20/11/14

GUERRA E EMANCIPACIÓN. LINCOLN & MARX

A historia está ateigada de paradoxos. Como poderiamos interpretar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl Marx polo primeiro presidente republicano dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx, como atento observador da realidade do seu tempo, seguiu de preto os pasos de Abraham Lincoln e da súa causa: a revogación da escravitude. Así se nos presenta o principal paradoxo que atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, que a editora CapitánSwing Libros publicou no ano 2013. Nel xúntanse os principais textos de ambos persoeiros arredor dos conflitos provocados pola escravitude nos Estados Unidos e a guerra civil deste país. Recensionamos este libro no segundo número da revista Contenciosa. Revista sobre violencia política, represiones y resistencias en la historia iberoamericana.

08/09/14

DEMASIADO ESCEPTICISMO

Certamente, nada hai máis recorrente que o pasado. Expresouno de forma brillante, por boca dos seus personaxes, o dramaturgo estadounidense Eugene O’Neill, na súa peza de 1941 Long Day’s Journy Into Night:

Tyrone.- Mary! For God’s sake, forget the past!
Mary.- Why? How can I? The past is the present, isn’t it? It’s the future, too. We all try to lie out that but life won’t let us.

Resulta evidente que o pasado está continuamente condicionando o presente e determinando o futuro, de tal xeito que a viaxe ao pasado adoita ser frecuente nas sociedades actuais, para procurar nel explicacións que nos axuden a entender por que as cousas son como son. Xa que logo, recórrese á historia na procura das probas en que basear as angueiras do presente. Máis, pode a historia explicar axeitadamente o presente? Podemos fiarnos da historia –e dos historiadores− para un axeitado coñecemento do pasado? Estas preguntas son respondidas dun xeito negativo por Miguel-Anxo Murado no seu libro La invención del pasado, onde amosa o seu escepticismo tanto no papel que poida desenvolver a historia na explicación do presente como cara ao traballo dos historiadores.

Seguindo o ronsel do seu libro Outra idea de Galicia, orixinalmente publicado en castelán (2008) e que vén de editarse agora en galego (Destino, 2013), no volume que recensionamos Murado dedícase fundamentalmente a rachar con ideas preconcebidas e a desfacer vellos mitos. Desconfía o autor das fontes empregadas polos historiadores, identificadas maiormente con lendas e construcións literarias repetidas unha e outra vez. Ora ben, quizais sen querelo, Murado está traballando como un historiador, comentando as fontes e sinalando as súas imprecisións. Seguindo ao filósofo italiano Benedetto Croce, afirmase neste libro que toda historia é historia contemporánea, pois escríbese no presente e coas imaxes e prexuízos do presente. Deixando de lado o esforzo de empatía que teñen que facer todos os historiadores, é certo que a historia é un relato construído desde o presente. Pero coidado! Unha cousa é que a historia sexa unha construción e outra moi diferente é que sexa unha invención. Se cadra poderiamos definir a historia como unha obra literaria construída en base a un traballo científico, comezando por unha eficaz crítica de fontes e desbotando os mitos herdados. En definitiva, cremos que o autor parte dun axioma que non é tal. Identifica escritor con relato de ficción. É certo que os historiadores son escritores, pero non por iso ás súas obras pertencen ao mundo da fantasía.

Contrariamente ao que pensa Murado, a historia si é unha mestra de vida. Outra cousa é o inevitábel tropezar varias veces coa mesma pedra, que parece ser condición inherente aos seres humanos. En palabras de José Verea y Aguiar na súa Historia de Galicia (1838): “Es casi un axioma de la antigua literatura: Que la Historia es el testimonio de los tiempos, la luz de la verdad y la maestra del vivir…”. A historia ensina, pero non nos ata nin nos determina. Ademais, quen lle deu aos historiadores o seu papel redentor? Quen os converteu en notarios e xuíces? Foron os propios historiadores ou foi unha sociedade preocupada polo seu presente e o seu futuro. Afirma o autor: “No es extraño que la historia sirva para hacer los debates políticos más irracionales de lo que ya son. Nació para eso” (p. 195). E a pesar do parecer dos propios historiadores, permítasenos engadir.

