla pelra dos mares,
é a doce terra dos meus cantares,
terra de altivos fortes colonos,
onte inda servos, hoxe xa donos...
¡Ergue, labrego! ¡Érguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda

E é que Irlanda volveu dar exemplo. En 1992 promulgouse o tratado de Maastricht, que creaba a Unión Europea. Irlanda, xunto con Dinamarca, rexeitaron en referendo este tratado. Un ano despois, as cidadanías de ambos países ratificaban o tratado despois de que fora sometido a varias correccións. En 2001 os irlandeses, unha vez máis, rexeitaban o tratado de Niza. Aceptárono en 2002, cunha cláusula que impedía ao país unirse a un exército europeo sen unha consulta popular previa. Por certo, xa que paso por aquí, direi que Irlanda NON é membro da OTAN, co cal se demostra que se pode ser membro da Unión Europea e non participar do imperialismo da OTAN: escoitaron señores do PSOE! Seguimos. En 2005 os franceses e os holandeses rexeitaron en referendo a Constitución europea. Poucos meses antes, os nacionalistas galegos pediamos o NON para esta chamada “Constitución” e fomos demonizados e alcumados de antieuropeos. Polo que toca ao euro, en 2000 Dinamarca rexeitou unirse á moeda única, en 2003 foi Suecia quen seguiu o mesmo camino. Dos británicos xa é mellor non falar. Pero, que significan todas estas negativas? Significan que os irlandeses son antieuropeos? Pois non. O que significa é que hai unha Europa dos cidadáns e unha Europa dos políticos, e mentras que estas Europas sigan percorrendo camiños paralelos, pero diferentes, continuaremos asistindo a episodios como o NON irlandés. Gerry Adams, presidente do Sinn Féin, afirmou logo de coñecerse o resultado do referendo: “Europa non morreu, pero si o tratado está morto. A xente quere unha Europa social e democrática”. Irlanda é, se cadra, o país que mellor invertiu os fondos estruturais da Unión. Mentres que en Galiza nos cansamos de asfaltar currais cos cartos que viñan de Europa, en Irlanda invertiron en coñecemento e en I+D+i, hoxe é unha das economías europeas que máis medra. Galiza e Irlanda son dous países atlánticos que afrontaron problemas moi semellantes, ambos sufriron unha grande emigración. Hoxe hai que ver onde está Irlanda e onde está Galiza. Se cadra é hora de seguir o consello de Alfredo Brañas: como en Irlanda! Capital humano non falta.

10/06/08

Salvador Allende


O vindeiro 26 de xuño cúmprense cen anos do nacemento de Salvador Allende. Como historiador admirei a moitos persoeiros, mais case todos remataron por defraudarme. Se cadra a culpa é miña, por esixir demasiado. Pero, desde que teño memoria histórica, hai unha persoa á que admirei moito, moitísimo. Para min Salvador Allende é moito máis que o presidente constitucional de Chile entre 1970 e 1973. É, sobre todo, a fidelidade e o compromiso á palabra dada. Allende prometeu que respectaria a Constitución e as leis e cumpriuno até o último momento. Dicir Allende é dicir democracia, liberdade e socialismo. El demostrou que se podía construír unha sociedade socialista sen recorrer á violencia, o goberno da Unidade Popular era o instrumento. A demostración de que o vieiro aberto por Allende era posíbel foi que desde o primeiro momento da súa presidencia comezou a conspiración para derrubalo. Instrigas nas que participou, tamén desde o primeiro intre, o departamento de Estado norteamericano, dirixido por un delincuente chamado Henry Kissinger, ao servizo doutro delincuente chamado Richard Nixon. E o golpe triunfou. Augusto Pinochet, a quen o mesmo Allende nomeara xefe do exército, traizoando a Constitución que xurara respectar, encabezou un golpe militar que levaría a unha tiranía de dezasete anos. E despois de tanto tempo, que queda? Queda a traizón? Quedan os asasinatos e as torturas? Non, queda a valentía dun home que serviu ao longo da súa vida á causa dos traballadores. Hoxe, até a dereita reaccionaria de Chile renega de Pinochet (por ladrón, non por asasino). Porque, do mesmo xeito que no debuxo de Castelao, podemos dicir que non enterraron corpos, enterraron unha semente de liberdade. Cercado no pazo presidencial de La Moneda, o 11 de setembro de 1973, Salvador Allende dirixiu a súa derradeira mensaxe ao pobo chileno. As súas palabras, aínda hoxe en día, estremécenme:

