06/06/22

HOMENAXES AO MESTRE

O feliz costume de dedicar un libro de homenaxe, ao chegar a hora da xubilación da docencia universitaria, tamén se cumpriu con Ramón Villares (Xermade, 1951). En efecto, desta volta son os seus discípulos, as persoas a quen Villares dirixiu as teses de doutoramento, os que asinan un libro colectivo que vén de publicar Xerais: Á volta do tempo. Estudos de Historia Contemporánea. Facemos un repaso de todas estas achegas, agrupándoas tematicamente, xa que no volume dispóñense por orde alfabética.

A trama civil do golpe de Estado de xullo de 1936, sobre todo aquela non militante en partidos da ultradereita, é un dos aspectos máis descoñecidos na investigación sobre a guerra civil. Aurora Artiaga no seu estudo achégase ao caso particular de Wenceslao González Garra, cuxa relación co xeneral Mola foi determinante para a organización e desenvolvemento da insurrección, sendo tamén de axuda o inmenso capital relacional de González Garra, tecido ao longo de moitos anos de home de negocios.

A xestión das políticas da memoria por parte do franquismo é analizada por José María Cardesín na súa achega. O autor emprega as imaxes xeradas polo franquismo para lexitimar o seu réxime; con exemplos paradigmáticos como a análise do antigo Museo do Exército, a análise de cadros como Motín no Acoirazado España ou as ilustracións da obra Historia de la Cruzada Española, de Joaquín Arrarás. Cardesín emprega o método iconográfico, desenvolvido polo historiador da arte Panofsky, como método de análise.

Na súa achega Luís Domínguez Castro pescuda as raíces da recepción do federalismo europeo na Galiza dos anos cincuenta do século XX. Fronte á idea do federalismo europeísta promovidas desde o exilio, no interior tratábase de apostar por un europeísmo de raíz católica, sería neste eido onde destacou a figura de José Miguel de Azaola, cuxa actuación tivo eco en Galiza a través da súa correspondencia con sobranceiros galeguistas: Celso Collazo Lamas, Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade ou, sobre todo, Ramón Lugrís, a quen Azaola enviou moitos materiais, que están na orixe da difusión do federalismo europeo en Galiza.

No seu traballo Eduardo Rico Boquete estuda as consecuencias inmediatas da construción do encoro das Conchas, na Baixa Limia, nos anos corenta, particularmente para os propietarios dos predios asolagados. O autor constata os prexuízos para os propietarios, cuns prezos moi por debaixo do seu valor, ademais de atentar directamente contra os seus medios de vida. Fenosa, a concesionaria, non dubidou en recorrer a prácticas ilícitas para acadar os seus obxectivos, contando ademais coa conivencia das autoridades locais. O estudo de Rico Boquete ten o valor de amosar luz sobre os comezos dunha conflitividade, que logo se estendería a outras centrais hidroeléctricas galegas.

Xesús Balboa achégase á problemática dos montes veciñais a través do exemplo dun preito actual entre dúas comunidades do Porriño. No seu texto, ademais das reflexións sobre a evolución histórica dos montes en man común, hai unha reivindicación do papel dos historiadores e da súa capacidade para ditaminar neste tipo de preitos.

A folga das leiteiras, no Ferrol de 1910, sérvelle a Lourenzo Fernández Prieto para rescatar a importancia do agrarismo: “...motriz e expresión dun tempo de democratización e de construción dunha sociedade civil plural no mundo rural galego fundada sobre a asociación voluntaria e comunitaria” (209). Os eixos do seu traballo son: a presenza da muller na mobilización campesiña, as dinámicas mundo rural / mundo urbano e as relacións entre o movemento obreiro e as organizacións campesiñas.

O traballo de Rafael Vallejo achéganos ás pioneiras investigacións de Ramón Villares, no que toca aos estudos sobre a desamortización en Galiza. En efecto, a publicación en 1982 do libro La propiedad de la tierra en Galicia 1500-1936 iniciou unha etapa decisiva para o avance da historia agraria galega, sobre todo na pescuda da desamortización como orixe das mudanzas do réxime de propiedade en Galiza. As investigacións de Villares, como tamén as dos seus discípulos, amosaron que a desamortización non provocou unha reforma agraria: en Galiza non se venderon terras, senón os dereitos á percepción de rendas. Na súa achega Rafael Vallejo tenta aproximar, en termos de superficie, o que supuxo a liberación de bens e a liberación ou supresión de rendas provocadas polas desamortizacións.

A adaptación das monarquías ás novas formas políticas liberais, no século XIX, é o principal obxecto de pescuda de Margarita Barral. O xeito de achegarse a este tema é mediante as visitas que os distintos monarcas realizaron a distintos puntos de España. Así, conclúe esta historiadora, a partir do século XIX hai máis unha nacionalización da monarquía, que unha monarquización da nación.

Alberte Martínez-López achega un estudo sobre os capitais británicos no ferrocarril galego, co exemplo significativo da liña Compostela – O Carril, e a súa posterior prolongación até Pontevedra (1873-1928). Esta compañía, malia posuír unha ampla maioría de capital británico, tiña un gran número de accionistas galegos, destacando neste senso os capitais procedentes da emigración en Cuba. O autor destaca que a liña foi sobre todo rendíbel na época da súa construción, existindo importantes problemas económicos na súa xestión posterior.

Finalmente, o traballo de Concha Varela Orol é un resumo do sobranceiro labor científico e cultural de Juan Cuveiro Piñol (1821-1906), pondo o acento no seu papel como comerciante de libros, unha máis das súas moitas actividades. Unha visión polo miúdo aos catálogos da libraría de Cuveiro Piñol en Pontevedra, con especial atención aos libros de historia. A investigación permite tamén coñecer o negocio do comercio de libros no século XIX, así como as principais modas literarias desta época.

En resumo, xúntanse neste libro temas e motivos da Historia de Galiza obxecto de investigación por Ramón Villares e polos seus discípulos. Unha merecida homenaxe a quen agora pon o ramo á súa carreira universitaria, ben no campo docente, pois no investigador aínda son moitas as páxinas que lle quedan por escribir a Ramón Villares.

Recensión publicada na revista Grial, nº 233, xaneiro-marzo de 2022, p. 113-114.

Á volta do tempo. estudos de Historia Contemporánea
Aurora Artiaga Rego, Xesús L. Balboa López, Lourenzo Fernández Prieto e Eduardo Rico Boquete (eds.)
Edicións Xerais de Galicia, 2021, 380 páxinas