Non obstante, si acerta Miguel-Anxo Murado nalgunhas das súas apreciacións sobre como nos relacionamos coa historia na actualidade. Falamos fundamentalmente dos museos como centros onde se cousifica a historia, convertendo os seus obxectos en reliquias que parecen explicar por si o pasado. Por outra parte, acerta de pleno o autor ao afirmar: “Los centenarios y los aniversarios (…) son quizá la más visible de todas estas prótesis de la memoria, y sin duda la preferida hoy en día” (p. 175). Neste senso, si creo que deberiamos comezar a repensar se achegarnos ao pasado a golpe de conmemoración é o máis acaído para a historiografía actual.

As palabras non son inocentes nin inocuas. Deste xeito, tendo en conta que a palabra é a principal ferramenta para a transmisión do coñecemento –tamén do coñecemento histórico− debemos tomarnos un tempo na súa análise. Así, non é casual que a lingua inglesa diferencie entre History, para o traballo dos historiadores, de Story, para os contos e as lendas. Algo que, por certo, tamén sucede na irmá lingua portuguesa: História por un lado e Estória por outro. Coido que moitas das apreciacións deste libro están baseadas na confusión entre estes dous termos. A Historia é unha ciencia social en constante construción e crítica. Os historiadores somos os primeiros escépticos.

La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España
Miguel-Anxo Murado
Debate, 2013, 230 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 202, abril-xuño de 2014, p. 123-124.

07/06/14

O MONTE É NOSO (E DELAS!)

Os estereotipos e as ideas preconcibidas adoitan ofrecer visións irreais das sociedades. Se ben é certo que as sociedades patriarcais contemporáneas relegaron a muller a unha posición de segunda orde, debemos de ser coidadosos á hora de apreciar o matiz. Debemos desconfiar, polo tanto, das narrativas que equiparan muller con vítima. A lexislación franquista consideraba as mulleres menores de idade mais a práctica cotiá descóbrenos mulleres líderes e protagonistas das súas comunidades. Boa proba do que acabamos de afirmar é o libro de Araceli Freire Cedeira, que baixo o título de O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo (II Premio Xohana Torres de Ensaio, 2011), estuda o papel sobranceiro desempeñado polas mulleres no seo da sociedade rural galega tardofranquista.

A intención do Estado franquista de apropiarse dos montes comunais galegos xerou un clima de conflitividade que se prolongou ao longo da ditadura. Deste xeito, o modelo de crecemento económico escollido polo franquismo para o rural, que tiña na repoboación forestal un dos seus alicerces, causou en Galiza moitos problemas, pois axiña chocou cun modelo de propiedade comunal que tiña unha longa tradición. A poboación rural galega –e dentro dela moi especialmente as mulleres− viuse agredida por esta política, polo que reaccionou contra un estado de cousas que prexudicaba o seu modelo de vida. En efecto, a política forestal patrocinada polas autoridades non só supuña o espolio das propiedades comunais campesiñas, senón que alteraba totalmente o seu xeito de vida. Debemos comprender que o monte en man común era vital para a economía do campesiñado, pois del saían importantes excedentes agrarios que axudaban a manter as casas labregas. As mulleres, piares da economía campesiña, sabían ben da súa importancia, de aí o seu rol protagonista na defensa dos comunais e na oposición á política forestal do Estado. Así o afirma a autora deste libro: ‘As campesiñas eran conscientes desta situación porque consideraban que as estaban privando das súas propiedades e do único recurso que lles permitía a supervivencia, pois a economía campesiña dependía, en grande medida, do aproveitamento integral dos montes veciñais de uso común’ (32). Non se nos escapa, polo tanto, que estaban en loita dous modelos económicos enfrontados. Por unha banda, o do campesiñado, dedicado a manter formas de produción tradicionais –basicamente encamiñadas ao autoabastecemento−, e, por outra banda, o do Estado, que teimaba en introducir as relacións de produción capitalistas no agro, consonte os novos modelos proporcionados pola Revolución Verde, que desde a década de 1940 incrementara a produción agrícola grazas ao emprego de novas variedades de cultivos e ao uso masivo de fertilizantes.