Trabajadores de mi patria: quiero agradecerles la lealtad que siempre tuvieron, la confianza que depositaron en un hombre que sólo fue intérprete de grandes anhelos de justicia, que empeñó su palabra de que respetaría la Constitución y la ley y así lo hizo (…) Seguramente Radio Magallanes será acallada y el metal tranquilo de mi voz no llegará a ustedes. No importa, la seguirán oyendo, siempre estaré justo a ustedes. Por lo menos mi recuerdo será el de un hombre digno que fue leal a la lealtad de los trabajadores.

05/06/08

Ética xornalística


Este domingo atopeime en El País unha noticia que me sorprendeu. Nun amplo artigo facíase referencia a unhas presuntas irregularidades da conselleira de Vivenda, Teresa Taboas. Digo que me sorprendeu porque non atopei a noticia noutro xornal, nin a escoite na radio, nin a vin na televisión. Hoxe recibín un correo desde o BNG onde se explica que todo foi unha falsidade. Para que logo digan que somos os nacionalistas os que estamos no Goberno e na oposición a un tempo. E non será máis ben o PSOE, e os seus medios afíns, quen o fan? Neste país sufrimos unha prensa infame. Cópiovos deseguido o correo que recibín desde o BNG, onde se explica todo o asunto.

O domingo 1 de Xuño, a edición galega de El País titula a catro columnas: “Táboas validou vivendas deficientes que proxectou como arquitecta”, unha información que baseaba nun informe –en realidade un preinforme− do Consello de Contas. Segundo El País, en 2002 Teresa Táboas deseña como arquitecta o proxecto dunhas vivendas en Pereiro de Aguiar. Esas vivendas presentarían posteriormente erros construtivos e serían validadas anos despois pola propia Teresa Táboas, xa na súa calidade de conselleira. Tres días despois, El País revela aos seus lectores que esa información é absolutamente falsa. Teresa Táboas, vénsenos dicir agora, non asinou o proxecto arquitectónico das vivendas deficientes e non tivo ningunha participación no deseño. O erro débese a que no seu preinforme o Consello de Contas atribúe falsamente a Táboas a autoría do proxecto dun grupo determinado de vivendas, cando en realidade o que fixo foi asinar o deseño doutra promoción que, iso si, se construíu no mesmo concello. Causa estupor neste asunto que un organismo da relevancia do Consello de Contas, destinado a velar polo correcto funcionamento, a transparencia e a probidade das Administracións públicas, cometa erros tan importantes como atribuír falazmente a unha persoa a autoría dun proxecto no que non tivo nada que ver. Abraia tamén que cometese a imprudencia institucional de facer chegar ao coñecemento do público un documento que nin sequera tiña o carácter de definitivo, pois era un preinforme. Chama poderosamente tamén a atención que El País non presente a información de hoxe como unha rectificación do propio xornal. Se o domingo El País dá por boa unha información falsa, hoxe, en troques, atribúe o erro ao Consello de Contas baixo o titular de “O Consello de Contas rectificará a atribución a Táboas de pisos deficientes”. É de salientar ademais que o domingo o diario se abstivese de ofrecer aos seus lectores a versión da Consellaría de Vivenda. En definitiva, a irreprochábel xestión de Teresa Táboas, sempre en defensa do interese xeral, ábrese paso e deixa atrás erros xornalísticos e lamentábeis imprudencias institucionais.


