31/07/09

A IMAXE DOS GALEGOS EN BOS AIRES


A percepción dos inmigrantes nas sociedades de acollida é unha cuestión que, até fai ben pouco, tiña unha escasa presenza nos estudos migratorios. A inserción laboral dos emigrantes ou a construción dun tecido societario ocuparon un claro protagonismo fronte ao impacto que tivo a emigración nos países receptores. Xa que logo, debemos saudar a aparición de Los “gallegos” en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa, libro colectivo publicado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza dentro da súa colección “Galicia Exterior”, serie que patrocina tamén o Consello da Cultura Galega. O principal obxectivo deste volume é analizar o estereotipo do “gallego” na literatura arxentina, xa sexa en novelas, libros de memorias, obras teatrais ou revistas. A literatura, no seu papel de testemuña social, non podía deixar de reflectir a chegada á Arxentina –e máis en concreto á cidade de Bos Aires− de milleiros de galegos que axiña deixaron unha pegada moi particular na sociedade arxentina, na cal acabarían por integrarse. O libro conta cunha presentación do profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, autor dunha das primeiras achegas aos estudos sobre os estereotipos dos galegos na Arxentina: O inmigrante imaxinario (USC, 2002).

O primeiro estudo deste volume, obra colectiva dos autores que o asinan, é unha necesaria contextualización da emigración galega á Arxentina. A etapa de emigración masiva dos galegos á Arxentina comezou a mediados do século XIX, acadando os seus máximos entre 1880 e 1920. Ao mesmo tempo efectúase unha presentación xeral do gran obxectivo do libro: analizar os estereotipos sobre os emigrantes galegos na literatura galega, o que é tanto como dicir o imaxinario que a sociedade arxentina creou arredor dos galegos acabados de emigrar.

A directora do traballo, María Rosa Lojo, achéganos ao tema dos “gallegos” na literatura arxentina, desde os tempos da colonia até a actualidade, facendo fincapé na imaxe do galego na época da emigración masiva. Lojo é unha grande coñecedora do tema, ao que se achegou tamén desde o mundo da ficción. Así, esta investigadora é autora de varias novelas que teñen a emigración galega como fondo, algunha delas traducida ao galego: A fin da terra (Galaxia, 2006).

O estereotipo máis común no corpus de obras analizadas por María Rosa Lojo é a do “gallego” honrado, humilde e traballador, case sempre dedicado ás profesións máis duras e difíciles. A carón destas características atopamos tamén a falta de educación e a simplicidade, que colocan aos “gallegos” como seres inxenuos fáciles de enganar. O “mucamo” ou criado é o prototipo das peculiaridades que acabamos de sinalar. Non obstante, a inocencia do galego desaparece cando se mete en política ou accede a certo nivel de instrución; aparece así o “gallego politiquero”, lareta e revoltoso. Non deixa de analizar Lojo a personaxes que van alén do estereotipo común. Destaca neste último caso a figura de Carolina Otero, presente en obras literarias arxentinas. Outras imaxes dos galegos aparecen tamén nos libros de viaxes a Galiza de Ricardo Rojas e Roberto Arlt. Nas obras máis actuais o estereotipo mudou. Así, por unha parte, asistimos á recuperación dos antepasados galegos e, por outra, e tendo en conta as crises económicas vividas pola Arxentina, o perfil do “gallego” pasou a asociarse coas empresas foráneas propietarias de sectores da economía arxentina.

Pero, sen dúbida, foi na escena teatral onde os estereotipos sobre os galegos máis contribuíron a labrar o imaxinario arxentino; deste asunto ocúpase a achega de María Guidotti, que fai un repaso polos xeneros teatrais arxentinos e os principais actores e dramaturgos. O personaxe do “gallego” tivo un rol protagonista tanto nos tangos como nos sainetes crioulos. Guidotti fai un repaso polos principais autores, tales como Alberto Vacarezza, Antonio Botta, Alberto Weisbach ou Arnaldo Malfatti, aludindo tamén á compañía teatral dos irmáns Podestá ou á do galego Enrique Muíño.

Os sainetes tiveron unha gran importancia na conformación do estereotipo do “gallego”. Así, Guidotti define estas pezas como “…pinturas de la vida cotidiana en la gran ciudad y en el área rural…” (184). Deste xeito, os sainetes recrearon os principais espazos de sociabilidade do Bos Aires das primeiras décadas do século XX, onde os emigrantes ocupaban un rol moi destacado. Un deses espazos eran os conventillos, residencias onde se amoreaban os inmigrantes coas súas familias. A autora analiza a presenza de personaxes galegos neste ambiente, acudindo a sainetes como El Conventillo de las 14 provincias. Non obstante, o conventillo non foi o único espazo no que se inseriron personaxes galegos, así tamén podemos atopalos nas carreiras de cabalos, na vida familiar ou no complexo mundo do traballo. A imaxe dos galegos ofrecida polos sainetes non estaba lonxe da xa comentada para a narrativa: personaxes traballadores, inxenuos e simples. Xa que logo, os sainetes eran un fiel cadro da vida dos emigrantes, nos que podemos atopar a preocupación polo traballo, as romarías, as sociedades e as obras sociais realizadas en Galiza. A todo isto poden acceder os lectores deste volume, pois algúns destes sainetes son reproducidos integramente no anexo documental.

Finalmente, ao investigador Ruy Farías correspóndelle analizar a imaxe dos emigrantes galegos a través dunha das principais publicacións ilustradas arxentinas: a revista Caras y Caretas, labor que realiza desde a súa fundación en 1898 até 1923. As páxinas desta revista son un testemuño do vivir dos emigrantes galegos ao longo dos anos. Desde a súa inserción profesional até as sociedades nas que se agrupaban e as romarías que organizaban, os galegos contaron cun lugar preferente en Caras y Caretas. Deste xeito, esta revista axudou a consolidar un modelo icónico do inmigrante galego. O carácter ilustrado da revista aínda axudou máis a difundir unha determinada imaxe do “gallego”, algúns exemplos poden verse no apéndice documental do volume. Emporiso, Caras y Caretas tamén ofreceu unha visión diferente de Galiza e dos galegos ao público arxentino, en gran medida grazas a importantes colaboradores galegos, tales como Emilia Pardo Bazán ou Ramón María del Valle-Inclán.

Este libro vén demostrar o feito de que a literatura, nos seus diversos xéneros, é unha fonte acaída para procurar o imaxinario construído pola sociedade arxentina co gallo da chegada de milleiros de emigrantes galegos, uns emigrantes que non tardaron en integrarse na sociedade de acollida e reproducir, á súa vez, ese imaxinario. Como indica Marina Guidotti na súa achega: “La literatura actúa como testigo de sucesos, hechos de vida, alegrías y problemáticas que viven tanto nativos como inmigrantes” (196).

Los “gallegos” en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa
María Rosa Lojo (Dir.) / Marina Guidotti de Sánchez / Ruy Farías
Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2008, 455 páxinas.

Reseña publicada na revista Grial, nº 181, xaneiro-marzo de 2009