Cales son as principais razóns que levaron ás mulleres a ser a punta de lanza do movemento oposto a apropiación dos comunais por parte do Estado? Freire Cedeira sinala varias. En primeiro lugar, a lembranza doutros conflitos sucedidos no campo con anterioridade. Para a autora as mulleres eran as encargadas de gardar a memoria familiar. Así ‘a comunidade, a cal foi capaz de manter e canalizar as disidencias con éxito durante un prolongado período temporal, grazas ao papel cohesionador das mulleres, porque eran elas as que conservaban a memoria do lugar e consolidaban relacións entre si no seo dunha sociedade na que a división sexual do traballo estaba presente’ (95). A cita anterior ofrécenos unha pista sobre unha segunda razón do papel protagonista das mulleres nestes conflitos. Nas comunidades rurais galegas dos anos cincuenta e sesenta do século XX as tarefas agrícolas esixían unha importante presenza do traballo colectivo, que fortalecía o papel da comunidade fronte ao do individuo. Nesta dinámica as mulleres ocupaban un posto sobranceiro, pois tarefas como lavar e apacentar o gando estábanlles atribuídas. Xa que logo, é lóxico que o campesiñado respondese conxuntamente fronte a unha agresión exterior, e tamén o é que fosen as mulleres –eixos dese traballo colectivo− as que se puxesen á cabeza do movemento opositor.

Unha terceira causa que explicaría o rol sobranceiro das mulleres nos conflitos polos montes comunais é a súa tradicional participación na economía marxinal, sobre todo no contrabando e no estraperlo. As mulleres, como columnas vertebrais das economías campesiñas, tiveron unha importante participación no movemento de produtos no mercado negro, participación que rematou por xerar unha serie de solidariedades que se prolongarían de cara a outros conflitos, caso do ocorrido cos montes comunais. Por outra parte, a participación das mulleres no contrabando acostumounas a tratar coas forzas de seguridade do Estado –a Garda Civil, nomeadamente−, cuestión que tamén se notaría cando chegaron os enfrontamentos con motivo da repoboación forestal. Finalmente, podemos supor que as vellas solidariedades tecidas polas mulleres ao longo de anos de participación nesta economía paralela xeraron unha rede de información, de parroquia a parroquia, que sería de grande utilidade para se enfrontar aos axentes forestais que pretendían usurpar os seus montes comunais. Unha cuarta razón do peso das mulleres nestes conflitos estaría na tradicional emigración masculina, que as obrigaría a asumir o papel de líderes e valedoras das súas comunidades.

Segundo nos describe Freire Cedeira, os conflitos polos montes comunais galegos tiveron dous momentos principais. Nun primeiro momento, o descontento manifestouse mediante cartas ás autoridades nas que se protestaba polo que se consideraba un abuso. Obviamente, estas misivas foron ignoradas polas autoridades franquistas, o que deu paso a formas máis contundentes de oposición, nas que as mulleres sempre estiveron en vangarda: a destrución de plantacións, o roubo ou manipulación de maquinaria e o enfrontamento directo coas forzas da orde, entre outras estratexias violentas. Malia todas estas iniciativas, as mulleres non acadaron paralizar de xeito inmediato os traballos de repoboación forestal nos montes comunais. Non só iso, moitas delas víronse na obriga de converterse en asalariadas nestas mesmas tarefas de repoboación onde, a pesar de desempeñar traballos igual de duros cós homes, recibían uns emolumentos menores. Ora ben, seguindo á autora do libro, queremos afirmar que, no longo prazo, os seus traballos e esforzos víronse recompensados. A Lei de Montes de 1957 e a Lei de Montes en Man Común de 1968 recoñeceron o dereito das comunidades campesiñas a participar nos beneficios, o que non deixaba de ser unha vitoria daquelas mulleres que se puxeron á fronte das súas parroquias para defender as súas pertenzas e o seu modo de vida.

Situado pola propia autora dentro dos parámetros da historia contributiva, este libro amosa ás claras unha sociedade rural galega –xa pasada− na que as mulleres eran donas de si mesmas e loitaban polo que sabían seu. Era unha sociedade rural na que o valor da comunidade estaba por riba do individuo, xa que a propia dinámica do traballo así o esixía. Nese día a día, conflito a conflito, as mulleres convertéronse en valedoras dun xeito de vida que pouco a pouco foi ficando arrombado. Moito foi o que se perdeu, se cadra algo tamén o que se gañou. Pero, máis alá das valoracións que cada quen poida facer, velaí están todas esas mulleres que foron exemplo de dignidade. Anos despois, en 1978, o cineasta Llorenç Soler filmou o documental O monte é noso, que viña pór imaxes a varias décadas de conflitos nos montes veciñais galegos en man común. Aquel documental, como agora este libro, son contributos necesarios para manter viva unha memoria imprescindíbel.

ARACELI FREIRE CEDEIRA: O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo. Concello de Santiago de Compostela & Universidade de Santiago de Compostela. 2012. 109 pp. ISBN 978-84-9887-842-4

Reseña publicada na revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies (Issue E), 2013, p. 121-123.

