Transcorridos
cinco anos da súa publicación en castelán, aparece agora en galego o recoñecido
libro de Miguel-Anxo Murado Outra idea de
Galicia. Ao reseñar este libro, nas páxinas do Grial 179, atrevinme a solicitar unha versión galega desta obra.
Non me refería tanto ao aspecto lingüístico, canto á necesidade de espallar un
libro que obrigou aos galegos a pensar sobre si mesmos. Penso que ese foi un
dos acertos do libro, que vén xustificar agora a súa publicación en galego. Non
obstante, tampouco podemos desmerecer o feito de que unha empresa editorial
como Random House Mondadori dea ao prelo o seu primeiro libro en galego, por
aquilo de ir gañando espazos. A versión galega que agora recensionamos segue basicamente
a edición castelá de 2008, corrixindo agora algúns erros menores que se tiñan
introdución na primeira publicación do volume.
Un libro
pensado para explicar Galiza aos non galegos rematou por ter éxito en Galiza,
pois puxo de relevo que os galegos asumimos como propios moitos dos prexuízos e
estereotipos que os de fóra crearon. Sinálao o autor ao explicar a versión
galega: «Os clixés, os malentendidos e os prexuízos dos foráneos serviron así
como unha metáfora dos prexuízos dos propios galegos respecto de si mesmos» (p.
11). E é que se algo pretende esta obra é desfacer os estereotipos que o tempo
e, sobre todo, o descoñecemento foi sementando sobre Galiza e os galegos. Por
iso Miguel-Anxo Murado vai facendo un repaso aos lugares comúns cos que Galiza
e os galegos somos habitualmente descritos, póndoos en cuestión e achegando
unha forma ben diferente de ver as cousas. Si hai que dicir, e por iso
subliñamos a importancia da versión galega deste libro, que moitas desas
visións foron asumidas como propias polos galegos, contribuíndo –consciente ou
inconscientemente− a reforzalas.
A carta
xeométrica de Galiza elaborada por Domingo Fontán convértese nun elemento
recorrente en todo o libro, actuando ademais como elemento aglutinador da obra.
En efecto, os dezasete anos que Fontán pasou percorrendo Galiza para elaborar a
súa carta fan del o mellor compañeiro de viaxe para unha excursión ao xeito de
ser dos galegos. E xa que falamos de percorrer o país, a forma particular de
entender a súa paisaxe é quizais un dos máis relevantes estereotipos existentes
sobre Galiza. Así, fala Murado da feminización da paisaxe galega, visión esta
que acabaría por estenderse tamén ao carácter e á resolución dos seus
habitantes: «Algúns autores teñen sinalado o proceso de “feminización” da imaxe
de Galicia neste anos, e é certo que se representa en toda a cartelería da
época sempre como unha muller, desde os anuncios de xabón ata os reclamos das
navieiras (…) En artigos de prensa, libros de viaxes e conferencias da época,
Galicia aparece adornada sempre cos mesmos trazos de dozura, pasividade,
docilidade e pureza» (p. 45-46). E indo un pouco máis alá, ben poderiamos
considerar esta achega á paisaxe galega como interesada, ou aínda mellor como
política, pois esta apreciación de Galiza xustificaba a dominación centralista.
Nesta mesma liña de análise teñen aparecido recentemente outra obras, a sinalar
o libro da profesora Helena Miguélez, Galicia,A Sentimental Nation, que profundiza nesa visión interesada da feminización
de Galiza.
Coido que
outra idea que cómpre salientar deste libro é a posición de Galiza como país
atlántico. É importante pois con ela podemos rachar outro dos grandes tópicos
existentes: a idea de periferia e o isolacionismo. Galiza tivo desde momentos
temperáns relacións comerciais e culturais con outros pobos atlánticos, que
contribuíron non só a conformar a súa idiosincrasia, senón tamén a levar a
influencia galega a outros lares. Isto, xunto co notábel papel da emigración na
época contemporánea (tamén resaltada neste libro), vén botar por terra a imaxe
do galego apegado á terra e incapaz de asumir nada do que procede do exterior.
En palabras de
Murado outra característica importante a sinalar sería «…o silencio e a
resignación son algo consubstancial aos galegos e á súa historia. Ese silencio
é moitas veces silencio sobre si mesmos, e non poucas veces voluntario» (p.
27). O que se podería resumir nun posibilismo innato que afecta a todos os
galegos. En efecto, pero non é un abstencionismo pasivo, senón todo o
contrario: un afastamento consciente da política directa. Velaí a necesidade de
procurar formas válidas de intermediación, o que estaría na orixe do
caciquismo, outra das características coas que é adornada Galiza.
En resumo,
neste libro debúllanse tanto os principais procesos históricos que conformaron
Galiza, como os estereotipos que se lle foron poñendo á calor deses mesmos
procesos. E logo de analizados e postos á luz do día, comprobamos como Galiza
non é un país tan diferente doutros, coas súas propias dinámicas e
circunstancias, pero que no están lonxe das desenvolvidas noutras nacións. Por que, no fin de contas, o feito diferencial de Galiza non está en ser un país normal?
Outra idea de Galicia
Miguel-Anxo
Murado
Debate, 2013, 199
páxinas
Recensión publicada na revista Grial, nº 201, xaneiro-marzo de 2014, p. 78-79.