04/06/08

Insultos


Como vén sendo habitual, o pasado luns houbo escándalo na sede do PP en Madrid. Desta volta, un individuo dedicouse a insultar aos partidarios de Mariano Rajoy. Que se traidor, que se senvergoña, que se vendido. Até aquí todo normal. Normal para quen fixo do insulto o seu principal argumento. Á dereita española aínda lle queda moito para poder equipararse á europea. A sorpresa leveina cando apareceu Alberto Núñez Feijoo. O energúmeno antes citado chamoulle "gallego traidor" ao presidente do PP de Galiza. Cal é o insulto? Gallego? Traidor? Gallego traidor? Empregar o xentilicio gallego coma un insulto ten unha longa tradición na literatura española, xa no Siglo de Oro se despachaban a gusto. Até hai ben pouco algunhas acepcións de gallego no dicionario da RAE eran despectivas. Polo que se ve, para algúns españois en xeral, e madrileños en particular, gallego segue sendo un insulto. Con razón preguntou Fraga, en alusión ao tipo que insultaba: ¿quién es este cretino? Un dos seus, don Manuel, un dos seus.

03/06/08

Hipocresía?


O PSOE opúxose no Congreso dos Deputados a unha proposición de IU que solicitaba a eliminación dos símbolos relixiosos nas tomas de posesión dos cargos públicos. Ao mesmo tempo, tamén rexeitaron unha proposición do BNG que pedía a revisión dos acordos entre o Estado e a Igrexa Católica. Que teme o PSOE? Perder o voto dos bispos? Son da opinión de que o sentimento relixioso debe estar reducido á esfera do privado, ás crenzas íntimas de cada persoa. Cúmprase a Constitución que fala dun Estado aconfesional (que non laico, como sería de desexar). Para alén disto, o PSOE tampouco ve prioritario regulamentar a eutanasia. Argumentan que non é unha demanda maioritaria da sociedade. E eu pregunto: era unha demanda maioritaria a petición dos matrimonios homosexuais? Seguro que non, e, non obstante, levouse a cabo. Como debía de ser. Pois ben, señores “socialistas”, atendan ao sufrimento de moitas persoas, de moitas familias, e dean un marco legal á eutanasia. A ética e a conciencia non poden imporse. Son persoais e intransferíbeis. Advertencia: na fotografía que acompaña a este comentario, Zapatero é o que está á esquerda; dígoo para evitar confusións.

02/06/08

Manuel Lourenzo


Que Manuel Lourenzo acabe de ser galardoado co Premio Nacional da Cultura Galega, na súa categoría de artes escénicas, trae á miña memoria outro premio "nacional". Vanse cumprir dez anos do Premio "Nacional" de literatura dramática que Manuel Lourenzo recibiu en 1998. Daquela, diante da parálise oficial dos concellos do Valadouro, un grupo de amigos (que ademais eramos militantes do BNG) organizamos unha homenaxe na Finca Galea, en Alfoz. Non tardaron os alcaldes en subirse ao carro. Pedimos tamén por carta (entón non tiñamos representación na Corporación local) ao señor alcalde do Valadouro o nomeamento de Manuel Lourenzo como fillo predilecto do noso concello. A súa resposta: estudaremos o asunto. Pois ben, dez anos despois aínda seguen estudando. Logo de tanto tempo, e con tanto estudo, teñen agora unha nova oportunidade de aprobar o exame. Haberá desta volta un recoñecemento oficial? Estaremos atentos. En calquera caso, querido Manuel Lourenzo, querido veciño, os meus parabéns máis entusiastas. Es un orgullo para O Valadouro. Es un orgullo para Galiza.

30/05/08

Comezo


Lembro a meus pais traballando a terra. Eu, namentras, brincaba nos cómaros verdes. Ás veces, sen poder evitalo, saltaba á terra, desfacéndolle a meu pai os cadullos que con tanto rigor trazara co arado. Entón o papá berraba: "neno, que desfás os cadullos!". Aquelas palabras están tan dentro de min que mesmo parece que todo sucedera onte. Lembro a meu pai. Lembro os cómaros. Lembro os cadullos. Lembro ao "Cuco", o noso burriño. Mais, sobre todo, a quen lembro é a mamá, peiteando coas súas mans os gallos do millo. De entre todas as fotos que teño dela, a que máis me gusta é a que sacou nas festas do San Xoán da Laxe, cando tiña só dezanove anos. Ela, que sempre me acompañou e aínda me acompaña, é a mellor imaxe para saltar de novo polos cómaros. Queres brincar comigo, aínda que desfagamos os cadullos?