21/05/14

UN PAÍS NORMAL

Transcorridos cinco anos da súa publicación en castelán, aparece agora en galego o recoñecido libro de Miguel-Anxo Murado Outra idea de Galicia. Ao reseñar este libro, nas páxinas do Grial 179, atrevinme a solicitar unha versión galega desta obra. Non me refería tanto ao aspecto lingüístico, canto á necesidade de espallar un libro que obrigou aos galegos a pensar sobre si mesmos. Penso que ese foi un dos acertos do libro, que vén xustificar agora a súa publicación en galego. Non obstante, tampouco podemos desmerecer o feito de que unha empresa editorial como Random House Mondadori dea ao prelo o seu primeiro libro en galego, por aquilo de ir gañando espazos. A versión galega que agora recensionamos segue basicamente a edición castelá de 2008, corrixindo agora algúns erros menores que se tiñan introdución na primeira publicación do volume.

Un libro pensado para explicar Galiza aos non galegos rematou por ter éxito en Galiza, pois puxo de relevo que os galegos asumimos como propios moitos dos prexuízos e estereotipos que os de fóra crearon. Sinálao o autor ao explicar a versión galega: «Os clixés, os malentendidos e os prexuízos dos foráneos serviron así como unha metáfora dos prexuízos dos propios galegos respecto de si mesmos» (p. 11). E é que se algo pretende esta obra é desfacer os estereotipos que o tempo e, sobre todo, o descoñecemento foi sementando sobre Galiza e os galegos. Por iso Miguel-Anxo Murado vai facendo un repaso aos lugares comúns cos que Galiza e os galegos somos habitualmente descritos, póndoos en cuestión e achegando unha forma ben diferente de ver as cousas. Si hai que dicir, e por iso subliñamos a importancia da versión galega deste libro, que moitas desas visións foron asumidas como propias polos galegos, contribuíndo –consciente ou inconscientemente− a reforzalas.

A carta xeométrica de Galiza elaborada por Domingo Fontán convértese nun elemento recorrente en todo o libro, actuando ademais como elemento aglutinador da obra. En efecto, os dezasete anos que Fontán pasou percorrendo Galiza para elaborar a súa carta fan del o mellor compañeiro de viaxe para unha excursión ao xeito de ser dos galegos. E xa que falamos de percorrer o país, a forma particular de entender a súa paisaxe é quizais un dos máis relevantes estereotipos existentes sobre Galiza. Así, fala Murado da feminización da paisaxe galega, visión esta que acabaría por estenderse tamén ao carácter e á resolución dos seus habitantes: «Algúns autores teñen sinalado o proceso de “feminización” da imaxe de Galicia neste anos, e é certo que se representa en toda a cartelería da época sempre como unha muller, desde os anuncios de xabón ata os reclamos das navieiras (…) En artigos de prensa, libros de viaxes e conferencias da época, Galicia aparece adornada sempre cos mesmos trazos de dozura, pasividade, docilidade e pureza» (p. 45-46). E indo un pouco máis alá, ben poderiamos considerar esta achega á paisaxe galega como interesada, ou aínda mellor como política, pois esta apreciación de Galiza xustificaba a dominación centralista. Nesta mesma liña de análise teñen aparecido recentemente outra obras, a sinalar o libro da profesora Helena Miguélez, Galicia,A Sentimental Nation, que profundiza nesa visión interesada da feminización de Galiza.

Coido que outra idea que cómpre salientar deste libro é a posición de Galiza como país atlántico. É importante pois con ela podemos rachar outro dos grandes tópicos existentes: a idea de periferia e o isolacionismo. Galiza tivo desde momentos temperáns relacións comerciais e culturais con outros pobos atlánticos, que contribuíron non só a conformar a súa idiosincrasia, senón tamén a levar a influencia galega a outros lares. Isto, xunto co notábel papel da emigración na época contemporánea (tamén resaltada neste libro), vén botar por terra a imaxe do galego apegado á terra e incapaz de asumir nada do que procede do exterior.

En palabras de Murado outra característica importante a sinalar sería «…o silencio e a resignación son algo consubstancial aos galegos e á súa historia. Ese silencio é moitas veces silencio sobre si mesmos, e non poucas veces voluntario» (p. 27). O que se podería resumir nun posibilismo innato que afecta a todos os galegos. En efecto, pero non é un abstencionismo pasivo, senón todo o contrario: un afastamento consciente da política directa. Velaí a necesidade de procurar formas válidas de intermediación, o que estaría na orixe do caciquismo, outra das características coas que é adornada Galiza.

