05/09/17

O FECUNDO LEGADO DAS IRMANDADES DA FALA

A conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 deu pé a unha vizosa produción bibliográfica. Na maioría dos casos atopámonos con libros colectivos, visións de conxunto verbo deste importante movemento cultural e político. Ten lóxica que así sexa, pois as Irmandades, apoiándose na inicial reivindicación da lingua galega, axiña asumiron un programa de demandas sociais, culturais e políticas. A elas debemos o nacemento e organización do primeiro nacionalismo galego. Xa que logo, dedicamos as seguintes liñas a comentar unha destas obras: As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX, coordinada polo profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez e editada por Laiovento.

As Irmandades da Fala compartiron pulo co espallamento do agrarismo e o desenvolvemento do movemento obreiro; a estes dous movementos están dedicados os dous primeiros traballos do libro que analizamos. O profesor Carlos Velasco Souto é o encargado de comentar as principais características do agrarismo. En xeral as relacións das sociedades agrarias cos movementos políticos que lles eran contemporáneos resultan complexas e veñen determinadas sobre todo polos intereses desas forzas ao pretender mobilizar aos labregos no seu favor. Xa que logo, ao longo dos anos houbo momentos en que, tanto aos dirixentes agrarios como aos líderes das Irmandades, lles interesaba camiñar xuntos; pola contra, cando os intereses políticos así o esixiron, tomaron vieiros diferentes. Caso semellante é o do movemento operario, analizado por Dionisio Pereira. Cómpre dicir, así é todo, que os dirixentes obreiros foron moitos menos permeábeis que os agraristas. Malia que houbo relacións destacábeis, caso de Xosé Pasín e Lois Porteiro en Compostela, ou as apelacións realizadas na V asemblea nacionalista por se achegar ao mundo do traballo, en xeral as Irmandades e os partidos obreiros tiveron poucas canles de comunicación.

A reivindicación lingüística das Irmandades é analizada por Pilar García Negro. Se en algo destacaron os dirixentes irmandiños foi na súa férrea defensa do monolingüísmo en galego, situación da que se diferenciaron dos rexionalistas que os precederon. Neste senso, no seu traballo García Negro analiza precedentes de reivindicación da lingua galega, como o do profesor e escritor Manuel García Blanco, centrándose logo nos traballos en defensa do idioma de Ramón Vilar Ponte.

Os aspectos políticos das Irmandades son estudados nos traballos de Justo Beramendi e Uxío-Breogán Díeguez. O profesor Beramendi explica no seu estudo o proceso paulatino de ruptura co rexionalismo e o nacemento do nacionalismo galego. Neste senso, este historiador fai fincapé no pulo transformador das Irmandades, nas súas palabras: “Sen o impulso inicial das Irmandades, sen a ideoloxía e o sentimento nacionalista que se xeraron no seu seo non serían concebibles nin o vizoso corpo teórico-ensaístico da chamada Xeración Nós, nin o florecemento cultural e literario dos anos vinte e trinta, nin o Seminario de Estudos Galegos, nin o Partido Galeguista da II República nin o primeiro proceso autonómico tal e como foi” (p. 63). Pola súa banda, o traballo de Uxío-Breogán Diéguez pasa revista aos principais fitos políticos das Irmandades: desde o lanzamento d’A Nosa Terra como voceiro do movemento, pasando pola loita electoral e a elección de Lois Peña Novo como primeiro cargo electo nacionalista,  até a creación dun imaxinario nacionalista de seu, cun calendario nacional galego: “Estas datas encadrábanse na necesaria recuperación da memoria histórica galega, así como a favor da creación dun imaxinario colectivo patriótico, en definitiva, dunha conciencia nacional galega” (p. 103). E, finalmente, os primeiros intentos de artellar unha alianza dos nacionalismos periféricos (Triple Alianza, 1923).

No eido político tamén incide o traballo de Xoán Carlos Garrido Couceiro. A intención deste autor é sinalar os límites dos movementos sectoriais e sindicais desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á figura de Xacinto Crespo, líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere subliñar Garrido Couceiro a necesidade de transcender o ámbito sectorial e local, parar asumir unhas reivindicacións nacionais, neste segundo caso o exemplo escollido é o de Antón Lousada Díeguez, un dos principais líderes das Irmandades da Fala. Non podía faltar na obra un estudo de caso, do cal se responsabiliza Xesús Torres Regueiro coa súa análise da Irmandade da Fala de Betanzos. Neste traballo analízanse os importantes xogos florais de 1918, a destacada actividade teatral desenvolvida en Betanzos como medio idóneo para prestixiar o galego, as cambiantes relacións co poder político local e, finalmente, a decisión dos irmandiños betanceiros de apoiar a Irmandade Nazonalista Galega (ING), no contexto da crise de 1922. Neste senso, cómpre lembrar que o xornal local da Irmandade ˗Rexurdimento˗ foi na súa segunda época voceiro nacional da ING.

No programa político das Irmandades, aprobado na asemblea de Lugo en novembro de 1918, aparece o recoñecemento da igualdade de dereitos para a muller. E é que no seo das Irmandades da Fala as mulleres xogaron un importante rol, tal e como se deixa ver no traballo de Aurora Marco, o cal pasa revista non só á decisiva achega das mulleres (como nos cadros de Declamación), senón ao caso particular de Amparo López Jean, que tivo ao longo da II República a súa principal época de actuación, á fronte da “Agrupación Republicana Feminina” da Coruña.

Testemuña da amplitude de miras das Irmandades da Fala son os dous últimos traballos do libro. Ramón Rodríguez Palleiro (Moncho do Orzán) pasa revista ao fecundo traballo dos coros e cadros de Declamación, que tiveron nesta época unha gran expansión. Para facelo acode ao caso particular de “Cántigas da Terra”, da Coruña. Pola súa parte, Henrique Rabuñal pon de relevo no seu estudo a importancia que os líderes das Irmandades concedían ao teatro. Nas palabras deste autor: “Un teatro que é arte social, esteticamente plural, pero tamén espello do activismo irmandiño e instrumento de dignificación idiomática e de espallamento e apostolado galeguista” (p. 269). A través do traballo de Rabuñal temos acceso tanto aos principais autores desta época como ás súas obras máis senlleiras.

As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Coord.)
Laiovento, 2016, 293 páxinas

Recensión publicada na revista Grial, nº 214, abril-xuño de 2017, p. 80-81 (ver)