O renovado interese polo suxeito levou a
considerar novos enfoques nos estudos migratorios. Así, fronte á anterior
visión na que só primaban os continxentes emigrados, entendidos como masas
despersonalizadas, as novas investigacións reforzan o papel do individuo e as
súas relacións. É deste xeito como xorde o concepto de rede ou cadea
migratoria, que fai fincapé nas relacións persoais para explicar os movementos
de persoas. Xa que logo, seguindo os presupostos teóricos da “Escola de
Manchester”, a nova historiografía das migracións concede gran importancia ás
fontes de carácter persoal, dentro das cales os epistolarios ocupan un lugar
sobranceiro. Nesa liña inserimos o libro que imos comentar. Trátase de Una familia y un océano de por medio. La
emigración gallega a la Argentina: una historia a través de la memoria
epistolar, obra da investigadora arxentina María Liliana Da Orden. O volume
foi galardoado co VII Premio de Ensaio “Manuel Murguía” que convoca a
Deputación Provincial da Coruña.
O emprego de coleccións de cartas na análise da
emigración galega foi frecuente nos últimos anos[1].
Ora ben, fronte a exemplos anteriores, a maioría das cartas analizadas neste
libro teñen orixe en Galiza. En efecto, trátase das misivas enviadas por
Dolores Porto ao seu fillo Manuel Correa, emigrado desde 1952 en Mar del Plata
(Arxentina). No primeiro capítulo do libro analízanse cuestións xenéricas da
emigración galega á Arxentina, moi especialmente a correspondente aos anos da
posguerra. Deste xeito, unha das evidencias que permite demostrar este
epistolario é a existencia de cadeas migratorias entre os anos da emigración
masiva e os desprazamentos dos anos cincuenta e sesenta. En efecto, a
existencia de parentes que estiveran emigrados en Bos Aires a comezos do
século, máis a existencia doutro familiar en Mar del Plata que o reclamou,
axudan a entender a elección de destino por parte de Manuel Porto. En palabras
da autora: “Más allá de la mayor información que los medios ofrecían en la
época, los paisanos, y sobre todo los parientes, tenían una notable incidencia
en la elección de uno u otro polo…” (p. 21). Compréndese, así, que as cartas
sexan unha fonte privilexiada na investigación destas cadeas migratorias. Outra
singularidade que permite apreciar este epistolario é a influencia das
emigracións de mediana distancia, que precedían ao cruce do océano. Salvaterra
de Miño, de onde era natural Manuel Correa, tiña unha importante presenza de
emigrados en Portugal e noutras cidades galegas como Vigo ou Pontevedra.
A lectura atenta destas cartas axuda a
comprender as características máis destacadas da emigración de posguerra,
cuestión que a autora realiza no segundo capítulo do libro. Unha vez máis a
fonte epistolar está informando de estreita relación que existía entre
emigrados e lugar de orixe. Así, Manuel Correa era informado e consultado
frecuentemente sobre temas da súa localidade natal, conflitos familiares e
outras cuestións que minimizaban por completo a distancia. É dicir, existía
unha perfecta comunicación entre a parroquia de orixe e a “parroquia de alén
mar”, en feliz denominación de Xosé Manoel Núñez Seixas[2].
Estas cartas tamén axudan a repensar o papel desenvolvido polas mulleres que
quedaban en Galiza, unha vez que a figura masculina partira para a emigración; neste
senso, Dolores Porto tivo que asumir funcións que na época era exclusivas dos
homes. Outro tema de reflexión que presenta a autora, á luz destas cartas, é o
papel da escritura e da lectura no mundo rural galego. A familia Correa Porto
posuía grandes habilidades á hora de escribir, e mesmo demandaba produtos de
lectura, polo que, en que medida a emigración axudou a potenciar estes temas en
Galicia? Cuestións chave na análise das migracións como as remesas (de diñeiro
ou doutro tipo) tamén atopan un lugar nestas cartas, así como o sempre previsto
retorno, máis complicado na emigración de posguerra debido ás maiores posibilidades
de ascenso social e á democratización da educación, que permitía unha completa
inserción dos fillos dos emigrantes.
Como sinalabamos ao comezo do segundo parágrafo,
estas cartas teñen a súa orixe en Galiza, o que lles dá un enfoque diferente ás
publicadas até o momento. Esta idea é o cerne do terceiro, e derradeiro,
capítulo deste libro. Tal e como escribe María Liliana Da Orden: “…por haber
sido escritas en el origen, las cartas del epistolario Correa Porto constituyen
una suerte de ventana que permite observar el impacto de la emigración de
posguerra en la vida de los que permanecieron” (p. 71). O máis destacado neste
capítulo é, ao noso xuízo, comprobar como a emigración non logrou fender o
papel asignado á familia polos galegos, moi en particular o encargo asignado
aos fillos de coidadores dos seus pais anciáns. En efecto, o océano que
arredaba Salvaterra de Mar del Plata non podía impedir a preocupación de Manuel
Correa pola súa nai, a cal se deixa ver constantemente nestas cartas.
Porén, este epistolario contén aínda outros
tesouros, tales como as cartas remitidas polo pai de Manuel Correa emigrado en
Cuba ou fotografías que ilustran diversos aspectos da aventura migratoria desta
familia. Debemos de destacar tamén que numerosas cartas atópanse reproducidas
de xeito íntegro nun anexo deste libro, co que, sen dúbida, han de ser unha
fonte destacada a futuras investigacións. Xa que logo, debemos de saudar a
aparición desta obra polo que ten de contributo ao coñecemento da emigración
galega contemporánea.
UNA FAMILIA Y UN OCÉANO DE POR MEDIO. LA EMIGRACIÓN GALLEGA A LA ARGENTINA: UNA HISTORIA A TRAVÉS DE LA MEMORIA EPISTOLAR
María Liliana Da
Orden
Barcelona, Anthropos
Editorial / Deputación Provincial da Coruña, 2010, 173 páxinas
[1] Podemos sinalar, sen ánimo
de exhautividade, algúnhas das obras que analizan epistolarios de emigrantes
galegos: SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: De
América para a casa. Correspondencia familiar de emigrantes
galegos no Brasil, Venezuela e Uruguai, 1916-1960, Santiago de Compostela: Consello da Cultura
Galega, 2001. NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel e SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: As cartas do destino. Unha familia galega
entre dous mundos (1919-1971), Vigo: Deputación Provincial da Coruña /
Editorial Galaxia, 2004.
[2] NÚÑEZ SEIXAS, Xosé
Manoel: “A parroquia de alén mar: algunhas notas sobre o asociacionismo local
galego en Bos Aires (104-1936)”, Semata,
nº 11, 1999, p. 345-379.
Reseña publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 25, xaneiro-xuño de 2012, p. 135-137.