En resumo, neste libro debúllanse tanto os principais procesos históricos que conformaron Galiza, como os estereotipos que se lle foron poñendo á calor deses mesmos procesos. E logo de analizados e postos á luz do día, comprobamos como Galiza non é un país tan diferente doutros, coas súas propias dinámicas e circunstancias, pero que no están lonxe das desenvolvidas noutras nacións. Por que, no fin de contas, o feito diferencial de Galiza non está en ser un país normal?

Outra idea de Galicia
Miguel-Anxo Murado
Debate, 2013, 199 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 201, xaneiro-marzo de 2014, p. 78-79.

09/01/14

A SOCIEDADE EL VALLE DE ORO DA HABANA

Foi nalgún momento do ano 1981, ou quizais 1982, mestres brincaba a carón da escola de Moucide, durante o recreo, que reparei nas letras que adornaban a fachada do edificio. Son as mesmas que aínda podemos ler hoxe en día: Escuela Nacional de Moucide. 1926. Construida por los vecinos y los Hijos del Valle de Oro en la Habana. O meu nivel de segundo de EXB dábame para comprender case todo, mais que significaba aquilo de Hijos del Valle de Oro en La Habana? Que tiña que ver O Valadouro coa capital de Cuba?

Houben de agardar aínda uns anos para comprender, na súa xusta medida, o que significaban aquelas palabras. Si, explicáronme decontado que foran os emigrantes do Valadouro os que contribuíran, co seu traballo e o seu esforzo, a financiar a escola da parroquia onde nacín. Mais, hai que achegarse en detalle ao traballo dos nosos emigrantes para comprender o seu verdadeiro calibre. Galiza non sería a que é –nin O Valadouro e Alfoz tampouco− sen o traballo e as achegas dos nosos emigrantes.

Esquecemos a miúdo o feito de que os emigrantes non marchaban para A Habana para gañar cartos cos que construír escolas ou arranxar igrexas. Non, marcharon para Cuba coa esperanza de abrírense un camiño que a súa Terra lles negaba. E foi alí, unha vez asentados, que atoparon tempo para xuntárense e, comprometendo o seu capital, poder traballar en conxunto pola súa terra natal.

Para os emigrantes a distancia non era causa de esquecemento da súa terra natal. Pero, será para nós a distancia (neste caso temporal) motivo para esquecérmonos do seu labor? Non debería, mais adoitamos esquecer o noso pasado –mesmo o máis inmediato− con moita facilidade. Hai xa algúns anos publiquei un artigo na revista Búsola, da Casa da Cultura do Valadouro, no que lembraba o gran labor dos nosos emigrantes. Nel afirmaba que acostumamos lembrar a golpe de aniversario e conmemoración. Aínda así, a celebración, en 2007, do centenario da sociedade El Valle de Oro, que xuntaba na Habana os emigrantes do Valadouro e de Alfoz, pasou nos concellos do Val con bastante máis pena que gloria. E disto somos culpábeis todos, mais se cadra aínda o somos máis aos que a estes temas nos dedicamos. 

Houbo algún artigo máis publicado na prensa local, como o que apareceu en setembro de 2006 no xornal A voz do Masma. A maiores, o autor destas liñas participou, en agosto de 2007, nunhas xornadas de historia local organizadas pola asociación "A Pomba do Arco" de Foz, cun relatorio sobre a historia da sociedade El Valle de Oro. A intervención nestas xornadas quedou reflectida en novas aparecidas en El Progreso e La Voz de Galicia. En todas estas actividades sempre insistín na necesidade de traer á actualidade o inmenso traballo realizado polos emigrandes do Valadouro en Cuba, facendo fincapé no acaído dun xusto recoñecemento e homenaxe.

Non obstante, malia que ese recoñecemento aínda non se ten producido, podemos recuperar o tempo perdido e traer a sociedade El Valle de Oro ao presente e á posición que merece na Historia local do Valadouro e de Alfoz. Tan só chega coa vontade (coa boa vontade, claro!). Para contribuír a isto, e tamén para homenaxear aos nosos emigrantes, veño de publicar un novo artigo sobre a historia da sociedade El Valle de Oro, desta volta na revista Estudios Mindonienses, no seu número 29 do ano 2013. Podedes lelo, se queredes, aquí.